«Etiqueta para todos»

31 Xullo 2009

Educación_para_a_cidadanía,Fóra_de_colección,Ilustracións,Noticias

Acaba de chegar ás librarías o libro de Irene Pérez Pintos, ilustrado por Iván Rodríguez, Etiqueta para todos. Manual de regulares maneiras pero de bastante educación para a cidadanía.

etiqueta_para_todos_cubQue facer se o príncipe co que estás falando ten a cremalleira do pantalón desabrochada? E se a ministra que se achega a saudarte ten un moco asomándolle no nariz? Son moitas as ocasións nas que te asaltan dúbidas semellantes sen que saibas resolvelas de xeito satisfactorio. Pois non esperes a atopar aquí esas respostas. Neste manual non se contempla a totalidade de situacións da vida social para as que cómpre un especial fair play ou savoir faire que dicimos os galegos. Porén abofé que che será de grande axuda para chegares a ser a persoa educada e civilizada que a humanidade necesita que sexas.

Irene Pérez Pintos, a autora de Etiqueta para todo/as, ofrece orientacións moi útiles para resolver moitas dúbidas que poden aparecer sobre o noso comportamento en comunidadade. Abórdanse cuestións tan dispares como as palabras educadas, o comportamento nas conversas e nas comidas, a sinceridade, o tratamento, o saúdo, a hixiene ou, en xeral, o que debemos entender por boa educación. Un libro útil, sorprendente e divertido para lectores e lectoras de todas as idades.

Con Etiqueta para todos, Xerais inicia unha nova serie de libros pequenos ilustrados sobre cuestións de actualidade e dirixidos a lectores e lectoras de todas as idades.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«O recendo das mimosas» de Agustín Agra

30 Xullo 2009

Narrativa,Noticias

Agustín Agra debuta na colección Xerais Narrativa cun libro de relatos, O recendo das mimosas.

XG00163601Unha ducia de relatos forman esta primeira entrega de Agustín Agra en Xerais Narrativa, que se abre coa narración da irremediable metamorfose, que tras a subida das augas, converte ás protagonistas de “A tarasca”, de forma sucesiva en cobras, serpes, serpentas, e, finalmente, en cocas ou tarascas voadoras; e que se pecha con “Teseo no labirinto”, onde se convocan os protagonistas mitoloxía clásica. Entremedias, en relatos como “Os límites do inimaxinábel”, “Wünderbar” ou “O anel de Coleridge”, a irrupción dun elemento fantástico inesperado axuda a explorar fronteiras descoñecidas da realidade; noutros, como “Na caeira” ou “o Souto dos Gatos”, homenaxéase de forma explícita á memoria republicana; mentres que, finalmente, no relato “Xogando aos faraóns” ou, na case noveliña, “O chintófano”, a sátira política e o humor máis retranqueiro centran toda atención dunha engaiolante lectura.

O recendo das mimosas chegou esta semana ás librarías e será presentado en Noia no vindeiro mes de outubro.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Mercurio» de Emilio Alonso

29 Xullo 2009

Narrativa,Noticias,Premios

Chega ás librarías Mercurio, a novela de Emilio Alonso gañadora do Premio La Voz de Galicia de novela por entregas 2008.

XG00167201Mercurio é un thriller ambientado en Lugo e protagonizado por un ex-policía que exerce como criminólogo, mediático e famoso grazas á televisión. Por esta novela de Emilio Alonso, desfilan tamén un morto, policías, forenses, historias de amor e, sobre todo, moitas anécdotas que o protagonista vai contando ao longo da narración. O Lugo onde que a historia se desenvolve é unha cidade actual, con importantes referentes do pasado, pero no que pervive un miserable ambiente moral, social e cultural, o que se respiraba na cidade na década dos sesenta e primeiros setenta, prevalecendo vellos hábitos e rutinas que converten a Mercurio nunha hábil mestura entre novela policíaca e costumista. O humor e a retranca do protagonista, posuidor dunha dobre moral, e a homenaxe sentimental que o autor fai á súa cidade, converten esta novela, pola que pasean todo tipo de personaxes, nunha lectura agradable, amena e divertida.

