«O natural é político», acto en Pontevedra

31 Marzo 2009

Ensaio,Presentacións

xg00153201O xoves, 2 de abril, ás 20:00 horas, na sala de conferencia s da Fundación Caixa Galicia de Pontevedra, terá lugar un diálogo arredor do libro O natural é político, entre a súa autora, Teresa Moure, e o editor Manuel Bragado. O acto está organizado polo Ateneo de Pontevedra.

«Home sen nome» traducido ao italiano

Narrativa,Noticias,Traducións

img_susoSuso de Toro acaba de chegar de Ivrea onde presentou a edición italiana de  Home sen nome. A tradución dende o galego, preparada por Fabio Angelli, apareceu na editora Gran Via baixo o título de Uomo senza nome.

2 de abril. Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Infantil,Merlín,Noticias,Premios,Presentacións,Xuvenil

Con motivo da celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, Xerais ten previsto realizar os seguintes actos:

o-unico11 de abril, mércores, a partir das 18,00 horas, Agustín Fernández Paz, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 2008, asinará exemplares de O único que queda é o amor e do resto da súa obra, no departamento de libraría de El Corte Inglés de Vigo.

3 de abril, venres, ás 11,00 horas, Manuel Rivas e Patricia Castelao presentarán, aos alumnos e alumnas do Centro Educativo Andaina, rúa Aguaceiros, 21 A Zapateira en Culleredo, o seu primeiro libro dirixido ao público infantil  O sombreiro Chichiriteiro.

Capa o sombreiro chichiriteiro .indd3 de abril, venres, a partir das 18,00 horas, Manuel Rivas asinará exemplares de O sombreiro Chichiriteiro no departamento de libraría de El Corte Inglés da Coruña.

Homenaxe a Ramiro Fonte

Autores,Poesía

ramiro-baixaA AELG organiza o 17 de abril en Vigo unha homenaxe a Ramiro Fonte. O acto terá lugar ás 19:30 horas nas instalacións da Fundación Caixa Galicia de Vigo (Rúa Policarpo Sanz). No recital póetico intervirán os poetas X.M. Álvarez Cáccamo, Manuel Álvarez Torneiro, Ignacio Chao, María do Carme Kruckemberg, Xulio López Valcarcel, Gonzalo Navaza, Román Raña, Xavier Rodríguez Baixeras, Cesáreo Sánchez Iglesias e Xavier Seoane.

«Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica»

30 Marzo 2009

Lingua,Monografías,Noticias

Acaban de chegar da imprenta os primeiros exemplares Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica do editor Juan L. Blanco Valdés. O libro esta prologado polo galego José Martínez de Sousa, unha das maiores autoridades en edición técnica e ortotipografía. Este primeiro manual de edición en galego presentarase coincidindo co vindeiro 23 de abil, día internacional do libro e dos dereitos de autor.

xg00164101A edición é hoxe unha actividade profesional de absoluta actualidade, excitantes posibilidades de futuro e altísimos estándares de cualificación técnica, razón pola que cada vez son máis frecuentes ciclos formativos superiores e bibliografía especializada neste terreo. Este manual é, de feito, o froito de dous alentos. O primeiro está nas moitas horas de experiencia docente do autor no Máster de Edición da Universidade de Santiago de Compostela onde tivo a oportunidade de transmitir un coñecemento técnico acumulado en vinte anos de exercicio profesional no Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela e de pulsar as necesidades reais de formación en edición técnica. O segundo destes pulos veu determinado pola constatable existencia, por dicilo na xerga empresarial, dun «nicho de demanda»: o dun manual de edición dirixido a un público, se ben máis ou menos especializado –polo tanto con coñecementos de edición ou, cando menos, de edición textual– moi frecuentemenete enfrontado a inseguridades, dúbidas, incertezas, alternativas técnicas e lagoas nos máis diversos aspectos que atinxen a un proceso complexo como é a creación dun libro, para a resolución dos cales dispón dunha bibliografía obviamente estensa pero sempre dispera e adoita indiscriminada. Polo tanto, este é un manual «a pé de obra», redactado por un editor e pensado para editores, un texto sinxelo e intuitivo conscientemente dedicado á cerna da edición: a construción e produción dun libro dende o orixinal.

«A cabeza de Medusa», crítica en «Culturas»

Críticas,Fóra de Xogo,Narrativa,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

a-cabeza-de-medusa-culturas-28-3-09Ramón Nicolás publicou no suplemento «Culturas« de La Voz de Galicia do pasado sábado unha crítica d’ A cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil.

«O sombreiro chichiriteiro»

Infantil,Merlín,Opinións_lectores/as,Xerais_nos_medios

Recollemos a anotación que sobre O sombreiro chichiriteiro, o recente álbum de Manuel Rivas e Patricia Castelao, publican o blog Trafegando ronseis:

Capa o sombreiro chichiriteiro .inddProliferan ultimamente os libros infantís con desigual resultado, salvados en moitas ocasións polas fermosas ilustracións que acompañan uns textos que dáme a impresión non chegan en moitas ocasións a nenos e nenas. Pero non é este o caso: o texto de Manuel Rivas e as ilustracións de Patricia Castelao son fermosos por igual. Un relato sobre a amizade e a esperanza nunha coidada edición de tapa dura cunhas ilustracións que non deixan indiferente. Un fermoso libro para agasallar, para follear, para disfrutar.

«Mal de escola»

29 Marzo 2009

Educación,Narrativa,Opinións_lectores/as,Xerais_nos_medios

Recollemos a anotación que sobre Mal de escola de Daniel Pennac publica Cesare no seu blo As túas balas.

xg001515011I

Os estudantes son agora moito peores ca antes –dime un profesor universitario de 31 anos–. O outro día púxenlles ao grupo B un exercicio que fago todos os anos: teñen que preparar unha noticia e locutala como se fose un telexornal, metendo a cabeza por unha tele de cartón. Este ano copiaron en cinco minutos unha nova de internet, e comezaron a lela tal cal. Eu cortei o exercicio de raíz e pasamos a outra cousa.

II
Calquera manual de pedagoxía podería sinalar os erros desa práctica: dende a definición dos obxectivos ata un modelo de aprendizaxe baseado na nota, pasando por construír situacións irreais que conducen a que criaturas, a miúdo batante máis achegadas á realidade cós seus profesores, bordeen ou eludan o absurdo. Se ademais este novo pero experimentado profesor lese Mal de escola, de Daniel Pennac, podería intuír que a culpa do fracaso do exercicio era en boa medida súa.
As renovacións pedagóxicas, as contrarrenovacións, os sindicatos, os políticos, as anpas e os medios de comunicación foron sinalando como causas do fracaso escolar o método, as reformas legais, as infraestruturas, as familias desestruturadas, as vacacións dos profes ou esa violencia da mocidade que tan precisamente describe Pennac. Pero o erro está na falta de amor, como di Pennac, e na falta de autocrítica, que é outra vertente da falta de amor.
Mal de escola é poliédrico, embarullado e marabilloso, anque Pennac é fondamente conservador: de aí a súa teima nos alicerces do ensino: a ortografía, a literatura dos séculos pasados (ás veces moi pasados) ou, ata un punto que asusta, a proposición subordinada adverbial concesiva, que a pequena Nathalie, con toda lóxica, non entende. A escola ten que revisar métodos e amores, si, pero tamén contidos, ese pequeno e obsesivo apósito que vai xunto á aprendizaxe de modelos, e sobre o que, estrañamente, avaliamos.

«Ámote vermella»

Opinións_lectores/as,Poesía,Xerais_nos_medios

Recollemos o comentario que sobre Ámote vermella, o poemario de Claudio R.Fer, ilustrado por Sara Lamas, publica o blog Trafegando ronseis.

Claudio Rodríguez Fer xunto coa ilustradora Sara Lamas presentan un libro fermoso tanto pola edición como pola idea: un poemario dedicado ás mulleres represaliadas e esquecidas da nosa terra: Ámote vermella. E digo que é fermoso en canto á idea, porque tal como afirma o autor a súa intención é “afirmar a vida, loitar contra a morte. Cómpre unha catarse colectiva para superar o trauma deste esquecemento no que vivimos instalados nunha democracia tardofranquista amnésica. O franquismo foi unha ditadura androcéntrica e machista, que practicou a violencia de xénero. Setenta anos despois, quixemos demostrar que hai quen as ama, aquí están os seus nomes elas que foron as esquecidas entre os esquecidos, aquí están os seus retratos, cando tivemos a fortuna de atopalos”. En canto á edición, paréceme un libro preciso, cunhas ilustracións exquisitas, todo el en vermello.
Outra cousa diferente desde o meu punto de vista é o poemario en si, que non acabou de convencerme. Porén, como adoita acontecer, hai poemas que gustan máis ca outros, e como é costume déixovos unha pequena selección. Recoméndovos a súa lectura por mor de sabermos máis sobre nós mesmos, sobre o noso pasado recente, sobre unhas mulleres esquecidas por seren mulleres, sobre a valentía da vida naquela época, sobre o feito de procurar unhas ideas que outros non consentiron. Cómpre lembrar, porque na memoria radica a forza de que non volvan acontecer feitos coma estes.

«A batalla do paraíso triste», crítica en «Protexta»

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

pena_protextaArmando Requeixo publica unha crítica en Protexta 09 d’ A batalla do paraíso triste, a novela de Xosé Ramón Pena.

«O xardín das pedras flotantes», crítica en «Protexta»

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

xardin_protextaLara Rozados publicou unha crítica en Protexta 09 d’ O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González, gañadora do Premio Xerais 2008.

Xabier DoCampo e Marcos Calveiro, premios «Irmandade do libro» 2009

Autores,Narrativa,Noticias,Premios

imgp2741b_webXabier DoCampo e Marcos Calveiro recibiron onte á noite no Carballiño os premios «Irmandade do libro» 2009 outorgados pola Federación de Libreiros de Galicia. Xabier DoCampo foi recoñecido na categoría de «autor do ano 2008» e Marcos Calveiro na de «libro do ano 2008» pola súa novela Festina lente que recibe o seu primeiro recoñecemento. Tamén foron premiados Alvarellos editora, na categoría de «obra editorial 2008»; as bibliotecas públicas de Oleiros, na de fomento da lectura; o IES Blanco Amor de Ourense, na de centros educativos; a Asociación Cultural Rosalía de Castro, na de institucións e Andel do libro galego e portugués, na de librarías. Os nosos parabéns para a Federación de Libreiros e para todos os premiados.

«TSC. Diario da noite», Alfonso Armada

27 Marzo 2009

Noticias,Poesía

Está chegando ás librarías TSC.Diario da noite, un voluminoso poemario de máis de seiscentas páxinas de Alfonso Armada.

xg00151701TSC. Diario da noite de Alfonso Armada é un experimento, o intento destemido dun poeta de 24 anos que, seguindo o alento de escritores como Gide ou Joyce, desexaba a literatura como unha sorte de vida e devecía por rexistrar o paso do tempo e todos os seus estragos escribindo un poema cada día do ano de 1982. As obsesións íntimas, os medos, os anhelos e as mitoloxías da época están case todas neste diario poético que é tamén un canto de amor e desapego á cidade de Vigo, onde o poeta naceu, e ás que comezaban a facer parte da súa existencia: Compostela, Madrid, Sevilla ou Tánxer. Estes Trescentos Sesenta e Cinco días son, para o poeta, un intento de dar conta de si.

«Zoommm. Textos biónicos», Estíbaliz Espinosa

Noticias,Poesía

Esta semana ponse á venda nas librarías Zoommm.Textos biónicos, o novo poemario de Estibaliz Espinosa.

xg00162001No século XXI, finxir dar vida foi un dos cometidos principais daqueles que traballaban nesa trampa oblicua chamada arte: a creación de personaxes semellaba un eixe fundamental na novela, esa simulación tamén se atopaba no deber dun bo actor, dun guionista, dun realizador de cine, un fotógrafo, un debuxante de cómics… No século XXI, procurar vida foi un dos cometidos principais daqueles que se dedicaban a esa fe experimental chamada ciencia: a medicina, a investigación no xenoma, a astrofísica, a matemática agochada nos patróns de crecemento vexetal e animal, a arquitectura orgánica… No século XXI, aplicar un zoom nos textos das criaturas humanas revelaría unha ambición de alquimista: transmutarse en vida. En memoria.Vingadora da mortalidade. Zoommm, o poemario de Estíbaliz Espinosa, achégase con torpeza humana ás relacións incestuosas entre texto e vida, linguaxe da máquina e linguaxe lírica, e a ese antigo desexo infantil de que o que leamos se transfigure en nós, electrice a nosa medula, siga o noso ritmo vascular, volva parte de nós ou nós dela. Somos o que foron outros. Se somos o que comemos, somos o que lemos.

