"Tempo de centeo", a novela de Ferreiro sobre a fame de posguerra

6 Maio 2009

Narrativa,Noticias

Tempo de centeo é o título do novo libro  de Xosé Fernández Ferreiro. Nesta novela, a décimo quinta da produción novelística do narrador de Espartedo, retrátase aquel pequeno Ourense clerical e clasista dos anos da fame de posguerra. Tempo de centeo chegará ás librarías esta semana.

xg00152001Xosé Fernández Ferreiro, que con tanto acerto narrou a traxedia dos paseos e dos fuxidos galegos, ofrécenos en Tempo de centeo outra magnífica novela sobre a posguerra. Transcorre naquel pequeno Ourense, clerical e clasista, dos anos corenta e cincuenta do pasado século cando todo eran atrancos e miserias para o pobo. O personaxe principal é un adolescente que emigra da aldea á cidade, onde se ve obrigado a traballar en diversos oficios para subsistir nun mundo hostil e represivo no que se sente alleo e desnortado. só un grande amor e a súa paixón polo cine lle dan pulo e o liberan para soportar o noxo de cada día.

Tempo de centeo é unha historia amarga e realista, da que emerxen, coa forza das cousas prohibidas, todos os desexos humanos nun tempo escuro e desaventurado que trocou a vida de moitas xeracións.

Chuzame! A Facebook A Twitter

"O' Salto do Can", primeira novela de Jorge Llorca

Narrativa,Noticias

Esta semana chega ás librarías O’ Salto do Can, a primeira novela de Jorge Llorca. Novela de fasquía realista, recupera a memoria de toda unha xeración ferrolá escrita nos mármores das tabernas.

xg00164201Decote pasan centos de historias polos mármores das tabernas, como pasan as constelacións sobre a cuberta dos barcos, dalgunhas quedan as pegadas, como as que deixa o acedo do viño, outras desaparecen namais pasarlle un pano. Na taberna O´Salto do Can, Ponciano limpa as mesas cada maná, logo bota unha presa de serraduras polo chan, e despois busca no xornal os números da sorte. Bibián o perruqueiro soña con Fred Astaire, o cego Zacarías adiviña as cores, D. Ruperto, de Biscuit Antigüidades, gaba as “delicatessen” do “metre cusinier”, mentres a pantasma da señora de Fontá leva viño branco para guisar as pombas do xardín; Dorita quer se facer puta, o home do traxe gris fala con Poe. Peitoradas, o marqués de Ghataesfolada, Caruso e Fleta, a Serea dos Ollos Grandes, e ata un incerto Robert Taylor entraron un dia pola porta e quedaron para sempre; agora forman parte xa da moblaxe, como o reloxo de parede, o paraugueiro, a pirámide das cuncas, ou a loura do almanaque de Bodegas Prioriño que colga encima da caixa de farias, onde Ponciano garda as necrolóxicas. O ‘ Salto do Can constitúe a sorprendente e emocionante primeira novela de Jorge Llorca, a memoria de todo unha xeración ferrolá escrita nos mármores dunha taberna.

Chuzame! A Facebook A Twitter