«Todo ben», 25 anos despois, a obra de iniciación narrativa de Manuel Rivas

9 Xuño 2010

Autores,Fóra de Xogo,Noticias,Reedicións,Xornalismo,Xuvenil

25 anos despois da publicación de Todo ben na colección Xabarín de Xerais, a obra de iniciación narrativa de Manuel Rivas, a vindeira semana chegara ás librarías a nova edicion dentro da colección Fóra de Xogo. Todo ben renace así, tras unha completa revisión do autor, achegando unha segunda vida a unha ficción pioneira da «serie negra» na literatura galega.

Todo ben ábrese coa noticia do asasinato de Andres Fingoy, un rico emigrante galego aspirante á presidencia do Flamengo, no estadio de Maracaná do Río de Janeiro. Na noticia incúlpase como principal sospeitoso ao xornalista Marcos Andrade, un náufrago e poeta namorado do fútbol. Logo de intentar cambiar o mundo en varias aventuras periodísticas en Galicia, Marcos Andrade decidiu procurar novos horizontes en Brasil colaborando no xornal O Globo coas súas crónicas deportivas, nas que defende un fútbol forte e teimoso coma os ventos do norte, alegre coma o son dos tambores que chegan dos mares do sur e de ideas longas coma as ondas do océano. Marcos Andrade fuxía dun amor imposíbel, á procura de paz, e atopouse metido nun xogo fatídico.

A obra mantén a cerna dunha historia que se move en «serie negra», cunha singular ubicación no Brasil e coa corrupción no fútbol e na política como coordenadas temáticas principais.

Unha feliz re-existencia da primeira novela de Manuel Rivas, o narrador galego máis aclamado do noso tempo.

Esta segunda edición de Todo ben inclúe un prólogo do autor «A Literatura vadía», así coma tres epílogos documentais:

  • O «Manifesto do fútbol atlántico», texto que leu Manuel Rivas na Coruña, o 2 de abril de 1985, día da presentación de Todo ben, no que estivo acompañado polo xornalista Xosé Manuel Pereiro e o dianteiro do deportivo da Coruña Cunningham.
  • As ilustracións que María Rivas Barrós preparou para a primeira edición.
  • O prólogo da primeira edición: «Travesía e disfrace de Manuel Rivas» de Xavier Seoane.
Chuzame! A Facebook A Twitter

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.

Olark Livehelp