«Ao pé da Laxa da Moa»,

26 febreiro 2010

Gran Merlín, Literatura_tradición_oral, Poesía

Acaban de chegar do prelo os primeiros exemplares do máis recente libro de Antón Cortizas, Ao pé da Laxa da Moa. Publicada dentro da coleción «Gran Merlín» é esta unha fermosísima recompìlación de literatura de tradición oral realizada no ámbito do concello de Carnota. Un utilísimo libro de folclore de noso.

Ao pé da Laxa da Moa de Antón Cortizas recolle un labor de recolleita e transmisión da riqueza literaria oral do concello de Carnota. É abondoso o número de cantares que se recolleron, así como, adiviñas, trabalinguas, contos, lendas e máis refráns. Unha colectánea, ilustrada por Fino Lorenzo, que dá mostra do que esta terra vale e do que podería valer todo o noso país de querérmonos un pouco máis como colectividade e de sabermos que pese ao imperio do castelán sobre a nosa lingua, pese ao poderío do número sobre a letra, pese ao andazo da falsa globalización e da uniformidade, pese a todo isto é que a Humanidade está feita de países pequenos coma o noso, está feita de recunchos que por seren pequenos son inmensos, porque están cheos de vontades e de mentes creativas e fantásticas; porque, seguindo as leis naturais, medran e se desenvolven, e rin e choran, e aman e morren na diversidade, na diferenza.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Os Eidos. Libro do Courel», edición en Xerais Clásicos no Ano Novoneyra

25 febreiro 2010

Autores, Carteis, Clásicos, Noticias, Poesía

Cando Uxío Novoneyra publicou Os Eidos, en 1955, a súa voz converteuse de inmediato nunha das máis intensas, renovadoras e salientables da poesía galega. En Os Eidos agroma unha poesía limpa, concisa e breve, que asenta nunha profunda identificación entre o poeta e a natureza, e que nos vai mostrando, desde un certo ensoñamento de quen escribe, un intimismo radical ligado á terra e aos sentimentos de pertenza a esta. Un libro de fondo silencio, esencial, cósmico, universal, irrepetible. A presente edición de Xerais Clásicos, preparada con motivo do «Ano Novoneyra 2010», recolle fielmente os contidos da edición Os Eidos. Libro do Courel, editada por Edicións Xerais de Galicia en 1981, e revisada ao longo das décadas de 1980 e 1990 polo autor. Ademais, Xerais prepara na mesma colección, a publica Dos soños teimosos, volume de conversas, no que Novoneyra proporciona a súa visión sobre a poesía e sobre a súa propia obra.

O cartel de Xerais do Ano Novoneyra, sobre foto de Xurxo Lobato, pode baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Unha historia que non vou contar», en Trafegando ronseis

24 febreiro 2010

Narrativa, Opinións_lectores/as, Xerais nos blogs

Que se pode esperar dun libro que se titula Unha historia que non vou contar? Pois, así de inicio, suxíreme unha especie de reto, coma se o autor me estivese dicindo “Vaste atrever a ler un libro que se titula así?" E cando vexo que o autor é Cid Cabido teño aínda menos dúbidas de que, en efecto, me está retando, polo que xa non demoro máis a lectura. Afortunadamente. Seguindo técnicas similares ás de Truman Capote en A sangue frío ou Cercas en Soldados de Salamina, o autor parte dun suceso real (o asasinato dun afamado conserveiro en Vigo nos 70) para construír unha ficción que tamén ten moito de non ficción. O narrador é un escritor que está intentando escribir unha novela sobre este suceso; da súa man imos dunha versión a outra dos feitos, devorando páxinas para tratar de aclarar o suceso, para alcanzar a Verdade, tan esquiva e finalmente tan relativa. A orixinalidade, a intriga e o humor guían a lectura destas só 267 páxinas –que marabilla nos tempos que corren!– probablemente porque o autor non quixo escribir “un deses ladrillos de mil páxinas que adoita ler a xente que nunca le máis dun libro ó ano”, en palabras do propio narrador da historia. Rosa

Texto publicado no blog Trafegando ronseis.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Os Celtas. Unha (re)visión dende Galicia» de Francisco Calo Lourido

23 febreiro 2010

Autores, Historia, Monografías, Noticias

Na primeira semana de marzo aparecerá nas librarías un importante ensaio de Francisco Calo Lourido Os Celtas. Unha (re)visión dende Galicia.

Os celtas, despois de moitos anos nos que se fixo investigación arqueolóxica sen precisar deles, rexurdiron, en Europa e en toda a Península Ibérica, como tema de investigación e, sobre todo, de polémica, na década dos oitenta. A comunidade científica, sensu lato, sufriu, en Galicia, unha división negativa entre celtófilos e celtófobos, como se de equipos de fútbol se tratase. Proliferaron, aquí, publicacións sobre o celtismo, nas que todo era, e aínda é, celta, ou nas que a verba celta pouco máis ocupaba que unha parte do título.

Neste libro, o autor fixo un achegamento á cuestión, fuxindo dos tópicos e das repeticións miméticas do que se escribiu sobre o celtismo europeo. Galicia ten unha personalidade propia e diferenciada desde a Prehistoria, polo que o estudo do seu devir histórico precisa dun tratamento específico. Partindo da premisa de que o celta é, primo et per se, unha cuestión de lingua, faise un percorrido polo campo do indoeuropeo, polo Hallstatt e La Tène, tratados como culturas arqueolóxicas, así como polas actuais teorías científicas peninsulares, para rematar entrando en Galicia. Repásase, aquí, a historiografía de precursores e románticos sobre celtas e analízanse as fontes clásicas que fan referencia á Terra. Dedícase un denso capítulo á fulcral cuestión lingüística e outro á sociedade e a relixión no resto de España e en Galicia, sempre procurando as posibles semellanzas e diferenzas. Faise tamén unha incursión na materia de Bretaña, polo achegamento céltico medieval que puido significar e compárase a arte peninsular dos pobos ibéricos, da Meseta e galaicos, para rematar cun achegamento aos aspectos etnográficos que, de xeito superficial e mistificador, figuran nas publicacións sobre celtas.

Ilustra o libro un completo aparato gráfico, elaborado ad hoc polo autor, así como unha bibliografía ampla, actualizada e en versión orixinal dos diferentes países europeos nos que se investiga a presenza ou ausencia de celtas.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Kirmen Uribe: «Quero amosar o lado amable do País Vasco»

Autores, Narrativa, Noticias, Premios, Traducións, Xerais_nos_medios

Xornal de Galicia faise eco da publicación das traducións de Bilbao-New York-Bilbao: «Quería dar unha visión amable do País Vasco», afirmou onte Kirmen Uribe sobre a súa obra Bilbao-New York-Bilbao, gañadora do Premio Nacional de Narrativa en 2009. A súa novela, escrita orixinalmente en éuscaro, apareceu este mes traducida ao castelán por Seix Barral, e ao catalán por Edicións 62. En marzo chegará a versión en galego da man de Xerais. Bilbao-New York-Bilbao é unha “autoficción” que transcorre durante un voo entre o aeroporto de Bilbao e o JKF de Nova York, relatando a historia de tres xeracións da familia do autor –unha estirpe de mariños– a través de diarios, cartas, e-mails ou poemas. “A idea do voo é retratar ese movemento que é a vida de todos nós. Hoxe cambiamos de parella, de casa, de traballo, é como vivir tres ou catro vidas distintas”, comparou. O personaxe que dá inicio á saga é Liborio Uribe, avó paterno do escritor, que cando soubo que ía morrer quixo ver por última vez un cadro de Aurelio Arteta. O pintor, o arquitecto Ricardo Bastida ou o escritor Pedro de Aguerre, Axular, son algúns dos personaxes que aparecen no libro xunto aos Uribe.»

