Maalouf: «investir en cultura é investir en paz cívica»

29 Setembro 2009

Autores,Crónica,Ensaio,Entrevistas,Xerais_nos_medios

ALeqM5jJwmypXGPRgQEYSEZ9kFiCFkuhjgCon motivo da publicación en España das edicións d’ A deleiba do mundo, o máis recente libro de ensaios de Amin Maalouf, hoxe son moi numerosas as entrevistas co grande autor franco-libanés. Europa PressEFE, El País, ABC, El Mundo recollen as declaracións dun Maaoluf esperanzado que reivindica, como no seu ensaio, «o investimento en cultura como investimento en paz cívica».

«Pirata», presentación na Coruña

28 Setembro 2009

Narrativa,Noticias,Presentacións

XG00156401O vindeiro xoves, 1 de outubro, ás 20:00 horas presentarase na Coruña Pirata, a novela máis recente de María Reimóndez. No acto, que terá lugar na Sala Maremagnum do Aquarium Finisterrae, acompañaran á autora a escritora Yolanda Castaño, o músico Xabier Díaz e o editor Manuel Bragado.

«Mercurio», presentación en Vigo

25 Setembro 2009

Narrativa,Noticias,Premios,Presentacións

XG00167201Hoxe, venres 25 de setembro de 2009, ás 20:00 presentarase na Casa do Libro de Vigo Mercurio, a novela de Emilio Alonso gañadora do Premio La Voz de Galicia 2008. O editor Manuel Bragado acompañrá ao autor.

«Monte Louro»: obsesións e fuxidas

24 Setembro 2009

Críticas,Narrativa,Premios,Xerais_nos_medios

XG00167401Laura Caveiro publica en «Faro da Cultura» unha crítica sobre Monte Louro, a novela de Luís Rey Núñez gañadora do Premio Blanco Amor de novela 2009. Baixo o título de «Obsesións e fuxidas» e o subtítulo «Do paraíso perdido», Caveiro comeza sinalando que «dende a primeira frase da novela, sabemos que o protagonista de Monte Louro tivo varias identidades na súa vida: deste xeito, a través das súas páxinas viaxamos ao carón de Delio Landeira, dende Muros, cara a distintos destinos, e tamén cara ao interior das súas obsesións máis íntimas, como é a de prosperar. Imos coñecendo, aos poucos, a quen despois será chamado Artemio Losada, en Barcelona, e, finalmente, Iago Formoso, en Bos Aires». Contínúa Caveiro salientando o a «feitura de novela río» da obra, «con suave ritmo acompasado ao xurdir e desaparecer dos personaxes diante dos nosos ollos», ademais da «feitura de novela ponte entre Galicia e Arxentina». Conclúe o texto Caveiro insistindo na mestría do autor para amosar límpida «unha visión amada, a de Monte Louro. O paraíso perdido».

O texto completo da crítica pode consultarse en pdf no suplemento «Faro da Cultura» do Faro de Vigo de 24 de stembro de 2009.

«Pirata»: intimismo e aventura

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

XG00156401Dolores Martínez Torres publica hoxe en «Faro da Cultura» unha crítica sobre Pirata, a máis recente novela de María Reimóndez. Baixo o título de «Intimismo e aventura», Martínez Torres salienta que en Pirata se reinterpretan, cun discurso parello ao feminismo lésbico, as biografías de Anne Bonny e Mary Read, compoñentes da tripulación de Calico Jack, un dos piratas do século XVIII. A critica sinala, ademais, que a autora «resume na difícil viaxe de Mary e de todas as súas compañeiras, á procura dunha identidade propia, o conflito universal e atemporal que tortura a quen non responda ao papel que o grupo lle demanda en cuestión de sexo, xénero e orientación sexual». Concluíndo o seu texto lembrando que «nunca son imparciais as voces narradoras; moito menos nesta obra, onde o intimismo e a aventura actúan como vehículos para a ideoloxía, e que responde á intención manifesta de facer visibles outras realidades».

O texto completo pode consultarse en pdf no suplemento «Faro da Cultura» do Faro de Vigo de 24 de setembro de 2009.