Mercurio será presentada en Lugo, cidade onde se desenvolve este thriller, no mes de outubro.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Escapado» de Luís Lamela

28 Xullo 2009

Crónica,Historia,Noticias,Presentacións

Esta semana chega ás librarías Escapado. Do Monte do Pindo ao exilio, pasando pola illa de San Simón, a primeira novela de Luís Lamela, un dos investigadores máis importantes sobre a memoria republicana de Galicia.

XG00125501Escapado. Do Monte Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón de Luís Lamela García quere lanzar a mensaxe de que é moito máis importante recordar que comprender, por que a memoria sempre pode ser verdadeira, aínda que ás veces sexa falsa. Unha novela que quere ser unha crónica na que se mestura a vida e a morte, o pasado e o presente, a realidade e a ficción. Unha obra de lectura engaiolante que enlaza a historia e a memoria, e nas que as relacións temporais están, tamén, unidas por espazos reais: o monte do Pindo, Fisterra e a ría de Corcubión, a illa de San Simón, as frontes da guerra civil española, o exilio francés e americano, o desexado retorno ás raíces do Pindo… Un percorrido pola esperanza perdida e a traxedia dos vencidos dunha guerra civil, a de 1936, que cambiou drasticamente a vida de toda unha xeración ilusionada e apaixonada. Unha traxedia que, polo que a Teófilo Caamaño se refire, o protagonista principal da narración, aínda non terminou.

Escapado será presentado por vez primeira na Feira do Libro de Cee (que se celebrará a mediados do mes de agosto), e xa co comezo da nova tempada literaria, na cidade da Coruña.

Chuzame! A Facebook A Twitter

María Xosé Queizán

Autores,Entrevistas,Socioloxía,Universitaria,Xerais_nos_medios

2009-07-27_IMG_2009-07-27_22_56_43_vi10María Xosé Queizán protagoniza hoxe unha ampla reportaxe de Faro de Vigo na que Fernando Franco fai un interesantísimo percorrido pola súa traxectoria biográfica e literaria. Así mesmo, María Xosé Queizán publica esta semana n’ A Nosa Terra unha columna de opinión sobre Prostitución: clientes e outros homes, libro das sociólogas Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Méndez Ferrín nomeado «Arraiano Maior»

27 Xullo 2009

Autores,Noticias,Premios,Xerais_nos_medios

2009-07-27_IMG_2009-07-27_01_37_07_our2ferrinFerrín con membros da asociación Arraianos. Foto I. Osorio.

O escritor Xosé Luis Méndez Ferrín foi nomeado onte «Arraiano Maior» pola asociación Arraianos, no seo dunha festa transfronteiriza que se realizou no día de onte. As nosas beizóns para Ferrín e para os organizadores do merecido recoñecemento.

Chuzame! A Facebook A Twitter

"Lóstregos" de Xosé Neira Vilas premio de xornalismo Manuel Reimóndez Portela

Crónica,Feiras_do_libro,Noticias,Premios,Presentacións

Xosé Neira Vilas obtivo o XIV premio de xornalismo Manuel Reimóndez Portela, organizado pola Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, polas colaboracións que ven publicando en El Correo Gallego baixo o epígrafe «Lóstregos». Concesión do premio que coincide coa chegada estes días ás librarías galegas do libro homónimo no que Neira Vilas recolle un centenar destes traballos.

capa_lostregos.inddAparecen neste libro de Xosé Neira Vilas cen textos, outros tantos lostregueos escintilando no espazo e no tempo. Cen variados temas que informan, analizan ou denuncian cuestións que atinxen ao mundo que nos arrodea ou acontecementos pretéritos que dalgún xeito inciden nas nosas vidas. Así, a Amazonia en perigo, a fuxida de cerebros, os dereitos indíxenas, o fogar cubano de Hemingway, o cambio climático, os galegos no canal de Panamá, o centenario de Laxeiro, a defensa da lingua galega, a prensa dos emigrantes, o problema da auga, os biocombustibles, os noventa anos de Mandela… Todo tratado con rigor documental e cunha prosa ben traballada, áxil, precisa, modelo de xornalismo, no que alternan a crónica, a memoria e o afán de expresar en poucas palabras todo o que o autor nos vai contando.