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Unha historia que non vou contar», crítica en «El Correo Gallego»

22 febreiro 2010

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

Recomendamos o texto que José Manuel Estévez Saá publica en El Correo Gallego unha crítica sobre a novela de Cid Cabido Unha historia que non vou contar.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«A Táboa da Hospitalidade», crítica en «lg3»

Críticas, Fóra de Xogo, Xerais_nos_medios, Xuvenil

Montse Pena Presas publica nas páxinas de crítica de «lg3» un traballo sobre A Táboa da Hospitalidade, a segunda entrega d`O Brindo de ouro, a serie de novelas de fantasía épica de Xesús Manuel Marcos. Recuperamos algúns parágrafos dun texto moi interesante:

As lectoras que limos entusiasmadas a primeira novela, vimos que tanto o título como o final deixaban a porta aberta para a continuación da triloxía. Porén, O Brindo de ouro. II. A Táboa da Hospitalidade tardou cinco anos, seguramente demasiado para un lectorado esvaradío como é o xuvenil (tendo en conta que o habitual é que os primeiros tempos en que se considera superada esa fase non se adoita volver os libros lidos nela. Iso sucede máis tarde). Aínda así, a saída do prelo da segunda aventura de Selmo é unha boa nova para a literatura galega xuvenil e unha oportunidade para que o público mozo de hogano se achegue a esta fascinante recreación do espazo courelá e dos seus símbolos literarios máis comúns (algúns de clara orixe novoneiriá).

[...]

A táboa da hospitalidade insírese perfectamente na triloxía. Atopamos de novo o recurso ao mundo mítico e oral como perigo, coma fonte de inquedanza e coma arela. Porén, Marcos reafirma a súa capacidade para crear a referencialidade, as crenzas, e mesmo os ditos de toda unha sociedade revisitando símbolos pagás que nos son coñecidos de orixe galega e europea. Os alumantes e os andaregos volven para asustar aos vivos e gañar adeptos entre eles; o mundo somerxido nunha lagoa convértese nunha caixa de Pandora de seres fantásticos (de mulleres xigantes, de mulleres con medio corpo de píntega e de mulleres-deusas con poderes sobrenaturais); unha curuxa, a Churiña, trae agoiros sobre os mortos; e o cervo Aio é o particular Caronte dos arxinas, chega para acompañalos na última viaxe. A relación cos elementos naturais tórnase máis estreita ca nunca: se non se escoitan estes, as esencias conxuntas pérdense.

[...]

Con A táboa da hospitalidade, Xesús Manuel Marcos volve sorprender. Os seus textos non inventan nada novo, mais á vez reinvéntano todo: a concepción do mundo, o subxénero da fantasía épica, as tradicións e ata os espazos.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Finalistas Premios AELG 2010

19 febreiro 2010

Autores, Crónica, Fóra de Xogo, Infantil, Narrativa, Noticias, Premios, Sopa de Libros, Teatro, Xuvenil

Recollemos a relación de finalistas dos Premios AELG 2010, que serán fallados o 17 de abril de 2010, no seo da Cea das Letras.

Blog Literario

  • A canción do náufrago (http://franciscocastro.blogaliza.org/), de Francisco Castro
  • As uvas na solaina (http://asuvasnasolaina.blogspot.com/), de Marcos Valcárcel
  • Axenda Cultural da AELG (http://axendaaelg.blogaliza.org/), de Algueirada (Acción cultural na rede)
  • Brétemas (http://bretemas.blogaliza.org/), de Manuel Bragado
  • Cabaret Voltaire (http://cabaretvoltaire.canalblog.com/), de Santiago Jaureguízar
  • O levantador de minas (http://olevantadordeminas.blogaliza.org/), de Alfredo Ferreiro
  • Ensaio

  • A mecánica da maxia. Ficción e ideoloxía en Álvaro Cunqueiro, de Manuel Forcadela
  • As razóns do galego. Apelo á cidadanía, de Henrique Monteagudo
  • Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), de Xesús Alonso Montero
  • Soñadores e Familia. Os personaxes na narrativa de Álvaro Cunqueiro, de María Xesús Nogueira Pereira
  • Literatura Infanto-xuvenil (AELG-Gálix)

  • Ás de bolboreta, de Rosa Aneiros
  • Lúa do Senegal, de Agustín Fernández Paz
  • O Brindo de Ouro II. A táboa da Hospitalidade, de Xesús Manuel Marcos
  • Valados, de Agustín Fernández Paz
  • Mellor traxectoria xornalística (AELG-Colexio de Xornalistas)

  • Belén Regueira
  • Ana Romaní
  • Xosé Manuel Pereiro
  • Bieito Iglesias
  • Manuel Rivas
  • Fran P. Lorenzo
  • Lino Braxe
  • Anxo Tarrío
  • Narrativa

  • Monte Louro, de Luís Rei Núñez
  • O cabo do mundo,de Xabier Quiroga
  • Unha historia que non vou contar,de Cid Cabido
  • Poesía

  • Deter o día cunha flor, de Luz Pozo Garza
  • O pouso do fume, de Dores Tembrás
  • Teatro

  • Delimvois, de Rubén Ruibal
  • Medea dos fuxidos e outras pezas, de Manuel Lourenzo
  • Sempre quixen bailar un tango, de Teresa González Costa
  • Tradución

  • Flanagan. Flash-Back, de  Jaume Ribera e Andreu Martín, en tradución de Isabel Soto
  • O museo da inocencia, de Orhan Pamuk , en tradución de Bartug Aykam e María Alonso Seisdedos
  • Obra dramática completa, de Sarah Kane, en tradución de Manuel F. Vieites
  • Residente privilexiada, de María Casares, en tradución de Ana Belén Martínez Delgado
  • Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    «O segundo sexo» de Simone de Beauvoir, publicación do segundo volume

    Autores, Ensaio, Noticias, Traducións

    Coincidindo coa efeméride do 8 de marzo, aparecerá A experiencia vivida, o segundo tomo d O segundo sexo, a obra fulcral de Simone de Beuavoir. Remata así o extraordinario traballo dunha década da tradutora Marga Rodríguez Marcuño sobre a obra de Beauvoir, cando celebramos que hai xustamente dous anos publicara o primeiro tomo, Os feitos e os mitos.

    Coa publicación desta segunda entrega d’ O segundo sexo culmínase felizmente o proxecto de ofrecer en galego unha obra clave para entender o universo das mulleres e as coordenadas do feminismo, ao tempo que as nosas letras se enriquecen cun texto fundamental para a humanidade que xerou, despois de sesenta anos da súa aparición, unha rede de pensadoras e activistas que transcende xeracións, clases e países. Neste volume, «A experiencia vivida», Simone de Beauvoir analiza a situación de opresión que viven as mulleres na sociedade. Na primeira parte, «Formación», estuda a infancia, a adolescencia, a mocidade e a iniciación sexual; incorporando o lesbianismo. Continúa na segunda, «Situación», analizando varios aspectos da figura adulta femenina, como a muller casada, a nai, a vida social, a prostitución, a madurez e a vellez. Prosegue na terceira, «Xustificacións», abordando diferentes actitudes das mulleres, retratando á «narcisista», á «namorada» e á «mística». Finaliza, na derradeira parte da obra, «Cara á liberación», propoñendo no seu único capítulo, «A muller independente», as dúas vías que teñen as mulleres para saír da súa situación de opresión, sen obviar as dificultades que atoparán nesa loita: a independencia económica como presuposto de calquera otra emancipación legal, social ou xurídica e a loita das mulleres como colectivo consciente da súa opresión.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    «George Steiner en The New Yorker»

    Autores, Ensaio, Noticias, Traducións

    Na primeira quincena do mes de marzo chegará ás librarías George Steiner en The New Yorker, o primeiro libro en galego de George Steiner. Traducido por Lara Domínguez, Patricia Buján Otero e Saleta Fernández Fernández este importante volume, xunto co segundo volume d' O segundo sexo de Simone de Beauvoir, continúa a liña de «Xerais Ensaio» de publicar traducións dalgúns dos textos máis importantes do pensamento contemporáneo. A finais de 2011 está prevista a publicación na mesma colección de Despois de Babel, unha da sobras claves do humanista xudeu.

    Entre os anos 1967 e 1997, George Steiner escribiu máis de cento cincuenta artigos para o semanario The New Yorker sobre unha grande variedade de cuestións, conseguindo achegar, non só a intelectuais con formación literaria, senón ao que se adoita chamar «o público xeral», libros novos e vellos, ideas complexas e temas inusuais. De entre todos eles, Steiner reuniu neste volume medio cento deles, unha auténtica colección de alfaias, que abordan boa parte dos principais problemas do ameazado futuro da cultura contemporánea.

