Dolores Vilavedra: «’Sete palabras’ é un chamamento á reconciliación con nós mesmos»

18 Decembro 2009

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Suso de Toro fálanos en Sete palabras dende o alén, sobre todo dende ese alén xeracional do home que se atopa na metade do camiño e que, antes de seguir adiante, precisa facer unha pausa e mirar atrás, ordenar o seu pasado para que non se lle esboroe ese futuro que pasou a vida tentando construír. Sete palabras é un chamamento á reconciliación con nós mesmos, un convite a escoitar as voces que ecoan no noso interior, esas que o balbordo cotiá non nos permite escoitar e que explican o que somos. Avanza o escritor na liña espiritual das súas mellores obras cun título de fortes reminiscencias relixiosas: lembremos que na cultura xudeocristiana as sete palabras son as que Cristo pronunciou na cruz, aquel dramático “perdóaos porque non saben o que fan”. Pero Suso de Toro dalle unha revirivolta final ao significado de tan epilogais verbas para convertela no colofón da vida dun home resumida ao cabo tamén en sete palabras: “e el, que era tan boa persoa”. Hai tempo que o escritor viña anunciando unha obra sobre as súas orixes familiares, que parecía apuntar máis cara ao memorialístico biografico, e sobre a que pairaba o risco de verse finalmente reducida a unha guía de viaxes. Pero Sete palabras, sendo todo iso, é moito máis: unha ficción moi ben ensarillada, na que non sabemos moi ben canto hai de realidade e canto de invención pero tampouco importa, un convite á catarse, un esconxuro, un chamamento á procura incondicional da verdade. Superouse a si mesmo o escritor nunha obra que sinala un antes e un despois na súa andaina literaria (e, sospeito, tamén vital). Dolores Vilavedra

Comentario extraído do traballo titulado «Receitas varias para tempos de crise», publicado no suplemento «Luces» de El País Galicia (18-12-2009)

Chuzame! A Facebook A Twitter