Lóstregos será presentado na Feira do Libro da Coruña o martes, 4 de agosto, ás 21:00 horas, nun acto no que Xosé Neira Vilas será acompañado polo editor Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

"Prostitución: clientes e outros homes"

Entrevistas,Radio,Socioloxía,Universitaria,Xerais_nos_medios

XG00164301Aquí pode escoitarse a conversa que os responsables do Diario Cultural da Radio Galega mantiveron coas sociólogas Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire, autoras da investigación recollida no libro Prostitución: clientes e outros homes.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais na Feira do Libro da Coruña

24 Xullo 2009

Feiras_do_libro,Presentacións

Na Feira do Libro da Coruña, que se celebrará nos xardíns de Méndez Núñez, do 1 ao 10 de agosto, Xerais ten programadas as seguintes actividades:

Día 1.  Sábado

Capa o sombreiro chichiriteiro .indd18.30    O escritor e xornalista Manuel Rivas asinará exemplares do seu libro O sombreiro chichiriteiro e de toda a súa obra.

Día 3.  Luns

20.00    Conferencia do profesor Xesús Alonso Montero arredor dos seus libros máis recentes: Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), publicado por Edicións Xerais de Galicia e Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, publicado pola Editorial Galaxia.

Día 4.  Martes

capa_lostregos.indd19.30    Xosé Neira Vilas asinará exemplares dos seus libros.

21.00    O escritor Xosé Neira Vilas, presenta o seu libro Lóstregos.  Xunto co autor, participará no acto Manuel Bragado.

Día 5.  Mércores

18.00    A feira dos nenos. Acto arredor do libro O arco da vella, de Charo Pita, ilustrado por Xosé Tomás.  Participarán os autores do libro.

XG0016740120.00    O escritor e xornalista Luis Rei Núñez presenta o seu libro Monte Louro, (Premio Blanco Amor de novela 2009). Xunto co autor, participarán no acto o escritor Xavier Seoane e Manuel Bragado.

Día 6.  Xoves

19.00    O escritor e xornalista Carlos G. Reigosa asinará exemplares do seu libro (Premio Torrente Ballester de novela 2008) A vida do outro.

Día 7.  Venres

20.00    Xabier P. Docampo (autor) e Xosé Cobas (ilustrador), asinarán exemplares d O Libro das viaxes imaxinarias (Premio Irmandade do Libro 2009 da Federación de Libreiros de Galicia).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais no Festigal 2009

Ensaio,Presentacións

194-f-cartaz350Hoxe no seo de Festigal realizaranse as presentacións de dous dos nosos libros da colección de ensaio: ás 18:00 horas O natural é político de Teresa Moure e ás 19:30 Nos camiños do entusiasmo de Goretti Sanmartín. En senllos actos as autoras estarán acompañadas polo editor Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Riofero» de Xelís de Toro, unha selva de novelas

22 Xullo 2009

Críticas,Narrativa

Xavier Queipo

XG00139401Algúns autores destilan as súas novelas coa lentitude coa que madurecen os viños do Porto e ofrcennos así, de cada tanto, unha garrafa de sabores e delicias que se diría extraída das reservas das caves de Vilanova de Gaia. Dez anos de silenzo levou Xelís de Toro no intervalo de producir este Riofero desque nos presentase –no século pasado- os seus Saltimbanquis no Paraíso.

A novela, que varios críticos entroncaron directamente co Corazón da Escuridade de Conrad, por aquilo, supoño, da ascensión do río, que semella ir invadindo corpos e almas dos que por el ascenden, é ao meu parecer unha novela da selva, que ten os seus antecedentes (ou referentes se se prefire) en certas alfaias dos sistemas literarios póximos como Cárcere verde de Xavier Alcalá ou A selva,  esa delicia saída da pluma do noso veciño do Sur, Ferreira de Castro ou mesmo Os Rios de Luandino Vieira, xa metidos no mato africano. Tamén hai elementos que a relacionan coas novelas sudamericanas de tema «selvático», de seringueiros e reductores de cabezas como La Vorágine de Jose Eustasio Ribeira, Canaima de Rómulo Gallegos ou aínda Los Pasos Perdidos de Alejo Carpentier. O río polo que ascenden esas personaxes apocalípticas de Riofero, na procura de non se sabe qué, mais sempre na procura de si mesmos, ábrese en centos de veas de auga e así as contén a todas elas e lles rinde homaxe (teña lido o autor as novelas que eu cito ou outras se cadra de temática semellante e non menor interese).