«Lúa do Senegal», crítica en «lg3»

23 Setembro 2009

Críticas,Infantil,Sopa de Libros,Xerais_nos_medios

Isabel Soto publica en «lg3» a súa crítica de Lúa do Senegal, a máis recente novela de Agustín Fernández Paz, ilustrada por Marina Seoane. A autora salienta que neste novela protagonizada por unha rapaza de dez anos que ten a lúa como confidente Fernández Paz «plasma unha vez máis a súa visión do mundo e faino creando unha voz narrativa intensa, madura e reflexiva». Pagaa pena recoller un dos parágrafos dun texto que convida a unha lectura en profundidade da novela:

XG00165701En Lúa do Senegal atoparemos moitas das claves recorrentes do autor, coma tal, unha voz feminina, a utilización da primeira persoa narrativa, un personaxe con devoción polos libros e a lectura, intratextualidades ou, sobre todo e unha vez máis, unha historia «de fronteira» que abre as fiestras cara ao mundo, ás películas, aos poetas doutras latitudes. O libro aborda un problema actual, a inmigración, e faino elixindo como eixe central a carga emotiva que a rodea, a expresión íntima das dificultades, do desarraigo, da tristura, do rexeitamento, mais tamén integrando o optimismo, o respecto, a convivencia de linguas e culturas. Fernández Paz plasma unha vez máis a súa visión do mundo e faino creando unha voz narrativa intensa, madura e reflexiva: a de Khoedi, unha nena de once anos –que axiña nos trae á cabeza o mundo senegalés de Binta, do conmovedor filme de Javier Fesser, un dos referentes do autor no seu proceso de documentación– que atopa na Lúa a súa confidente, o único elemento común entre o mundo que coñece e o estraño que a rodea agora, dúas realidades tan distintas que a fan sentirse cos pés no aire, coma se non pertencese a ningures.

Carlos Reigosa esta noite en «Libro aberto»

22 Setembro 2009

Autores,Entrevistas,Narrativa,Noticias,Premios,Televisión,Xerais_nos_medios

Libro Aberto 129

Carlos Reigosa visita esta noite o programa «Libro aberto» (TVG, 00,30 horas) para falar da súa novela máis recente, A vida do outro, premio Torrente Ballester 2008.

«Guía do Courel», no corazón natural de Galicia

Guías_de_viaxe,Natureza,Noticias

Acaban de entrar no almacén senllas edicións en galego e castelán da Guía do Courel, obra preparada por Javier Guitián Rivera, Luis Guitián Rivera e José Luís Martinez Vilar. Unha proposta para coñecer a terra de Novoneyra, considerada como o corazón natural do noso país. As guías chegarán ás librarías na primeira semana do mes de outubro.

Capa_A_Ribeira_sacra_galegoA través de 22 rutas excepcionais, con valiosísima documentación, e da man dun grupo de naturalistas expertos no Courel, o viaxeiro ou viaxeira ten a oportunidade de percorrer con comodidade e información de primeira man as paisaxes desta serra, o corazón natural de Galicia. Dando a coñecer lugares que hoxe poderían ser modelo de xestión do medio natural e descubríndolle ao viaxeiro a súa vexetación, os mellores bosques do país, as especies ameazadas e, en definitiva, a beleza e autenticidade dunha paisaxe sobre a que se fundamenta o turismo rural, Javier Guitián, Luís Guitián e José L. Martínez Villar trazan nesta guía un mapa imprescindible para quen queira adentrarse nos segredos do Courel desde o respecto ao medio ambiente. A ruta das devesas, Froxán, o Val de Moreda, a ruta de Parada (terra de Uxío Novoneyra e María Mariño), de Seoane a Folgoso, Vilamor, a Devesa da Rogueira, o Val de Visuña… son algunhas das citas que esperan polo viaxeiro ou viaxeira con ganas de pasear por rutas sobre as que se vai proporcionando información e datos prácticos que indican a dificultade, a comida, o baño, a cartografía, os hábitats, a botánica, etc. E todo acompañado de mapas, fotografías e abundante información práctica.

«O club da calceta», entre as mellores ficcións televisivas de Europa

21 Setembro 2009

Cine,Narrativa,Noticias,Premios,Televisión

cartel_73e4bd75d7e57d6bcf3b582ab95d35e71O telefilme O club da calceta, dirixido por Antón Dobao e baseado na novela homónima de María Reimóndez, foi escollida para participar na categoría de Mellor Ficción Europea nos premios Prix Europa. Estes galardóns convócanse anualmente para seleccionar os mellores traballos audiovisuais do continente en televisión, radio e novos medios. Os nosos parabéns para Dobao e Reimóndez.

Xerais redeseña o seu catálogo web

Facebook,Noticias,Premios_Xerais,Twitter

Dende hoxe pode visitarse o redeseño do catálogo web de Xerais. As maiores modificacións realizáronse na ficha de cada unha das obras nas que a partir de agora se poderán realizar comentarios e valoracións por parte dos usuarios, ademais de facilitar que os contidos se poidan compartir nas diversas redes sociais. A páxina inclúe un buscador para o catálogo vivo,  un catálogo educativo específico, e senllos buscadores para autores, ilustradores e tradutores. A páxina complétase cun espazo para as novidades do mes (presente, ademais, en carrusel), descargas gratuítas de materiais didácticos e de lectura, páxinas de cada un dos tres premios que convoca a editorial (novela, Merlín e Fundación Caixa Galicia). Completan a páxina os enlaces ao blog (que será renovado nas vindeiras semanas) e aos espazos en twitter e facebook que conforman a identidade dixital actual da editorial.

Tres dos nosos autores candidatos ao premio Astrid Lindgren

Infantil,Noticias,Premios

alma_logo_engAcabamos de coñecer a relación de persoas nominadas ao Premio Astrid Lindgren 2010, que será anunciado o vindeiro 24 de marzo, coincidindo coa Feira do Libro de Boloña. Entre os 168 candidatos (autores, ilustradores e promotores de lectura e institucións de promoción da LIX), pertencentes a sesenta países, atópanse tres dos nosos autores: Fina Casalderrey, Juan Farias e Agustín Fernández Paz. Parabéns para todos os tres, merecidos aspirantes a este auténtico nóbel da literatura infantil e xuvenil.

Irene Pérez Pintos, entrevista n' «A Nosa Terra»

20 Setembro 2009

Entrevistas,Fóra_de_colección,Xerais_nos_medios

a71224cd0602d149706bc7e5e11a258b31245378etiqueta_para_todos_cubIrene Pérez Pintos, a autora de Etiqueta para tod@s, é entrevista por  A Nosa Terra. Unha entrevista, preparada por Eva Estévez, na que se salienta que «saltarse algunhas normas non é pecado, tal e como se desprende da lectura de Etiqueta para tod@s (Xerais), un manual non de ‘boas’, senón de ‘regulares’ maneiras, no que Irene Pérez Pintos reflexiona en clave de humor, sobre a necesidade de ter un bo comportamento para gozar dunha ‘agradábel’ convivencia social».

«A deleiba do mundo», primeira crítica do ensaio de Maalouf

19 Setembro 2009

Autores,Crónica,Ensaio,Traducións,Xerais_nos_medios

Amin Maalouf at the ECMartín Pawley publica hoxe nas páxinas do suplemento «Nós» de Xornal de Galicia a primeira crítica d’ A deleiba do mundo, o ensaio de Amin Maalouf que chega esta fin de semana ás librarías galegas. O fermosísimo texto do crítico salienta que o ensaio do autor d’ A viaxe de Baldassare é un «ollar perturbador sobre o desarranxo do capitalismo e un canto á esperanza, á contación emocionada que outro rumbo é posible». Recollemos varios parágrafos dun texto crítico moi recomendable:

XG00156901«Entramos no novo milenio sen compás». Desde a primeira liña Amin Maalouf deixa ben claro o seu desacougo ante o estado actual do mundo. É o berro de desesperación dun intelectual apaixonado pola razón e o coñecemento, que ve coma estes conceptos son postos en cuestión en máis partes do planeta das que nos gustaría recoñecer. Dun amante da liberdade que mira con tristura como deixou de ser un valor indiscutíbel para ser cercenada aquí e acolá con argumentos falsarios. A deleiba do mundo é o relato perturbador e inquietante do desastre económico, político, ecolóxico e ético do tempo en que vivimos e de como chegamos a el, mais se tan só fose iso non serviría para moito. O que fai do maxistral ensaio do escritor libanés unha ferramenta imprescindíbel é a súa condición de canto de esperanza, a súa emocionada certeza de que é posíbel atoparmos un rumbo diferente.

[…]

Maalouf amósase especialmente horrorizado pola perda da diversidade, pola pasividade ante a extinción de comunidades milenarias. «Un mundo onde se respecta cada día un pouco mellor a diversidade humana, onde calquera pode expresarse na lingua da súa elección, profesar pacificamente as súas crenzas e asumir serenamente as súas orixes sen incorrer na hostilidade nin no denigramento, sexa por parte das autoridades ou da poboación, é un mundo que avanza, que progresa, que se eleva».

A frase debería estar esculpida á porta das escolas e dos parlamentos, e non porque sexa algo que non saibamos, senón pola tendencia que temos a esquecelo. «O século XXI será salvado pola cultura ou ben se afundirá», afirma coa contundencia de quen pensa que a escala de valores non pode fundarse noutra cousa que non sexa a cultura e o ensino.

[…]

«Tedes o dereito e o deber de estudar a nosa lingua en profundidade. Mais tamén tedes o dereito e o deber de non esquecer a vosa lingua de orixe, porque a nós cómprenos ter persoas que compartan os nosos valores, que comprendan as nosas preocupacións e que falen perfectamente todas as linguas de Europa, de Asia e de África, todas sen excepción, a fin de que poidamos facernos entender por todos os pobos do planeta. Entre eles e nós, vós seredes, en todos os ámbitos –a cultura, a política, o comercio–, os insubstituíbles intermediarios». Velaí outra frase máis para esculpir.

Chegan ás librarías as novelas premiadas de Rosa Aneiros

17 Setembro 2009

Autores,Fóra de Xogo,Narrativa,Noticias,Premios_Xerais,Xuvenil

Nestes días comezan a chegar ás librarías as dúas novelas premiadas de Rosa Aneiros: Sol de Inverno, Premio Xerais de novela 2009 e Ás de bolboreta, premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009.

XG00166001Sol de Inverno, a obra coa que Rosa Aneiros gañou o Premio Xerais 2009, é unha novela comprometida, densa e cun pouso de lirismo que debuxa o periplo vital dunha personaxe: Inverno. A protagonista habita diversos escenarios que nos conducen desde a perdida aldea de Antes a Barcelona, para relatarnos a crueldade da guerra; e logo ás circunstancias da fuxida a Francia; ao emblemático barco Ipanema; ao longo exilio cubano; á revolución castrista; e mesmo á viaxe ao París do maio do 68. Será en Cuba onde atopamos o pouso da emigración e dos descendentes dos cimarróns, da memoria infinita da tata Luzdivina e do cheiro das follas de tabaco do bisavó Andrés, un escenario clave para entender a singradura dunha protagonista que turra por volver a Antes. Para o xurado do Premio Xerais 2009 «Sol de Inverno constrúe un mundo simbólico e máxico polo que deambulan seres entrañables para crear un relato de pulso vagoroso, que reborda nun potente río de historias. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno debe lamber unha e outra vez, marcan o pulso desta novela que destaca pola rebeldía dos personaxes na defensa dos ideais e da xustiza.»

XG00155501Na “Luzada”, a cafetaría de Patricia, conflúen cada mañá os camiños que transitan os personaxes d’ As de bolboreta, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009. O de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que comparte varias horas do día co seu avó. O de Lola e Eusebio, un matrimonio de persoas maiores que viven soas e deben enfrontar as difíciles decisións que esixen a vellez e a aparición da enfermidade. O de Iqbal, un mozo de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro de 2005. O de Aysel, unha kurda que manifesta a impotencia que sente pola indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco. O dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días no bar unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén o de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e o da señora Filomena, e o de Ana, e o de Fiño…

O xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2009, que outorgou por unanimidade o galardón a esta novela de Rosa Aneiros, sinalou que “Ás de bolboreta presenta unha estrutura non xerarquizada, dividada en breves capítulos onde calquera parte está conectada con todas as demais, un puzzle de pezas engarzado do mesmo xeito que se engarzan as vidas dos personaxes da novela”; salientando, ademais, que “mediante a conexión do cotián con outras historias que poden semellar máis afastadas conséguese unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela”. Para concluír que “Ás de bolboreta é un relato triste e esperanzador ao mesmo tempo, fondamente humano, solidario e internacionalista.”

Agustín Fernández Paz en «Libro aberto»

15 Setembro 2009

Infantil,Noticias,Presentacións,Sopa de Libros,Televisión

ESPAÑA-LITERATURA-PREMIOAgustin Fernández Paz visita esta noite o programa Libro aberto (TVG, martes 15 de setembro, 0:15 horas) para presentar Lúa do Senegal, a súa novela máis recente.