    Artigos sorprendentes pola súa sinxeleza vivida e pola súa poderosa capacidade pedagóxica. Ensaios literarios caracterizados polo rigor e a sabedoría e comprometidos coa seriedade, mais tamén atravesados pola ironía e o humor, ferramentas coas que Steiner analiza con xenerosidade as obras de autores como Walter Benjamin, Lévi-Strauss, Cioran,  Canetti, Beckett, Borges, Bertrand Russel, Brecht, Canetti, Celine, Kafka ou Chomsky.

    Neste libro Steiner ofrece, ademais, unha guía de lecturas que comeza coa literatura do Gulag e remata coa historia do xadrez. Todo un século literario desfila por estas páxinas deslumbrantes de intuicións e saber, xa que como sinala Robert Boyes no prólogo, George Steiner considera que a principal misión do escritor é educar e conmover, esforzándose sempre por distinguir o mellor do óptimo, nun «permanente encontro co novo e o difícil».

    George Steiner (París, 1929), fillo de pais xudeus austríacos emigrou coa súa familia aos Estados Unidos en 1940. Estudou nas universidades da Sorbona, Chicago, Harvard e Oxford e foi profesor das de Cambridge, Nova York e Yale. Considerado como un dos máis recoñecidos estudosos da cultura europea, gran filósofo, crítico literario e ensaista, é autor dunha estensa obra, na que destacan libros como La muerte de la tragedia (1961); El lenguaje del silencio (1967) ou Despois de Babel (1975), a súa grande obra humanística, que será publicada por Xerais; Antígonas: una poética y una filosofía de la lectura (1984); Pasión intacta (1996) a súa autobiografía Errata: el examen de una vida (1997) ou Los libros que nunca he escrito (2008). Recibiu o Premio Príncipe de Asturias 2001 de Comunicación e Humanidades. George Steiner en The New Yorker é o seu primeiro libro publicado en lingua galega.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    Xosé María Carballeira entrevistado en «Faro da Cultura»

    18 febreiro 2010

    Autores, Dicionarios, Entrevistas, Xerais_nos_medios

    Xosé María Carballeira, coordinador do grupod e redactores do Gran Dicionario Xerais da Lingua, é entrevistado por Natalia Álvarez para «Faro da Cultura», suplemento de Faro de Vigo.

    A entrevista completa pode lerse ou baixarse aquí.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    Primeiros ecos da edición en galego da novela de Kirmen Uribe

    17 febreiro 2010

    Narrativa, Premios, Traducións, Xerais nos blogs, Xerais_nos_medios

    Jaureguízar comenta no seu blog a noticia da publicación en galego de Bilbao-New York-Bilbao, a novela coa que Kirmen Uribe obtivo o Premio Nacional de Narrativa de 2009.

    Bilbao e Bermeo son dous ámbitos determinantes no meu pasado (alí están soterradas as fontes das que manou o meu ADN) e na miña infancia. Bermeo é unha vila arrantzale, coma Ondarroa, onde naceu Kirmen Uribe. Eses son os meu motivos para me sentir próximo a el, máis agora que vai publicar en Xerais Bilbao-New York-Bilbao. A capa, tan bonita como a orixinal de Elkar (un selo mítico para a cultura vasca, como Xerais é na nosa). Marca, a maiores, un cambio de deseño na colección de narrativa: a min gústame pola limpeza e a sinxeleza, penso que dar tanto protagonismo á foto é moi arriscado (con este libro vai ben) e tamén que metería unha cor máis viva no faldón (na parte baixa), pero está chula. Manuel Bragado falaba sobre este libro no Gara de hoxe dicindo que «teníamos referencia del éxito que había tenido en euskara antes del premio (Nacional de Literatura español) y, tras leer un borrador en castellano, hemos de confesar que nos ha entusiasmado».

    Ademais, recomendamos, como tamén fai Jaureguízar, a magnífica reportaxe de Gara sobre a publicación das traducións da novela de Uribe ao castelán, catalán e galego.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    Cid Cabido fala no «Diario Cultural» da Radio Galega

    Autores, Entrevistas, Narrativa, Radio, Xerais_nos_medios

    Cid Cabido mantivo unha conversa cos responsables do «Diario Cultural» da Radio Galega (pode escoitarse aquí) a raíz da publicación d' Unha historia que non vou contar.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    «Bilbao-New York-Bilbao» de Kirmen Uribe, Premio Nacional de Narrativa 2009

    16 febreiro 2010

    Narrativa, Noticias, Premios, Traducións

    A comezos de marzo chegará ás librarías a edición galega de Bilbao-New York-Bilbao, a novela coa que Kirmen Uribe obtivo o Premio Nacional de Narrativa 2009. A tradución foi realizada directamente do éuscaro por Isaac Xubín.

    Bilbao-New York-Bilbao relata un voo entre o aeroporto de Bilbao e o JKF de Nova York. O autor viaxa no avión e no transcurso da viaxe dá conta tanto do proceso de escritura da novela que está escribindo como das súas propias dúbidas. A novela aborda a historia de tres xeracións dunha mesma familia. A primeira, a de preguerra, protagonizada polo avó e os membros dunha xeración de artistas moi liberais e ideoloxicamente transversais. A segunda, a da época franquista, centrada nos pais, relata os afáns de pesca industrial en Escocia. E, por último, a xeración actual, a do propio autor, retratada por el no propio avión. Como teón de fondo de toda a obra aparece o Atlántico e a perda dunha forma de vida vinculada ao mar. Unha novela multipremiada e aclamada de xeito unánime, na que empregando os recursos da autoficción e das novas formas de contar se exploran os límites da ficción contemporánea.

    Kirmen Uribe, nacido en Ondarroa en 1970, é licenciado en Filoloxía vasca e cursou estudos de postgrao en Literatura Comparada en Trento. Considerado un dos máximos renovadores do panorama literario en éuscaro, é autor de proxectos multimedia nos que, en colaboración con músicos e artistas plásticos e audiovisuais, combina a literatura con difeentes disciplinas artísticas. Participou en numerosos encontros internacionais de literatura en Europa, Asia e América, e publicou en revistas de prestixio como The New Yorker. A publicación en 2001 dos seu libro de poemas Bitartean heldu eskutik («Mentres tanto dáme a man») supuxo, segundo a crítica, unha «revolución tranquila» na literatura euskalduna, recibindo o Premio da Crítica e sendo traducido a diversas linguas. Bilbao-New York-Bilbao (2008), a súa primeira novela, recibiu o Premio da crítica 2008, o Premio da Fundación Ramón Ruibal á obra artística do ano 2008, o Premio do Gremio de libreiros de Euskadi e o Premio Nacional de Narrativa 2009.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    «A viaxe do ser» de Manuel Pérez de Lis

    Fóra de Xogo, Noticias, Xuvenil

    Esta semana chega ás librarías A viaxe do Ser, a novela coa que debuta Manuel Pérez de Lis.Unha viaxe á profundidade da antureza, na serra dos Ancares.

    O viaxeiro, provisto apenas dunha mochila liviá, un gorro e un vello piolet, realizará a subida polo leito do Ser, un río de sesenta quilómetros de lonxitude que nace na serra dos Ancares. Durante tres xornadas de moi dura, longa e difícil camiñada en solitario, o viaxeiro descubrirá a beleza agochada na espesura da fraga, nos diferentes recantos do río, en cada unha das aldeas ou nos seres que alí habitan como a lontra, o paporrubio, o oso ou a pita do monte; mais tamén os múltiples perigos polos vieiros do descoñecido poñerán a proba a súa capacidade de resistencia, tanto física como mental. A aventura do Ser, novela coa que debuta Manuel Pérez de Lis Álvarez, é unha fermosa narración dunha viaxe ás profundidades da natureza que relata, tamén, a aventura interior do camiñante na procura da esencia do ser.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    «A paixón de Alexandra» de Xulio Ricardo Trigo

    15 febreiro 2010

    Fóra de Xogo, Noticias, Traducións, Xuvenil

    Chega ás librarías esta semana A paixón de Alexandra, a primeira novela no catálogo de Xerais de Xulio Ricardo Trigo, escritor catalán nacido en Betanzos. A versión galega foi preparada por Eva Lozano Carpente, tradutora galega que vive tamén en Cataluña.

