2010, Ano Novoneyra

30 outubro 2009

Autores, BLG, Crónica, Homenaxes, Infantil, Merlín, Noticias, Reedicións

Como ben recorda Galicia hoxe, tal día coma hoxe de hai dez anos morreu Uxío Novoneyra, o grande poeta ao que renderemos homenaxe ao vindeiro 17 de maio.  Con este motivo Xerais traballa nestes meses en diversos proxectos editoriais arredor da obra e da súa figura, dos que anunciamos os de próxima aparición:

Dentro da colección XERAIS CLÁSICOS publicarase unha nova edición d' Os eidos, baixo os criterios da preparada por Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco en vida do poeta.

Na serie ESTUDOS LITERARIOS, Xosé Lois García agarda a publicación de Uxío Novoneyra revisitado, colección de ensaios arredor da peripecia biográfica e literaria do poeta do Courel.

Carmen Blanco prepara para a colección LETRAS GALEGAS Uxío Novoneyra. Vida e obra.

Na colección MERLÍN e dirixida ao público máis novo, Fran Alonso ultima Uxío Novoneyra. Biografía e antoloxía.

Mario Regueira traballa para XERAIS CRÓNICA no libro Novoneyra e o seu tempo.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«A profesora Ripaldi»: universos fantásticos

29 outubro 2009

Críticas, Infantil, Merlín, Xerais_nos_medios

María Navarro publica hoxe en «Faro da Cultura», suplemento de Faro de Vigo, baixo o título de «Universos fantásticos», unha crítica d' A profesora Ripaldi, o libro escrito e debuxado por María Alcañiz.

O mundo dos soños e da ensoñación ofrecen ao escritor a posibilidade de crear e recrear universos fantásticos onde rexen as coordenadas da vontade, do desenfado, do absurdo ou da lóxica segundo a situación. Todo funciona o se desbarata cando un ente estraño invade un territorio e tamén o espazo vital se enrquece ou empobrece cando algo é afín ou contrario ao considerado modelo.

Unha científica de recoñecido prestixio, unha vida dedicada case excluviamente ao traballo, unha explosión sen aparente explicación e uns soños que se moven no plano das conxecturas; velaí a novela finalista do Premio Merlín 2008 que Xerais tivo a ben publicar.

Para a súa autora, María Alcañiz Lorenzo supón a primeira incursión no eido literario e para os lectores un texto no que dar renda solta á imaxinación e constatar, quizais, que moi preto nosa pode haber outros modos de vida diferentes e, ás veces, semellantes; fantásticos con posibilidade de ser reais; probables e,a miúdo, posibles.

Os laboratoiros Prodi teñen na profesora Sarita Parodi o seu máximo expoñente. Adicada case exclusivamente ao seu traballo é quen de inventar unha tinta ortográfica que evita as faltas, un paraugas autoclimático ou un regulador do tempo. Mais a rutina cotiá rómpese cunha explosión que envía á cientifícia á pqeuqena vila de Luchampa no planeta de Robois e aquí comeza a nosa protagonista unha nova vida, consagrada tamén á ciencia, e que coñecemos grazas aos soños de Rolando e ao misterio que sobre a historia verquen os habitantes de tan singular planeta. O regreso ao seu lugar de orixe non deixa tampouco de ser unha incógnita na atarefada e desorbitada existencia de Sarita Palodi, convertida despois na profesora Ripaldi.

A trama, que se tambalea por momentos, concédelle ao absurdo a oportunidade de encher os ocos que a fantasía non é quen de explicar, a lingua,impregnada de alusións cómicas, introduce detalles que quizais se lle escapen aos lectores mozos e o final forza un remate, cando menos, pouco expresivo que achega incertidume sobre o que realmente sucedeu e o que pode suceder, se cadra, nun intento de que o receptor complemente o texto. Quid scit? María Navarro

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Rosa Aneiros entrevistada en «Galicia hoxe»

28 outubro 2009

Entrevistas, Narrativa, Premios_Xerais, Xerais_nos_medios

Con motivo da primeira presentación de Sol de Inverno, que terá lugar hoxe en Ferrol, o xornal Galicia hoxe entrevista a Rosa Aneiros.

Rosa Aneiros (Valdoviño, 1976) tira "para casa", como ela mesma confesa, e elixiu Ferrol para presentar (Galería Sargadelos ás oito da tarde) Sol de inverno, a novela coa que gañou a última edición do Premio Xerais. Onte estaba algo inqueda, non polo acto en si -estará acompañada por Sonia Díaz Pereiro e Manuel Bragado- senón polas "lóxicas expectativas" que xorden arredor dunha "obra avalada de premio" e o temor de decepcionar: "o peso da responsabilidade é maior".

Do que non ten dúbidas é de que "dei o mellor que tiña" e iso "xérache sempre seguridade", máis cando "estou convencida de que realmente conseguín as espectivas que me propuxera". Aínda así, recoñece que o seu soño sería "escribir unha novela excelsa e que lle gustase a todo o mundo".

Aínda que Sol de Inverno poida incluírse no xénero da novela histórica -reconstrúe a peripecia dunha familia republicana que debe exiliarse para fuxir do fascismo-, Rosa Aneiros rexeita falar dese tipo de etiquetas: "Toda novela está ancorada nun espazo ou nun tempo que ás veces é a actualidade e outras varios séculos atrás". Por riba de todo, o seu obxectivo era "defender a historia de Inverno" até o punto de que este personaxe -central na trama- "ten voz propia e traballei nel para que o lector percibise non tanto a miña voz como narradora senón a da protagonista da novela".

Pero ¿quen é Inverno? Trátase dunha muller, filla dun republicano, que foxe de Antes -simbólico nome dunha aldea galega- para encamiñarse cara ao exilio en Cuba tras pasar pola resistencia de Barcelona e os campos de refuxiados franceses. "Inverno", subliña a escritora, "cre que lle roubaron algo, mesmo antes da guerra civil e a súa busca continua do paraíso é a procura de Antes: volver á infancia, á inocencia roubada coa morte de Fiz [un rapaz moi unido á protagonista que outro amigo asasina por ciumes]".

A existencia de Inverno está marcada "polo exilio que lle tocou vivir" pero tamén "por un exilio persoal". Deste xeito, Aneiros mestura circunstancias históricas e políticas - "moi fáciles para plasmar a súa paisaxe vital"- pero tratou ao tempo de evitar construír "o cadro dun momento histórico para contar a vida de Inverno".

Pola novela crúzanse revolucións -a da II República española e a revolución castrista-, un aspecto que aparecía xa en Resistencia, unha obra anterior ambientada na Revolução dos Cravos portuguesa. Para a escritora, estas convulsións históricas son clave e o personaxe que mellor define a súa intencionalidade é o pai da protagonista, "encarnación do eterno insatisfeito. Ese home quere sentir que forma parte da historia, da revolución. Todos temos a necesidade de sentir cousas así, incluso Inverno. Non só podemos ter a sensación de que encadeamos unha derrota tras outra, senón que podemos obter vitorias, comunais e persoais. Esa sensación de que triunfamos con algo: coas nosas ideas".

Aneiros tamén é consciente de que o seu estilo evolucionou -" supoño que medrei como escritora"-, pero esta evolución non significa un progreso porque "nunca volves ser o escritor que fuches". Nalgún momento, engade, pode botar de menos "a persoas que fun cando escribín unha obra determinada.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Sol de Inverno», presentación en Ferrol

27 outubro 2009

Narrativa, Noticias, Premios_Xerais, Presentacións

O mércores, 28 de outubro, ás 20:00 horas na Galería Sargadelos de Ferrol realizarase a primeira presentación de Sol de Inverno, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Xerais 2009. No acto acompañarán á autora Sonia Díaz Pereiro e Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Historia social da Guerra da Independencia en Galicia»

Historia, Monografías, Noticias, Universitaria

Na vindeira semana chegará ás librarías Historia social da Guerra da Independencia en Galicia, o libro máis recente de Xosé Ramón Barreiro Fernández, actual presidente da Real Academia Galega.

Os estudos sobre a Guerra da Independencia en Galicia están guiados por dúas liñas de investigación: a ideolóxica e a militar. Nesta perspectiva dominante sempre cobra especial protagonismo o mundo militar e os personaxes marcados polo conservadorismo da época. Fronte desta visión ideoloxizada, Xosé Ramón Barreiro Fernández descóbrenos o protagonismo do pobo e doutras claves sociais organizados en alarmas e mandadas por caudillos populares que ensombrecen o papel do exército. En definitiva, a intrahistoria como complemento e matizacións da macrohistoria dominante na nosa historiografía.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Xerais, 30 aniversario, entrevista «A Nosa Terra»

26 outubro 2009

Entrevistas, Noticias, Xerais_nos_medios

César Lorenzo publica no semanario A Nosa Terra unha entrevista con Manuel Bragado, director da editorial, con motivo do trinta aniversario de Xerais. Recollemos algúns fragmentos do texto:

Xerais fai 30 anos con folgos para o futuro?
A nosa intención é facer perdurar a idea principal da creación da editorial, ser un selo xeneralista presente en todas as facetas da edición. Para o futuro queremos potenciar os contidos dixitais, tanto o libro electrónico como os recursos educativos pensados para utilizar nos encerados virtuais. Pero tamén estamos a reforzar a nosa posición noutros ámbitos. En xaneiro presentaremos a colección de ‘Narrativa’ cunha estética renovada e poucos meses despois unha nova colección literaria pensada para o gran público. En novembro sae o Gran Dicionario Xerais, en dous tomos, con 100.000 entradas, transcrición fonética e información etimolóxica. No 2010 publicaremos un dicionario Galego-Inglés.
Nestes 30 anos, que erros de estratexia sentiu máis?
Non fixemos todo o esforzo posíbel na edición educativa en Primaria. Non avanzamos do mesmo xeito que en Educación Infantil e Secundaria. Fomos impacientes co cómic galego. Nós fomos pioneiros na década dos 90, puxemos en marcha a revista Golfiño, da que me sinto moi orgulloso pero despois abandonamos un facho que afortunadamente outros recolleron con éxito, caso d’Os Bolechas ou Patito Editorial. E dóenos non conseguir estabilizar a narrativa de peto, a pesar da súa boa acollida.
E de que éxitos se sente orgulloso?
Convertémonos nunha referencia no ensino en galego. Os nosos dicionarios son referencia na lexicografía. As nosas coleccións de literatura infantil e xuvenil triunfaron. ‘Fóra de xogo’, pensada para os mozos, é a colección con máis exemplares vendidos no noso idioma. Pero sobre todo, fachendeamos da gran relación que mantemos cos autores publicados en Xerais, unha relación que se estende no tempo e que non remata unha vez posto o libro á venda.
Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Sobre Aldonza de Praterías

24 outubro 2009

Autores, Entrevistas, Historia, Noticias, Xerais_nos_medios

César Lorenzo entrevista n' A Nosa Terra á escritora Mercedes Gualteria Pintos amanuense das reflexións de Aldonza de Praterías recollidas no libro Pedras de Compostela.

Quen é Aldonza de Praterías?

A autora deste libro. Eu só me limitei a transcribir os seus pensamentos porque ela ten as mans ocupadas. En realidade, quen eu e Bieito Iglesias bautizamos co nome de Aldonza é a escultura do pórtico da praza das Pratarías da catedral de Santiago que se coñece como A Adúltera. Eu sempre tiven querenza por esa figura e deime de conta de que, tanto pola súa idade (está alí desde o 1105) como pola súa posición (nun lugar privilexiado para o ver todo) fora testemuña excepcional da vida cotiá da cidade nos últimos 900 anos. Como é unha gran descoñecida para composteláns e visitantes, o meu obxectivo último coa sección era dala a coñecer. Esta figura está considerada polos especialistas como unha das mellores esculturas do románico europeo e formaba parte do que podemos chamar precedente do cómic, feito en pedra. O bispo Diego Xelmírez cada venres impartía xustiza nas Pratarías. Detrás del, a catedral explicaba cal era o destino dos xustos e dos descarriados. Aldonza era unha desas, condenada ao inferno.

Na man ten unha caveira.

O Códice Calixtino conta que representa unha muller adúltera que foi descuberta polo seu marido xunto ao amante. A el cortoulle a cabeza e agora ela padece no Inferno, condenada a levar no colo a caveira do querido.

Un dos fíos do libro é a análise do papel da muller na arte relixiosa.

A patrística deseñou a simboloxía que logo os canteiros levaron á pedra. As mulleres dividíanse en dúas figuras: as virxinais, as nais, puras e castas; e o resto, as figuras case diabólicas que arrastraban o home ao pecado. Para os doutores da Igrexa o sexo era a peor cousa do mundo. O abade de Cluny Odón afirmaba: “Se os homes visen o que hai debaixo da pel, a visión das mulleres daríalles náuseas”. Á parte da Adúltera, hai dúas esculturas dignas de ver, Eva aleitando a Caín e a Vulva, cuxa imaxe se reproduce no libro. Con todo, esta misoxinia estaba presente en toda a sociedade. Até hai 35 anos, as mulleres estaban equiparadas aos tolos e aos nenos e o propio Concello de Santiago publicou varios editos prohibindo que as mulleres vivisen soas.

Dous libros considera vostede fundamentais para entender o pasado de Santiago: a Historia Compostelana e o Códice Calixtino. Seguen a ter interese ?

A Historia Compostelana mandoulla facer Xelmírez a varios clérigos e é pura propaganda do seu mandato. Pero é moi divertida porque está repleta de aventuras e é útil para o investigador porque conta polo miúdo até o prezo da comida no mercado. O Calixtino ten moitas virtudes. É a primeira guía turística da cidade, conta moitos mitos e describe tan ben a catedral que incluso se pensou que partes alí descritas, que nunca existiron, desapareceran incomprensibelmente.

No libro cóntanse moitas lendas e historias, en troques a catedral e o Camiño de Santiago teñen hoxe un aire un tanto tópico.

Pois no 2010 teremos outra ración de libros sobre o tema!! E a maioría non valerá para nada, refritos de refritos cheos de tópicos. O problema é que máis dun pensa que o Camiño de Santiago o inventou Manuel Fraga. Xa no século XIII a lembranza de máis éxito  entre os peregrinos era a vieira. E había tantos que o cabido fixou en 100 o número de tendas que podían vender as cunchas (naturais, de prata, de ouro...), das que 27 eran da súa propiedade. Santiago ten dez séculos de experiencia no turismo e xa vivimos todo, o bo (o esforzo dos conventos por darlles aloxamento aos peregrinos) e o malo (os asaltos na ruta ou a picaresca de comerciantes e veciños).

Tamén conta no libro que algúns ritos son invencións ben modernas.

