«Valados» recomendado por Trafegando Ronseis

23 Xaneiro 2010

Blogs,Críticas,Infantil,Merlín

Agustín Fernández Paz demostra en Valados que non son necesarias grandilocuencias nin rimbombancias para denunciar a realidade do noso mundo; ese que nós, os humanos, nos empeñamos en empozoñar cada día, construíndo valados arredor nosa: coa indiferencia, co odio, co medo, co silencio. Cal é a explicación a tanta destrución? Falamos estes días e horrorizámonos coa traxedia de Haití, un valado máis, produto da destrución do home cara á natureza. Lembramos de cando en vez o que supuxo o nazismo e a construción do muro de Berlín. Aprendemos cada día sobre valados vergoñentos que ninguén quere destruír en tantos lugares do mundo: Palestina, Sáhara, Ceuta… Sobre todos estes en conxunto e ningún en particular escribe Agustín, unha lección de emoción sobre uns nenos que, afastados por un valado, inventan mil e un xeitos de destrozar ese muro. Por que non deixar paso ao optimismo? Seremos quen de erguernos un día e descubrir que por fin comprendemos que tod@s somos iguais e alzarnos da man para derrubar todos os valados -reais e imaxinarios- que existen? Serán eses nenos capaces de medrar coa intención de loitar contra as pantasmas dos adultos?

Un libro especial que o noso alumnado debe ler e traballar, para que a educación sexa tamén esa pinga de sentido común que a sociedade do futuro necesita.
As ilustracións de Xan López Domínguez, un dos nosos mellores ilustradores, son esenciais acompañantes neste texto fermoso e profundo que deixa paso á esperanza.

Texto publicado no blog Trafegando ronseis.