    Alexandra é unha rapaza de primeiro de Bacharelato a quen lle gusta moito a lectura e a música da cantante islandesa Björk, afeccións nas que atopa no seu cuarto os seus mellores aliados á hora de construír un mundo paralelo onde vivir. A amizade con Eva, unha compañeira de clase que arrastra un pasado difícil, levaráa a descubrir en Internet a páxina de bookcrossing, un espazo web de persoas que liberan libros para que outras os atopen. Alexandra e Eva entrarán en contacto cun misterioso personaxe que, despois de anuncialo na rede, abandona nos cafés libros da poeta arxentina Alejandra Pizarnik. A lectura desta autora muda a maneira de ver as cousas de Alexandra que, mentres investiga a verdadeira identidade do personaxe, irá descubrindo os segredos da súa nova amiga. A paixón de Alexandra do escritor catalán, nacido en Betanzos, Xulio Ricardo Trigo, é unha historia emocionante que nos fala dos misterios que todos levamos dentro e de como podemos compartir con outras persoas as paixóns máis secretas.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    Trafegando ronseis recomenda «Dime algo sucio»

    Críticas, Narrativa, Opinións_lectores/as, Xerais nos blogs

    Gustoume esta última novela de Diego Ameixeiras, Dime algo sucio, novela coral con estrutura circular na que imos desfiañando anacos de vidas que nada teñen que ver entre si e que acabarán mesturándose por esas razóns que o destino ás veces nos ofrece, cunha lixeira (moi lixeira, a verdade) nota de esperanza ao final a pesar da violencia dalgunhas das súas páxinas. De fondo, a cidade de Oregón, facilmente identificable, que nos levará de paseo pola nosa cidade ourensá, polas súas rúas e calellas, mentres a vida e a morte vanse sucedendo nunha novela «case-negra», áxil, de lectura rápida polos seus minúsculos capítulos. Personaxes insatisfeitos que case rematan coa súa vida ou que aínda a estarían a iniciar se non fose truncada violentamente. Xente da rúa, taxitas, médicos, vendedores ambulantes, adolescentes... mestúranse nunha cidade fría onde a violencia convive connosco sen apenas decatarnos. Soidade, adolescencia, desexo, sexo, amor, enfermidade... barállanse anarquicamente para achegarnos unha visión real da sociedade na que nos movemos decote nun ritmo marcado enfaticamente por eses pequenos capítulos. Unha novela a ter moi en conta no panorama da literatura negra galega.

    Texto publicado no blog Trafegando ronseis.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    «O Cabo do Mundo» de Xabier Qurioga, crítica de Xosé Manuel Eyré

    14 febreiro 2010

    Críticas, Narrativa, Xerais nos blogs, Xerais_nos_medios

    No número de 11 a 17 de febreiro, 1393, de ANT, debería saír publicada a crítica que de O Cabo do Mundo enviei. No seu lugar vén un texto rillado deses famosos ratos que ameazan, mesmo na era dixital, os medios impresos. Tan rillado que nel malamente dou recoñecido o por min escrito. Velaquí teñen a crítica enteira:

    OS CANS E A RABIA

    A experiencia en carne propia contradí a afirmación segundo o cal “morto o can, acabouse a rabia”. O can xa morreu hai máis de 30 anos, porén a rabia, o fascismo intolerante, segue a manifestarse cunha virulencia abraiante. Non hai nada que roldaron e ameazaron a Dionisio Pereira, só por querer esclarecer anos escuros. Menciónoo por ser un caso ben coñecido, mais todos sabemos que non é único, como non imos saber se mesmo está a ameazar a nosa lingua cunha contundencia, aleivosía, nocturnidade e premeditación nunca vistas! Informa o almanaque que 1936 pasou, informa, e que este é o século XXI. Infórmanos a vida de que a rabia adoecida segue impaciente por trabar en nós. Ese é o pecado, ser nós porque sendo nós estorbamos os negocios dos de fóra. Non hai máis voltas, a cousa é así de simple. E como non hai máis voltas, avisamos que confundir a última de Xabier Quiroga con “outra maldita novela sobre a Guerra Civil” só é posíbel desde ópticas contaminadas por intereses espúreos.

    Ou que se opina da novela sen chegar a lela. Porque O Cabo do Mundo é unha novela moi actual. E non é actual só por estar atenta á recuperación da Memoria Histórica. O que pasa n´O Cabo do Mundo pasa hoxe, certamente. Mais o que pasa hoxe ten as raíces no onte porque nalgún lado as ha ter e no mañá non pode ser, claro que o onte non é a folla do almanaque que arrincamos esta máñá, senón un pozo moito máis fondo que segue manando auga ao brañal da vida. Bouzuás, o brañal identitario de Xabier Quiroga que tamén aquí aparece, lugar duro, inhóspito, salvaxe, ben pode ser considerado como metáfora da vida, logo hai quen sabe vivir os valores da civilización e quen non dá pousado o estigma rancoreño e primario do brañal. Velaí a diferenza entre  o Carlos e Ramón ou o Evaristo, dous que non deron desapegado a roña canalla. Que en definitiva niso consiste a civilización, en chegar ao humanismo desfacéndose, polo camiño, da cotra dos comportamentos animais e primarios.

    No enterro do pai de Carlos, alguén lle chama asasino ao finado. Cando a Carlos lle diagnostican unha enfermidade que logo o consumirá, entón, abandonada toda esperanza, decide indagar se é o fillo dun asasino ou non. Tarefa que o  levará de volta ás terras d´O Saviñao (as novelas de Xabier sempre son un reencontro coas raíces) onde pouco a pouco irá destapando as lousas debaixo das cales agocha un misterio que o abalará con tanta intensidade como a lectura desta novela ao lector. Ese proceso de búsqueda é o miolo, é a novela. Porén non continuaremos sen sinalar que tal reencontro coas raíces, igual que o proceso de búsqueda e desapegamento da roña canalla, exercen de convincentes metáforas nas cales o ser humano atopa esperanza, e azos para vivir, cando se decide a limpar o pasado dos fantasmas que abafan o pesente.

    Respondendo ás expectativas xurdidas a partir da iniciativa de recuperación da Memoria Histórica, Xabier Quiroga propón nesta nova novela unha mestura entre ficción e realidade moi a ter en conta. Partindo da base de que a trama é pura creación, o feito de botar man de personaxes reais (en situacións ficticias, caso de Henrique Sampil) ou de que personaxes de ficción reivindiquen outras reais ás que dalgunha maneira se homenaxea (caso de Reina), confire ás personaxes puramente ficticias (e situacións) un extraordinario empaque de verismo. E por demais esta estratexia contribúe, de segundas e de maneira moi efectiva, á hora da reconciliación entre a lectura e o lector, pois refórzanse un  ao outro entre os dous efectos. É o xeito de render homenaxe a unha terra, enchéndoa de vida inmorredoira, que se desfai en abandono, a un modo de vida propio e peculiar que con esas xentes desaparece, lembrando que riqueza procurada nos obxectos é circunstancial, perecedoira, individual e ilusoria, mentres a que proporcionan a lingua e a cultura é consecuencia da interacción e polo tanto colectiva e perenne sen deixar se ser nosa.

    E se a este atractivo sumanos que as personaxes, indiferentemente do seu estatuto, están rexamente confuguradas, o resultado é o dun discurso que se apega ás mans e no cal o narrador pasa a un segundo plano, o da discreción e efectividade. Malia que, por veces, o discurso cheaga a manifestarse en períodos sintácticos entrecortados, esfaragullados, iso máis que como vontade de estilo (que noutras ocasións non atende de todo a puntuación) interpretámolo como petición ao lector para que non desvíe a atención. De xeito que o convite á reflexión é constante, nunca deixa de estar operativo desde que, pouco a pouco e de maneira convencida e convincente, foi instalando no lector unha porposta na cal personaxes reais acoden á ficción e para actualizala, na cal personaxes ficticias lembran que a ficción só son acontecementos non actuais sen que iso diga que non é real. E, no medio, unha trama, o desencadeamento dunha acción que non sendo real tampouco deixa de selo, que tampouco é o que máis interesa pois o que máis interesa é a natureza dos comportamentos humanos e como neles nace a barbarie.