A imaxe de impacto do inicio da novela, telúrica, como saída do alén mundo, que abre o espicho polo que se aventura o escritor-narrador, do que fai xurdir as sombras que nos han acompañar en todo o traxecto do río, ata chegar ao poboado e alí perderse a súa pista nese «final twist» que nos deixa coa dúbida de se aconteceu o que aconteceu o todo é un mal soño. O «desvío final» non o vou rebelar, por unha cuestión de respeito duplo, aos que lean a novela e ao propio autor.

Mais non me resisto a transcribir a imaxe que me impactou ao inicio e que fixo que xa non puidese levantar os ollos da novela. Di así: «Polo medio do río baixaba unha barcaza que, de súpeto, ficou parada, abaneando a estribor e babor, bambeando nese espazo no que se encontran o río e o mar, incapaz de seguir baixando. No medio da barca campaba o mastro fumegante, e nel había un home crucificado co corpo chamizado.» Se esta imaxe non lles dá azos para seguir lendo, pois daquela mellor que non sigan, pois con semellante punto de partida só se pode tratar dunha novela de aventuras e misterio, das que algúns gustan e outros detestan.

Acumúlanse en Riofero elementos clásicos da novela de aventura exótica (algo de Kipling, un pizzicatto de Salgari e por suposto imaxes extraídas de The mission e Apocalypsis Now e unhas pingas de realismo máxico e do «real marabilloso» do que falaba Carpentier) dende o rapaz espelido e arteiro, sabechón e case adulto, curtido na desgraza e se cadra por iso vulnerábel até o aventureiro accidental, perdido nun mundo que o abraia a cada relanzo do río, o temor ao estranxeiro e a negativa a aceptar ser fotografados, as caixas de música que sempre aparecen no intre preciso das lembranzas románticas, e as historias de amores desgrazados, todo iso mesturado con algo de maxía, de antropoloxía cultural, de xeografía económica, botánica de amador e imaxes tiradas de mil filmes de aventuras, configuran un universo de «western de río» ou de novela de fronteira.

A presenza case constante de fantasmas achega o texto a algúns autores africanos da lusofonía (Manuel Rui, Mia Couto, Paulina Chiziane) e a mitoloxía do «saloon» e as bacantes que se namoran do heroe desaparecido e xa mítico no panteón de heroes do río a certa literatura do «Far West» como nas novelas de Karl May ou mesmo das historias do Mississipi como Mark Twain. Tamén aparecen desdobramentos de personalidade e afastamento do real por intermedio de certas substancias alucinóxenas, o que non deixa tamén de ser un clásico nas novelas de aventuras. Se alguén pensa que falta o elemento de amor tan típico das novelas do «Far West» de estranxeiro que chega ao poboado logo de demorada viaxe e se namora da bailarina ou da bacante do «saloon», que por suposto lle corresponde e de como son felices e desgrazados en sucesión de aconteceres e malaria dos sentimentos no podía faltar pois aí está , presente nas lembranzas que se contan do barqueiro, do heroe do río.

No medio de todo isto unha linguaxe de signos que hai que interpretar, que se nos ofrecen como indicadores para a comprensión ou coma linguaxe oculto. O narrador mesmo reflexiona sobre este punto cando afirma: Pensou que a ave que o espertara co seu sangue podía ser un deses sinais que debía entender. Parte da linguaxe oculta que debía desentrañar. A linguaxe que lle abriría as portas do río e o axudaría a entender a sorte do barqueiro».

Xelís de Toro non esquece o elemento investigador, anovador e experimental, tan característico dalgúns do seus traballos anteriores cando fai unha descrición polo miúdo dos encadres das fotografáis que tanto o xornalista (Marques) como o rapaz axudante do barqueiro (Cordel) van tirando no camiño. Elemento que sen acadar unha presenza excesiva axuda a recrear certas escenas descriptivas sen chegar a cansar.