O máis flagrante, o do Santo dos Croques. A figuriña que hoxe a maioría considera representación do Mestre Mateo era chamada Compostela até que Neira de Mosquera escribiu un libro que eu considero dos máis nefastos da historia. Entre outras barbaridades, inventou o costume de ir petar na testa desa estatua. De aí vén o Santo dos Croques, da mente dun escritor do século XIX, convertido hoxe na obsesión dos turistas, que xa non só se contentan con colocaren os cinco dedos no aliviadeiro do pórtico senón que buscan canto oco hai para meteren os pés, a cara. Ás veces, esa ansia por ritualizar a visita a Santiago é graciosa. Contoume unha monxa, que axuda no coidado da catedral, que certo día pasou pola nave central co balde dun deshumidificador, que levaba para vazar. Pois ben, de socato, a xente empezou a arremuiñarse para meter a man e persignarse con aquela agua, pensando que era bendita!

Que libro recomendaría para quen lle guste o Camiño?

Levo anos pregando para que se reedite El Camino de Santiago, de Walter Starkie, publicado por Aguilar no 1958. É unha viaxe ao pasado máis recente moi vívida e moi ben documentada.

Pedras de Compostela será presentado o día 4 de novembro ás 20:00 horas na Libraría Couceiro de Santiago, nun acto no que acompañarán a Mercedes Pintos, Ramón Villares, José María Díaz e Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Pirata» presentación en Lugo

23 outubro 2009

Narrativa, Noticias, Presentacións

O vindeiro luns, 26 de outubro, ás 20:00 horas na Galería Sargadelos de Lugo (Praza de santo Domingo 4) presentarase Pirata, a novela máis recente de María Reimóndez. No acto acompañarán á autora Olga Castro, o músico Xabier Díaz e Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«O nomadismo é un xeito de estar no mundo», sobre «Sol de Inverno»

Críticas, Narrativa, Premios_Xerais, Xerais_nos_medios

Baixo o título de «Na procura da identidade», Dolores Vilavedra aborda hoxe no suplemento «Luces» da edición galega de El País a crítica da dúas das novelas máis recentes da nosa colección Narrativa, Pirata de María Reimóndez e Sol de Inverno de Rosa Aneiros. Recollemos aquí o texto referido ao recente premio Xerais:

IDENTIDADES NÓMADES

Nunha vaga de saudade, o título do último Premio Xerais, Sol de inverno, de Rosa Aneiros, tráenos á lembranza O sol de verán, a derradeira novela de Casares, coa que porén pouco ten en común. Máis semellanzas amosa coas últimas entregas de Inma López Silva, Memoria de cidades sen luz, e de Luís Rei Núñez, Monte Louro. As tres son (ademais de longas) novelas nómades, protagonizadas por seres condenados case dende o berce á procura de si mesmos. Obsesionados coa memoria, escravos da necesidade de narrala, e obrigados polas circunstancias a unha permanente fuxida, os personaxes destas obras sintetizan as crónicas posibles de tantos dos nosos devanceiros pero tamén, nun deses abraiantes pinchacarneiros que só a literatura é quen de dar, despregan ante nós algúns dos vieiros posibles das identidades do mañá, e lémbrannos que o nomadismo é tamén unha maneira de ser e estar no mundo.

Con eses vimbios como alicerce do seu proxecto, Rosa Aneiros constrúe o percorrido vital de Inverno, un accidentado percorrido que a levará dende a súa Antes natal, unha aldeíña norteña e mariñeira, ata a Cuba pasando pola Barcelona da guerra e os campos de concentración franceses, para rematar de novo en Antes, logo de que a protagonista descubra, no París do 68, que a súa memoria finalmente a vai traizoar, e que decida loitar contra ela coa única arma que lle resta: a palabra. Sol de inverno comparte coas novelas de Inma López Silva e Luís Rei Núñez unha perfecta circularidade estrutural que amosa un logrado labor compositivo, se cadra especialmente coidado nos tres casos por mor da inusual extensión dos textos pero que, xusto por iso, os lectores agradecen.

Termando da corda adoito traizoería do lirismo, Rosa Aneiros aduba o seu relato coas pingas xustas de fantasía para evitar que sexa etiquetado como novela histórica. Así, ese Antes que podería ser doadamente unha aldea galega e que a autora eleva á categoría de metáfora da orixe. Ou algunha das imaxes coas que codifica os episodios máis cruentos da guerra, coma os morcegos de Silvia, portadores da morte nunha desas terribles ironías con que a vida se burla de nós. Sol de Inverno é logo moitas cousas: saga familiar, memoria da guerra e do exilio en que se mesturan con habelencia personaxes históricos e ficcionais pero, sobre todo, é o relato da construcción a contrafío dunha identidade, a de Inverno, arrastrada polo río da historia e recuperada só, nun iluminador paradoxo, grazas á enfermidade do esquezo, o Alzheimer. Contra ela ergue Inverno un muro das palabras de xeito que, dende unha perspectiva fenoménica, toda a narración se presenta ante nós como o resultado dese teimudo esforzo da protagonista por ser, por recuperarse a sí mesma, antes de que as portas do pasado se lle pechen de vez.

Resultaría imposible que nun texto tan extenso, en que todas e cada unha das palabras teñen a súa razón de ser, non houbese intres de desigual intensidade, como acontece co monólogo de Luzdivina que comeza na páxina 321 e que renxe de inverosemellanza polo elevado rexistro que o personaxe emprega, ou que non se deslizase algún anacronismo como o sorprendente estres en que en plena guerra utiliza a nena Silvia en alusión aos seus pombos. Pero son cuestións puntuais, que non conseguen abrir fendas de importancia no poderosísimo edificio narrativo que Rosa Aneiros construíu neste inesquecible Sol de Inverno Dolores Vilavedra

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«María Reimóndez cuestiona o xénero en ‘Pirata’»

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

Baixo o título de «Na procura da identidade», Dolores Vilavedra aborda hoxe no suplemento «Luces» da edición galega de El País a crítica da dúas das novelas máis recentes da nosa colección Narrativa, Pirata de María Reimóndez e Sol de Inverno de Rosa Aneiros. Recollemos aquí o texto referido á primeira:

MARÍA REIMÓNDEZ CUESTIONA O XÉNERO EN «PIRATA»

Ese semella ser o desafío que a vida lle propón a Mary Read: descubrir a súa verdadeira identidade, agochada baixo roupaxes masculinas durante ben tempo, por mor dun deses argadelos que a necesidade de sobrevivir tende. Esas roupaxes que disfrazan, que confunden, que disimulan... mais que finalmente non son nada ante a forza dos sentimentos e dos desexos. Inspirándose nas figuras históricas das piratas Mary Read e Anne Bonney, María Reimóndez argalla en Pirata unha novela que completa libremente as lagoas que a bibliografía sobre o asunto (de Defoe a Mireille Calmel) deixa. Aproveita así para introducir de esguello outras cuestións que arrequentan o argumento, que o dotan de amplitude e fondura máis alá do anécdotico, como a da importancia da sororidade (isto é, o correspondente feminino da fraternidade) na construción das identidades femininas, ben representada aquí polos personaxes de Malinke e Annette.

O truco do disfrace masculino, ao que Mary Read recorre para abrirse camiño nun mundo feito en aparencia por e para os homes, non é novo entre nós: xa Marilar Aleixandre botara man de el en A expedición do Pacífico para lle permitir á rapaza Emilia embarcar, en pleno século XVIII, nunha expedición científica. No caso de Pirata, a vacilante identidade de Mary afirmarase, logo de casar cun home e de non recoñecerse no rol convencional de esposa, grazas á afouteza de Anne, compañeira, amiga, amante e mestra. Anne, que é muller pero vive coma un home do seu tempo, e que ama a quen quere e como quere. No espello de Anne, Mary descubrirase outra e construirase nesa alteridade intuída, agora posible grazas a un amor que a quere libre, que a quere ela.

Nesa teimuda procura da súa identidade, Mary Read aprenderá a importancia de contar e de contarse. Pirata fala tamén da necesidade de ir deixando ronseis no mar, testemuñas do que somos, elos cos que anoar unha xenealoxía posible de mulleres que se irá alongando con tantas posibilidades de selo como nós -legatarias de Anne Bonney e Mary Read- queiramos. Fronte a Malinke e Anne, que constrúen e transmiten oralmente as súas propias historias, erguerase a figura impositiva de Charles Johnson. El representa esoutra versión da historia, a escrita, a canónica e deturpada, aquela que ignorará a verdadeira razón de ser da vida de Mary Read para utilizala, coma a de tantas outras mulleres ao longo dos séculos, ao servizo dunha suposta verdade, a da ortodoxia sustentada polos poderes políticos e económicos que Mary e Anne desafían polo simple feito de existiren. Neste senso, non hai happy end, quizais porque a historia oficial, que rexistrou a morte na cadea de Mary Read, lle impón á autora un determinado final, aínda que ela consegue abrir fendas abondas no muro das certezas como para que os lectores e lectoras poidamos poñerlle o noso propio ramo ás vidas desas mulleres.

No ronsel da nosa mellor novela de aventuras, de Morning star a Pepa a Loba ou Monbars o exterminador, é mágoa que o exceso de tese estrague as posibilidades desta engaiolante historia. A autora debeu confiar máis na competencia de lectoras e lectores, nas súas capacidades para tiraren as súas propias conclusións, e aforrar doutrina. Hai demasiados momentos ao longo da lectura nos que a tese abafa o potencial épico do argumento e encorseta personaxes que poderían ir alén do que a ostentación da súas ideas lles permite.

Aínda que nos últimos tempos se fala moito de novelas que cuestionan a identidade como algo determinado polos corpos e que, por tanto, nola presentan como construíble ou reconstruíble, o certo é que o tema xa é vello entre nós, dende que en 1988 Peito de vimbio de Alfonso Álvarez Cáccamo nos dera a coñecer o personaxe de Tití (Xurxo Corzo no seu DNI) e a súa loita por sobrevivir, asumindo a súa condición de hermafrodita na Galicia dos 50. Despois viría A semellanza de María Xosé Queizán (1992) onde presenciamos como Juanjo Vieitez se debate consigo mesmo e coa súa contorna na procura da consoladora semellanza que proporcionan os pares e que atopará primeiro noutros homes e despois, tras unha traumática operación, entre as mulleres. Rexeitado por uns e por outras, por distinto e por semellante, só o sucidio lle permitirá pórlle o ramo á loita mantida dende o berce coa condición masculina que se lle asignara ao nacer. Canto a Benquerida catástrofe, a última novela de Teresa Moure, Pirata concide con ela na convicción do poder revolucionario que ten algo tan simple en aparencia como atrevernos a ser nós mesmos.

Mais eu, para explorar os lindeiros da incerteza e para convidar os lectores a acompañarme en tan desacougante percorrido, quédome con Ganga de Antón Lopo, ou con Dragona de Xavier Queipo, e cos personaxes que as protagonizan: seres que nos desafían sen adoutrinarnos, que nos engaiolan porque habitan alí onde as certezas perden a súa utilidade de ser, que nos convidan a sermos outros e múltiples. Fillos da posmodernidade e vangarda dun novo xeito de entender a identidade. Dolores Vilavedra

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Viaxe ao centro de Suso de Toro

Adiantos_para_ler, Autores, Entrevistas, Narrativa, Xerais_nos_medios

A edición galega de El País publica no suplemento «Luces» unha longa entrevista de Daniel Salgado con Suso de Toro, a raíz da próxima aparición de Sete palabras, a súa novela máis recente. Baixo o título de «Viaxe ao centro de Suso de Toro», Salgado e de Toro conversan sobre unha obra chamada a cruzar unha nova fronteira literaria. Recollemos algúns parágrafos dun texto que recomendamos moi vivamente:

Saldar débedas. Recuperar memorias. Investigar que materia conforma o individuo. Descoser os xéneros literarios. Os combates que se libran dentro de Sete palabras, a última aposta narrativa de Suso de Toro, resultan múltiples. Pero o campo de batalla presenta derrregas concretas: "Hai autores que teñen un tema, outros teñen dous ou tres. O meu é a identidade e está todo aquí". O autor compostelán remexe, a un tempo descarnado e amábel, no propio faiado á procura do seu pasado. "A pregunta, realmente, é quen é un, quen son eu", di. Co ermo zamorano, o Caribe ou Santiago de Compostela como teatro de operacións, en Sete palabras cóntase o traxecto dun escritor á procura material do seu avó. De Toro explícase: "Tamén se trata dunha viaxe ao centro de min mesmo".

O narrador do volume que Xerais colocará nas librarías a primeiros de novembro, simultaneamente en e-book, confúndese co autor. De Toro (Santiago de Compostela, 1956) non desfai equívocos. "Hai que lembrar sempre que o autor di que é ficción", afirma divertido, "e que o escritor é ese dobre, o anxo da garda que o acompaña". E que o traballo que desemboca en Sete palabras arrincou en xaneiro de 2008, cando o escritor decide enfrontarse "de maneira radical" ao seu pasado familiar. "Todo coincide cos últimos anos de meu pai e ten que ver coa idade; nese intre realizo a primeira anotación para o libro", lembra. A curiosidade polos devanceiros empuxou a De Toro cara a un proxecto, finalmente literario, adiado durante anos. "Cando o meu pai [falecido o 24 de decembro de 2008] perdeu a memoria, formuleime de novo a cuesión; xa había unha parte da miña historia á que non podía acceder".
[...]
O asedio ao que se somete o concepto de identidade -"penso que esgotei os ángulos do tema, individual e colectivamente", sorrí- desemboca nos seus estigmas. Eses que para o escritor se relacionan, antes de máis, coa pobreza. A desposesión material, a opresión sociopolítica, o analfabetismo, e a conseguinte emigración, marcaron a xínea da familia De Toro explorada en Sete palabras. E o autor abre o foco: "A sociedade galega, tamén a española, ten unha visión estúpida sobre si mesma, que ignora a pobreza como unha das forzas que fixo de nós o que somos". "O 90% de nós eramos traballadores e agora tan guapos e tan modernos", ironiza, non sen certo remorso colectivo. "Hai 40 anos emigrabamos todos e agora crémonos mellores que os alemáns". Unha ollada sobre o desclasamento análoga, dalgún xeito, á deitada polo poeta Antonio Gamoneda cando recibiu o premio Cervantes: "Unha sociedade que censura a memoria da pobreza vira parva porque non lle dá valor a nada".
[...]
É este o Suso de Toro que se desprazou da escrita como mecanismo de desmitificación, contundentemente empregado en Polaroid (1986) ou no joyceano Tic-tac (1993), ao libro como pescuda no mito. "Con este libro verifiquei que a literatura pode traballar como curación, non unicamente como coñecemento", di quen describe a súa relación cos libros como "dialéctica", que avanza e retrocede. "Escribir Sete palabras resultoume psicoloxicamente duro, pero gozoso a un tempo, unha escrita de vivencia". E nese movemento constátase a viraxe operada entre a súa anterior novela, Home sen nome (2006) "na que se probaba a forza da literatura para romper tabús e trazar os nomes dos asasinos [da Guerra Civil]", e as Sete palabras.
[...]
Mais a obsesión que atrapou ao escritor nos últimos tempos retorna. "Ao cabo, Sete palabras é case unha oración, un réquiem". Esa é a pregaria dun Suso de Toro que marcou neste libro un cabo de Fornos na súa traxectoria. "Hai autores que teñen un tema; outros apenas dous ou tres", considera, "e o meu é a identidade; está todo aquí, neste libro". E cun pouso melancólico, ese aire cadora máis presente no seu método operativo, reflexiona: "Esta mañá aínda me divertía pensando que en Toro haberá quen se imite a min, fisicamente, alguén que abandonou a un neno que logo foi o meu avó".

