Existe unha liña de interpretación da realidade galega que nos presenta Galicia como o ámbito da brétema, da saudade, co Camiño de Santiago, da insolidariedade de raíces no minifundimso ou mesmo como expresión do conservadorismo político, social e económico, como unha sorte de Baviera peninsular. Mais as achegas dun bo feixe de escritores, intelectuais e historiadores estannos a amosar unha Galicia moi diferente. Galicia aparece como un espazo onde xermolan as novas ideas progresistas e isto tanto nos medios urbanos coma nos vilegos e rurais. O libro de Bar Cendón incide nesta liña de investigación histórica desfacedora de tópicos sobre o conservadorismo galego ao presentarnos unha acaída e sumamente necesaria historia do feminismo galego.
Bar Cendón inicia o seu estudo do feminismo galego cunha introdución breve e sinxela sobre a historia do movemento feminista mundial e a súa chegada a España e mais a Galicia. A síntese resulta moi oportuna e, dentro da súa brevidade, moi útil para quen se achegue por primeira vez á historia do feminismo e para quen queira ter a man un bo resumo do desenvolvemento do feminismo desde as súas orixes ata a actualidade.
A parte grosa do libro abarca o estudo do feminismo galego a partir do ano 1975 ata a actualidade. O ano 1975 foi o da morte de Franco, pero, ademais, como sinala a autora, foi declarado pola ONU Ano Internacional da Muller. De aí o acaído da elección desa data.
A autora inscribe o xurdimento do feminismo en Galicia dentro dos movementos reivindicativos progresistas que apareceron no remate dos setenta e comezos dos oitenta, como as manifestacións polas Encrobas, Pontes de García Rodríguez, as folgas dos estaleiros vigueses ou de Citroën. Estuda o nacemento e consolidación de grupos feministas como FIGA, Alecrín ou Asociación Galega da Muller. Trata xa desde estes comezos o problema da dobre militancia de moitas destas mulleres en sindicatos e partidos políticos de esquerdas, que, malia o seu progresismo, manifestan moitas veces claras actitudes e comportamentos patriarcais e sexistas. Analiza achegas teóricas do feminismo galego como A muller en Galiza (1977), de María Xosé Queizán. Tampouco falta o estudo de revistas emblemáticas do feminismo galego como Andaina ou Festa da Palabra Silenciada.
Pouco a pouco, paseniñamente, van aparecendo as asociacións e persoeiras do feminismo galego, que se espallan por toda Galicia e as súas loitas desde a Transición por temas como a despenalización dos anticonceptivos, o dereito ao aborto, a efectiva igualdade co home ou mesmo a confrontación cos poderes culturais establecidos, como se ve a propósito da desmitificación de Pondal que realiza María Xosé Queizán no seu memorable estudo, un dos textos da crítica literaria galega que máis sensibilidade amosa e que tanto nos ensinou a moitos, afeitos á canonización acrítica de Carballo Calero, Tarrío e demais repetidores de tópicos na historia da literatura galega.
Acerto da autora é presentarnos o feminismo galego con nomes de barrios e de persoas: a asociación Dorna de Coia e Áurea González, a devandita Queizán, Marisa Castro, Conchita Nogueira e tantas outras que van aparecendo ao longo das páxinas do estudo de Bar, as irmás Santos Castroviejo, Chicha Nóvoa… Así toma corpo a intrahistoria. Non faltan tampouco no estudo referencias cumpridas ao labor intelectual de feministas galegas, especialmente no eido da crítica literaria, como o xa citado de Queizán ou os de Carme Blanco ou García Negro.
Especialmente destacable no libro é a riqueza de datos que ofrece non só no texto, senón tamén a da documentación, pois aparece unha moi boa bibliografía, completada cun listaxe de prensa que permite estudar o feminismo galego, mais tamén esta riqueza está presente na cantidade de textos feministas (desde doutrinarios aos de propaganda) que reproduce o libro. Estes textos, á parte de seren moi útiles para o estudo do feminismo, son unha mostra extraordinaria do galego protoestándar dos últimos anos do franquismo ou da Transición e inmediatamente anteriores á normativización de 1982. Por outra banda, permiten amosar a asunción por parte das feministas do galego como lingua habitual, polo que o idioma –do que os pailáns representantes do tuzarismo din que é lingua rural e atrasada– aparece así unido a un dos movementos máis progresistas da actualidade: o feminismo. As feministas galegas non só son galegas, senón que ademais se expresan en galego. De novo, demóstrase que o galego é lingua de progresismo.
Por todas estas razóns, e tamén pola magnífica cronoloxía que remata o estudo, libro imprescincible para todos os que fan a historia de Galicia, mesmo a literaria ou cultural, e que non debe faltar nas bibliotecas públicas nin nas dos centros de ensino desde primaria ata a universidade. Manuel Rodríguez Alonso