En resumo, unha novelas das que paga a pena ler neste verán á sombra dunha palmeira ou dun piñeiro manso, mentres un se deleita cun cáliz dun viño das reservas das caves de Vilanova de Gaia ou daquela compaña que lles gorente. Que gozen da lectura e do verán dunha novela escrita nesa lingua fantástica, que polo que se vé ten ben máis inimigos dos que merece. A lingua na que escribiu Rosalía, a lingua que ninguén quería.

Bruxelas, xullo 2009

Chuzame! A Facebook A Twitter

«A vida do outro», presentación en Compostela

Autores,Narrativa,Premios,Presentacións,Xerais_nos_medios

2009072200490544199Foto: Tamara de la Fuente.

A vida do outro de Carlos G. Reigosa, a novela gañadora da XXª edición do Premio Torrente Ballester, foi presentada onte en Compostela. Acompañaron ao autor o escritor Fermín Bouza e o profesor e comentarista político Xosé Luís Barreiro Rivas.

Camilo Franco en La Voz de Galicia cualificou a obra como «unha novela da xeración da Transición». Pola súa banda, Iago Martínez en Xornal de Galicia salienta que «Reigosa novela o relato “aínda por construír” da Transición». Galicia hoxe titula «O periodista dos moitos egos». El Progreso presenta a novela como «biografía dunha xeración». Europa Press titula «Carlos G. Reigosa acerca al lector a la Transición mediante una crónica “humana” y menos generacional de lo que parece». ABC anuncia que «Carlos Reigosa novela la transición con “A vida do outro”».

Chuzame! A Facebook A Twitter

Alonso Montero entrevistado no "Diario Cultural" da RG

17 Xullo 2009

Autores,Crónica,Entrevistas,Historia,Xerais_nos_medios

xg001661011-195x300Aquí pode escoitarse a entrevista ao profesor Xesús Alonso Montero emitida no Diario Cultural da Radio Galega con motivo da publicación do libro Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1636-1948).

Chuzame! A Facebook A Twitter

"Prostitución: clientes e outros homes"

Entrevistas,Socioloxía,Universitaria,Xerais_nos_medios

2009-07-17_IMG_2009-07-17_01 33 59_soc3prostitucionCon motivo da presentación na Feira do Libro de Vigo de Prostitución: clientes e outros homes de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire, Faro de Vigo publica hoxe unha entrevista coa segunda das co-autoras desta investigación pioneira en España.

Chuzame! A Facebook A Twitter

"Monbars o Exterminador", crítica en "lg3"

13 Xullo 2009

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Anxos García Fonte publica en “lg3″ unha crítica sobre Monbars o Exterminador, a máis recente novela publicada de Hixinio Puentes, gañadora do Premio Eixo Atlántico de Narrativa galega e portuguesa 2006. Recollemos un dos parágrafos dun texto que cualifica a novela como encadrada dentro do “xénero de aventuras” e de “extraordinaria calidade”:

XG00152101Intriga, evolución psicolóxica dos personaxes, audacias narrativas, documentación exhaustiva e ambientación impecábel… mais se hai algo que chama poderosamente a atención nesta nave narrativa é a madeira coa que está feita: un galego popular riquísimo ben embreado de voces e frases dialectais, ese regueiro vivificante nunha literatura que tende a retroalimentarse de si mesma en canto a materiais lingüísticos caendo con frecuencia nunha manía estandarizante empobrecedora. Hixinio Puentes, ben lonxe disto, demostra un dominio lingüístico fóra do común non só na utilización da terminoloxía mariñeira senón tamén na adaptación estilística ao contexto narrativo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Luís Rei Núñez, hoxe na Feira do Libro de Vigo