O suplemento »Luces» publica un adianto dun dos capítulos da novela, «Insomnio en Toro».

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Festina lente», presentación en Gondomar

22 outubro 2009

Clubs_de_lectura, Narrativa, Noticias, Presentacións

A libraría Libraida, en colaboración con Edicións Xerais, organiza un encontro co escritor Marcos Calveiro, autor de Festina lente, a novela proposta no club de lectura Sete Vidas para o mes de outubro. O acto, presentado polo profesor Manuel Candelas, celebrarase este venres, 23 de outubro, ás 20.30 horas na libraría Libraida (Rosalía de Castro núm. 13, Gondomar).

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Suso de Toro relata a historia de «Sete palabras»

Adiantos_para_ler, Autores, Entrevistas, Narrativa, Noticias, Xerais_nos_medios

A edición galega de El Pais adiantou esta tarde que mañá no suplemento «Luces» Suso de Toro relata a historia de Sete palabras, a súa novela máis recente.

Sete palabras estará nas librarías na primeira semana de novembro, sendo publicada ao tempo en edición impresa como en edición dixital para e-ebook, o que constitúe un fito pioneiro na edición galega e peninsular.

Aquí pode descargarse o adianto do capitulo «Insomnio en Toro».

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Faleceu a escritora Anisia Miranda

Autores, Homenaxes

A dirección e o cadro de persoal de Xerais expresa o seu pesar polo falecemento hoxe da escritora Anisia Miranda, vicepresidenta da Fundación Xosé Neira Vilas e cofundadora xunto co seu marido da editorial «Follas Novas» e de tantas outras iniciativas de promoción do libro galego na emigración.

Nacida en Ciego de Avila (Cuba) o 30 de decembro de 1932, era filla de emigrantes ourensáns. Estudou Maxisterio e Xornalismo na Habana. Trasladouse cos seus pais a Bos Aires en 1953, cidade onde ampliou os seus estudos e coñeceu a Xosé Neira Vilas. Casaron en 1957, ano no que fundaron «Follas Novas», distribuidora do libro galego en América, que despois sería tamén editorial. Dende o principio da súa residencia en Arxentina, vencellouse á cultura galega. Asistiu as clases patrocinadas pala Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas (AGUEA) que dictaban Ramón de Valenzuela (Xeografia Galega), Alberto Vilanova (Historia de Galicia),  Rafael Dieste (Literatura Galega),  Eduardo Blanco Amor (Idioma Galego) e Antonio Baltar (Economía de Galicia). Traduciu para o galego poemas de autores latinoamericanos: José Martí, Rubén Darío, Amado Nervo, e ao norteamericano Walt Whitman. Todas foron aparecendo en publicacións galegas de Bos Aires.

Voltou a Cuba co seu home, en 1961. Traballou con Alejo Carpentier na redacción da revista Pueblo y cultura, e mais tarde como coordinadora nacional de edicións de libros para nenos e adolescentes, ademais de levar a administración da editorial por un tempo. Desempeñouse como xefa de redacción do semanario infantil Pionero. Foi cofundadora e xefa de redacción das revistas para nenos Zunzun e Bijirita. Colaborou en varias publicacións periódicas, dirixiu un programa de radio, actuou como xurado en diversos concursos.

No eido da creación literaria foi autora de obras de poesía, narrativa, teatro, viaxes e biografía. En teatro e narrativa obtivo importantes premios en Cuba, entre os que salientan tres premios "La Edad de Oro", teatro para nenos e adolescentes; e o Premio Nacional "Ismaelillo" de la Unión de Escritores e Artistas de Cuba. Dalgúns dos seus libros lévanse publicados en Cuba centos de milleiros de exemplares. Parte da súa obra está traducida ao eslovaco. Recibiu a medalla Raul Gómez García da Unión de Escritores e Artistas de Cuba e a medalla poIa Cultura Nacional do Ministerio de Cultura de Cuba. Foille conferida a medalla Ho Chi Minh e a Orden da Amizade otorgada polo Consello de Ministros de Viet Nam, polo seu traballo de solidariedade con aquel país.  En 1992 radicouse co seu marido en Galicia, asumindo a vicepresidencia da Fundación Xosé Neira Vilas.

En galego publicou unha importante obra dirixida ao público infantil, a maior parte en Ediciós do Castro: Pardela amiga, Cantarolas, Os contos do Compay Grilo, A primeira aventura, A casa dos títeres, A volta do Compay Grilo e Mitos e lendas da vella Grecia. Na colección Merlín de Xerais publicou en 1995 unha reedición de Cantarolas, na que incluíu unha ducia dos seus poemas para nenos e nenas escritos en galego.

O enterro de Anisia Miranda celebrarase mañán venres en Gres na estrita intimidade por vontade expresa da familia. Unha apreta fonda para o noso amigo Xosé Neira Vilas.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

An Alfaya no Club de Lectura de Gálix

Autores, Clubs_de_lectura, Fóra de Xogo, Narrativa, Noticias

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Dime algo sucio», nova novela de Diego Ameixeiras

Narrativa, Noticias

Dime algo sucio é a cuarta novela de Diego Ameixeiras. Aparecerá no vindeiro mes de novembro en edicións impresa e e-book.

A policía de Oregón atopa unha parella de cadáveres no interior dunha nave industrial abandonada. O home negro está axeonllado no chan colocando as últimas novidades en primeira liña da manta. Nelson, o grafiteiro, preparou nun muro da marxe esquerda do río unha versión manga do retrato de Laura, a moza que practica tres horas semanais de kung-fu. Ánxela confésalle a Marga que non quere nada que lle recorde a Xaime, desexa que desapareza da súa cabeza, matar os seus recordos. O taxista sorpréndese cando le o texto que os dous homes sen teito escribiron no seu cartón: «o rumor da melancolía é o son dunha orquestra ao lonxe.» Dime algo sucio de Diego Ameixeiras é unha novela de intriga que pretende desvelar o misterio que une as vidas cruzadas de persoas moi diversas, que buscan atopar un anaco de esperanza nalgunha das fendas da cidade cero. Escrita cunha prosa áxil e directa, amosando unha eficacia narrativa extraordinaria, esta cuarta novela confirma a madurez literaria de Diego Ameixeiras, un dos autores máis orixinais e valiosos da narrativa galega do século XXI.

A foto da cuberta é de Fran Herbello.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Etiqueta para todos»: «pequeno gran libro»

Críticas, Educación_para_a_cidadanía, Fóra_de_colección, Xerais_nos_medios

Manuel Rodríguez Alonso publica en «Cartafol de libros» de Vieiros unha crítica de Etiqueta para todos. Manual de regulares maneiras pero de bastante educación para a cidadanía de Irene Pérez Pintos.

PEQUENO GRAN LIBRO

A palabra etiqueta adoita ter un sentido pexorativo de conxunto de cerimonias ou regras un tanto absurdas que se seguen nos actos públicos ou coas persoas con quen non se ten confianza. Pero neste libro a etiqueta é realmente un manual de bo comportamente para cativos e grandes e, como indica axeitadamente o subtítulo, un manual de regulares maneiras e bastante educación para a cidadanía. Non podía ser menos xa que vén da man dunha persoa que na lapela se amosa como voceira dunha asociación como os Amigos da Revolución francesa.
O libriño comeza dun xeito moi adecuado cunha definición de educación, que é caracterizada como algo absolutamente necesario para a existencia dunha sociedade civilizada e democrática. Por outra banda, esta educación incide na felicidade e benestar de todos. A educación, xa que logo, é algo absolutamente útil e non un simple adorno.
Tras este comezo, o libro discorre por seccións como o control dos instintos (para non molestar o outro), os bos modos e a racionalidade nas comidas, as posturas e ata o saúdo. Non falta a ironía e o humor nestes consellos sobre a boa educación. Salientemos a caricatura que se fai do convidado que protesta sempre porque a comida ten pouco ou moito sal ou sabe a queimado, sen decatarse que a primeira obriga dun convidado é agradecer que alguén cociñe para el. A sección que dedica eufemisticamente aos humores é outro logro. Os consellos sobre o vestiario ou a comida volven ser unha mostra de unión de estética, bo gusto e coidado da saúde.
Así mesmo hai unha educación lingüística, pois nestes tempos en que se usa en todos os contextos e situacións un rexistro coloquial e vulgar, a autora propón o rexistro lingüístico adecuado a cada situación e contexto. Débese ler, especialmente por parte de profesores, o capituliño dedicado ás formas de tratamento, onde hai unha reivindicación clara e contundente do emprego do vostede.
Pero a boa educación, a etiqueta non só é algo estético, senón tamén social. A autora considera tamén mala educación o maltrato ao animais e mais as diferenzas de clase ou unha sociedade en que os millonarios tiran os cartos, mentres morren de fame millóns de persoas. Non é etiqueta nin boa educación presentar nas revistas do corazón como tiran os cartos os famosos, mentres pasa fame máis de medio mundo. Tampouco son persoas educadas, por moi bos modos que teñan, os ditadores, os mafiosos ou os torturadores.
A lingua do libro é axeitada ao propósito didáctico que persegue, cunha sintaxe de oracións sinxelas, curtas e cunha orde lóxica de suxeito, verbo e complementos. As normas de educación que propón son claras e tallantes, mais sempre razoadas. Non falta, como xa vimos a ironía, como ao falar dos e das órganos xenitais (páx.24).
En fin, neste novo comezo de curso é un libro que debe ser lido e comentado nos cursos de Educación Primaria e así mesmo nos da Educación Secundaria Obrigatoria. Por outra banda, o libro insírese na tradición do ensino laico, que parte da Revolución francesa, que cómpre recuperar canto antes nestes tempos de confesionalidades e teocracias varias. Neste sentido resulta tamén un acerto o deseño de libro, en forma de pequeno catecismo, como os catecismos cívicos liberais e progresistas do século XIX. Manuel Rodríguez Alonso

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«O home do traxe branco», primeira entrega

21 outubro 2009

Infantil, Noticias, Xuvenil

Unha das novidades máis curiosas da tempada é a estrea literaria de Herikberto M. Quesada, o artista, deseñador e escritor ourensán residente en Madrid. Con «O accidente», Quesada inicia a publicación da saga, O home do traxe branco, unha serie de novelas de ficción que tardou vinte anos en compoñer. Para ela realizou máis de cincocentas ilustracións e deseños de seres vivos, ao mesmo tempo que desenvolveu «a teoría dos deseños coincidentes», que explica cómo seres vivos e ecosistemas poden evolucionar noutros planetas, de formas moi similares aos da Terra. O home do traxe branco. O accidente chegará ás librarías a vindeira semana.

Nun caloroso día de verán prodúcese un grande incendio nun bosque de Galicia. Pola noite, uns rapaces descobren unha gran nave. Dela xorden varios buzos escoltando unha estraña criatura anfibia que dá a luz a súa cría. Cando parece que todo finalizou, da nave descende un misterioso home con traxe branco, acompañado dun estraño animal. Quen é ese home? Só este grupo de rapaces descubrirá de onde vén e cales son as súas intencións. O océano Atlántico, praias, noites de lúa, campos amarelos, verdes fragas, insectos, polbos, peixes, solpores, ríos, alieníxenas, veraneantes, terribles monstros, iropis e homes de negro. Esta é a historia dun neno que vive nun planeta aínda verde e azul.

ÇO accidente» é a primeira entrega dunha saga de ficcións, O home do traxe branco, creada polo artista ourensán Herikberto M. Quesada, baseada na teoría dos deseños coincidentes, que explica cómo seres vivos e ecosistemas poden evolucionar noutros planetas, de formas moi similares aos da Terra.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«O Cabo do Mundo», cuarta novela de Xabier Quiroga

Narrativa, Noticias

Anunciamos a aparición nas librarías, primeira semana de novembro, da cuarta novela de Xabier Quiroga, O Cabo do Mundo.

«Que farías se non che quedase nada de vida?» Esta é a pregunta á que se dispón a responder un profesor diagnosticado de cancro terminal. Comeza así a súa procura do esencial da vida, unha investigación centrada en dúas teimas do pasado relacionadas co seu pai e coa muller que sempre amou. A urxente busca de si mesmo achegarao sen remisión ao cerne dun segredo amoroso e duns cruentos e agochados sucesos da represión franquista levada a cabo polas «brigadas do amencer» nas ribeiras Miño. Partindo dunha minuciosa investigación histórica, mesturando realidade e ficción, atesourando un extraordinario alento narrativo e unha prosa vizosa e moi fluída, reaparece Xabier Quiroga cunha novela memorable que nos conduce a outro suxestivo espazo literario onde a memoria e a identidade se confunden: O Cabo do Mundo.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Conexión Tubinga», crítica de Ramón Nicolás

Críticas, Narrativa, Premios_Xerais, Xerais_nos_medios

Ramón Nicolás publicou o pasado sábado no suplemento «Culturas« de La Voz de Galicia unha crítica sobre Conexión Tubinga, a novela de Alberto Canal finalista do Premio Xerais 2008.

