Elena Gallego presenta hoxe «Dragal» en Cangas

11 Maio 2010

Autores,Fóra de Xogo,Noticias,Presentacións,Xuvenil

NA BÚSQUEDA DO ÚLTIMO DRAGÓN GALEGO

A XORNALISTA ELENA GALLEGO PRESENTA HOXE EN FECIMO A SÚA PRIMEIRA NOVELA «DRAGAL»

Decidiu afastarse das tarefas profesionais, como responsable comercial de FARO no Morrazo, máis centradas na publicidade e na información, para adentrarse no mundo da ficción. Elena Gallego presenta hoxe a súa primeira novela Dragal nun acto na sede da Federación de Comerciantes, en Cangas, as 20.00 horas. Inspirada no seu fillo, a novela relata as cousas que lle pasaban a un rapaz de dezaseis anos e a súa especial relación cun dragón

G.M.P. – CANGAS Acaroado na igrexa de San Pedro, o dragón de pedra agarda que chegue o tempo no que Dragal recobre a vida. Hadrián aínda non o sabe, pero el é o elidido para conseguir que se cumpra a profecía. Mais, quen pode imaxinar que o vello templo medieval agocha as claves para atopar a senda do último dragón galego?

Un antigo medallón de metal en estado vivo, herdanza do seu pai, será a chave que lle abrirá a Hadrián as portas para cumplir o seu destino. Para atopar respostas, o mozo tamén deberá buscar nos libros prohibidos da vella biblioteca do seu bisavó e mergullarse nos segredos que agochan as augas da Poza da Moura. Só gracias á amizade de Mónica, compañeira de clase no instituto, e coa complicidade de don Xurxo, o cura da parroquia, Hadrián poderá percorrer a senda que, moitos séculos atrás, os Cabaleiros da Orde de Dragal deixaron aberta para el.
É a sinopse de “Dragal”, a primeira novela que publica Elena Gallego, responsable comercial de FARO no Morrazo. O resultado preséntase hoxe ás oito da tarde na sede de Fecimo en Cangas, e contará coa presenza do editor de Xerais, Manuel Bragado.

O punto da partida para emprender esta viaxe literaria atopouno na casa. “Teño un fillo que se chama Adrián, case como o protagonista da novela”, sinala a autora, “e góstalle a literatura fantástica e todo o relacionado cos dragóns”. Así que decidiu facer unha novela deste tipo, pero cos elementos fantásticos que ten Galicia, moi rica neles. Hai historias de Harry Potter, de vampiros, de moitos protagonistas imaxinarios, pero faltaba unha nutrida na tradición literaria propia, donde non faltan a herdanza oral ou autores tan fantásticos como Cunqueiro ou Manolo Rivas. “As historias que lle gustan ao meu fillo son foráneas, e eu quería escribir unha nosa que tamén lle gustara”, xustifica. Así que comezou a relatar as cousas que lle pasaban a un rapaz de 16 anos, en cuarto curso de ESO, e a súa especial relación cun dragón.
O protagonista ben podería ser do Morrazo, e mesmo hai lugares que remiten a estas terras, como a Poza da Moura, aínda que a autora deixa claro que, aínda coa coincidencia toponímica e de estar ambientada nun pobo costeiro, os escenarios son fantásticos.

Dragal móvese na fantasía, pero misturada con situacións reais e referencias actuais, donde non faltan os conflictos de rapaces de instituto, o mobbing, os problemas cos profesores… Nin tampouco referencias á arquitectura popular galega, como é a descrición da igrexa de San Pedro. A historia que comeza cun dragón chiscándolle o ollo desde a torre desa igrexa a un rapaz que está na escola vaise fraguando con outros elementos que lle van dando claves, como un singular medallón e a axuda da súa compañeira Mónica para investigar nos libros e tamén na Internet. Aínda que os adolescentes poden sentila máis súa –a obra foi finalista do premio Fundación Caixa Galicia 2009 de novela xuvenil–Dragal é unha obra para todos os públicos que lle guste a fantasía, os dragóns, as tradicións e a cultura galegas. E como non era posible contalo todo nas 260 páxinas deste volume de capítulos cortos e fácil lectura, e tamén porque os seus personaxes llo pediron, detrás virán outras dúas entregas, xa que a autora ten comprometido con Edicións Xerais unha triloxía. No segundo xa está traballando, e cre que aínda vai sorprender máis cando desembarque nas librerías o próximo ano. Ademais, Elena Gallego ten unha novela histórica buscando a súa oportunidade e outra proposta na que leva unha década traballando. Pero agora toca Dragal.

Texto publicado en Faro de Vigo o 11 d emaio de 2010.

«Makinaria» de Carlos Negro

Autores,Fóra de Xogo,Noticias,Poesía,Xuvenil

CARLOS NEGRO ACHÉGASE AOS MOZOS Á VELOCIDADE DE «MAKINARIA»

O ESCRITOR LALINENSE ESTRUTURA EN SEIS PARTES O POEMARIO NO QUE A MORTE E OS COCHES «TUNEADOS» POLOS MÁIS NOVOS SON PROTAGONISTAS

Despois de varios títulos pertencentes á literatura de adultos e recoñecidos pola crítica, Carlos Negro (Lalín, 1970) achégase por primeira vez aos máis novos con Makinaria, un poemario dedicado á mocidade do concello de Dodro.

Ateigado de referencias musicais, cinematográficas e literarias, estrúturase en seis partes (Roedores do caucho, Need for speed, Sound Play Session, Radical fire, “061″ e Game over) nas que a morte, os coches “tuneados” e a velocidade son os protagonistas. Roedores do caucho mergulla o lector agardado no mundo dos mozos que soñan ser “duros e invencibles/ alleos ao tributo do destino” e aos que o poeta se dirixe na dedicatoria co desexo de que “cheguen a vellos”. As seguintes composicións detéñense na realidade de moitos deses amantes do tunning e da velocidade que non temen a morte, que se amosan indiferentes a esta e á que desafían con carreiras ilegais, mestura de velocidade, drogas e alcol, etc.

Así, Need for speed céntrase, fundamentalmente, no gusto pola velocidade, que vén suxerida tanto polo contido como pola forma. Pola súa parte, Sound Play Sesion presenta a tarde do domingo como o momento idóneo para a “excitación” , a “aceleración” e para o “flipe total” que supón o poñer o motor á máxima velocidade, mentres que os poemas de Radical fire dan conta das relacións destes adolescentes co sexo, que ven como un “chegar e encher” ; coas mozas, ás que animan a “queimar a madrugada” , e cos pais, que “non entenden/ que compartimos a mesma casa,/ pero non se cadra o mesmo planeta. Poemas tan significativos como 061, Autopsia, Mamá Carme, Nota necrolóxica ou Game over, Alén City, Nevermore e This is the end forman as dúas últimas partes do poemario, as máis tráxicas quizais, pero tamén as máis emotivas. Nelas preséntase a perspectiva dos familiares máis próximos, pero tamén a conversa da Morte co falecido e, finalmente, a voz lírica de quen “coa terra por riba/ e a nada por diante” se dirixe a un “vós” ao que lle roga que non lle leve flores de plástico, pois agarda a calor traída nas flores naturais.

AO REMATE

Cun texto de Rosa Aneiros

Esta obra presenta un glosario que toda aquela persoa allea a ese mundo dos coches personalizados agradece. Finaliza cun texto de Rosa Aneiros nos que se fala do que é poesía e no que a escritora se dirixe ao lectorado agardado para que descubra do que trata o poemario Makinaria.

É, en definitiva, un poemario que emociona e que, malia poder resultar nalgún momento adoutrinante de máis ou mesmo quizais dirixido á mocidade dun concello máis urbano, achégase a unha temática pouco tratada nos libros para os máis novos cunha linguaxe próxima a eles, no ronsel da ben acollida antoloxía Poetízate (2006), de Fran Alonso. Carlos Negro ten publicado obras como As laranxas de Alí Babá (1998), Far-west (2001), Héleris (2003), Premio Johán Carballeira do concello de Bueu e Cultivos transxénicos (2008), I Premio de Poesía Victoriano Taibo.

Texto de Marta Neira publicado en Galicia hoxe o 11 de maio de 2010.

Uxío Novoneyra, homenaxe do Club Faro de Vigo

Autores,Debates,Noticias,Poesía

Magnífico foi o nivel literario da homenaxe que onte o Club Faro de Vigo rendeu ao poeta Uxío Novoneyra diante dun salón ateigado.

Comezou Branca Novoneyra sinalando a dedicación obsesiva do seu pai á poesía e súa alta palabra, subliñando que foi a intención da súa familia conseguir que fosen reeditados todas as súas obras nas condicións que o poeta definira.

Logo, Carme Blanco fixo unha memorable intervención arredor da poesía de Novoneyra, a quen definiu como «cantor total de profundo lirismo e perfección formal» e como «poeta resistente da leila da terra e da loira da lingua», sinalando os ámbitos míticos e do contato no contextos dos ciclos da súa obra. Detívose con particular vagar en analizar Os Eidos, «unha obra que leva todos os tempos, as cousas, as xentes do Courel». Rematou a autora de Alba de mulleres expresando que lle «conmovía a sensibilidade de Novoneyra coas vítimas do poder, máis alá de que coincidise coa súa ideoloxía.»

Rematou as intervencións o presidente Ferrín que comezou precisando que Novoneyra «é un anti-Pessoa, o poeta aquí non é un finxidor, Novoneyra era o poeta mesmo, a poesía foi a súa forma de estar no mundo, Novoneyra producíase en forma poética». Logo sinalou que Uxío foi gran home pensante e actuante: «Novoneyra é o poeta cidadán, que paseaba as rúas, era un poeta de metro, incansable paseante das beirarrúas urbanas, que ollaba con mirada profunda aos traballadores de Madrid. Novoneyra non foi un poeta rural. Novoneyra é múltiple, ambiguo, clásico, un autor no que hai mensaxes cifradas para as máis variadas mentalidades». Para Ferrín o do Courel foi «poeta felizmente ateo, profundamente materialista. Poeta colosal, persoa extraordinaria, única. Estivo no combate antifascista como os mellores poetas do século XX, como Paul Eluard.» A continuación precisou que «sendo popular, non foi nunca coloquial. Novoneyra foi o máis radical dos poetas galegos, facendo folga xeral contra a historia», enfantizando que «nunca foi nin telúrico nin panteísta como interpretan agora algúns». Momento extraordinario da velada foi cando o presidente Ferrín recitou catro poemas de Uxío para logo comentalos con entusiasmo didáctico: «Novoneyra posuía o don onomástico, sabía darlle nome aos lugares e ás persoas proporcionándolles unha vida nova, luía os topónimos enigmáticos, unha forma de dicir que había que salvar a patria». Rematou Ferrín dicindo que «toda a obra de Novoneyra foi unha espiral, esa imaxe do cosmos en proceso de autoxeración permanente, a imaxe, tamén, da construción da patria. Viva Novoneyra!»