Autores,Entrevistas,Feiras_do_libro,Narrativa,Premios

aghp32f02840181_273658Luís Rei Núñez, a partir das 20:30 horas, asinará na Feira doLibro de Vigo exemplares de Monte Louro, a súa máis recente novela, gañadora do Premio Blanco Amor 2009.  Coincidindo con esta asinatura, Galicia hoxe publica unha longa entrevista co novelista realizada por Manuel Vidal Villaverde. Recollemos un dos parágrafos da conversa referidos a Monte Louro:

XG00167401Iniciei a súa escrita co propósito de sempre: indagar na existencia. Nese sentido, en Monte Louro volven aparecer asuntos como a loita pola vida, o amor nas súas diferentes cristalizacións, o desexo de vinganza, a auto-inmolación solidaria, o sentimento de culpa… Todo iso sen deixar de contar o caso dunha infancia real, no Muros dos anos da República e da guerra, e de paso a experiencia da emigración a América, creo que pouco tratada na narrativa galega. Esta historia reclamaba un número xeneroso de páxinas co que, entre outras cousas, quería emendar a plana ós libros anoréxicos desta época de daltonismo moral. En fin, que tras coroar Monte Louro (un Himalaia de andar pola casa), o resultado é unha novela á que eu quero xa tanto coma Expediente Artieda ou O señor Lugrís e a negra sombra, pero que por moitas razóns se vai facer se cadra máis inocultable. E iso acrecenta o orgullo do autor.

Chuzame! A Facebook A Twitter

María Reimóndez, entrevista en "El País"

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

María Reimóndez é entrevistada hoxe en El País a raíz da aparición de Pirata, a súa máis recente novela. Reproducimos varios parágrafos dun texto moi interesante:

XG00156401Ambientada en el siglo XVIII, su protagonista es una de las mujeres piratas más importantes de la época, Mary Read. Vestida de hombre y tras el nombre de Mark, Mary consigue encontrar su identidad como bucanero. Una búsqueda que, pese a todo, no llega a ser completa. En su historia todavía falta lo que dos de los otros personajes, Anne Bonney y Madame Ébano, le llegarán a aportar. Así, Reimóndez define su obra como “un viaje interior por la identidad”. Recuperando una idea de la ensayista norteamericana Judith Butler, Reimóndez explica que esta historia manifiesta como el género es algo que se construye por la percepción de los demás derivando, en algunos casos, “en una confusión de tu propia identidad”.

Al igual que Mark, Anne también es rescatada de la historia por María Reimóndez. Y lo hace de forma fiel, algo que la diferencia de otras obras ya publicadas en otros ámbitos literarios como el español. Para esto, reproduce fragmentos de lo que se habló en el juicio de Mark Read, presenta la trayectoria de los barcos que atacaron, muestra todo su recorrido vital conservado en los documentos históricos… Y es que a Reimóndez lo que más le gusta del proceso de escribir un libro es la creación de los personajes, porque “eso es lo que marca después el resto”.

Además, advierte que siempre necesita que exista algún desafío, algo que le haga el trabajo interesante. “No puedo escribir cosas que me son muy conocidas, por las que no me tengo que esforzar en crear, ni en recrear, ni en inventar”. Y muchas veces, para conseguir que todo esto funcione, es muy importante la fase de documentación. La autora de Pirata reconoce que invirtió mucho tiempo ojeando documentos históricos con el fin de conocer, por ejemplo, cómo se vivía en los barcos pirata o la relación que los tripulantes tenían entre ellos. “Para la creación de Madame Ébano, me dejé influenciar por textos del 1700 escritos por mujeres negras que hablaban sobre la esclavitud”.

Tal y como ocurre en la novela, Reimóndez considera que el sexismo presente en la literatura envía a las escritoras a los márgenes. “Una manera es diciendo que escribimos ‘literatura de mujeres’ consiguiendo, así, darle menos valor a lo que una escribe. Otra forma es a través de la crítica de nuestros libros, desde los insultos personales, hasta comentarios sobre tu aspecto físico, pasando por poner que es un libro que manifiesta el universo femenino”. Con sus libros como herramienta, la escritora lucense mantiene vivas las esperanzas. “Las escritoras no somos pasivas ante esta serie de cosas. Además, el hecho de hablar de los temas es ya una forma de luchar contra ellos”.