A BUSCA DA PROPIA LIBERDADE

Non debería omitirse un comentario a unha novela aparecida hai xa algúns meses nas nosas librarías. Trátase de Conexión Tubinga, ópera prima dun autor que, con esta proposta, entra no noso sistema literario exhibindo uns criterios de calidade e de orixinalidade que ben cómpre salientar.
Malia a sensación de que o lector se enfrontará a un texto con arrecendo a dejà vú, dominado polas sospeitas e conxuras medievalistas, nada disto se atopará e, antes ben,  sorprende a súa solidez e, nalgunha medida, a súa singularidade, deixando que argumentalmente nos internemos polos vieiros dun  suposto conflito ou complot teolóxico actual no que ten moito que ver Tubinga e o seu centro de formación católica conservadora. Porque de catolicismo, e do amplo abano de doutrinas de pensamento dentro da Igrexa católica, nos fala este libro aínda que, ao meu ver, o verdadeiramente crucial desta historia o transluza o percorrido que o protagonista realiza, no medio de condicións moi adversas, de traizóns e enganos, cara a conseguir a súa propia liberdade.
Conexión Tubinga, deste xeito, revela ou desvela moitos aspectos que, para os leigos da materia, se revisten de interese, aínda que sexa soamente por asomarse a un mundo específico rexido polas súas propias leis; aspectos que igualmente deberían suscitar a atención a aqueles que poden estar máis involucrados nestes asuntos. A través das súas páxinas posibilítasenos o achegamento ás vivencias dun novizo nun seminario conciliar da vella Auria que, dun xeito casual ou polo seu propio carácter, vai verse inmerso nun torbeliño de acusacións e intrigas, provocando que nel medre unha confusión crecente cuxo elemento clave vai ser a prohibición da lectura do Existe Deus? de Hans Küng, teólogo enfrontado directamente coas xerarquías eclesiásticas dominantes. Velaí o nó da intriga, que permitirá acceder a un universo de relacións e de disensións que veñen de vello e que, na descuberta da cales, se disporá da oportunidade de coñecer ou recoñecer  a vida cotiá dos seminarios, as prohibicións e medidas coercitivas que neles aínda imperan, os férreos sistemas de control respecto da vida persoal ou as tensións doutrinais entre as diversas orientacións existentes, ata que o protagonista, logo de desafiar á autoridade, se vexa impelido a tomar unha decisión, por outro lado, bastante previsible.
Canal non esquece harmonizar a devandita intriga coas contradiccións de todo ser humano, de xeito que conviven nesta proposta o cotián coa teoloxía e a filosofía –non en van o protagonista, Tito Besteiro, dono dun destacado afán inquisitivo e dun espírito rebelde, adquire no novizado o alcume de Nietsche-, asomándonos así á figura do propio Jean Paul Sarte ou de Erich Fromm, e mais tamén a Raztinger, á Congregación da Doutrina da Fe e a outras institucións, sempre incorporadas ao discurso literario con naturalidade e verosimilitude.
En suma, unha novela estruturada con moito tino e cuxos contidos merecerían, penso, acendidos debates. Ademais, goza de pasaxes realmente conseguidas como as que reparan na descrición de Davinia, a panadeira do mosteiro, ou o segredo deste último no que un gato montés encerra a sorprendente clave da perpetuación da memoria. En definitiva, velaquí outra busca do arjé, da orixe das cousas, alén dos dogmas e rituais, algo que ao final se atopa no interior do personaxe de ficción. Proben e verán que non defrauda. Ramón Nicolás Rodríguez

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Suso de Toro fala de «Sete palabras»

19 outubro 2009

Autores, Entrevistas, Narrativa

No transcurso do café de redacción con Suso de Toro, publicado o pasado domingo por Xornal de Galicia, o autor compostelán fala da aparición da súa vindeira novela titulada Sete palabras.

Teño dous libros por diante, un algo por azar e outro intencionado. Nun fago unha selección de textos sobre arte e sociedade. Interesábame porque en castelán eu era coñecido como un novelista e agora como un opinador que anda en moitas frontes. Quería que os meus lectores en castelán puideran saber que escribía novelas ou relatos pero ao tempo reflexionaba. Sae en edición dixital pola crise e ademais era algo que me apetecía probar. O libro chámase Andar Tropezando. O outro libro viña de antes, dun aspecto moi metido dentro de min. En moitos dos meus libros os protagonistas sempre investigan o pasado, e eu empecei a buscar o meu pasado familiar. O libro é unha investigación que acabou sendo unha novela. Quixen saber ata quen era o meu avó, que non o sabía. Unha noite en Toro deime conta de que non sabía como se chamaba o pai do meu pai. É curioso como as historias familiares convértense en ocultas e o libro empezou así e acabou sendo unha novela de ficción. Acabei chamándoo Sete Palabras.

Velaí a presentación que da novela realiza a editorial:

Esta nova novela de Suso de Toro tómanos da man desde o comezo e fai que, empurrados pola intriga e pola emoción da súa lectura engaiolante, acompañemos ao protagonista nunha estraña viaxe cara á orixe para desvelar as claves da identidade persoal. Este relato é unha investigación radical e íntima, unha historia de familia, un retrato particular e colectivo dos humildes onde se acrisolan os diferentes xéneros literarios para achegarnos a esencia da vida. O autor fainos pasar da reflexión ao sorriso, con bravura e con tenrura, atopando nas experiencias da pobreza e da vida máis humilde as referencias primeiras que fundan a cultura occidental. Os lectores e lectoras agardan que Suso de Toro corra riscos con cada libro e afronte novos desafíos estéticos e temáticos. Esta novela sorprendente non defrauda estas expectativas xa que Suso de Toro, como fixera en Polaroid, Tic-Tac ou Trece badaladas, traza unha nova fronteira literaria.

Sete palabras aparecerá nas librarías na primeira semana de novembro, coincidindo coa súa publicación en formato e-book.

A foto de cuberta é de Delmi Álvarez.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Sol de Inverno», crítica en «Cartafol de libros»

Críticas, Narrativa, Premios_Xerais, Xerais_nos_medios

Reproducimos varios fragmentos do texto da crítica que Manuel Rodríguez Alonso publica en «Cartafol de libros» de Vieiros sobre Sol de Inverno, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Xerais 2009.

No mundo cultural galego a concesión do Premio Xerais é unha cerimonia clásica. Os premios poden ser inxustos ou mesmo estar suxeitos a intereses de promoción ou vendas, pero, nunha literatura e cultura normalizadas, son absolutamente necesarios. A difusión que adquiren grazas aos medios é especialmente valiosa nun caso como o da literatura galega, moitas veces invisible, xa non só nos medios galegos, senón mesmo nos escaparates das nosas librarías. Este novo premio Xerais, nesta liña, cumpre con ser unha novela accesible ao gran público, mais tamén ten unha notable calidade literaria, que ha de compracer os lectores máis esixentes.

O primeiro acerto desta novela é a estrutura. Unha narradora protagonista, Inverno, conta a historia da súa vida en segunda persoa, dirixíndose a ela mesma porque está a padecer o inicio da enfermidade de Alzheimer. Inverno relata a historia da súa vida aos cincuenta e tantos anos, cando comeza a padecer esta grave doenza. Relatará continuamente a historia da súa vida, para deste xeito non perder a memoria. Por iso, a novela no seu remate volve recomezar, pois Inverno, para non a esquecer, reiniciará outra volta a historia.
Pero esta estrutura ten así mesmo un claro valor de símbolo. A novela recrea a etapa da república, a guerra civil, o exilio dos republicanos, a revolución cubana ou o maio francés. A represión franquista ou a actual propaganda político-cultural do PP e dos seus xornalistas e intelectuais orgánicos que queren presentar Galicia como o espazo do conservadorismo, do antirrepublicanismo, en definitiva da reacción, cando iso non é certo. Pero, aínda máis, queren que os galegos ignoremos o noso pasado republicano e progresista, coma se fósemos unha comunidade con Alzheimer. A novela tenta que non se esqueza o pasado republicano e progresista de Galicia, os fusilamentos franquistas, o exilio, a represión. Non debemos caer como comunidade no Alzheimer histórico.

A novela abarca desde a primavera do 36 ata a primavera do maio do 68 francés, que Inverno lembra nesa segunda persoa autorreflexiva, contándose a sí mesma a súa vida, mais tamén a da súa familia e a da súa comunidade. Pasamos así polos tempos da República, as misión Pedagóxicas, a Guerra Civil, especialmente en Barcelona, ou o exilio francés e americano. A novela mestura a ficción cos personaxes reais (Rafael Dieste e a súa dona Carmen nas Misión Pedagóxicas, Castelao e a revista Nova Galiza). Más adiante, xa na Habana, o pai de Inverno aparece loitando ao lado de Fidel Castro ou do Che. Esta mestura de ficción e realidade é así mesmo un acerto.
Mais tamén é un acerto, no eido da recuperación da memoria histórica ou simplemente da historia, a interpretación que a novelista fai de Galicia. Galicia e os galegos non son o conservadorismo nin o ruralismo, nin o egoísmo propio do minifundista, que espalla por aí a visión turística ou da dereita galega. Galicia é progreso, é republicanismo, laicismo. Non hai que esquecer esa Galicia, posiblemente moito máis importante ca a outra.

A autora acerta de cheo na representación do ambiente da República, especialmente nas aldeas galegas, da resistencia dos antifascistas en Barcelona ou do exilio tras o triunfo do franquismo (as páxinas dedicadas ao viaxe do Ipanema cara a México cheo de exiliados republicanos é moi boa). Así mesmo na presentación da emigración e do exilio galegos na Habana, sen ningún tipo de idealismo e dun xeito obxectivo, coa loita entre fascistas e republicanos trasladada ao ambiente da Habana.

Cremos tamén acerto a presentación da aldea de Antes ou mesmo da Habana de Luzdivina con técnicas propias do realismo máxico. Así mesmo cómpre salientar a boa linguaxe poética dalgunhas descricións: a morte de Fiz é representada como atravesado polas fouces da terra (páx. 42) ou un ceo de lóstregos é ceo enroscado de escánceres (páx. 75).

Falla, ao noso entender, a autora na creación dalgúns personaxes. O pai, como eterno revolucionario, que loita tanto na República coma no castrismo ou no maio francés, non resulta verosímil. Deixa de explotar, por outra banda, o sentimento da nai de Inverno, Felicia, cara ao pai, ese amor cego, que non pide nada a cambio e que todo atura, por máis que presente o conflito na nai entre o amor cara ao pai e ideoloxía política distinta. Personaxes como o pai de Felicia, Ezequiel, ou o de Luzdivina resultan tópicos de máis. Mesmo ás veces os recursos argumentais ou a caracterización dos personaxes cheira demasiado a folletín. Mais non se pode acertar en todo.

A novela, no eido tan importante da memoria histórica, realiza unha función mitofáxica, ou de destrución de mitos (a Galicia conservadora, franquista, antirrepublicana), mais tamén mitoxénica: recreación dunha Galicia progresista, republicana e laica, que nos queren non só agochar, senón facer esquecer. Xa dixemos enriba quen son eses axentes do esquecemento: os mesmos que queren facer desaparecer o galego. Xa que logo, parabéns á novela por este propósito ben acadado.
[...]

Cómpre salientar a calidade deste libro como obxecto artístico, pois a portada de Fran Herbello é un acerto, a partir dunha imaxe do propio texto, o sabor doce da cereixa madura e do amargo da verde. O relato, co fracaso da República, mais co triunfo á fin de contas da súa ideoloxía, deixa certamente este sabor agridoce. Manuel Rodríguez Alonso

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Xabier DoCampo, “nun lugar dos soños”

Autores, Homenaxes

Organizado polo club de lectura da Asociación Xermolos e pola Irmandade Manuel María, o vindeiro sábado, 24 de outubro, terá lugar no Muíño do Rañego de Vilalba, baixo a denominación de "Nun lugar dos soños", unha homenaxe ao escritor Xabier DoCampo. Os actos comezarán ás 12:00 do mediodía cunha mesa redonda na que participarán Fina Casalderrey, Xosé Cobas, María Xesús Fernández, Agustín Fernández Paz, Antía Otero, Mercedes Queixas e David Otero. A continuación, terá lugar a colocación do cuarto hectómetro literario no Paseo dos Soños. Os actos rematarán cun xantar de irmandade no restaurante A Nova Ruta de Vilalba (para apuntarse chamar ao teléfono 646413890)

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«O recendo das mimosas», crítica de Xosé Manuel Eyré

16 outubro 2009

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

O pasado 8 de outubro, Xosé Manuel Eyre publicou no semanario A Nosa Terra unha crítica sobre O recendo das mimosas, o libro de relatos cos que se estrea na colección Narrativa Agustín Agra. Baixo o título de «Agustín Agra e o labirinto da lectura comprometida», Eyré comeza o seu texto salientando que Agra é un autor que dispón os seus textos de forma que a súa lectura suscita no lector unha «lectura comprometida, chámeselle política se quer, antinarcótica, activa».

O recendo das mimosas presentarase hoxe, ás 20:30 horas na Casa de Cultura de Noia.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«O recendo das mimosas» no «Faro da Cultura»

15 outubro 2009

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

Francisco Martínez Bouzas publicou no «Faro da Cultura» do pasado 8 de outubro unha crítica d' O recendo das mimosas, o libro de relatos de Agustín Agra. Tras repasar a diversidade temática da ducia de relatos, o crítico conclúe que estamos diante dunha «escolma moi heteroxénea e desigual, non exenta de riscos e ousadías formais, como é o caso dun acontecemento narrado por varias voces. E intres ateigados de emoción e creatividade, postos ao servizo da literatura, e comprometidos coa historia e coa verdade.»

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Herta Muüller, a linguaxe e o perigo da verdade»

Narrativa, Opinións_lectores/as, Premios, Traducións

Recollemos os primeiros parágrafos da anotación de Xosé Manuel Eyré sobre a concesión do premio Nobel 2009 a Herta Müller e a edición en galego da súa novela O home é unha grande faisán no mundo:

Anda a xente aínda coa sorpresa. Ninguén contaba con ela, e velaí está. Ando lendo a novela que traduciu Frank Meyer ao galego, unha preciosa tradución, por certo. Xerais leva uns aniños ben afortunados, tanto con Pinter, como LeClezio, e agora chega Herta e tamén a teñen en catálogo. O traballo ben feito sempre ten recompensa; apostar pola Literatura con maiúscula, tamén. Velaí.

O que xa me gusta menos é a edición, o deseño editorial. Imaxino que Xerais querería tela, agora, noutra colección. Non me gusta porque desfigura. Semella unha noveliña (diminutivo afectuoso, polo tamaño) o que en realidade é unha grande novela. Levo a metade lida e, a verdade, agrádame moito.

Cando digo que desfigura, refírome ao amoreamento. Os capítulos sucédense sen espazo a repousar a lectura; obrigan a unha lectura moi mecánica, en exceso. De se fuxir dese exceso, a novela tería outra presentación, e unha lectura máis acorde ao tipo de escrita da autora. Unha escrita que valora moito a densidade semántica da palabra, a densidade e a precisión. Como tamén valora moito a capacidade expansiva do lector e a lectura, por iso mesmo semella dun certo minimalismo, se se quere camuflado de detallismo.

