Herta Müller, Nobel 2009

Xerais expresa a súa grande satisfacción pola adxudicación do Premio Nobel de literatura 2009 á escritora Herta Müller, poeta e narradora, nacida en 1953, en Nitzkydorf, Bánat (Romanía), no seo dunha familia da minoría alemana. Dentro da colección «As literatas», dirixida por María Xosé Queizán, Xerais publicou no ano 2001 O home é un grande faisán no mundo, obra narrativa publicada orixinalmente en 1986, e traída a nosa lingua por Franck Meyer.

Herta Müller estudou lingua e literatura alemana e romanesa en Temesvar. Bánát,  a zona xeográfica da Europa central á que pertence, e na que radica a súa obra literaria, está hoxe dividida entre tres estados,  Romanía, Hungría e Serbia. O alemán, idioma en que escribe, foi a súa lingua da infancia, e até a adolescencia non aprenderá o romanés. Despois de que en 1984 fora publicada sen censura en Alemaña a súa primeira novela, o goberno de Romanía prohibiulle publicar no seu país, sendo sometida a persecución. Finalmente, en 1987 emigrou ao sector occidental de Berlín, cidade na que vive dende entón. Entre os seus libros máis coñecidos destacan as novelas Niederungen (Terras baixas), 1982; Herztier, 1994; Der Fuchs war damals schon der Jäger 1992,  Heute wär ich mir lieber nicht begegnet, 1997 ; ou a recentísima, Atemschaukel (Todo o que posúo lévoo comigo), 2009, e os ensaios recollidos en Hunger und Seide. Entre outros recoñecementos recibiu o Premio de Literatura de Berlín 2005, o Franz Kafka de 1999 e, neste mesmo ano, o premio da Sociedade Heinrich Heine de Düsseldorf de 2009.

Esta é a cuarta ocasión nos últimos seis anos nos que o Premio Nobel de literatura recae nun autor ou autora con obra publicada previamente en galego por Xerais. Así sucedeu en 2004 con Elfriede Jelinek, en  2005 con Harold Pinter, en 2008 con J.M.G. Le Clézio e, agora, en 2009 con Herta Müller.

Actualización (09-10-2009): Algúns medios electrónicos galegos ao facerse eco daconcesión do premio, salientan hoxe a existencia dunha edición en galego d’ O home é un grande faisán no mundo:

Chuzame! A Facebook A Twitter

8th Out 09. Posted in Narrativa, Noticias, Premios, Traducións, Xerais_nos_medios.

View or Post Comments.