«Escapado», primeira crítica

9 Setembro 2009

Críticas,Crónica,Xerais_nos_medios

XG00125501Rafael Lema acaba de publicar n’ A Nosa Galicia a primeira crítica sobre Escapado, a novela de Luís Lamela. O crítico salienta que nesta ocasión o autor de Corcubión ofrece «una obra esta vez novelística que mezcla realidad y ficción, dotada de trama argumental, para darle vitalidad y enganchar desde las paginas al lector.»

«A poesía infantil no século XXI (2000-2008)»

8 Setembro 2009

Monografías,Opinións_lectores/as,Poesía

Esta semana chega ás librarías A poesía infantil no século XXI (2000-2008), o volume anual da Rede Temática de Investigación ¨LIJMI», que coedita Xerais e a Fundación Caixa Galicia.

XG00158301Os membros da Red Temática de Investigación sobre Literatura Infantil y Juvenil del Marco Ibérico e Iberoamericano (LIJMI), coa colaboración doutros investigadores convidados, reúnen neste volume un conxunto de estudos, destinados fundamentalmente a todos aqueles que desenvolven labores de mediación, centrados na Poesía infantil e xuvenil no século XXI (2000-2008).
Tras dunha introdución teórica na que se repasan a historia e as características que adoitan identificar o xénero, incídese no valor da poesía á hora de educar a sensibilidade, desenvolver a creatividade e fomentar o espírito crítico desde as primeiras idades e deféndese a súa presenza nas aulas mediante unha boa selección de textos que acolla tanto os escritos expresamente para a infancia e a mocidade como aqueloutros cun destinatario universal. A seguir inclúense enfoques panorámicos que abordan o xénero no período estudado nas literaturas castelá, catalá, galega, portuguesa e vasca, co engadido de tres achegas que estudan a poesía no ámbito literario alemán, brasileiro e inglés. O volume inclúe ademais unha selección de poemarios, trece dos cales son obxecto dun comentario pormenorizado, co fin de facilitarlles aos mediadores e mediadoras algunhas claves de aproximación para o seu uso na educación literaria.

O volume será presentado o xoves, 10 de setembro, ás 12:00 horas, no seo das actividades do VIº curso de formación continua As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora, que se desenvolve ao longo de toda esta na Biblioteca da Fundación Caixa Galicia de Santiago.

Por mares de tinta e cantos de serea

7 Setembro 2009

Noticias,Presentacións

Organizada polo club de lectura «Gálix. Tendendo redes», o sábado, 26 de setembro, desenvolverase en Baiona e arredores unha xornada de actividades que baixo o lema de »Por mares de tinta e cantos de serea» xirará arredor da obra O libro das viaxes imaxinarias de Xabier Docampo e Xosé Cobas.

Os actos comezarán entre 10:00 e 10:30 horas na cafetaría Monterrei (Rrúa Ramón y Cajal, 5), onde as participantes serán recibidas polos membros do Instituto de Estudos Miñoranos, anfitrións da xornada.

Entre 11:00 e 12:00 horas, visita á colexiata de Baiona e percorrido polo casco de Baiona guiado por Xosé Lois Vilar, membro do IEM.

As 12,00 horas, embarco no Real Club Náutico de Baiona na goleta Nauja e travesía até as illas Cíes. Durante o percorrido, Xosé Lois Vilar dará conta da historia da recuperación da goleta e do proxecto dos seus usos actuais.

Entre as 13:00 e as 14:00 horas, fondeados na baía das Cíes, Xabier DoCampo fará unha intervención sobre a tradición oral e a narrativa de viaxes.

Entre 14:00 e 15:00 horas, picnic (empanas de atún, crne e polbo; bocatas fríos; froitas; sobremeas doces; bebidas e refrescos).

Entre 15:00 e 16:00 horas, escrita por prates dos asistentes dunha mensaxe para os rapaces e rapazas de hoxe no que se reflicta a necesidade de transmitir a cultura de tradición oral.

Entre 16:00 e 16:30: café e paseo (opcional).

Entre 16:30 e 17.30 horas, Xosé Cobas fará unha intervención no que abordará o proceso de ilustración d’ O libro das viaxes imaxinarias.

Entre 17:30 e 18:30 horas, travesía e regreso a Baiona.

A xornada está organizada por Gálix, coa colaboración do IEM e de Xerais. O prezo por persoa é de 44 euros, incluíndo a viaxe na goleta, picnic e participación nos talleres). As persoas interesadas en participar na xornada poden solicitar a súa inscrición no correo electrónico coa secretaría de Gálix (galix@galix.org) ou chamando aos teléfonos 650 93 89 72 ou 981 58 98 83. A data límite de inscrición é o 21 de setembro.