Lidas as primeiras referencias,  e lido o lido, comezo a ter a mosca detrás da orella. A dúbida. Ou temor. A que tanto se fale da súa linguaxe que iso leve a esquecer a inescusábel finalidade denunciadora da súa obra. Así, por exemplo, non será raro que a prensa de dereitas use iso para calar o outro. Perversión como esta son pan de cada día. Perversións que moi malintencionadamente pretenden condicionar a lectura... Xosé Manuel Eyré

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«A dama da Luz», presentación en Vigo

Infantil, Noticias, Presentacións, Álbums

O vindeiro luns, 19 de outubro, ás 20:00 horas presentarase na Casa do Libro de Vigo o álbum A dama da Luz. No acto intervirán Agustín Fernández Paz (autor do texto), Jorge Magutis (autor das ilustracións) e Helena Pérez (editora do álbum).

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Xerais, próximas novidades infantís e xuvenís

Cine, Fóra de Xogo, Fóra_de_colección, Infantil, Merlín, Noticias, Polo correo do vento, Premios_Xerais, Teatro

Anunciamos o programa de novidades infantís e xuvenís preprado pola editorial até finais de 2009:

XERAIS MERLÍN

XERAIS FÓRA DE XOGO

XERAIS POLO CORREO DO VENTO

XERAIS INFANTIL E XUVENIL FÓRA DE COLECCIÓN

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Voces á orella», campaña de dinamización lingüística 2009, «Amancio Amigo»

14 outubro 2009

Infantil, Noticias, Voces á orella

Dentro do programa de dinamización lingüística «Bocaberta» realizado en colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e as distintas editoriais, Xerais organizou a campaña «Voces á orella» que consta de dous espectáculos teatrais e un de maxia: «Ratiña Linda» da compañía Casahamlet; «Os soños na gaiola» da compañía do Trinke-Trinke e o espectáculo de maxia de Cali o Mago «Amancio Amigo».

Despois da lectura marabillosa de Amancio Amigo e O Meigo de Salamanca de Xosé Miranda, Cali O Mago  preséntanos un espectáculo cheo de maxia e ilusión dirixido a rapaces e rapazas de once a trece anos. Un percorrido polos efectos máxicos máis coloridos e fantásticos. Na procura dese espazo de inocencia que transmiten os libros e a súa lectura, a maxia que xorde como por arte de encantamento fai o espectáculo divertido e comunicativo. Na busca sempre da atmosfera máxica con toda a súa emoción.

De Amancio Amigo fixéronse dúas representacións en cada unha destas cidades:

26 maio 10,30 h. /12,30 h. Auditorio de Vilagarcía.

 

3 xuño 10,30 h. /12,30 h. Teatro Principal de Santiago.

No mes de outubro terán lugar dúas representacións en cada unha destas localidades:

19 de outubro 10,30 h. /12,30 h. Teatro G. García Márquez en Mera-Oleiros.

 

21 outubro 10,30 h. /12,30 h. Casa da Cultura de Barbadás.

23 outubro 10,30 / 12,30 h. Auditorio Municipal de Cangas.

27 outubro 10,30 / 12,30 h.  Teatro Jofre de Ferrol.

28 outubro 10,30 / 12,30 h. Casa da Cultura de San Ciprián en Cervo.

29 outubro 10,30 h. /12,30 h. Auditorio Fundación Caixa Galicia na Coruña.

3 novembro 10,30 h. /12,30 h. Auditorio Municipal de Ribeira.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Voces á orella», campaña de dinamización lingüística 2009, «Os soños na gaiola»

Infantil, Noticias, Teatro, Voces á orella

Dentro do programa de dinamización lingüística «Bocaberta» realizado en colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e as distintas editoriais, Xerais organizou a campaña «Voces á orella» que consta de dous espectáculos teatrais e un de maxia: «Ratiña Linda» da compañía Casahamlet; «Os soños na gaiola» da compañía do Trinke-Trinke e o espectáculo de maxia de Cali o Mago «Amancio Amigo».

"Os soños na gaiola" da Compañía do Trinke Trinke, dirixido a nenos e nenas de oito a dez anos, constitúe unha homenaxe ao poeta Manuel María e ao cantautor Suso Vaamonde, que musicara os seus versos. Unha función na que, empregando a música e o xogo, se dan a coñecer parte dos poemas d’ Os soños na gaiola, libro senlleiro na lírica galega dedicada á infancia, publicado dentro da colección «Merlín» de Xerais.

Un velliño procedente do mundo rural pasa os últimos días da súa vida vivindo nun piso dunha filla, en calquera cidade galega. Un día recibe a visita da súa neta, que é unha moza á que non ve desde hai anos. A través de distintos obxectos que o vello conserva nun baúl, e a través das poesías de Manuel María, avó e neta van lembrar a non tan lonxana vida na aldea.

No mes de xuño representouse nas seguintes localidades con dúas representacións en cada unha delas:

1 xuño 10,30 h. /12,30 h. Forum Metropolitano da Coruña.

 

 

2 xuño 10,30 h. /12,30 h. Auditorio Municipal de Ourense.

3 xuño 10,30 h. /12,30 h. Multiusos de Redondela.

No mes de novembro están previstas as seguintes localidades con dúas representacións en cada unha delas:

4 novembro 10,30 h. /12,30 h. Auditorio Centro Cultural Caixanova de Vigo.

 

5 novembro 10,30 h. /12,30 h. Teatro Municipal Lauro Olmo no Barco.

17 novembro 10,30 h. /12,00 h. Auditorio Municipal Hernán Naval en Ribadeo.

24 novembro 10,30 h. /12,30 h. Edificio Servicios Múltiples de Culleredo.

25 novembro 10,30 h. /12,00 h. Casa da Cultura de Burela.

26 novembro 10,30 h. /12,30 h. Auditorio Municipal de Cambados.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Voces á orella», campaña de dinamización lingüística 2009, «Ratiña Linda»

Infantil, Noticias, Teatro, Voces á orella

Dentro do programa de dinamización lingüística «Bocaberta» realizado en colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e as distintas editoriais, Xerais organizou a campaña «Voces á orella» que consta de dous espectáculos teatrais e un de maxia: «Ratiña Linda» da compañía Casahamlet; «Os soños na gaiola» da compañía do Trinke-Trinke e o espectáculo de maxia de Cali o Mago «Amancio Amigo».

"Ratiña Linda" de Casahamlet, dirixida por Santiago Fernández,  é unha obra teatral de  Manuel Lourenzo que adapta libremente o texto de Rata linda de Compostela de Bernardino Graña.  Cunha duración de corenta minutos e dous actores en escea (Chus Álvarez e Antonio López Rico), a obra percorreu xa,  nos meses de maio e xuño as localidades de:

19 maio 10,30 h. /12,00 h. Auditorio Municipal de Cangas.

20 maio 10,30 h. /12,00 h. Casa da Cultura de Ordes.

21 maio 10,30 h. /12,00 h. Multiusos de Mos.

22 maio 10,30 h. /12,00 h. Casa da Cultura de Xinzo.

28 maio 10,30 / 12,00 h. Casa da Cultura do Milladoiro. Ames.

1 xuño 12,00 h. /18,00 h. Biblioteca Municipal Gondomar con Espazo Lectura.

4 xuño 10,30 / 12,00 h. Auditorio Municipal Caldas de Reis.

Na segunda fase da campaña, meses de outubro e novembro, haberá dúas representacións nas seguintes localidades:

6 outubro 10,30 h. /12,00 h. Auditorio do Multiusos de Rois.

 14 outubro 10,30 h. /12,00 h. Auditorio Municipal de Cariño.

 15 outubro 10,30 h. /12,00 h. Casa da Cultura de Foz.

 20 outubro 10,30 h. /12,00 h. Biblioteca Municipal de Pontecesures.

 22 outubro 10,30 h. /12,00 h. Biblioteca Municipal de Moraña.

 3 novembro 10,30 h. /12,00 h. Auditorio Municipal do Carballiño.

 4 novembro 10,30 h. /12,00 h. Biblioteca Municipal de Barro.

5 novembro 10,30 h. /12,00 h. Casa da Cultura de Lousame.

18 novembro 10,30 h. /12,00 h. Novo Salón Teatro de Lalín.

24 novembro 10,00 h. /11,30 h. Casa da Xuventude de Mondoñedo.

27 novembro 10,30 h. /12,00 h. Casa da Cultura de Meis.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Xerais, próximas novidades literarias

Crónica, Narrativa, Noticias, Teatro

Anunciamos o programa de novidades literarias preparado pola editorial até finais de 2009.

XERAIS NARRATIVA

XERAIS CRÓNICA

  • Episodios galegos, Manuel O' Rivas (aparición librarías terceira semana de novembro).
  • Melancolía de sofá, Luisa Castro (aparición librarías terceira semana de novembro).

XERAIS / AGADIC BIBLIOTECA DRAMÁTICA GALEGA

  • Delimvois, Rubén Ruibal (aparición librarías terceira semana de novembro).

XERAIS CLÁSICOS

XERAIS BIBLIOTECA DAS LETRAS GALEGAS

XERAIS MANUAIS

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«O recendo das mimosas», presentación en Noia

13 outubro 2009

Narrativa, Noticias, Presentacións

O vindeiro venres, 16 de outubro, ás 20:30 horas presentarase na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos de Noia O recendo das mimosas, o primeiro libro de relatos de Agustín Agra. No acto o autor estará acompañado de Xosé Ricardo Losada e Manuel Bragado. O acto esta coorganizado pola Asociación Cultural Barbantia e Xerais.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Homenaxe a Ramiro Fonte

Autores, Homenaxes, Noticias, Poesía, Presentacións

O vindeiro sábado, 17 de outubro, ás 12:00 da mañá, no Auditorio do Museo do Mar de Galicia, en Alcabre, homenaxearemos a Ramiro Fonte, con motivo do primeiro ano do seu pasamento. No acto presentaranse tres libros, as edicións dos seus  poemarios derradeiros, Reversos e Xardín do pasatempo, e Ramiro Fonte, o libro dos amigos, unha obra colectiva na que rendemos tributo á memoria humana e literaria de Ramiro.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Escapado», a novela en palabras de Luís Lamela, o seu autor

12 outubro 2009

Crónica, Presentacións

Escapado. Do monte do Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón é unha novela que camiña entre dúas voces, dúas miradas, a do protagonista ao que a memoria achégalle aos días dunha amarga experiencia, e a investigador ou narrador que manipula os elementos históricos achegando entre outros factores, criaturas de ficción con nomes reais. Con seguridade, non hai un personaxe na novela que non puidese existir. Todos eles existiron na historia desta terra galega, todos...

Este libro, pois, é unha obra miscelánea, que ten moito de biografía, bastante de novela, algo de ensaio e moito de aventura e investigación. Un texto mestizo onde os recursos literarios e ensaísticos amplíanse e entrecrúzanse sen problemas para reflexionar en forma narrativa. A relación entre a historia que se conta e os feitos realmente acontecidos, forman, sen ningunha dúbida, unha relación literaria. E, é que, a vida en si é unha narración, reducíndose a historia a unha especie de milagre que ninguén pode garantir que puidese ocorrer. É como porlle rostro a unha metáfora.

Para escribir este relato, Escapado, utilicei material histórico, nun traballo de arqueoloxía tamén histórica, aínda que non quixen escribir un libro fiel a historia. Fantaseei a partir dunha realidade, respectando feitos capitais, aínda que dándolle un tratamento novelesco a moitos dos personaxes que nel aparecen.

E é que, a historia que aquí cóntase, a estas alturas do século XXI poucos xa sabían dela. Estaba tragado polo esquecemento. Con todo, todas foron vidas que se diluíron coa guerra civil, os exilios en Francia, en Chile ou en Estados Unidos e nos campos de exterminio nazis alemáns. Homes, todos eles veciños dos pobos e aldeas, neste caso da Costa da Morte, extensibles a toda Galicia, que tiñan soños de liberdade republicana, exterminados na guerra, derrubados na guerra coa razón dos vencidos.

Todos sabemos que a realidade supera con moito a ficción. Teófilo Caamaño, o personaxe central do libro, ou calquera outro nome que salfire estas 262 páxinas, foron homes de carne e óso, aínda que algúns feitos teñan indubidablemente un aspecto novelado. Repetimos, mestúrase, inequivocamente, a ficción coa realidade, pero é a historia duns desventurados que desapareceron da súa terra coa sublevación franquista. Con todos eles quero encher de nomes de obreiros, de mariñeiros, de empregados ou de campesiños, a historia desta terra, a historia de Galicia, nunha época aos que lle caeron todas as certezas nas que foran educados...

Unha novela con aspectos de crónica e con moita descrición da paisaxe da Costa da Morte, con vontade de ficción, e con decorado montado na época dramática dunha guerra civil. Unha novela que é á vez conto e profunda verdade. Unha biografía histórica bordada no invisible lenzo da ficción, da confusión da ficción e a biografía. Volvo repetir, que o imaxinario do autor non creou personaxes nin situacións. Aos personaxes reais, creóuselles situacións reais, aínda que quizais non todas elas vividas polos personaxes que se citan. Son todas historias particulares que se saldan entre si con preferencia por referir a historia das xentes sen historia –por razón de clase, os pobres, ou de ideoloxía, os perseguidos-. Confeso que deformei dalguhna forma a literatura dos informes militares, xudiciais ou policiais, para facela máis novelesca, aínda que sexa novelesco simplemente lelos, deixando entrever o desenlace desde as primeiras páxinas para permitir que a historia creza cos personaxes, sen as constricións dunha trama demasiado ríxida.

Definitivamente, a novela Escapado é precisamente unha historia que trata do esquecemento e da memoria dos “escapados” do monte de Pindo no verán de 1936 e de varios mozos de Fisterra e da Costa da Morte, que, alistados forzosamente no exército franquista, desertaron e pasaron ás filas do exército republicano, así como episodios importantes acontecidos no penal da illa de San Simón a personaxes desta terra, todos eles vinculados por relacións de amizade, ou pola súa orixe xeográfica, caídos nunha insoportable trampa da historia española do século XX, unha historia pefectamente extrapolable aos demais fuxidos da xeografía galega de 1936. Por todo iso, coa súa lectura coñecerán, polo menos, de onde vimos e por que somos como somos....

Este libro que hoxe presentamos nesta festa de recuperación da memoria histórica dos “escapados” e tamén de homenaxe a todos eles, que hoxe reaparecen no tecido narrativo do texto como personaxes vivos, ao retratalos con sentimento, tamén narrativo, conta a traxedia dun puñado de homes reunidos por distintos azares no monte ou nas frontes de batalla, sufrindo o drama dunha terrible e inevitable guerra civil na que non quixeron participar e durante a cal perdérono todo, desde a Patria e a familia ata os desexos, aprendendo enseguida que ata os soños máis modestos e mediocres arruínanse e malógranse...

As primeiras páxinas do libro comezan co regreso ao Pindo de Teófilo Caamaño Formoso, alcumado “O Cantolo” na súa mocidade, un ancián de 83 anos de idade e máis de 60 no exilio, un home sen acougo, perdido entre o pasado que xa non existe e o presente no que non acaba de atopar o seu lugar. Cheo de vellas cicatrices, volve aos albores do seu mundo nunha peregrinación aos lugares sacros, a aqueles días de incerteza e soños, e nunha mestura de desilusión e desesperación histórica conta golpe a golpe a súa vida, recordando o camiño percorrido e evocando e traendo ao presente en 32 capítulos a aventura sufrida por decenas de mozos a partir do mes de xullo de 1936, naquela agreste paisaxe de “escapados”, choupando nas augas procelosas da memoria, intentando completar, tesela a tesela, ese mosaico da súa propia historia e a dos seus compañeiros de fuxida...

E a través desta galería de personaxes, tamén aparecen varios dos que lles perseguiron e que conseguiron converter a súa vida nun inferno, describindo as torturas practicadas polas novas autoridades franquistas en Corcubión; a liturxia dos consellos de guerra aos que algúns foron sometidos; o aparato represivo franquista utilizado nas “sacas” e os “paseos”; as peripecias e as penurias e as condicións de vida inhumanas durante a estancia nos penais do castelo de San Felipe de Ferrol e na illa de San Simón; as extorsións económicas aos detidos; a corrupción dos funcionarios de Prisións; a tortura física e psicolóxica, as inxusticias diarias, o medo e a impotencia dos presos como pano de fondo nun escenario convulso, a inclemencia de certos sacerdotes abrazados á causa franquista; o secuestro e fuxida do pesqueiro muradán “AS”, así como o encontro cos desertores fisterráns; a traxedia dos campos de batalla nas frontes do Ebro; a derrota final da II República, o exilio e o campo de refuxiados francés de Septfonds; o Winninpeg e o exilio americano; o campo de exterminio nazi de Mauthausen, e a invasión do Val de Arán; todo iso realidades irrefutables, un puñado de historias entrelazadas para vencer o esquecemento, retratando as sombras dos mortos ao borde do axuste de contas, e, finalmente, a sorpresa dun desenlace que non podemos desvelar...

Se cadra, este libro, Escapado, que representa unha caixa negra que rexistra as causas do desastre, pode non resultar para algúns interesante, pero sei que lle resultará importante, porque con el irrompe outro deus: a Historia, recuperando defuntos esquecidos que agora pasarán a formar parte das nosas pantasmas, confirmando a realidade de que a miúdo somos o resultado dos esforzos que outros fixeron por nós. Rógolles, pois, que fagan caso a Teófilo Caamaño, que, desde a súa atalaia da Pedra Cabalgada, no alto do monte do Pindo, grita nestas páxinas: ¡Escoitádeme con atención, porque cando eu morra non quedará ninguén que vos poida contar isto!... Luís Lamela

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Pirata», presentación en Compostela

Narrativa, Noticias, Presentacións

O vindeiro mércores, 14 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago presentarase Pirata, a máis recente novela de María Reimóndez. Acompañarán á autora o músico Xabier Díaz e a escritora Marilar Aleixandre.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Leocadio, o león»: «lectura deliciosa»

Críticas, Infantil, Merlín, Xerais_nos_medios

Paula Fernández publicou no «Faro da Cultura» do pasado 8 de outubro, baixo o título de «Lectura deliciosa» unha crítica de Leocadio, o león, o libro de Oli, ilustrado por Teresa Novoa, publicado na colección Merlín.

O escritor cangués Xosé Manuel González, Oli, autor e tradutor dedicado por enteiro á literatura infantil preséntanos en Leocadio, o león, o seu último libro, un personaxe que loita contra todo o establecido, -ou mellor dito contra o que outros estableceron para el-, que tenta ser diferente, malia o que pensen os demais, e que amosa a todos os lectores a importancia do dereito a decidir por un mesmo, o valor e a relevancia que ten a amizade na vida de cada un e, tamén grazas ao bo quefacer do autor, a necesidade de inserir no día a día a fantasía, o humor  e a imaxinación.

Coma se dun filme se tratase trasladámonos á sabana africana onde o pobre Leocadio non dá atopado o seu lugar no mundo. Non goza cazando nin pelexando, senón que prefire xogar con outros animais ou mesmo divertirse cos nenos. Algo imperdoable para os seus pais que deciden abandonalo a ver se espabila. Mais lonxe de endurecerse, o inocente Leocadio consegue o cariño do matrimonio Mayer, que o levarán, coma quen acolle un doce gatiño, ao seu rancho en América. Nese novo lugar o león conseguirá ser feliz, dedicarse ao que realmente lle gusta e converterse no león máis famoso do mundo. Ese tan familiar para todos e que ten presentado un bo número de filmes nas pantallas do cine e da televisión.

Toda unha historia de superación e de soños que resulta enormemente tenra para quen le ao tempo que aúna as características dicotómicas de fantasiosa e verosímil, sen dúbida grazas  a esa atmosfera cinematográfica que a envolve, e á que contribúen con grande acerto as ilustracións de Teresa Novoa, quen realizou un traballo plástico que ambienta e percorre os acontecementos narrados dunha maneira excelente.

Unha prosa áxil, asequible e do gusto dos lectores máis novos mais sobre todo interesante, capaz de captar e manter a súa atención, gañar a súa complicidade e conseguir o seu sorriso, que non esquece a axuda que presta a literatura á formación vital dos meniños e meniñas que len e a súa importancia á hora de crear mentes lúcidas e conciencias críticas.

Todo un xeito de aprendizaxe en forma de lectura deliciosa. Paula Fernández

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Herta Müller, Nobel en galego»

11 outubro 2009

Autores, Natureza, Premios, Traducións, Xerais_nos_medios

Manuel Bragado publicou en Faro de Vigo un artigo sobre a concesión do Premio Nobel de Literatura á escritora alemá Herta Müller e a edición en galego realizada por Xerais dunha das súas novelas, O home é un grande faisán no mundo.

Os dous Nobel anunciados esta semana provocaron sorpresa inicial e polémica posterior en todos os medios. O de Literatura, outorgado pola Academia Sueca a Herta Müller, escritora alemá de nacionalidade romanesa, a pesar de ser unha das escritoras máis lidas en Alemaña, por non tratarse dun deses nomes do universo das letras que un ano si e outro tamén se repiten nas quinielas do máis popular e mellor dotado premio literario do mundo. O da Paz, outorgado polo Comité Nobel Noruegués do Parlamento Noruegués a Barack Obama, polo feito discutible que apenas en nove meses de mandato o presidente estadounidense –sen quitarlle mérito ningún a algunhas das súa iniciativas e discursos e sen esquecer as súas vacilacións en Guantánamo e Afganistán– fose considerada "a persoa que traballou máis ou mellor a prol da fraternidade entre as nacións, a abolición ou redución dos exércitos existentes e a celebración e promoción de procesos de paz". Sexa coma fose, nun caso coma noutro, a "polémica" provocada pola decisión de ambos os dous xurados nórdicos alenta a popularidade e consolida a influencia duns premios centenarios creados polo inventor da dinamita.
No entanto, ten particular interés e significado para nós o premio concedido a Herta Müller, escritora que descubrimos en 2001 da man de María Xosé Queizán, a directora da serie "As literatas" de Xerais, que nos propuxo editar a novela O home é un grande faisán no mundo. Soubemos, entón, grazas ao estudo introdutorio preparado por Marga Romero, boa coñecedora da literatura alemá contemporánea, da traxectoria desta muller nacida en Nitzkydorf, localidade do Banato, antiga república centro europea hoxe dacabalo de tres estados Romanía, Hungría e Serbia, onde vive dende o século XVIII unha importante comunidade suaba que mantén a súa lingua, costumes e crenzas alemáns. Soubemos da peripecia biográfica desta narradora e poeta da comunidade suaba do Banato, formada na Universidade de Timisoara e perseguida polo réxime de Nicolae Ceausescu tras a publicación incompleta (chapodada pola censura) en 1982, cando traballaba como profesora, do seu primeiro libro Niederungen (Tierras bajas, a súa primeira obra en castelán, editada en 1990 por Siruela), quince relatos localizados nun mundo rural pechado e opresivo, espazo literario de boa parte das súas obras posteriores. Tras negarse a traballar para o servizo secreto romanés, prohibíuselle publicar na súa terra natal, foi perseguida tanto na súas actividades profesionais coma privadas e foi elixida como Representante da Minoría Suaba de Romanía, o que a obrigará en 1987 a fuxir a Berlín, cidade na que se instalou e na que, dende entón, desenvolveu a súa actividade literaria. En 1995 ingresou na Academia da Lingua Alemá e, dende entón, recibiu algúns dos premios literarios alemáns máis coñecidos.
Máis alá de ter noticias sobre a heroica traxectoria biográfica desta autora perseguida pola ditadura romanesa, que ademais de defender os dereitos da minoría suaba á que pertence, tamén o fixo cos do pobo cigano, aconsello achegarse a súa única obra dispoñible polo momento entre nós, a novela O home é un grande faisán no mundo (editada en galego por Xerais e en castelán por Siruela); un fermoso título recollido dun refrán romanés que para Marga Romero "traslada a imaxe da torpeza do faisán, impedido en voar verdadeiramente, á torpeza e desgracia do home". Esta narración, indubidablemente triste, é o relato poético da espera interminable dunha familia suaba, nacida no Banato, que agarda por un pasaporte que lle permita emigrar a Alemaña. Un relato fermoso sobre unha fuxida, onde está sempre presente unha paisaxe abafante poboada por animais e vexetais que nos transmiten crenzas populares, que nos dan conta da vida deses seres que como o faisán no mundo son sufridores dos golpes da vida. Argumento achegado á peripecia biográfica de Müller, que acabamos de relatar, e onde están presentes os temas que lle son propios: os territorios do desamparo, da pobreza e da exploración das fronteiras, de todas as fronteiras, dende as xeográficas, lingüísticas, políticas ás mentais. Un relato narrado por medio dunha prosa poética moi coidada na que percibimos unha permanente tensión entre o relato da vida cotián e a reflexión sobre a realidade política. Un libro clave para coñecer á Nobel.
Comentario á parte merece que unha vez máis, o noso humilde sector da edición en galego, estea presente nesta festa mundial da literatura que é o Nobel. Xa é a cuarta ocasión nos últimos seis anos nos que o Nobel recae nun autor ou autora con obra que publicamos previamente en galego. Así sucedeu en 2004 con Elfriede Jelinek, en 2005 con Harold Pinter, en 2008 con J.M.G Le Clézio e, agora, en 2009 con Herta Müller. Unha fachenda para todos. Manuel Bragado

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«O libro galego, fillo da autonomía»

10 outubro 2009

Noticias, Reportaxes, Xerais_nos_medios

A.Losada publica en «Nós», suplemento de Xornal de Galicia unha reportaxe sobre o alborexar da edición profesional en Galicia, coincidindo coa efeméride da constitución de Edicións Xerais de Galicia. Recóllense as opinións de varios editores e inclúense algunhas fotografías documentais  pertencentes ao arquivo histórico da nosa editorial. Un texto que moi interesante que contribúe a mellor coñecer a historia da edición en Galicia.

En 1977 publicáronse sesenta libros en galego, grazas ao traballo de sete editoriais, segundo explica Henrique Alvarellos, herdeiro do fundador de Alvarellos Editora, que naceu ese mesmo ano. Eran os tempos nos que a morte de Franco era aínda unha lembranza fresca, e nos que unha certa relaxación –que non desaparición– da censura permitiu que a edición de libros en linguas distintas do castelán “se convertese nun negocio de mercado, e non de resistencia, como era ata o momento”, afirma Víctor Freixanes, director da Editorial Galaxia.

Alimentadas polo Estatuto de 1981, e pola Lei de Normalización Lingüística de 1983, que lle abriu o sistema educativo ao galego, comezaron a agromar. Algunhas desas editoriais faleceron nos anos que van dende aquela Transición ata hoxe. Outras seguen, como a propia Galaxia, Alvarellos, Sotelo Blanco, Ediciós do Castro, A Nosa Terra ou Edicións Xerais de Galicia, que esta semana celebrou os seus 30 anos, “mantendo sempre unha conversa co seu tempo”, segundo di Manuel Bragado, o actual director.

O fundador de Xerais foi Xulián Maure, que traballaba ata 1979 en Anaya, onde se encargaba da colección Lúa Nova de libros de lectura escolar. “Vin como o País Vasco e Cataluña estaban a apostar forte por introducir libros nas súas linguas dentro do sistema educativo, mentres en Galicia había pouco movemento nesa dirección –lembra Maure– Chamei a Ramón Piñeiro para propoñerlle unha liña de libros para a escola dentro de Galaxia, pero díxome que non había cartos. Así que fun falar con Germán Sánchez Ruipérez, director de Anaya, e foi el quen puxo os cartos para o que foi Edicións Xerais de Galicia”. Maure recoñece que “o labor de Galaxia tivo un gran mérito, pero naqueles anos tiñan unha visión algo reducida, só sacaban poesía, narrativa e algo de ensaio”. O nome, Xerais, indicaba xa que a intención era abarcar todos os campos e os públicos posibles.

Isaac Díaz Pardo, responsable hoxe como entón de Ediciós do Castro –fundada en 1963–, explica que eles sempre mantiveron un espírito afastado do comercial “editando libros que o merecían aínda que non gañasen cartos”, libros coidados e de autor, unha postura da que se afastarían as editoriais que están a nacer naqueles anos.

Enrique Acuña, responsable d’A Nosa Terra Edicións –fundada en 1987, pero herdeira da centenaria tradición do semanario A Nosa Terra– fala daqueles anos nos que o Estatuto intentaba superar a aldraxe como duns “tempos autodidactas, nos que se apostaba polos contidos xeralistas para cubrir as moitas materias pendentes que tiña o libro en galego”, no eido educativo, científico, no libro de peto, infantil, ou nas guías de viaxe, enciclopedias e dicionarios.

“Os libros de finais dos 70 eran libros populares, para espallar unha cultura que se estaba a reconstruír”, di Alvarellos, que lembra como seu pai publicou a Historia de Galicia de Benito Vicetto, sete tomos a 500 pesetas cada un, ao igual que Xerais puxo no mercado os doce volumes de Galicia Enteira, de Xosé Laredo.

Olegario Sotelo Blanco, fundador da editorial do mesmo nome en 1980, explica que “había grandes autores, pero poucas posibilidades”. En Galicia, de feito, había poucas imprentas e encadernadores dispoñibles, polo que Sotelo ao comezo “mandaba os libros a facerse en Portugal, mentres outros os mandaban a Cataluña”.

