«A paixón de Alexandra» de Xulio Ricardo Trigo, primeira crítica da edición en galego

22 Abril 2010

Críticas,Fóra de Xogo,Traducións,Xerais_nos_medios,Xuvenil

Bookcrossing en Barcelona

En Xulio Ricardo Trigo temos a un autor catalán de orixe galega. Creador polifacético, desenvolve o seu labor como escritor, tradutor e artista plástico en Cataluña desde 1965. Non se trata dun escritor especificamente xuvenil senón que este tipo de obras conviven dentro da súa produción coa “narrativa de adultos”. Pero a súa relación coa literatura é máis ampla e nela inclúense dende o xornalismo cultural ata a docencia de escritura creativa. Desde 2004, publica o blog El violinista celest sobre temas literarios, artísticos e cinematográficos como formade ter contacto directo cos seus lectores e de poñer en orde assúas cousas.

Xerais, na súa colección “Fóra de xogo”, tráenos a última novela xuvenil de Trigo, A paixón de Alexandra, unha historia de amor aos libros e á literatura, de amizade e de aventura ambientada en Barcelona. Estes temas mestúranse na novela co da integración dos inmigrantes, a amizade, a música ou o alcoholismo. Outra obra súa que tamén podemos ler en galego é A desaparición de Evelyn (Galaxia, 2001).

O libro é a historia da amizade que nace entre Alexandra e a súa nova amiga Eva, que lle descubrirá o apaixonante mundo do bookcrossing, de cómo ese cruzamento de libros casual se pode converter nunha aventura paixonal. Alexandra, a protagonista, é unha amante lectora de Haruki Murakami (o reservado escritor que os alumnos do Premio San Clemente conseguiron traer a Galicia en 2009), pero na súa afección lectora crúzase a obra da escritora arxentina Alejandra Pizarnik que desata nela unha auténtica paixón lectora. Nos poemas de Pizarnik, presentes na novela, a protagonista atopa o seu alter ego e isto produce nela unha vivencia literaria ata daquela descoñecida.
Asemade, Alexandra establece unha relación co seu compañeiro de instituto Ricard que foxe dos convencionalismos de romances merengóns presentes en moitas novelas xuvenís. Álex é unha adolescente que decide e vai ser ela a que marque os tempos nunha relación que nace caprichosamente, sen ir a remolque do compoñente masculino da parella. Tamén é orixinal a distancia sentimental entre os dous, sen paixón nin namoramento.

Xulio Trigo gusta de levar o libro ao libro, de xeito que esta temática non é nova no autor, na súa anterior novela xuvenil, Una lectora de Txèkhov (2006), Carla vai coñecer a vida do pasado a través da lectura do autor ruso, e xa dez anos antes, na súa obra El misteri del Bar ri Gòtic (1996), tamén xuvenil, atopabamos tres adolescentes afeccionados á literatura que a partir dun libro levan a cabo unha investigación e unha descuberta.

Manifestamos a nosa queixa sobre a excesiva brevidade da novela, quizais se podería falar dunha certa precipitación no remate dunha historia que nos deixa con ganas de máis páxinas.

Texto de Pilar Ponte publicado o 22 de abril de 2010 no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo. A páxina completa do suplmento onde aparece, pode baixarse en pdf aquí.

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo.

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.