«O grito do Ipiranga«, crítica de Manuel Rodríguez Alonso

25 Maio 2010

Críticas,Narrativa,Xerais nos blogs

AVENTURA A ESGALLA

A novela de aventuras adoita presentar feitos e acontecementos abundantes, encontros e desencontros, recoñecementos de personaxes separados que volven atoparse. Así mesmo adoitan acontecer estas accións en diferentes lugares, moitas veces exóticos ou polo menos afastados do mundo do lector. Esta novela curta de García Mañá conta con todos estes elementos característicos do subxénero da novela de aventuras e consegue entreter o lector e enganchalo á lectura.

O novelista volve pór en acción a Nemesio Castro, vello coñecido do lector polas entregas anteriores tamén protagonizadas por Nemesio (O lume de Santo Antón e Menino morreu). Nemesio nesta ocasión anda polo Brasil e enléase nunha investigación sobre os grupos que se opoñen á abolición da escravitude na nación brasileira. Por outra banda, a través do personaxe Clemente da Silva, mantense a unión coas anteriores novelas, que forman, con esta, o que xa podemos chamar a Saga de Nemesio Castro.

A narración transcorre nos anos inmediatamente anteriores á Gloriosa, neses momentos finais do reinado de Isabel II, e Nemesio segue a estar ao servizo da Secretaría de Estado de España. Aparece convertido nun exitoso home de negocios que exerce o seu labor no Brasil. Por alí tamén anda o antigo sacerdote, xa aparecido así mesmo noutras entregas da saga, Clemente da Silva, que abandonou os hábitos para manter unha relación amorosa con Regina.

O desencadeante inicial da aventura vai ser a relación amorosa extramatrimonial da dona dun facendeiro rico e escravista co fillastro de Clemente. A morte do facendeiro a mans do devandito fillastro desencadea unha serie de aventuras onde veremos a Clemente buscando a filla natural do seu patrón de orixe maltesa nesta illa e colaborando con Nemesio en Barcelona e Lisboa non só para rescatar un barco retido porque o seu capitán está acusado de trata de brancas, senón, por unha desas coincidencias da vida, evitando o asasinato, en Lisboa, do presidente do consello de ministros do Brasil, Zacarías de Góis e Vasconcelos, por parte dunha asociación que se opón aos plans abolicionistas da escravitude do devandito político.

Na novela, dun xeito que nos lembra a novela bizantina, aparecen amores e desamores, separacións e encontros de personaxes pasado o tempo, disfraces para agochar a verdadeira identidade, persoas que parecían mortas e que de repente reaparecen vivas. Xa que logo, o lector, ten asegurado o entretemento e a acción resulta trepidante.  Mesmo non faltan na novela as notas de humor ou cómicas (as dúas irmás que peregrinan a Santiago ou o comportamento da filla monxa do navieiro maltés, cando se ve convertida en rica herdeira ou tamén a parodia dos rituais da masonaría e sociedades secretas do XIX). A presentación da mentalidade dos defensores do escravismo tamén se logra dun xeito acaído.

Non obstante, cremos que a novela ten un exceso de acción. Conviríalle posiblemente remansar tanta acción cuns períodos de catálise ou pausa, indicidindo en descricións, por exemplo. Ás veces unha acción tan trepidante resulta excesiva. Con todo cómpre dicir que a novela cumpre máis que sobradamente cos obxectivos da novela de aventuras, aínda que non lle viría mal, como xa indicamos, algo máis de pausa entre tanta acción. Resulta así mesmo apropiada a presentación da ideoloxía dos defensores do escravismo e a súa crítica, feita sen falsos moralismos nin digresións éticas. Os escravistas, é un dos acertos da novela, descualifícanse polo que din e polo que fan ao longo da novela.

En fin, novela de aventuras que nos entretén, pero que tamén nos fornece dunha información histórica sobre un país próximo desde o punto de vista lingüístico, mais pouco coñecido en Galicia, como é o Brasil. Como xa dixemos, só lle apoñemos a tacha de que as accións debían contar cun períodos de catálise ou repouso, pois ás veces tantas accións acumuladas fan que o lector abafe ante tamaña acumulación de feitos en tan pouco espazo, pero este é un defecto menor. A novela, por esta acción trepidante así como polo seu carácter histórico e os seus valores antirracistas, resulta especialmente acaída para a súa lectura e comentario co alumnado de ensino secundario.

[...] Manuel Rodríguez Alonso

Fragmentos do longo texto de Manuel Rodríguez Alonso publicado no seu blog Bouvard e Pécuchet.

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo.

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.