Xulián Maure lembra tamén como a súa casa foi a única oficina de Xerais durante os primeiros anos de traballo, e como Agustín Fernández Paz, hoxe Premio Nacional de Literatura, lle daba os últimos retoques aos seus libros no medio e medio da cociña. Ou como Manolo Rivas, hoxe un autor consagrado, lle mandou o seu primeiro manuscrito escrito nun galego non normativo: “Pedínlle que o refixera, porque non tiña sentido ensinarlle aos nenos unhas normas na escola e logo rompelas nos libros. Publicamos corrixido o que logo foi Todo ben”, a primeira novela do coruñés, publicada en 1985.

Todas as fontes consultadas coinciden en que as editoriais foron uns efectivos axentes da normalización da lingua, polo menos “tanto como a aparición da CTRVG no 1984”, di Víctor Freixanes. Dende finais dos 70 prepararon un terreo ao que se foron sumando nos 80 nomes como Edicións do Cumio, Ir Indo ou a propia A Nosa Terra Edicións, nun labor que aínda hoxe segue en Kalandraka, Faktoría K, OQO Editora, Rinoceronte, Urco ou Estaleiro. Manuel Bragado cita unha frase de Suso de Toro, que considera a máis acertada das descricións: “O sector do libro en galego foi un dos froitos gozosos dos consensos que se forxaron a comezos da autonomía”.

Unha das asignaturas que se aprobou con mellor nota foi a entrada no sistema educativo. Un dos primeiros libros que publicou Xerais foi un manual de matemáticas en galego, xermolo doutros moitos que virían despois, ata que hoxe “hai libros de texto en galego que non teñen que envexarlle aos que hai en inglés e francés”, di Enrique Acuña.

XUVENIL E EDUCATIVO

Foron os anos da transición cando comezou tamén a aposta pola literatura infantil e xuvenil, necesaria para forxar novos lectores. “É o campo no que hoxe as letras galegas son máis respectadas internacionalmente”, na opinión de Xulián Maure. Agustín Fernández Paz e Fina Casalderrey comezaron a publicar neses anos, nos que as traducións da colección Xabarín (Xerais), ou nos libros de autores galegos das series Árbore (Galaxia) e Merlín (Xerais) lles deron unha plataforma.

Esa forza dos libros educativos e xuvenís aínda se mantén hoxe como columna vertebral do sector do libro, unha situación que Manuel Bragado considera “normal, xa que se reproduce en moitos outros sistemas editoriais, o español entre eles”, pero que Maure ve coma unha eiva no camiño á madurez, e engade: “Pero, de mirar cara o futuro, o que me preocupa é non chegar tarde ao mundo dixital, ao que temo que as editoriais e os partidos lle están a dar ás costas”.

Olegario Sotelo Branco, pola súa banda, pensa que os grandes esquecidos no avance do sector do libro foron os libreiros, xa que hoxe en día “é un sector pouco profesionalizado, a pesar da súa importancia fundamental”.

Aínda que se describa, malintencionadamente, coma unha industria subsidiada e pouco rendible, o certo é que o sector editorial galego produce anualmente 38 millóns de euros e xera centos de postos de traballo. “As axudas públicas só cobren un 4 ou 5% dos nosos gastos”, di Bragado. Son cifras que non están mal para un mercado de menos de tres millóns de galego falantes. Díaz Pardo considera que achegarse á lingua portuguesa é a mellor solución, “xa que incorporaría 200.000 millóns de lectores”, pero lamenta que a Real Academia Galega non siga esa liña. En 2008, máis de 40 editoriais publicaron uns 1.850 libros en galego, cinco por día, segundo destacan tanto Freixanes como Bragado. Neste vieiro, moitos pasos xa se teñen andado, e moitos quedan. A. Losada

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Fin de semana na Ribeira Sacra

9 outubro 2009

Guías_de_viaxe, Natureza, Opinións_lectores/as, Xerais_nos_medios

Cristóbal Ramírez recomenda no seu blog de La Voz de Galicia gozar duns días na Ribeira Sacra da man da guía práctica A Ribeira Sacra de Manuel Garrido. Unha magnífica recomendación para esta fin de semana longa.

Existe edición en galego e castelán.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Xerais 30», reportaxe en «Luces»

Noticias, Reportaxes, Xerais_nos_medios

Óscar Iglesias publica no suplemento «Luces» de El País Galicia unha interesante reportaxe sobre a traxectoria da editorial.  Agradecemos este texto moi interesante, que reproducimos na súa totalidade:

XERAIS 30

O 5 de outubro de 1979, Germán Sánchez Ruipérez, fundador do Grupo Anaya, e o seu socio galego Xulián Maure, con Ofelia Grande e Camiño Noia, constituían en Vigo Edicións Xerais de Galicia. Trinta anos, 3.200 títulos -1.600 vivos- e "dez millóns de libros vendidos" -contando os escolares- despois, o traballo de Xerais é un retrato do que importa na cultura galega, entre marxes visibles e invisibles.

"A editorial mantivo unha conversa co seu tempo e co seu país", resume Manuel Bragado, cuarto director despois de Maure, Luís Mariño e Víctor Freixanes. Os primeiros libros amosan o que se pretendía: o célebre Diccionario básico da lingua galega, un texto de matemáticas para 1º de bacharelato, a colección Montes e Fontes, o primeiro volume da guía de Xosé Laredo Galicia enteira, a Poesía completa de Rosalía de Castro na edición de Varela Jácome, Os Eidos co prace de Novoneyra ou Crónica de nós, de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Eses títulos fixan o desenvolvemento posterior: educación, lexicografía e literatura. Xerais é o espello da edición en Galicia, onde o 60% dos libros son de canle escolar, e a literatura para nenos e mozos, segundo as propias marcas da edición, case dobra en ingresos á narrativa para adultos. A porcentaxe escolar en Xerais é a galega, incluíndo dicionarios. Do 40% restante, algo menos da metade é produción literaria. O resto ocúpase entre manuais universitarios e guías de viaxes, gastronomía e natureza, principalmente.

Malia a que os ingresos son unha cousa, a visibilidade de Xerais é literaria. O Premio Xerais, hoxe cunha bolsa de 25.000 euros, cumpre 26 edicións como gran premio da novela galega, e cun só ano deserto, coa función de "levantar a expectativa", di Bragado, que aproveita as ideas para visibilizar o premio -as traducións- para identificar as fendas. "Non temos 600 traducións", lamenta, "e iso é tamén un síntoma do que sucede noutros ámbitos". Que as vendas literarias sexan o 12% do total, porén, non é un problema de distancia entre peso económico e peso literario, nin obedece á necesidade de potenciar a lingua galega no exterior. Bragado sinala a regresión: "O libro galego é un fenómeno da autonomía, o 93% do editado publicouse desde 1980, e ese é un feito que non podemos agochar. Se o proceso de consensos forxado nestas décadas se modifica, estamos actuando sobre o futuro da edición".

O traballo literario de Xerais, neste sentido, centrouse en construír un catálogo autoral e de xénero, e ampliar o mercado de lectores interno. "Isto quizais nos levou a abandonar o esforzo por dar a coñecer este catálogo noutras linguas, pero o libro depende da saúde da lectura, e eu sigo reclamando datos de lectura fiables". Fóra da situación da lectura en Galicia, trenqueleante en calquera idioma, Bragado ten a "convicción" de que os autores galegos venden máis no seu idioma, independentemente de cómo queira situalos a libraría. A ese lector literario en galego quere dirixirse o catálogo de narrativa de Xerais. Das lembranzas dos 80, cando os editores -non se coñece que Luís Mariño frecuentase os colexios- entraban nos institutos coa ilusión de facer novelistas, ata a visibilidade da crítica en galego, reducida especificamente ao suplemento Protexta, extrae Bragado un balanzo de gratificacións: "Ferrín, Suso de Toro, Rivas [en novembro sairá Episodios galegos, segunda compilación d?Os Grouchos que publica EL PAÍS], María Xosé Queizán, Teresa Moure, Rosa Aneiros, María Reimóndez... O único que me sinto é agradecido por colaborar na edición en galego".

Coa narrativa, a poesía, o ensaio e o teatro no tronco de coleccións, e máis de 100 títulos de non ficción máis ou menos dispoñibles en Crónica, o director de Xerais desde 1994 fala das coleccións coma un traballo "continuísta", ás veces con distinta fortuna. E da sensación ou non de crear tendencia. Aquí Bragado anuncia que a nova novela de Diego Ameixeiras, Dime algo sucio, ha saír en novembro, e reitera o "orgullo" que lle produce ter publicado Baixo mínimos, o debú do autor ourensán. "Pásame o mesmo con Samuel Solleiro, Andrea Maceiras, Ledicia Costas...".

No futuro, a curto prazo (primavera de 2010), están algúns cambios. Un deles pasa por mudar de cor a colección de narrativa de Xerais, entre o rosado e a cor carne, obxecto de disputa estilística desde comezos dos 90. Pero o máis importante é o e-book. Xerais -"contamos que o libro electrónico en galego sexa visible nos catálogos dos distribuidores"- conta lanzar dous entre novembro e decembro deste ano. Non revela os títulos, pero di que serán publicados a un tempo en papel. "Os e-books axudaránnos a enxergar o horizonte", xulga Bragado. "O camiño non ten volta". Óscar Iglesias

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Herta Müller, Nobel 2009

8 outubro 2009

Narrativa, Noticias, Premios, Traducións, Xerais_nos_medios

Xerais expresa a súa grande satisfacción pola adxudicación do Premio Nobel de literatura 2009 á escritora Herta Müller, poeta e narradora, nacida en 1953, en Nitzkydorf, Bánat (Romanía), no seo dunha familia da minoría alemana. Dentro da colección «As literatas», dirixida por María Xosé Queizán, Xerais publicou no ano 2001 O home é un grande faisán no mundo, obra narrativa publicada orixinalmente en 1986, e traída a nosa lingua por Franck Meyer.

Herta Müller estudou lingua e literatura alemana e romanesa en Temesvar. Bánát,  a zona xeográfica da Europa central á que pertence, e na que radica a súa obra literaria, está hoxe dividida entre tres estados,  Romanía, Hungría e Serbia. O alemán, idioma en que escribe, foi a súa lingua da infancia, e até a adolescencia non aprenderá o romanés. Despois de que en 1984 fora publicada sen censura en Alemaña a súa primeira novela, o goberno de Romanía prohibiulle publicar no seu país, sendo sometida a persecución. Finalmente, en 1987 emigrou ao sector occidental de Berlín, cidade na que vive dende entón. Entre os seus libros máis coñecidos destacan as novelas Niederungen (Terras baixas), 1982; Herztier, 1994; Der Fuchs war damals schon der Jäger 1992,  Heute wär ich mir lieber nicht begegnet, 1997 ; ou a recentísima, Atemschaukel (Todo o que posúo lévoo comigo), 2009, e os ensaios recollidos en Hunger und Seide. Entre outros recoñecementos recibiu o Premio de Literatura de Berlín 2005, o Franz Kafka de 1999 e, neste mesmo ano, o premio da Sociedade Heinrich Heine de Düsseldorf de 2009.

Esta é a cuarta ocasión nos últimos seis anos nos que o Premio Nobel de literatura recae nun autor ou autora con obra publicada previamente en galego por Xerais. Así sucedeu en 2004 con Elfriede Jelinek, en  2005 con Harold Pinter, en 2008 con J.M.G. Le Clézio e, agora, en 2009 con Herta Müller.

Actualización (09-10-2009): Algúns medios electrónicos galegos ao facerse eco daconcesión do premio, salientan hoxe a existencia dunha edición en galego d' O home é un grande faisán no mundo:

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

“Escapado” anotacións de Modesto Fraga

Crónica, Opinións_lectores/as, Presentacións, Xerais_nos_medios

O escritor Modesto Fraga ven dedicando nas últimas semanas moita atención no seu blog á publicación de Escapado, a primeira novela de Luís Lamela. O pasado 25 de setembro publicou unha primeira anotación na que recolle parte da intervención que realizou na presentación da novela o 4 de setembro en Fisterra. En anotacións posteriores, dos días  26 30 de setembro, completa un traballo de referencia sobre a obra de Lamela. O noso recoñecemento a Modesto Fraga por tan magnífico traballo.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Sol de Inverno»: «gustoume moito, moito»

7 outubro 2009

Narrativa, Opinións_lectores/as, Premios_Xerais

Trafegando ronseis recomenda de forma entusiasta Sol de Inverno, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Xerais 2009. Reproducimos un texto na súa totalidade:

Gustoume moito, moito, este último premio Xerais, Sol de Inverno de Rosa Aneiros. Un ruxe-ruxe lírico que atrapa o lector desde a primeira ata a última páxina, onde un narrador que se dirixe a Inverno, a protagonista, fala da importancia da memoria, da palabra, e con esta, vainos contando todo o periplo vívido dunha nena que padece a morte do seu primeiro grande amor en Antes (lugar real) e, desde este, acontecementos históricos desgranados no sufrimento e na simboloxía dun seu pai que loita polos seus ideais de liberdade ata o final e que ela persegue e admira sabéndose diferente e ao mesmo tempo igual, porque o importante é o regreso a un mundo seu que xa nunca volverá a selo. Esmiuzando sentimentos, coa vida de Inverno, a súa familia, os personaxes que a rodean, percorremos unha parte importante da historia do século XX, a guerra civil, o exilio, a fuxida a Francia, a marcha a Cuba, a fame, a revolución, os cambios, o regreso a un lugar pendurado do esquenzo... e a enfermidade que planea sobre o ser humano retando a non lembrar mesmo quen somos. Acompañan a todos estes seres ficticios personaxes arrancados da realidade, importantes para a nosa propia memoria, incluída a morte de Castelao, quizais nun capítulo un pouco forzado de admiración e de loito. Porque a novela non é só un itinerario, é unha chamada de atención a todo aquilo que se pode perder na nosa propia historia: a nosa lingua e a nosa idiosincrasia. De aí esa reiteración aos ideais galeguistas que se difuminan hoxe en día e que o exilio posterior á guerra civil levou alén do mar. Unha novela que imos ler, de seguro, este curso. Paga a pena.
Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«A dama da luz», un álbum fermoso recomendado por Trafegando ronseis

Infantil, Opinións_lectores/as, Álbums

Lucidísimo comentario de Trafegando ronseis sobre A dama da Luz, o álbum escrito por Agustín Fernández Paz e debuxado por Jorge Magutis. Reproducímolo na súa totalidade:

Fermoso libro, fermoso texto, fermosa historia, fermosas ilustracións. A dama da Luz de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Jorge Magutis, é unha xoia bibliográfica que debemos ter nos nosos andeis. Para abrila de cando en vez. Para deter o esquenzo de historias máxicas. Unha historia fantástica que conta a loita perenne entre o Inverno e a Primavera, –seres fantásticos que viven nunha vila mariñeira moi diferente á que existe actualmente– da man do avó de Marta, protagonista e gardián dun segredo do pasado que relata agora con tenrura á súa neta para que esta comprenda a transformación e a ledicia do entendemento. Porque a vida tamén sabe ofrecer marabillas, como esa flor que descubrirá a nena nunha fenda, unha flor que é quen de medrar entre o asfalto como triunfo da natureza. E que é a fin dun relato marabillosamente nostálxico. Trafegando ronseis

A dama da luz será presentado en Vigo, o luns, 19 de outubro, ás 20:00 na Casa do Libro. A editora Helena Pérez acompañará aos autores no acto.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Xerais, o trinta aniversario en “Galicia hoxe”

Entrevistas, Noticias, Xerais_nos_medios

Con motivo do trinta aniversario de Xerais, Galicia hoxe publica unha entrevista con Manuel Bragado, o director da editorial. Baixo o título de "Tres décadas dun proxecto cultural", a xornalista Montse Dopico repasa con Bragado os obxectivos acadados e os retos de futuro.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Escapado» de Luís Lamela en «Libro aberto» e presentación na Coruña

6 outubro 2009

Crónica, Entrevistas, Noticias, Presentacións, Televisión, Xerais_nos_medios

Hoxe, martes 6 de outubro,  no programa «Libro aberto» da TVG (00:15 horas), será entrevistado Luís Lamela con motivo da aprición de Escapado, a súa primeira novela, na que recupera a historia de Teófilo Caamaño, e a memoria doutros fuxidos e represaliados durante a guerra civil. A entrevista realizouse na illa de San Simón, onde se desenvolve unha parte da novela.

