Dez razóns para ler "Monte Louro"

29 Xuño 2009

Narrativa,Opinións_lectores/as,Premios,Presentacións

Recollemos un fragmento da intervención que sobre a novelagañadora do Blanco Amor 2009  Monte Louro de Luís Rei Núñez  leu o crítico e profesor Armando Requeixo durante o acto de presentación en Burela, o pasado 30 de maio.

XG00167401…. Cando teñan ocasión de se achegar ás páxinas de Monte Louro descubrirán unha historia fascinante protagonizada por un neno muradán, que logo se fará mozo barcelonés e que acabará por vivir o seu tempo de adulto no Bos Aires dos anos setenta e oitenta do pasado século. As case setecentas páxinas nas que se relata esta intensa peripecia vital agochan en cada recanto moitas e moi fundadas razóns para convencer da necesidade da súa demorada lectura, pero, coa intención de que se deixen atrapar polo engado desta narración, voume permitir agora enunciarlles dez motivos polos cales coidou o xurado que Monte Louro tiña por forza que ser este ano a novela gañadora do certame:

1. En contadas ocasións se ten dado na historia da literatura galega recente a escrita dunha historia onde os personaxes que a poboan fosen caracterizados cunha profundidade psicolóxica tan reveladora, tan certeira, de tanta fondura.

2. Moi poucos escritores de noso poden presumir dun dominio e dunha plasticidade tan abraiante nas descricións e no profundar nas psiques de personaxes de ambos xéneros, facendo cribles por igual as máis diversas vivencias de mulleres e homes de distinta condición, idade e circunstancia.

3. Admira o realismo e a verosimilitude coa que se recrean escenarios, tempos e espazos, demostrando un sorprendente traballo de documentación que tivo que ter presente un lapso de tempo moi dilatado e localizacións moi diferentes.

4. Salienta a habelencia do autor á hora de lograr unha perfecta integración dun abano de personaxes variado e numeroso en moitos feitos paralelos ou sucesivos que se orquestran nunha estrutura superior sólida e coidada.

5. A novela ten a virtude de relatarnos a trama facendo progresar a acción dosificadamente, conseguindo así manter sempre a atención e a tensión narrativas, evitando caer en devalos, reiteracións ou excursos innecesarios.

6. O estilo da prosa é moi elaborado, cun galego vizoso e unha adxectivación e uso de modismos ben acaídos que fan de moitos parágrafos da obra pezas maxistrais polo seu resaibo poético.

7. Os diálogos da novela están instalados nun verismo convincente e en todo momento se fan cribles e recoñecibles.

8. A narración incorpora no seu seo citas e referencias máis ou menos explícitas a moitos e moi variados autores da literatura universal; ora ben, faino dun xeito tal que, lonxe de pedanterías metaliterarias ao uso, acaba por fundir esa tradición en homenaxes ben traídas que serven para tecer unha inconfundible voz de seu.

9. A acuidade e delicadeza coa que se formulan e resolven as grandes cuestións do ser humano nesta obra sorprende dende a primeira ata a última páxina. O amor, a morte, a amizade, a loucura, a incomprensión, o medo, a ira, a tristura viven nos personaxes da novela, facéndoos tan humanos e próximos a nós que é inevitable sentirnos retratados neles en maior ou menor medida e recoñecer nas súas vivencias as nosas propias paixóns e debilidades.

E 10. A ambición e o alento que anima unha novela de máis de medio milleiro de planas esixe unha orquestración estrutural e un labor de esmerilado de todas e cada unhas das múltiples láminas que a van engrosando tan grande que só un escritor extraordinariamente dotado é quen de afrontar o reto con posibilidades de éxito. Armando Requeixo

3 Comentarios

  1. Extraordinaria novela de lectura fácil e atractiva

    Comment by carme — 25 Xullo 2009 @ 8:58 a.m.

  2. Á que lle sobra a última parte que excesivamente lenta e innecesaria.

    Comment by carme — 25 Xullo 2009 @ 9:00 a.m.

  3. [...] algo menos de 200 páxinas para rematar Monte Louro. Algunhas cousas xa as vou tendo [...]

    Pingback by ferradura en tránsito » Monte Louro, subliñados e comentarios — 26 Agosto 2009 @ 10:11 a.m.

Feed RSS dos comentarios deste artigo.

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.