«O maquinista Antón» de An Alfaya, crítica de Paula Fernández

5 Marzo 2010

Críticas,Infantil,Merlín,Teatro,Xerais_nos_medios

En 1991, An Alfaya (Vigo, 1964) chegou ao universo literario infantil cunha peza teatral dun único acto, O maquinista Antón, que lle valeu daquela o Premio de Teatro Xeración Nós e amosaba o compromiso da autora co teatro, en galego e para nenos, xa dende o comezo da súa obra.

Un compromiso que non lle impediu probar outros xéneros, no eido infantil, xuvenil e para adultos, nos que tamén acadou un recoñecemento notable avalado pola obtención dos máis prestixiosos premios, entre os cales se atopan o Merlín, o Lazarillo, o frei Martín Sarmiento ou o Fundación Caixa Galicia.

Agora, dezanove anos despois daquel primeiro achegamento triunfante, edicións Xerais vén de recuperar esa súa primeira obra para a colección Merlín, onde xa figuran outros títulos da autora como a A encontadora, O caderno azul e Sireno, Sireno.

O maquinista Antón é unha peza teatral artellada nun único acto malia estar protagonizada por multitude de personaxes, os viaxeiros dun tren que non se pode poñer en marcha porque non ten maquinista. Este non aparece e cando o fai xoga a fuxir de todos.

O xogo, a compoñente lúdica, é o trazo fundamental desta peza onde, partindo dunha situación caótica, ás veces case histérica, a autora recrea un ambiente circense, entrañable e romántico, nunha estación de tren ocupada polos máis excéntricos personaxes: o home dos globos, o pescador de soños, unha vella, un mozo tatexo e unha moza que fala co i. Moi diferentes todos eles malia teren un obxectivo común, conseguir que o maquinista volva ao seu posto, poña en marcha a máquina e os leve ao seu destino. No transcurso desa empresa destacan os momentos de desorde e loucura mais sobre todo o xogo, que se fai evidente nas adiviñas e nas cantigas que adobían o texto e, xunto ás alusións que se fan ao público, fan que quen le se sinta tamén participe do que nas páxinas do libro acontece.

Unha pezaa onde non faltan tampouco as referencias ao onírico, e ao que cada un dos personaxes soña ser. Antón acadou o seu soño que relata para todos nunha fermosa historia dentro da peza que convirte aos viaxeiros e aos lectores en público improvisado.

Xa que logo, quen le participa e goza penetrando nun ambiente fantástico, que reproduce Santy Rodríguez con mestría nas súas ilustracións, ao tempo que experimenta diferentes sensacións movido polo ritmo marcado pola autora mediante os personaxes excéntricos e os diálogos delirantes que dinamizan a peza. Paula Fernández

Texto de Paula Fernández publicado en «Faro da Cultura», suplemento de Faro de Vigo, o 4 de agosto de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter