«Periferia» de Iolanda Zúñiga, Premio Xerais de novela 2010

13 Xuño 2010

Narrativa,Noticias,Premios_Xerais,Vídeos

O xurado da 27ª edición do Premio Xerais de Novela dotado con 25.000 euros e formado por Comba Campoy (actriz), Manuel Ángel Candelas Colodrón (profesor da Universidade de Vigo e blogueiro), Roberto Pérez Pardo (profesional do libro), Belén Regueira (xornalista), Antón Sobral (pintor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as trinta e oito participantes acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema «O avesso do avesso» que, despois de aberta a plica, resultou ser de Iolanda Zúñiga e corresponde ao título Periferia.

Iolanda Zúñiga (Vigo 1975). Mestra de Educación Musical. Forma parte do grupo Murmelbruxas de música para nenos. Na actualidade traballa nun restaurante vexetariano de Vigo. Con anterioridade fíxoo como titiriteira, asistente nunha libraría e nunha tenda de discos. Como escritora publicou o libro de relatos Vidas pos-it (Xerais 2007), pezas concisas e veloces, que alimentan un recetario de tropezos na vida, recibida de forma entusiasta pola crítica, e o poemario Amor amén (Xerais 2008), un monólogo en verso dunha muller enganchada a unha relación destrutiva. Coa súa primeira novela, Periferia, obtivo o premio Xerais de Novela 2010.

O xurado do Premio Xerais de novela 2010 no ditame que elaborou sobre Periferia sinalou que «partir dun argumento moi sinxelo e botando man dun sutil fío narrativo, o autor ou autora deste texto creou un universo narrativo contundente, denso, moderno e actualísimo co que se atreveu a construír unha novela do século XXI, ano 2010, poñendo cargas de dinamita nos piares da nosa propia concepción do que debe ser unha novela.»

Para o xurado «esta obra, a pesar de que foi elixida por unanimidade, require dunha lectura atenta e, desde logo, non é posible xulgala cos criterios habituais cos que xeralmente nos referimos á novela. Nese sentido, a novela presentada co lema «O avesso do avesso» abre unha reflexión interesante, se cadra unha reflexión necesaria, de actualización, de forma, de apertura de novos carreiros para abordar as cuestións preocupantes e os problemas do noso tempo.»

Unindo camiños desde o ámbito da lusofonía, ambientada no Brasil de São Paulo, esta novela céntranos nun mundo globalizado, onde a violencia, o caos, o narcotráfico e a desorde da megalópole, especialmente nas favelas da periferia, marcan os ingredientes da vida urbana no século XXI.

Novela polifónica, con constantes referencias á cultura popular, á cultura de masas, á música, aos medios, á publicidade, ao cine, ao fútbol, está tecida cunha mestura de textos tipicamente postmoderna e, con seguridade, pide unha edición en formato electrónico que permita escoitar a banda sonora mentres se dá conta da lectura.

A xuízo do xurado, «a novela presentada baixo o lema «O avesso do avesso» constitúe unha achega necesaria á renovación da narrativa galega a través dunha concepción potente e nítida de cal debe ser unha forma de narrar para o tempo actual. Un relato compacto, tamén mesto, extenso e verdadeiramente fascinante, cun enorme poder de seducción.»

Iolanda Zúñiga declarou cando coñeceu a noticia da concesión do premio Xerais que «Periferia é unha novela que transcorre nos arrabais da grande e caótica Sâo Paulo. A cidade precisa espazo para albergar á súa poboación, cada vez máis numerosa, e, como se dunha matrioska rusa se tratase, vaise desmembrando, e vai relegando aos seus moradores do centro á periferia, da periferia ás favelas. Porque aí, amoreados coma o gando das granxas industrias, conviven millóns deles, neses confíns do mundo onde as oportunidades son practicamente nulas, onde os conflitos inherentes á subsistencia son máis feroces e onde as vidas carecen de valor. Mais Periferia tamén fala dos corazóns esperanzados dos seus protagonistas. Malia que, a ollos do primeiro mundo, os seus métodos para arredarse da miseria sexan ilícitos.»

Continuou Zuñiga dicindo que «Periferia é un texto negro, cimentado sobre África. Periferia é unha narración infatigable, fraguada sobre a música rap, coas doses de denuncia e celeridade que este estilo implica. Periferia é unha crónica que neste mesmo instante pode estar acontecendo en Sâo Paulo, ou en calquera suburbio de calquera metrópole do planeta. Periferia foi concibido coma un texto contra a soberbia, contra a estupidez, contra a ignorancia. Contra a ridiculez do ser humano, que ten a certeza de sentirse o centro do universo. É un texto a favor da tolerancia, aberto ao diálogo, sen fronteiras…»

3 Comentarios

  1. […] da intervención de Teresa González Costa para agradecer o Premio Merlín, os tres folios que leu Iolanza Zúñiga, tras recibir o Premio Xerais de novela por Periferia, foron memorables. As súas palabras […]

    Pingback by Brétemas » Iolanda Zúñiga, un novo horizonte — 3 Setembro 2010 @ 8:47 p.m.

  2. […] Os premios foron para Teresa González Costa e Iolanda Zúñiga. […]

    Pingback by Curioso Impertinente » A illa de San Simón — 6 Setembro 2010 @ 2:33 a.m.

  3. […] tesitura está. Quizá precise unha Periferia metaliteraria, quizá sexa o único posíbel. Comentarios […]

    Pingback by ferradura en tránsito » Michel Bernanos, (maldito) escritor fóra de tempo…. — 29 Novembro 2010 @ 12:14 p.m.

Feed RSS para comentarios deste artigo.

O formulario do comentario está pechado neste momento.