«Chove prata en San Simón», discurso de Fina Casalderrey

13 Xuño 2010

Adiantos_para_ler,Autores,Noticias,Premios_Xerais,Vídeos

Foto de Pilar Ponte

«QUE NON SE BORRE A FALA QUE HERDAMOS EN CALQUERA RECUNCHO DO PLANETA ONDE NOS ATOPEMOS»

A escritora Fina Casalderrey, como mantedora literaria da velada dos Premios Xerais 2010, na que se celebraban os vinte e cinco anos dos Premios Merlín de Literatura Infantil, leu o discurso titulado «Chove prata en San Simón» (pódese baixar aquí en pdf) no que abordou a importancia da literatura infantil en Galicia e ás achegas que para o seu desenvolvemento supuxeron tanto o Premio Merlín como a colección Merlín de Xerais, tras máis de douscentos títulos editados. Utilizando o fío dunha conversa co mago Merlín, que dá nome a este Premio Literaria, Fina Casalderrey rematou a súa fermosa intervención con estas palabras:

Merlín, ti que coñeces os segredos dos silencios, pinta con tinta permanente a fala que herdamos dos nosos devanceiros para que ninguén nos borre, en calquera recuncho do planeta no que nos atopemos, a luz retroactiva da memoria e así poidamos seguir aprehendendo e soñando o mundo. Líbranos, definitivamente, dos eclipses dos días escuros, das albas de mentira e de discursos de auga bendita en cestos de vimbio; queremos solsticios de luz sen salvaxes pexas nos cabalos do monte, sen incendios provocados, sen corvos mariños de chapapote, sen emigrantes oprimidos, sen traficantes de palabras, sen traficantes, sen ditadores que sementen o terror, sen terroristas, sen violencia de xénero, sen violencia… Inunda os océanos e a terra toda dunha luz potente de verbas ateigadas de verdade que nos nutran de cordura e de tenrura, de respecto e de afecto, de xustiza sen días de sol frío e, sobre todo, pídoche que sigas a contribuír en devolvernos a fábula rota para que nunha explosión de xúbilo, individualmente, poidamos recuperar esas sereas da alma que son os soños que por dereito nos pertencen.

Chuzame! A Facebook A Twitter

1 comentario

  1. [...] menoscabo ningún da alta calidade do discurso de Fina Casalderrey como mantedora literaria da cerimonia de entrega dos Premios Xerais 2010, nin da orixinalidade e [...]

    Pingback by Brétemas » Iolanda Zúñiga, un novo horizonte — 3 Setembro 2010 @ 8:46 p.m.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.

Olark Livehelp