    Fica por mencionar, aínda, a lingua, esa vizosa lingua que transporta os matices propios creados pola xente de´O Saviñao. E que non é menos literaria por ser lingua do pobo, senón, que, pola contra, por iso mesmo é mais importante.

    Os cans poden ladrar e morder, si, porén é coa rabia co que hai que acabar.

    ASDO: Xosé M. Eyré

    Se se comparan ambos textos resulta que os ratos foron rillar xustamente alí onde orixinal afonda nas raíces da escrita de Xabier Quiroga –que por certo é unha das mellores novelas do ano pasado, senón a mellor–, que non son raíces abstractas e individuais senón concretas e manadas do acontecer social.

    Aí e mais en como a novela de Xabier enche de vida unha zona que está ficando despoboada, no xeito en que esta novela contribúe a encher de vida ese abandono.

    Por demais de roeren título e conclusión.

    Non deixa de ser raro. Os medios quérennos rebeldes, non submisos. Porén ollánnos de esguello cada vez que inserimos os nosos textos no devir do acontecer social, como denuncie este verán pasado na miña intervención no seo do IX Congreso Internacional da AIEG. É froito da miña experiencia. Deste xeito a lectura fica reducida a un hábito individual, sen conexión coa sociedade e polo tanto inócuo. Os lectores desta Ferradura saben que partillamos xustamente a a opinión contraria.

    Texto publicado no blog de Xosé Manuel Eyre.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    «Uxío Novoneyra. Revisitado» de Xosé Lois García

    13 febreiro 2010

    Autores, Estudos literarios, Noticias, Poesía

    Acaban de chegar do prelo os primeiros exemplares de Uxío Novoneyra. Revisitado de Xosé Lois García. O libro recolle trinta traballos arredor da vida e da obra de Novoneyra preparados por un dos seus mellores amigos e responsable do espazo web dedicado ao poeta de Parada do Courel.

    Uxío Novoneyra. Revisitado constitúe un testemuño excepcional sobre a vida, a obra e o pensamento de Uxío Novoneyra escrito por un dos que foron os seus mellores amigos e un dos máis destacados especialistas na súa obra: Xosé Lois García. Desde unha ollada privilexiada arredor do poeta do Courel e o seu contexto, o autor vai pasando revista á concepción do universo poético de Novoneyra, ás correntes que máis influíron nela, aos seus encontros e amizade co poeta, á paixón deste polo gravado, á súa época en Madrid, á etapa como presidente da AELG, á súa consideración da lingua galega, á súa formación ideolóxica, ao compromiso, á súa posición de vangarda na creación... En definitiva, este libro proporciónanos unha visión rigorosa, científica e ao tempo próxima e profundamente humana sobre un dos poetas claves da literatura galega do século XX.

    Uxío Novoneyra. revisitado, primeira entrega de Xerais no seu completísimo proxecto do Ano Novoneyra chegará ás librarías a vindeira semana. Tamén están a punto de facelo as dúas edicións de Novoneyra en Xerais Clásicos: o poemario Os Eidos e o libro de conversas con Gonzalo Araújo Dos soños teimosos.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    Francia olla para Rivas e Suso de Toro

    12 febreiro 2010

    Autores, Noticias, Traducións, Xerais_nos_medios

    Iago Martínez anuncia na edición de hoxe de Xornal de Galicia que «Suso de Toro e Manuel Rivas serán protagonistas os vindeiros días 11 e 12 de marzo na Universidade de París-Sorbonne IV». O Centre de Recherches Interdisciplinaires sur les Mondes Ibériques Contemporains que dirixe o hispanista Sadi Lakhdari, en colaboración co Centro de Estudos Galegos da capital francesa, a cargo de Eric Beaumatin, dedícalles aos dous escritores o coloquio internacional «Manuel Rivas et Suso de Toro: deux voix de la littérature galicienne contemporaine». Malia a que o programa das xornadas está aínda por pechar, o departamento galo xa confirmou a presenza dos autores.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    «Contos por palabras» e «Cando petan na porta pola noite» no canon da LIX do século XX

    Autores, Fóra de Xogo, Infantil, Merlín, Noticias, Xerais_nos_medios

    Segundo informa a revista CLIJ no seu primeiro número de 2010, un total de 19 especialistas seleccionaron os «10 títulos imprescindibles da LIJ española do século XX». Entre eles elixiron dous títulos publicados por Xerais na colección Merlín: Contos por palabras de Agustín Fernández Paz e Cando petan na porta pola noite de Xabier DoCampo. Traducimos a reseña de cada un deles realizada por Victoria Fernández.

    CONTOS POR PALABRAS

    Oito relatos breves, ben diferentes entre si, mais cun nexo común: todos eles están inspirados nos «anuncios por palabras» que aparecen diariamente na prensa. Oito historias sorprendentes, con protagonistas insólitos –o superheroe Spiderman, un vampiro seen emprego, un unicornio solitario, un home lobo– e desenlaces enxeñosos, que lle valeu ao seu autor o premio Lazarillo de 1990.

    CANDO PETAN NA PORTA POLA NOITE

    Catro contos de «medo», como os que o autor escoitaba de neno, de boca do seu pai (un gran contador de contos) compoñen este libro que entronca directamente coa grande tradición oral galega. Verosímiles e aterradores, e contados pola potente voz narradora dun dos mellores autores galegos, son catro magníficos contos, deses que fascinan e crean adicción.

    Esta escolla encádrase dentro do  programa do Congreso Iberoamericano de Lingua e Literatura Infantil que se realizará en Santiago de Chile do 24 ao 28 deste mes de febreirobaixo o título «Cara un canon literario da LIX Iberoamericana. Unha proposta de consenso».

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    Agustín Fernández Paz será homenaxeado no Salón do Libro de Pontevedra

    11 febreiro 2010

    Autores, Entrevistas, Exposicións, Homenaxes, Infantil, Noticias, Xerais_nos_medios

    O vindeiro 13 de marzo, o Salón do Libro de Pontevedra renderá homenaxe a Agustín Fernández Paz. Durante todo o Salón está instalada unha exposición que percorre a traxectoria autoral de Agustín durante dúas décadas e recrea o ambiente dalgunha das súa sobras máis significativas. No acto de homenaxe intervirán o escritor Xabier P.DoCampo e os músicos Mini e Mero.

    A raíz desta homenaxe, Jaureguízar entrevista a Fernández Paz nas páxinas de El Progreso e adianta a próxima publicación por Xerais da súa vindeira novela, Fantasmas de luz. Segundo Agustín a novela estará protagonizada por un acomodador cincuentón dun gran cine que pecha, quedando no paro. O autor explica que cando hai situacións complicadas, o protagonista «recorre a frases de películas que o impresionaron; reacciona sempre con ollos dunha persoa que está metida no cine, onde leva traballando dende os anos 60». El personaxe ve pasar a vida por unha pantalla, como tantas veces fixo Fernández Paz.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    «Feministas galegas» de Mónica Bar Cendón

    Crónica, Noticias

    Antes de finais de mes chegará ás librarías Feministas galegas. Claves dunha revolución en marcha de Mónica Bar Cendón. Importante volume que recupera a memoria do movemento feminista galego dende a transición política ata a actualidade. Presentarase coincidindo coa xornada do vindeiro 8 de marzo.

