«En castellano no hay problema», presentación hoxe na Feira do Libro de Compostela

8 Maio 2010

Crónica,Presentacións,Xerais_nos_medios

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, presenta hoxe ás 19 horas na Feira do Libro de Santiago En castellano no hay problema. A obra fai unha compilación de textos arredor da política lingüística desde os últimos anos dos 90 e ata a etapa actual, centrándose sobre todo no bipartito e no Goberno de Núñez Feijóo.

“Fun máis xeneroso cos últimos anos, tamén co bipartito, porque aínda que se fixeron cousas boas durante ese Goberno, tamén quixen destacar os erros, que é dos que hai que aprender”, asegura Callón, que considera que a través da retrospectiva do libro “pódese comprobar que en moitos casos houbo unha involución que afectou o galego”. “No ano 1997 había máis filmes no noso idioma nas cartelerias que agora, sinxelamente porque agora non hai ningún”, aclara.

Ademais, o tamén voceiro da plataforma Queremos Galego relata no libro como “o galego non esmorece por falta de alternativas ou de reivindicación”. “Hai moita máis demanda de galego que oferta e posibilidades de usalo”, recorda, ao tempo que destaca a “enorme mobilización” que se produce en Galicia cada vez que hai que defender o idioma das diferentes agresións que sofre.

Carlos Callón recoñece que a lingua se atopa nunha situación “moi dura” debido á política “belixerante” do Goberno de Núñez Feijóo contra ela. “Poñerlle topes ao galego no ensino ou ameazar con expedientes aos profesores que queiran usar a súa lingua é algo que non ocorre en ningún lugar do mundo”, asegura.

Aínda así, Callón di ser “optimista”, recoñecendo os múltiples problemas da lingua, pola “resposta social e o compromiso da sociedade co seu idioma”. Malia todo, recoñece que a mobilización deberá continuar para defenderse dos ataques. “O galego non sobrevivirá por si só, dependerá de nós que non se converta nunha lingua residual, algo que podería acontecer se o pobo non se mobilizase”, manifesta.

Por todo isto, Callón lembra que “non hai outra lingua do Estado español que perda tantos falantes como o galego” e remata criticando a “falta de palabra” do presidente da Xunta. “O Goberno debería volver a unha política de consenso que xa existía na aprobación da Lei de Normalización e do Plan Xeral de Normalización Lingüística, ese que o señor Feijóo aprobou no Parlamento hai uns anos”. finaliza.

Texto de Miguel Pardo publicado hoxe en Xornal de Galicia.

Chuzame! A Facebook A Twitter