Ramón Nicolás publica hoxe no suplemento «Culturas»de La Voz de Galicia a primeira crítica de Sete palabras, a novela máis recente de Suso de Toro.
O texto publicado pode lerse [baixarse] aquí en pdf.
UN MERGULLO NOS NAUFRAXIOS
Recoñezo que comecei esta lectura de Sete palabras cun plus de curiosidade de carácter particular pois a novela preséntase ao público como un exercicio que afonda na memoria persoal do autor a través dunha esculca arredor das orixes dun familiar situadas nas terras zamoranas de Toro. Abofé que a historia esencial ben pode reducirse a esa liña argumental que amosa un novo Percival, se se quere un Ulises contemporáneo disfrazado de cazador de datos e biografías en continuo tránsito; liña, por outra parte, deseñada coa habelencia e fluidez que a un autor da traxectoria de Suso de Toro se lle supón; mais hai tamén outras cousas nesta novela que fan dela, ao meu xuízo, unha moi destacada e recomendable proposta.
En primeiro lugar pola salientable e moi efectiva opción que solventa o problema de literaturizar as peripecias dun protagonista que, ao tempo, resulta ser a instancia autorial; e isto faise mercé unha voz externa, poderosa, omnisciente, activa, mesmo inquisitiva, que por veces actúa como unha cámara cinematógrafica e que outras permite desvelar, coma se simbolizase ese “outro” que paira por estas páxinas, aquilo máis recóndito que hai no protagonista, posibilitando, en suma, reconstruír pensamentos, actitudes e condutas e evidenciando en consecuencia que esta sexa unha das novelas en que o autor revela máis cousas de si mesmo.
Non se pode obviar tampouco a axilidade e a frescura que permite compartir a emoción dunha busca, por veces infrutuosa, en ocasións colmada de éxitos, das orixes dese devanceiro difuminado cuxos perfís van adquirindo forma entre as tebras, que se esvae e que se invisibiliza tantas veces porque se mergulla en raíces fracturadas, en soños e fracasos ancorados nun tempo de privacións e pobreza, de exilios obrigados, de fuxidas sen volta que se reconstrúen a través da memoria, en tantas ocasións fragmentada, en tantas ocasións penduradas dun fío case invisible.
Mais, con todo, non sei se aínda maior interese repousa nas reflexións, deitadas aquí e acolá, sobre a dignidade, sobre o que hai de dor na vida mercé ás biografías esgazadas, sobre o traballo e as competencias do novelista ou sobre a función da literatura. Suso de Toro remexeu coa man no cesto da memoria e saíu esta novela que se condensa en sete palabras clave: só cómpre que os lectores cheguen a elas. Ramón Nicolás
XERAIS