    Feministas galegas. Claves dunha revolución en marcha de Mónica Bar Cendón pretende mostrar o papel do feminismo na consolidación democrática e como se foron filtrando os seus postulados ata formar parte dos asuntos de Estado na actualidade. Tanto as feministas da transición, herdeiras da revolución cultural do 68 e dispostas a darlles a volta ás súas vidas en defensa da coherencia ideolóxica, como as dos anos 2000 decataríanse de que «facerse feminista» implicaba chocar cun mundo remiso aos cambios e ao relevo no poder. O cuestionamento da vida das feministas comezaba co propio corpo e debía tirar abaixo a primeira estrutura represiva para a muller: a familia e as cadeas conxugais. Implicaba desvincularse do mundo íntimo, sentimental, para abrirse camiño ao público, ao da razón, ao da xustiza, seguindo como un grito de guerra o lema da norteamericana Kate Millett: «o privado é político». Incomprensiblemente negado, o movemento feminista propiciou probablemente os cambios sociais máis profundos levados a cabo durante a transición política. A determinación das feministas de tomar por xustiza o mundo público masculino desencadeou unha fonda batalla interna e externa que conseguiu deixar sinal. Nesta obra coral, Mónica Bar «dálles a voz» ás protagonistas da historia e abre canles polas que poidan discorrer novas investigacións e reflexións sobre o feminismo, imprescindible para a sociedade contemporánea.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    «Linda á espreita»

    10 febreiro 2010

    Infantil, Noticias, Álbums

    O nos primeiro libro infantil do ano é Linda á espreita, un divertidísmo álbum de Alexander Steffensmeier e traducido para o galego por Mónica Góñez. Protagonizado por unha vaca e un carteiro é un grande éxito en Alemaña. Chegará ás librarías a vindeira semana.

    Linda é unha vaca diferente ás demais. Cada mañá, mentres a muxían, a vaca Linda fitaba nerviosa e impaciente cara ao exterior da granxa. Porque había algo que a Linda lle gustaba máis ca nada no mundo. O seu maior pracer consistía en meterlle un susto ao carteiro e escorrentalo da granxa. Cada día, Linda agachábase nun sitio distinto e sempre conseguía o seu obxectivo, ata que o pobre carteiro remataba desquiciado e incapaz de seguir co seu traballo. No entanto, haberá alguén ao seu carón que o axudará.

    Linda á espreita de Alexander Steffensmeier é un fascinante álbum ilustrado sobre unha vaca á espreita, un carteiro perseguido e unha granxeira que só quere recibir, por fin, un paquete san.

    Linda á espreita é a primeira entrega desta serie protagonizada por esta simpática vaca. Composta, ata o momento, por tres títulos, foi un éxito de vendas en Alemaña dende a súa aparición en 2006. En torno a esta serie lévanse publicados libros para colorear, libros de cociña para nenos e diversos produtos de merchandising.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    «Melancolía de sofá», Luisa Castro

    9 febreiro 2010

    Crónica, Narrativa, Noticias, xornalismo

    En apenas dúas semanas chegarán ás librarías os exemplares de Melancolía de sofá, o primeiro libro de Luisa Castro no catálogo de Xerais. O volume recolle unha antoloxía da obra xornalística en galego que a autora de Baleas e baleas publicou nesta primeira década de 2000.

    A quen se dirixe un escritor cando escribe? Só se pode dicir algo desde a máis radical intimidade, desde a renuncia absoluta a auditorio ningún. E que fai un escritor publicando nun xornal? Ten algo que dicir? Quere facelo, en realidade? Á contradición de escribir haille que sumar a de pretender influír na opinión da actualidade. Melancolía de sofá é un libro que reúne artigos de Luisa Castro publicados ne galego ao longo de seis anos, onde se dá conta do comenzo do novo século desde o sentir axitado de quen cría saber e debe descubrir, desde a sorpresa de quen debe escribir e desexaría calar. En todos eles o lector ha de atopar ese debate que é a marca da súa autora: pódese dicir algo que non sexa gratuíto? Pódese en realidade escribir sobre algo?

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    Suso de Toro, entrevistado por «A Nosa Terra»

    8 febreiro 2010

    Autores, Entrevistas, Narrativa, Xerais_nos_medios

    O número desta semana do semanario A Nosa Terra publica unha longa entrevista con Suso de Toro a raíz da aparición de Sete palabras. Baixo o título: «Síntome un supervivente dentro dunha xeración fusilada», Xan Carballa aborda con Suso de Toro as claves da súa novela máis recente, a piques de ser publicada a súa tradución ao castelán. Recollemos algunhas das respostas da entrevista:

    [Sete palabras] Sae da experiencia persoal. Entendo a literatura dun xeito activo e algúns libros meus pretendían funcionar como granadas de man. Caixón desastre era un ensaio para demostrar que se podían escribir outras cousas en galego pero con Polaroid xa pretendín modificar a literatura galega. Home sen nome falaba da memoria colectiva e, ademais da pretensión estética, quixen romper o tabú de dicir o nome dos asasinos. Sete palabras é a literatura como terapia e vía de coñecemento de min mesmo. A grandeza da literatura reside na individualidade e ese é o seu valor universal, porque afondando nun mesmo os demais recoñécense.

    Son moi crítico co meu entorno pero tamén practico esa dureza comigo mesmo. Non o reivindico e téñoo máis por defecto que por virtude, pero é a miña forma de ser. Entendo a literatura para intervir na vida. Que sexa experiencia, non algo superficial, que actúe e te modifique. Falar de Sete palabras resúltame difícil porque tiven que exprimirme e a tarefa era buscar cunha honradez extrema, sen saber se o que podía atopar sería ou non agradábel. Era o lado escuro ou incómodo da historia familiar que tocaba tamén no centro de min mesmo. Por iso me desdobrei dunha maneira extravagante.

    Sentín que non estaba só. O que escribo é literario pero vivino como un conto de fadas. Sentín que tiña unha axuda externa. Experimentei o que moitas veces teorizas, que a vida só se comprende literariamente, que na vida hai unha trama oculta que é máxica. Teño dito que son un escritor relixioso, en canto que a vida é algo transcendente e para captala hai que contala como un relato, e iso pasoume en todo o traballo de Sete palabras.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    Ameixeiras Neo-polar, por Manuel Rivas

    5 febreiro 2010

    Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

    Penso que a mellor novela policial escrita en Galicia é un ensaio titulado xustamente A novela policial: unha historia política, da autoría de Xesús González Gómez (Laiovento, 2002). Alí dise de xeito fulminante, como corresponde: "A novela policial galega naceu mal (...) porque (os autores) non sabían que a novela negra era a literatura moral do noso tempo". Na literatura, de que falamos cando falamos, en serio, de moral? Da escritura que abre gabias. Do gabiar. E se o fai con ironía, mellor é o gabiar. Mesmo semella un gabear! Nese gabiar/gabear eu teño un preferido, o Jim Thompson de 1280 almas, unha das grandes novelas breves da literatura universal, e doutras 20 alfaias negras que abren en canal a América (USA) dos anos 50. Del escribe XGG: "Se ben é un moralista, a súa escritura só describe feitos e acontecementos, máis nada". Por suposto, Thompson foi perseguido polo macarthismo. Era amigo de Woody Guthrie, o cantor revolucionario que tanto inspirou a Dylan .e ao mellor Lennon (tamén de orixe obreira: Working class hero). Unha escrita que, sendo moral, só describe feitos e acontecementos. Máis nada. E nada menos. Coido que desa escola é Dime algo sucio (Xerais), de Diego Ameixeiras. Non é doado que alí onde chegue a ollada chegue a linguaxe. Ameixeiras acada esa sincronía arqueolóxica nas catas. A frialdade conmovedora de quen escribe a gume. E ten a arte das redeiras, que son quen de ganduxar as cachizas do baleiro. Miro arredor e non encontro en castelán vitela desta calidade, a que ten tamén a última de Cid Cabido: Unha historia que non vou contar (Úrxeme chamar a XGG, a ver que conta). Manuel Rivas

    Fragmento extraído do artigo de Manuel Rivas «O "desmilagre" de Adolfo Domínguez» publicado no suplemento «Luces» de El País Galicia, 5 de febreiro de 2010.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    «No desterro» e «Samos», novos títulos de Ramón Cabanillas na Biblioteca das Letras Galegas

    BLG, Noticias, Poesía

    A vindeira semana chegarán ás librarías os primeiros exemplares das edicións dos poemarios de Ramón Cabanillas Samos e No desterro. Publicadas dentro da colección Biblioteca das Letras Galegas dirixida por Ramón Nicolás, coincidindo co cincuenta aniversario do pasamento do poeta da raza, estas edicións, preparadas por Carlos López Bernárdez e Xosé Ramón Pena Sánchez, complementan a da Poesía galega completa publicada o pasado mes de novembro.

    Xerais reedita un libro inatopable que agora cobra vida propia: Samos. A Biblioteca das Letras Galega pon na man dos lectores e lectoras o emblemático libro de Cabanillas nesta coidadosa edición prologada e notada por Carlos L. Bernárdez. Samos, publicado orixinalmente en 1958 (o derradeiro que viu a luz en vida do autor) é un extraordianrio poema épico-didáctico, de inspiración relixiosa e maxistral dominio técnico, onde o poeta procura o seu propio equilibrio interior, constituíndo unha obra cimeira da nosa tradición no que se refire á poesía descritiva.

    Xerais publica No desterro cando se cumpren 50 anos do pasamento de Ramón Cabanillas. Trátase do primeiro poemario de do autor de Cambados, editado por primeira vez en 1913. Esta obra coñecería, por volta de 1926, unha segunda edición que amosaba un importante número de diferenzas con respecto daquela primeira, aparecida na Habana. Ofrécense así ambas as versións, nun texto prologado e anotado con rigor por Xosé Ramón Pena, para unha mellor estima do labor desenvolto por Cabanillas. Unha obra que contén as claves –poesía de denuncia, pero tamén intimista, paisaxista e aínda retallos modernistas– que explican o devir literario do noso poeta.


    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    Xesús Alonso Montero, entrevista en «Xornal de Galicia»

    Autores, Crónica, Entrevistas, Noticias, Reedicións, Xerais_nos_medios

    O profesor Xesús Alonso Montero é entrevistado por Iago Martínez para o Xornal de Galicia. Na conversa anuncia a segunda edición de Cartas de republicanos galegos condenados a morte, Premio Ánxel Casal ao mellor libro de non ficción 2009, que aparecerá nas librarías no vindeiro mes de marzo.

    Foto: Sonia Daponte, Xornal de Galicia.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    A edición inglesa d’ «Os libros arden mal» de Manuel Rivas chegará as librarías o 18 de febreiro

    4 febreiro 2010

    Narrativa, Noticias, Traducións

    O vindeiro 18 de febreiro chegará ás librarías de todo o mundo a edición en inglés d' Os libros arden mal de Manuel Rivas. Editada en tapa dura e cunha edición moi coidada por Random House e traducida por Jonathan Dunne, será presentada en Londres por autor e tradutor a finais deste mes. Tal como sinala Jonathan Dunne esta edición supón «un paso de xigante para a obra de Manuel Rivas e para a literatura galega». Os maiores parabéns para Rivas e Dunne por tan importante éxito.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    «Delimvois», crítica de Armando Requeixo

    Críticas, Teatro, Xerais_nos_medios

    LITERATURA VISIONARIA. ZAMIATÍN EN RIBADEO

    Rubén Ruibal é un dos autores teatrais galegos máis sólidos dos últimos anos. Incorporado á escrita pública non hai tanto (a súa primeira peza, Limpeza de sangue, apareceu aínda no 2007), as súas obras figuran xa como referentes do noso teatro recente, no que a súa traxectoria se perfila como unha das máis valiosas e orixinais.

    O escritor de Ribadeo regresa á actualidade editorial coa publicación de Delimvois, obra que fora xa estreada con éxito pola compañía Teatro A Oficina de Guimarães no maio pasado en Santiago. Daquela versión dirixida por Marcos Barbosa nace o drama distópico que ve luz agora na Biblioteca Dramática Galega de Edicións Xerais, constituíndo unha das máis refrescantes novidades da temporada teatral.

    De como Ruibal é capaz de coctelizar nunha peza dun cento escaso de páxinas os cronopios e famas de Cortázar cos gravados satíricos de William Hogarth, de cómo o teatro de Juan Mayorga marida cos monólogos de Jacobo Paz e, sobre todo, de como a escrita ácida e antisistema de Ievgueni Ivánovich Zamiatin enraíza nesta utopía invertida que é Delimvois é do que me prestaría dicir agora dúas palabras.

    Porque Ruibal se amosa neste seu novo título máis decididamente debruzado na crítica desapiadada contra os sistemas sociopolíticos e as súas trelas e falsidades mil. Zamiatin e o seu nunca suficientemente gabado Nós (1921) están na base da sociedade totalitaria que Delimvois describe, cunha economía de medios, por certo admirable: tres personaxes (fortemente simbólicos), apenas un par de escenarios e moito e moi bo diálogo plurisignificativo, metaliteraturizado, repregado nunha espiral significante na que van espellando o tratamento crítico do pensamento único e a denuncia dos sistemas autoconsistentes, a anulación das liberdades individuais e da disidencia ideolóxica, a supresión da universo emotivo e intuitivo e a erradicación da felicidade humana en aras dese “Estado Único” do escritor ruso que Orwell calcou no Grande Irmán para debuxar un futuro de control gobernamental absoluto, de xélida e deshumanizadora enxeñería social totalitaria.

    Delimvois é outro acabado exemplo de literatura visionaria dun porvir caótico, opresivo, indesexable e por veces mesmo apocalíptico que, no fondo, non quere senón facernos repensar as lacras do noso presente, deste mundo globalizadamente estupidizado polas autoridades, lexatinizado polas esmolas patronais, orfidolizado polos mass media vendidos ao capitalismo feroz.

    Aviso para navegantes: ler a Ruibal é unha experiencia dolorosa; nunca é bocado agradable descubrir que se nos está tentando arrastrar á lobotomización da fantasía, á aniquilación da paixón a favor da razón das ecuacións do Poder, a un mundo onde o falible e o soñado non teñen cabida, porque a Máquina do Poder, engrenaxe de devastación perfecta, nunca se equivoca e só procura perpetuarse indefinidamente. Armando Requeixo

    Texto da crítica de Armando Requeixo publicada no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo o 4 de febreiro de 2010. A páxina onde aparece pode lerse ou baixarse en pdf aquí.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    «Unha historia que non vou contar», crítica de Arume dos Piñeiros

    3 febreiro 2010

    Críticas, Narrativa, Xerais nos blogs

    Non o lera antes. Sabía apenas da súa existencia polas portadas dos libros e polos comentarios que de cando en vez xurdían na conversa. Pero nunca lera nada de Cid Cabido, antes ca proceder eu a lectura vertixinosa do seu último Unha historia que non vou a contar. Por iso, pido desculpas polo comentario exento desta novela, sen ter en consideración anteriores mostras da súa traxectoria. Tratarei de subsanar tal lagoa, sobre todo despois de ler esta que se devora en pouco tempo e tira do lector desde o principio ata o final.

    Devórase porque, entre outras cousas, o narrador da historia e protagonista dela, de iniciais CC, proponse desde o comezo narrar con retranca a súas propias indagacións na procura de información sobre un asasinato ocorrido en Vigo en plenos setenta, xusto antes da morte de Franco. O libro narra o proceso previo á narración, e mesmo ao estado de calquera rascuño de texto. A narración dese ondulante e tatexante periplo constitúe a propia novela. O título, aínda que enganoso e paradoxal, remite a esa metaconstrucción narrativa, neste caso negada e discutida pero ao cabo resolta. Pode semellar algo innovadora esta proposta (non sei se a intermediación editorial pode levar a certo engano coa indicación dunha aposta novidosa), pero parece asentarse na esencia da teoría narrativa aristotélica que afirma a condición mentireira da literatura baixo a especie de verdade. A suspensión de calquera certidume coloca o punto final ao libro.

    O máis interesante da novela de CC, desde o meu punto de vista, é a súa vontade de non estilo: ou sexa unha sofisticada vontade de evitar estilo, malia o seu aparente desleixo o displicencia narradora. O relato desmañado (non sempre, por certo) ten achádegos sobresaíntes, pero non deixa de ser unha aposta artificiosa (moi gorentosa, xaora), por moito alonxamento que un procure do que se dá en chamar linguaxe poética. O humor na narración da propia vida (retranca que, tamén, por certo, vai remitindo a medida que vai avanzando a historia, en paralelo á disminución, por fortuna, creo eu, de anécdotas ou comentarios chistosos ocasionais e pouco relevantes) enriquece ese relato, como resultado da moi ben tratada distancia irónica que o narrador impón ao seu protagonista, un nugallán de comportamento errático, que, a pesar diso, ten un éxito notable entre as mulleres que habitualmente atopa nas barras dos bares. A presencia destas localizacións (ou directamente de locais, algúns deles moi queridos para este comentarista) nocturnos favorece un nivel de simpatía (ás veces empatía: non é o meu caso) entre o lector (e lectora) e o narrador (cun rol moi masculino, creo eu) que Cid Cabido crea.