Confiada en que la presentación de su última obra puede ganar mucho en un lugar que tenga que ver con el tema más superficial de su libro, la editorial Xerais está gestionando la posibilidad de que Pirata desembarque en el Aquarium Finisterrae de A Coruña en octubre.

Chuzame! A Facebook A Twitter

"Itinerarios seguindo o río Miño"

8 Xullo 2009

Guías_de_viaxe,Natureza,Noticias

Chega ás librarías esta semana Itinerarios seguindo o río Miño, unha guía de viaxe, concibida por Paco Armada, para percorrer en coche as ribeiras do noso río primeiro.

XG00166301Desde o seu nacemento, nas estribacións da serra de Meira, en Lugo, ata a súa desembocadura na Guarda, en Pontevedra, regando o 40% do territorio galego, o río Miño, o «pai dos ríos galegos», acubilla un rico e variado patrimonio natural, monumental e cultural. Conta con paraxes «protexidas» como as Insuas do Miño ou con entornos modificados pola man do home, nos diversos encoros que –na maioría dos casos– alteraron importantes ecosistemas naturais. Un río cheo de lendas, que nos falan de teiticieiras e xanas que moraban nas súas augas.

A través dos Itinerarios seguindo o río Miño, Paco Armada, autor desta guía de viaxe, ofrécenos a posibilidade de coñecer e gozar das terras e do patrimonio que se estende a ambas as dúas ribeiras do Miño, incluíndo a parte do territorio na que compartimos o río coa veciña Portugal. Descricións detalladas dos itinerarios, con preto de 1.000 km de percorrido, localidades bañadas polo augas miñotas, monumentos, historia, áreas de esparcemento, excursións a lugares de interese, rutas de sendeirismo… A guía vai nutrida, ademais, de mapas e máis de 400 fotografías que fan deste libro un referente indispensable para o viaxeiro.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Marcos Calveiro, entrevista en "Xornal de Galicia"

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

2009070723275918522Tras a moi exitosa actividade da pasada semana en Santiago arredor da novela Festina lente, Marcos Calveiro é entrevistado en Xornal de Galicia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

"Pedras de Compostela"

7 Xullo 2009

Fóra_de_colección,Historia

Esta semana chega ás librarías Pedras de Compostela, a recompilación de textos arredor da historia compostelana asinados por Mercedes Gualteria Pintos Barreiro baixo o alcuño de Aldonza de Praterías. Un fermoso libro de historia local, ilustrado coas fotografías de Manuel G. Vicente.

XG00149101En Pedras de Compostela, Aldonza de Praterías debulla as súas lembranzas para referirlle á cidadanía os sucesos acaecidos ao longo de séculos en Compostela. Aldonza observou desde finais do século XI a cantos franquearon os limiares da porta do Perdón, na fachada de Praterías, sentido en cada momento o latexo da cidade. Mercedes Gualteria Pintos Barreiro, a autora de Pedras de Compostela, móvese animada pola esperanza que a cidadanía compostelá redescubra a adúltera pillada en flagrante, esa marabillosa escultura románica da catedral, e que a reincorpore ao seu patrimonio persoal.

Pedras de Compostela reúne sesenta e oito fermosos textos, acompañados de fotografías de Manuel G. Vicente, que percorren a historia de Compostela durante nove séculos e acrecentan o gozo de vivir nesta cidade de pedra. Como afirma José Mª Díaz, Deán da catedral de Compostela, no prólogo, Aldonza –“esa Aldonza feminista precoz, reivindicativa e, por momentos laicista militante”- “debeu de escapar durante moitas noites do seu posto”, tanto para estudar de seu os espazos interiores da Catedral como para atender o paso dos peregrinos ou seguir o desenvolvemento da cidade: traída de augas, fontes, hospitais, institucións docentes, etc.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entrevista a Gonzalo Moure

6 Xullo 2009

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

88d11f3b6e2f799ec1605f85c359a857fd2cb6d7César Lorenzo Gil entrevista n’ A Nosa Terra ao escritor Gonzalo Moure a raíz da publicación d’ A porta de Mayo.  Reproducimos algúns fragmentos dunha conversa moi interesante, onde Moure anuncia que acaba de rematar a súa primeira obra en galego:

Como foi que A porta de Mayo estea en galego –en tradución de Santiago Jaureguizar– e non na lingua orixinal, o castelán?
Este libro ten unha historia singular. Hai 16 anos Tina Blanco, Jaureguizar e máis eu iniciamos un xogo literario que consistía en escribir tres versións sobre o enigma de quén estaba soterrado nunha misteriosa campa na casa da miña familia. Pouco despois Jaureguizar empezou a traballar en El Progreso e distanciámonos os tres. A historia quedou aí e foi tomando outra cor. Converteuse nunha reflexión sobre a miña familia, en cuxa historia está lonxanamente baseada, e cando estivo acabada tanto Tina coma min sabiamos que era un libro distinto. Jaureguizar, para “sentirse” dentro do proxecto, ofreceuse para traducila ao galego e buscarlle editor. Pareceunos fantástico porque é unha novela moi galega e de momento non temos présa por editala en castelán. É un libro que precisa tempo, de ciclo lento, complexo, implacábel e esixente co lector.
XG00138901Definiríao como unha deconstrución da memoria?
É unha historia real metabolizada. Hai certos aspectos da miña familia que literariamente son máis potentes que na novela pero non me considerei con dereito a publicalos. Noutros casos hai só imaxinación. Por exemplo, na novela fálase de que a orixe da familia é un cabaleiro irlandés que chega a Galiza por erro no século XII. Na realidade, o “náufrago” era un baixo nobre asturiano do século XV. Pero na altura de empezar a novela, viaxaramos a Eire para buscar as orixes do meu apelido materno, Trenor, que si é irlandés e pensamos que xunguir Irlanda con Galiza daríalle máis potencia ao relato.
Chuzame! A Facebook A Twitter

"Cartas de republicanos galegos condenados a morte", presentación en Santiago

2 Xullo 2009

Crónica,Noticias,Presentacións

XG00166101O vindeiro mércores, 8 de xullo, ás 20:00 horas, na libraría Couceiro (Praza de Cervantes 6) de Santiago de Compostela terá lugar a presentación do libro de Xesús Alonso Montero Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948). No acto o autor estará acompañado do editor Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

María Reimóndez, entrevistas tras a presentación de "Pirata"

1 Xullo 2009

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Presentacion Libro Maria ReimondezTras a presentación de onte en Vigo de Pirata, a súa terceira novela, María Reimóndez é entrevistada por Faro de Vigo (só na edición impresa), Xornal de Galicia e Galicia hoxe.

XG00156401En Xornal de Galicia, María Reimóndez insiste na idea de que Pirata “non é unha historia de piratas, senón un pretexto para falar doutras cousas. O que me interesaba dende o punto literario era subverter a literatura de aventuras, un xénero habitualmente masculinizado, polo que fixen algo que é en parte unha novela de piratas, e tamén unha novela histórica, pero ten moitas outras facetas”.

Na entrevista en Galicia hoxe, preparada por M. Dopico, Reimóndez presenta Pirata como a busca da propia identidade e todas as loitas que isto implica, encarnada en tres personaxes que se rebelan contra os patróns de comportamento establecidos. “O que máis me fascinou de toda a historia é o tema das identidades, que son fluctuantes, permeables, flexibles. A personaxe principal” -Mark Read- “manifesta como somos o que perciben de nós. É o que di Judith Butler sobre o xénero: que é unha representación. As personaxes demostran como é posible levar unha vida que non é a socialmente esperable segundo o teu xénero, clase social…”, salientou. Malia que a imaxe da portada poida levar a interpretar o contrario, Pirata non é un libro para nenos, nin un relato de aventuras, senón unha obra de personaxes, que a autora estrutura en partes: Azul, Vermello e Negro. “O azul do mar, o vermello do sangue, o negro das bandeiras piratas. Na primeira parte hai máis introspección, na segunda máis acción. O de aventuras é un xénero tipicamente masculino, entón hai un xogo cos libros de aventuras, pero para contar algo totalmente diferente. Para min foi moi divertido escribir esta novela”, asegurou María Reimóndez.

Chuzame! A Facebook A Twitter