«A deleiba do mundo» de Amin Maalouf

4 Setembro 2009

Crónica,Ensaio,Noticias,Traducións

Tras a publicación en 2000 da novela A viaxe de Baldassare, Xerais publica A deleiba do mundo, o novo libro de ensaio de Amin Maalouf, o brillante escritor libanés.

XG00156901«Entramos no novo milenio sen compás», con esta frase comeza este ensaio no que Amin Maalouf intenta explicar como se chegou á deleiba actual do mundo e como se poderá saír dela. Para Maalouf dende os primeiros meses do século XXI veñen producíndose acontecementos desacougantes que inducen a pensar que o mundo coñece unha deleiba maior, e en varios ámbitos ao tempo. Deleiba económica e financeira, que transforma o planeta enteiro nunha zona de turbulencias de consecuencias imprevisibles, que constitúe, en si mesmo un síntoma dunha perturbación do noso sistema de valores. Deleiba climática, resultado dunha longa práctica de irresponsabilidade colectiva. Para o autor libanés non estaría de máis preguntarse se diante dunha situación semellante, a nosa especie non acadou, dalgún xeito, o limiar dun conflito de incompetencia moral se non acaba de iniciar un movemento de regresión que ameaza con derrubar o que tantas xeracións sucesivas tardaron en edificar. Para Maalouf a deleiba do mundo ten menos que ver co “choque de civilizacións” que co esgotamento simultáneo dos nosos modelos sociais. Sobre todo, o dos ámbitos culturais cos que el se identifica: o occidental e o do mundo árabe. O primeiro, por ser pouco fiel aos seus propios valores; o segundo, por atoparse pechado nun impasse histórico. Un diagnóstico inquedante que desemboca nunha nota de esperanza. Segundo Maalouf, o período axitado no que entramos podería levarnos a elaborar unha visión por fin adulta das nosas identidades, das nosas crenzas, das nosas diferenzas e do destino do planeta que compartimos.

Esta edición en galego d’ A deleiba do mundo, preparada por María Dolores Torres París, chegará ás librarías galegas na derradeira semana do mes de setembro. Amin Maalouf recibiu o Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia deste ano 2009 co que se valora as persoas ou institucións significativas polo seu labor a prol da unidade europea ou a preservación do patrimonio cultural do continente.

María Reimóndez na Coruña

2 Setembro 2009

Narrativa,Noticias,Presentacións

o_club_da_calcetaMaría Reimóndez, autora d’ O club da calceta e Pirata, entre outras novelas recentes, participará mañá xoves, 3 de setembro, nas veladas literarias organizadas baixo a denominación «Os xoves da rúa Tabernas». No acto, que comezará ás 17:00 horas nas instalacións da Casa Museo Emilia Pardo Bazán, as actrices Elina Luaces e Laura Ponte interpretarán monólogos d´O club da calceta adaptados por Teatro do Morcego.

«Unha primavera para Aldara», edición en Fóra de Xogo

1 Setembro 2009

Fóra de Xogo,Noticias,Teatro,Traducións

Na terceira semana deste mes de setembro chegará as librarías a edición de Xerais d’Unha primavera para Aldara , a recoñecidísima peza teatral de Teresa Moure, coa que Teatro do Atlántico percorreu os escenarios do país.

XG00155401Unha primavera para Aldara de Teresa Moure é unha peza teatral que se desenvolve no interior dun mosteiro, na Galicia do século XV. No exterior estoupa a Revolta Irmandiña contra os abusos dos nobres feudais. Ao convento chega Don Nuno, un cabaleiro irmandiño ferido gravemente na batalla. As regras non permiten presencia masculina no mosteiro, porén Aldara, a abadesa decide poñer por diante a misericordia e acoller ao forasteiro. Mais unha decisión coma esta no convento serviu como detonante dun enfrontamento de posturas entre as monxas que culminará nunha traizón. En palabras da autora «os personaxes desta obra teatral afrontan conflitos dos que se chaman eternos e procuran horizontes de liberdade persoal relativos ao afán de coñecemento, a paixón, a ruptura co establecido, nun ambiente de tenrura e fraternidade».

Unha primavera para Aldara obtivo o Premio de teatro Rafael Dieste 2007, ademais dos premios da Asociación de Escritores en lingua Galega (Teatro) 2008 e o María Casares ao Mellor Texto Orixinal 2009.