A novena edición do Certame de Creación Literaria Terra de Melide xa ten gañadora. A novelista Eva Moreda Rodríguez é a autora da obra que mereceu o maior recoñecemento do xurado, e que leva por título A Veiga é como un tempo distinto.
Eva Moreda naceu hai 29 anos en Vegadeo –Asturias–, pero trasladouse con só tres a Ribadeo. Logo viviría en Alemaña, Italia e Inglaterra, onde reside na actualidade. Licenciada en Filoloxía Clásica e Musicoloxía, ten traballos nos ámbitos da comunicación, a tradución e a docencia. Debutou na literatura galega en 1997 tras obter o Premio Rúa Nova de Narracións Xuvenís coa novela de tema artúrico Breogán de Guisamonde, o cabaleiro da gaivota. Desde entón ten publicado as novelas O demo e o profundo mar azul (Edicións Positivas, 2003), Singularis Domitilla (Servizo de Publicacións da USC, 2004, Premio Historias na Universidade) e O país das bestas (Biblos Clube de Lectores, 2009). En castelán ten publicado o libro de relatos Mitología Contemporánea, Premio Rúa Nova de Narracións Xuvenís en 1999. Entre as distincións que acadou figuran o Premio Ourense de Contos para a Mocidade (2000), finalista do Premio Biblos-Pazos de Galicia (2005), finalista do Premio Manuel Murguía de Narración Breve (2009) e o último Premio Narrativas Quentes (2010) coa novela erótica Organoloxía, de próxima aparición en Edicións Positivas.
O xurado desta novena edición do Terra de Melide, formado por Santiago Jaureguizar, Mercedes Queixas, Manuel Bragado, Noelia e Xoaquín Vázquez, destacou da obra gañadora “a súa literatura moderna, narrada con frescura e cun pulo narrativo merecedor de ser recoñecida como a mellor das vinte e cinco obras presentadas ao certame”. Ademais, salientou o seu interese en abordar o tema da emigración galega en Europa, concretamente en Londres, durante a década de 1960 dende un punto de vista das mulleres emigrantes e da súa toma de conciencia. Utilizando unha técnica narrativa moi coidada e unha prosa elegante e medida, a novela relata a historia dunha parella de emigrantes d’ A Veiga, Elisa e Gelo, obrigados a construír en Londres as súas vidas de xeito ben diferente a como viñan facendo na súa terra de orixe. Os límites do amor, da amizade, da soidade son algúns dos temas desta novela, onde o valor das emocións ten un peso decisivo. A Veiga é como un tempo distinto é unha novela que actualiza o tema da emigración galega no contexto das mudanzas profundas que se xermolaron en Europa daquel tempo, dende o nacemento da música pop, o movemento de liberación da muller, e que, máis tarde, tanto influíron nos cambios profundos da sociedade galega.
A Veiga é un tempo distinto será publicada por Xerais na colección Narrativa nos vindeiros meses. Os maiores parabéns da editorial para Eva Moreda Rodríguez, unha nova autora para o catálogo de Xerais.
XERAIS
[...] This post was mentioned on Twitter by Manuel Bragado, Xerais. Xerais said: Eva Moreda premiada http://xerais.blogaliza.org/2010/06/08/eva-moreda-premio-terra-de-melide-2010-por-«a-veiga-e-como-un-tempo-distinto»/ [...]
Pingback by Tweets that mention Eva Moreda, Premio Terra de Melide 2010 pola novela «A Veiga é como un tempo distinto» | Xerais -- Topsy.com — 8 Xuño 2010 @ 6:07 p.m.
[...] Moreda Rodríguez é a autora A Veiga é como un tempo distinto, a novela que resultou gañadora da IXª edición do Premio de Narrativa Terra de Melide 2010. Unha novela emocionante, elegante e [...]
Pingback by Brétemas » «A Veiga é un tempo distinto» de Eva Moreda, Premio Terra de Melide 2010 — 3 Setembro 2010 @ 8:44 p.m.