    A aventura pesquisidora do protagonista enlea (máis ca tece) os fíos da historia que se pretende (con pouco afán) contar. Esta –que ten que ver cun crime, algo escuro, propiciado por unha incerta combinación de ciumes ou de axuste de contas– aparece contada desde distintos puntos de vista, baixo a fórmula documental de entrevistas cos protagonistas máis próximos ao crime. As declaracións destes personaxes configuran boa parte do relato e constitúen, ao meu xuízo, o mellor da novela, cunha composición de diálogos moi fieis ao rexistros coloquiais (mesmo na súa demora ou na súa dispersión: se non fose por procura de fidelidade diría eu que semellan guións de Tarantino) e cheos de subtiles modulacións da verdade da historia. As contradiccións, as diferencias, as distintas perspectivas dunha mesma historia ofrecen ao lector a liberdade de elixir ou de recrear a historia que se supón verdadeira e que non é máis que a suma (incluso acoutada, xa que resultan inesgotables as posibles fontes) das varias visións sobre o mesmo feito. Unha suma, que, ao cabo, resulta insatisfactoria. Como non podía ser menos.

    Pero a novela non queda na (non) aclaración do sucedido, senón que afonda no contexto histórico de crise previa ao final do franquismo, cos ecos de Reace e doutros escándalos financeiros e coa inevitable sensación de decadencia dun modo de dominar unha cidade. Así, Vigo constitúese nesta novela de CC nun protagonista máis, moi atractivo e propio dunha novela que se reclame plenamente contemporánea. Non vemos, como en tantas outras novelas, unha cidade telón, un mero esceario que outorga costumismo ou rango amable ao relato: CC prefire a análise da intrahistoria dun tempo e dunha sociedade xa rematados, non só a partir da voz do protagonista narrador, senón dos excursos perspicaces que as personaxes entrevistadas pronuncian a propósito dun detalle calquera da historia. A memoria deles é como unha cámara de Magar apostada nas casas ou nas pensións do Vigo de 1974.

    Para os que vivimos en Vigo, algunhas pequenas chiscadelas son moi de agradecer, pero para os que non viven aquí esta poderosa narración convida a pensar que hai en Vigo cidade para (grandes) novelas. Que hai moita cidade para narrar. E que CC soubo con este libro narrala, collendo un crime como pretexto, un ghicho algo perralleiro (non sei se é moi viguesa esta palabra como di CC) para lembrala e unha deliberadísima vontade de non estilo para poñela por escrito.

    Nota: se Salinger dá, aínda que sexa un pouco, en Vargas, arrasa nas librerías.

    Texto da anotación publicada no seu blog por Arume dos Piñeiros.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    Presentación de «Sete palabras» en Rianxo

    2 febreiro 2010

    Narrativa, Presentacións, Xerais_nos_medios

    A edición impresa de La Voz de Galicia do Barbanza publica unha extensa crónica do que foi a presentación en Rianxo da novela de Suso de Toro, Sete palabras. O acto, organizado pola asociación cultural Barbantia reuniu a un cento de persoas e o concello de Rianxo, coincidiu coa celebración do 124 aniversario do nacemento de Castelao.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    Pere Tobaruela anuncia a publicación da súa nova novela: «A cripta do Apóstolo»

    Autores, Entrevistas, Fóra de Xogo, Noticias

    O escritor catalán afincando en Galicia Pere Tobaruela anuncia nunha entrevista en La Voz de Galicia a aparición da súa nova novela, A cripta do Apóstolo, unha historia do Camiño de Santiago en clave de aventura. A novela será publicada na colección «Fóra de Xogo» e chegará ás librarías no vindeiro mes de marzo.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    «Dime algo sucio» no Club de lectura Sete Vidas de Espazo Lectura

    Clubs_de_lectura, Narrativa, Noticias

    Hoxe, martes, 2 de febreiro, na Biblioteca Municipal de Gondomar, Espazo Lectura organiza a sesión mensual do seu Club de lectura Sete Vidas centrado na narrativa. Nesta ocasión, o libro escollido é a última novela do escritor Diego Ameixeiras titulada Dime algo sucio.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    «Lingua de calidade« de Xosé Ramón Freixeiro Mato

    Lingua, Monografías, Noticias

    Entre as primeiras novidades de 2010 está o primeiro título do profesor da Universidade da Coruña Xosé Ramón Freixeiro Mato: Lingua de calidade. Vinte reflexións e unha proposta esperanzada para un galego con futuro.

    Lingua de calidade do profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato pretende dar algunhas receitas para determos o proceso de deturpación castelanizadora da nosa lingua e para (re)construírmos un galego de calidade liberado de interferencias espurias, un galego máis auténtico e por iso con futuro. Aínda que boa parte desas receitas son de natureza lingüístico-gramatical (fonéticas, morfolóxicas, sintácticas, léxicas ou pragmáticas), tamén se inclúen algunhas reflexións que pretenden contribuír para o fortalecemento da nosa autoestima lingüística, tentando desfacer de paso algunhas ideas preconceptuosas sobre a súa historia e situación actual. Un galego de calidade utilizado oralmente e por escrito por persoas orgullosas e conscientes da importancia do seu idioma é a fórmula máis acaída para garantirmos o seu futuro.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    Xosé Carlos Caneiro: «”O Brindo de ouro II” é unha novela arriscada e poderosa»

    1 febreiro 2010

    Críticas, Fóra de Xogo, Xerais_nos_medios, Xuvenil

    Unha novela que continua no mundo fantástico e ben trazado do autor: Xesús Manuel Marcos e á A táboa da hospitalidade, segunda entrega d' O Brindo de ouro, relato co que autor gañara un premio Merlín. O autor amosa o seu diferenciado mundo marabilloso, na liña de Tolkien, ambicioso e pleno de movemento narrativo. Hai moitos anos que non encontro unha entrega en literatura xuvenil tan arriscada e poderosa. Un libro como este, traducido a calquera lingua, sería sen dúbida éxito libresco: aventura, intriga, acción sen cese... e unha prosa que acompaña substantivamente a narración. Hai demasiados nomes, certo. ¿Pero en que gran novela non os hai? Este libro é dos que teñen que ler os mozos para alimentar a súa imaxinación, desnutrida entre tantas historias de amores rotos e frustracións adolescentes. Xosé Carlos Caneiro

    Fragmento do artigo publicado por Xosé Carlos Caneiro no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, sábado, 30 de xaneiro de 2010

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    «A espiral no espello» de Anxo Angueira

    Ensaio, Noticias, Universitaria

    A pasada semana chegaron ás librarías as primeiras novidades literarias de Xerais de 2010. Entre elas o ensaio de Anxo Angueira, A espiral no espello. Bretaña, Esmeraldina  e o sistema literario galego.

    O presente estudo reivindica para Bretaña, Esmeraldina a condición de obra central dentro do macrotexto da produción literaria de Méndez Ferrín e atribúelle tamén un papel especialmente relevante no contexto histórico da primeira Galicia autonómica, tanto no campo literario coma no político. O autor analiza con detalle a complexa estrutura da novela, cos seus niveis narrativos, rastrexando os modelos literarios que a conforman, para logo reflexionar sobre as diferentes poéticas que nela se manexan: a dun protagonista, Amaury, preso político bretón na cadea de Príncipe en Tagen Ata, que procura a identidade, a poética da lectura e da escritura (texto e entrelazo), a da ficción (espello) e a do regreso (espiral). Anxo Angueira remata facendo fincapé na importancia desta novela a respecto do nacemento do independentismo político, da vixencia da Nova Narrativa e dunha toma de posición en defensa da autonomía do campo literario como camiño para a consolidación da literatura galega como literatura nacional.

    Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google