Así mesmo, Escapado. Do Monte Pindo ao exilio pasando pola illa de san Simón será presentada o venres, 9 de outubro, ás 20:00 horas, na Galería Saragadelos da Coruña. Acompañarán ao autor, Emlio Grandío, Carlos Etchevarría e Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O trinta aniversario de Xerais nos medios

Noticias, Xerais_nos_medios

Diversos medios fanse eco da noticia do trinta aniversario da editorial. Así Vieiros, que entrevista a Manuel Bragado, salienta que con este motivo «Xerais lanza no seu 30 aniversario os priemiros ebooks galegos». Pola súa banda, Xornal de Galicia recorda que «Edicións Xerais celebrou onte o 30 aniversario da súa fundación», o mesmo que realiza A Nosa Terra. Outrosí sucede con A Peneira e coa axencia Europa Press que deu conta da nova, así como os xornais El Progreso, Diario de Pontevedra, Diario de Ferrol e El Ideal Gallego que se fan eco da noticia nas súas edicións impresas. A todos eles agradecemos o seu interese.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Xerais, trinta aniversario

5 outubro 2009

Noticias

Hoxe, 5 de outubro, hai trinta anos que se constituía en Vigo a empresa Edicións Xerais de Galicia S.A. Transcorridas tres décadas daquel feito alboral, a nosa editorial publicou 3.200 titulos (tres mil en lingua galega) e vendeu máis de dez millóns de exemplares dun catálogo moi diversificado. Cifras das que o cadro de profesionais de Xerais séntese ben orgulloso e que animan a pular no noso proxecto de normalización do libro en galego. Grazas de corazón a todos os lectores e lectoras que foron, son e serán a nosa forza nesta angueira.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Monte Louro», crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Críticas, Narrativa, Premios, Xerais_nos_medios

Manuel Rodríguez Alonso publica no «Cartafol de libros» de Vieiros a súa crítica de Monte Louro, a novela de Luís Rei Núñez, gañadora do Premio Balnco Amor 2009. Para Alonso «o protagonista desta novela nun determinado momento da súa vida esquece quen é. Debe recuperar a súa identidade. Por outra banda, ao longo da súa vida tivo tres identidades ou nomes diferentes (a súa propia, unha ficticia para escapar do servizo militar obrigatorio e aínda outra máis para non ser acusado dun crime que non cometeu). Ao mesmo tempo que el debe recuperar a memoria, tamén a súa esposa e mais a filla que tivo antes do seu casamento con outra muller tentan reconstruír quen é realmente o marido e o pai. O novelista acertou de cheo con esta estrutura.»

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Pirata», recomendación de Xosé Carlos Caneiro

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

Xose Carlos Caneiro recomendou o pasado sábado, 3 de outubro, na súa sección «Club Dandi» do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia a novela Pirata de María Reimóndez. Caneiro considera que Pirata non é unha novela de aventuras, «senón unha novela de pensamento (desas que apenas se editan nas literaturas contemporáneas), onde o primordial é a sua prosa» Reproducimos o texto completo:

Amo as novelas de piratas. Incluso fun lector de Philip Gosse e a súa apaixonante Historia da piratería. Gústanme Salgari e Stevenson, Conrad e Walter Soctt. cando mirei a portada da nova novela de María Reimóndez esperaba encontrarme cunha suculenta historia de piratas, pero non foi así. Pirata é outra cousa. Non unha novela de aventuras, senón unha novela de pensamento (desas que apenas se editan nas literaturas contemporáneas). Quizá moitos consideren que estamos diante dunha novela feminista, maniquea, onde o lado grato acae no sexo feminino e o ingrato, obviamente, no masculino. Esta consideración (aínda que fundamentada) non sería xusta porque obviaría o cerne deste texto. E o primordial é a súa prosa. Reimóndez ten oído literario, esa virtude tan escasa. Velaquí o sobresaliente desta novela que fala de liberdade, de procuras que conducen á desesperación, de homes e mulleres de conciencia extraviada que afanosamente buscan o seu lugar no mundo. reitero, paréceme unha óptima novela que ten moito de reflexión, de filosofía vital, de ousadía e de valentía neste mundo onde a literatura de piratas xa non ten outra razón que non sexa a aventura. Por iso, porque Reimóndez quere distanciarse do establecido no alento da súa propia voz, xulgo intensa e orixinal esta novela. Xosé Carlos Caneiro

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Ramón Piñeiro, os días ocultos», crítica en «Culturas»

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

Ramón Loureiro publicou o pasado 3 de outubro, sábado, no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha crítica de Ramón Piñeiro, os días ocultos, a primeira novela de Daniel Ameixeiro. Loureiro salienta que este é «un libro excelentemente escrito no que, cunha prosa verdadeiramente ambiciosa, o autor vén demostrar a veracidade do aserto de que a ficción é un dos mallores camiños para viaxar, a través do tempo, á eerna da verdade.» Reproducimos completo texto moi interesante:

Daniel Ameixeiro (O Grove,1962), autor de obras dirixidas ao público infantil tan celebradas como Bonifacio foi a palacio ou Xan e Pericán, esta última finalista do Premio Merlín, fai agora a súa primeira incursión no mundo da novela sacando á luz Ramón Piñeiro, os días ocultos, un libro excelentemente escrito no que, cunha prosa verdadeiramente ambiciosa, o autor vén demostrar a veracidade do aserto de que a ficción é un dos mallores camiños para viaxar, a través do tempo, á eerna da verdade. Profundo coñecedor da historia do galeguismo --e da historia de Galieia, en xeral--, Ameixeiro, que reside en Madrid, onde traballa como enxeñeiro de Telecomunicacións, é finno dunha voz extraordinariamente sólida, que ben pouco ten que ver co que hoxe prima nunha literatura bcn distinta: na que non ten outro ohxectivo que axudar a pasar o tempo, como se o tempo non correse xa, por si mesmo, o suficiente.
É esta unha novela, construida arredor da figura de Piñeiro, sobre as dificultades que entrañou, para os que coma el plantaron cara á máis negra das noites, abrirlle camiño á cultura galega fronte ao franquismo máis terrible. Nesta ficción que se more polo máis fértil dos territorios literarios –polo que busca a verdade no sentido máis alto do termo , e a través de dúas voces, a do propio Ramón Piñeiro e a de Victor Campio, o pasado regresa ata nós non coma se fose algo que contemplámoas través dunha estraña ventá, senón como unha sucesión de imaxes que se reflicten nun espello que, por mol literario que sexa, non deixa de ter raíces na nosa alma. Ramón Loureiro

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Sol de Inverno»: memoria, lirismo e emoción

Adiantos_para_ler, Críticas, Narrativa, Premios_Xerais, Xerais_nos_medios

Ramón Nicolás publicou o pasado sábado, 3 de outubro, nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, a primeira crítica de Sol de Inverno, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Xerais 2009.

Baixo o título de «Memoria, lirismo e emoción», Nicolás comeza o seu texto expresando que é «unha novela de amplo alento, esplendidamente elaborada e que se defende por si mesma», salientando no seu remate que «o deseño rotundo dos personaxes han ficar na memoria de quen os queira coñecer».

Polo seu grande interese, reproducimos completo o texto do crítico vigués:

Memoria, lirismo e emoción

As decisións dun xurado constituído por lectores pode ter, para ben e para mal, probablemente coma se doutro xurado máis profesional se tratase, as súas vantaxes e inconvenientes. O Xerais de novela réxese polo primeiro criterio amentado e, como ocorre con outros galardóns, hai casos en que se acerta máis, e talvez outros menos. Nesta ocasión teño para min que o xurado gozou cunha novela que quixo converter en premio e presentarlla con esta bitola aos seus potenciais lectores.
Rosa Aneiros, así pois, subscribe con este Sol de Inverno unha novela de amplo alento, esplendidamente elaborada e que se defende por si mesma; unha novela de personaxe mais tamén  de protagonismo coral; unha novela que conxuga a emoción na que alentan a totalidade dos personaxes cun coidado escenario histórico e espacial recoñecible e máis ou menos próximo que permite percorrer, a través da memoria, os socalcos da vida de Inverno,  desde a súa infancia e mocidade ata a chegada da guerra civil, desde a fuxida a Barcelona, pasando pola estadía en Francia ata o embarque cara a México no coñecido “Ipanema” e concluír nas vivencias dos días cubanos xunto coa volta á vella Europa...
Todo isto mercé a máis de cincuenta fragmentos narrativos que constrúen e anoan a historia dunha vida pola que camiñamos desde o lugar de “Antes”, onde sempre se configurará a necesidade da memoria e no que se debulla algo máis ca o espazo no que uns personaxes botan a andar e a vivir, coa traxedia a lles golpear na cara. É en Antes onde agroma a silueta dunha nena que entende a morte, tamén a traxedia, como algo co que cómpre convivir á forza. Desde eses tempos, previos á guerra civil, trázase unha liña vital tortuosa en moitas ocasións, esperanzada noutras, mais sempre alimentada por numerosas historias de percorrido máis sintético ou breve constituíndo unha sorte de fervenza narrativa: mil e un meandros que vai deixando, sempre, un pouso permanente.
Ao meu ver, a novela goza de dous momentos moi destacados como son, por un lado, os capítulos referidos á estadía de Inverno e a súa familia na Barcelona resistente en plena guerra civil pois este cadra co madurecer definitivo da protagonista a un mundo no que vai, finalmente, coñecerse a si mesma e coñecer o seu pai, man a man con Félix Muriel (homenaxe nada agochada a Dieste), Líster, Castelao ou Ian, aquel brigadista internacional... Por outra banda, as odiseas familiares e persoais vividas na posguerra, conducen a outra sección, especialmente coidada e intensa tanto polo excepcional do traballo de ambientación e descrición que nel se advirte como pola paixón que aquí latexa por espellar con limpeza un universo como é o da Cuba e da Habana dos anos corenta.
Para finalizar cómpre non esquecer o exquisito coidado depositado no ritmo e na expresión, que esvara cando é preciso no ámbito de certo lirismo, suturado con solvencia e pericia no rexistro narrativo. Unha proposta, en fin, que desenguedella con naturalidade ese novelo que é o pasado mercé ao deseño rotundo e intenso duns personaxes que han ficar na memoria de quen os queira coñecer. Ramón Nicolás

Pódese ler un adianto de Sol de Inverno aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Marilar Aleixandre, homenaxeada no Día Internacional da Tradución

4 outubro 2009

Autores, Entrevistas, Homenaxes, Noticias, Poesía, Traducións

Marilar Aleixandre foi homenaxeada o pasado día 30 de setembro polo seu labor como tradutora literaria. Esta homenaxe formou parte dos actos do Día Internacional da Tradución, organizados pola Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, a Asociación de Tradutores Galegos e Asociación Galega de Profesionales da Tradución e da Interpretación, coa colaboración da Consellaría de Cultura e Turismo. Marilar Aleixandre realizou para o catálogo de Xerais algunhas das máis logradas traducións literarias á lingua galega como foron A caza do carbairán de Lewis Carroll para a colección Xabarín e Muller ceiba de Sandra Cisneros para a colección Ablativo Absoluto de poesía. Os nosos parabéns a Marilar Aleixandre por este importante recoñecemento a súa traxectoria como tradutora.

Foto: O.Lojo. Xornal de Galicia.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

María Reimóndez gaña o premio Plácido Castro de tradución

3 outubro 2009

Autores, Narrativa, Noticias, Premios, Traducións

Segundo informa hoxe A Nosa Terra, María Reimóndez foi a gañadora da VIIIª edición do Premio Plácido Castro de tradución en lingua galega pola súa versión de Mary Prince, unha escrva das indias occidentais. O premio Plácido Castro é o único neste ámbito que existe en Galicia e está dotado economicamente con 3.000 euros.

O xurado estivo composto por Xosé María Gómez Clemente (Asociación Galega de Profesionais da Tradución), Xosé Castro Rato (Fundación Prácido Castro), Xosé Luis Axeitos (Real Academia Galega), Ana Luna (Universidade de Vigo) e Carlos Arias (Xunta de Galicia).

O acto de entrega do VIII Premio Plácido Castro de Tradución terá lugar en Vilagarcía de Arousa o próximo 17 de outubro, o mesmo día que se inaugurará na localidade pontevedresa unha rúa co nome do intelectual galleguista.

Os nosos parabéns para María Reimóndez que nestas semanas realiza unha xeira de presentacións por diversas localidades galegas de Pirata, a súa novela máis recente.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Cartas de republicanos galegos condenados a morte» presentación en Ourense

Crónica, Noticias, Presentacións

O luns, 5 de outubro, ás 20:15 horas presentarase no Liceo de Ourense Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), o libro máis recente do profesor Xesús Alonso Montero. No acto acompañarán ao autor Manuel Peña Rey e o editor Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google