«Nos camiños do entusiasmo», presentación na Coruña

Ensaio,Noticias,Presentacións

xg000795011Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación, o máis recente ensaio de Goretti Sanmartín, presentarase o vindeiro luns, 30 de marzo, ás 20:30 horas, na Asociación Alexandre Bóveda, rúa dos Olmos 16-18, 1º da Coruña. O acto contará coa participación da autora e do profesro Xosé Manuel Sánchez Rei.

Casa Hamlet presenta «Ratiña linda»

26 Marzo 2009

Animación á lectura,Carteis,Infantil,Merlín,Teatro

cartel-ratina-linda-casa-hamlet

A compañía de teatro Casa Hamlet está representando a obra de teatro “Ratiña linda” escrita por Manuel Lourenzo a partir do conto Rata linda de Compostela de Bernardino Graña.

«Un firme traballador da derrota ou Peter Buckley», Premio Teatro Radiofónico

Noticias,Premios,Radio,Teatro

nota300_233799Rubén Ruibal e César Candelas foron os gañadores do IIIº Premio de Teatro Radiofónico «Diario Cultural« pola súa obra Un firme traballador da derrota ou Peter Buckley, protagonizada polo boxeador britano peter Buckley,un eterno perdedor. A peza foi a gañadora tanto no premio outorgado polo xurado como polo público. Dotados ambos premios con 3.000 euros, Xerais editará a peza nun libro-CD que tamén incluirá as obras finalistas, O xou mas gou on de Eva Ferreira e Servizo de información de Paula Carballeira. O xurado, –formado por Cándido Pazó, Cristina Domínguez, Flor Maceiras, Camilo Franco e Ana Romaní–  destacou que a historia de Peter Buckley «emprega pautas do xénero negro, convertendo o relato nunha translación radiofónica dun ambiente cinematográfico» e con «personaxes ben perfilados». O premio será entregado o 15 de abril nunha gala, que se desenvolverá no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e na que será presentado o libro cedé. Entrevista cos autores en Galicia hoxe.

«Riofero», crítica no «Faro da Cultura»

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

rioferofaroFrancisco Martínez Bouzas publica hoxe no «Faro da Cultura» unha crítica sobre a novela de Xelís de Toro Riofero.

«Quen matou a Inmaculada de Silva?», crítica no «Faro da Cultura»

Críticas,Fóra de Xogo,Narrativa,Xerais_nos_medios

inmaculadafaroPilar Ponte publica no «Faro da Cultura» de hoxe unha crítica sobre a recente novela de Marina Mayoral Quen matou a Inmaculada de Silva?

«Nos camiños do entusiasmo», crítica no «Faro da Cultura»

Críticas,Ensaio,Xerais_nos_medios

entusiasmofaroMarga Romero publica unha crítica no «Faro da Cultura» de hoxe sobre o ensaio de Goretti Sanmartín Nos camiños do entusiasmo.

A película «O Club da calceta» vencedora do Famafest 2009

25 Marzo 2009

Cine,Narrativa,Noticias,Premios

cartazparahome2009A película O Club da calceta, adaptación cinematográfica dirixida por Antón Dobao da novela homónima de María Reimóndez, resultou vencedora do Festival Internacional de Cinema e Vídeo de Vila Nova de Famalicao (Famafest 2009). O xurado, que concedeu o galardon por unanimidade salientou da película galega «a profunda reflexión que ofrece sobre a condición feminina». Agardamos con interese a súa estrea por parte da TVG. Os nosos parabéns á autora da novela e o director da película.

«Reconquista. Vigo en armas», presentación

Crónica,Noticias,Presentacións

xg00159501Mañá, xoves 26 de marzo, ás 20:00 horas, no salón rexio do Círculo Mercantil de Vigo (entrada pola rúa do Príncipe) terá lugar unha conferencia presentación do libro Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland.

«Quen matou a Inmaculada de Silva?», crítica en "Lg3"

Críticas,Fóra de Xogo,Xerais_nos_medios

xg001525013 Isabel Soto, publica en lg3 de Culturagalega.org, unha crítica de Quen matou a Inmaculada de Silva? de Marina Mayoral.

«A batalla do paraíso triste», crítica en «Culturas»

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

a-batalla-do-paraiso-triste-culturas-21-3-09

Ramón Nicolás publica no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha crítica d’ A batalla do paraíso triste, a novela de Xosé Ramón Pena.

«Ámote vermella», o recital de Lugo

Poesía,Presentacións

Eis a crónica da presentación recital do pasado luns en Lugo de Ámote vermella, o poemario de Claudio R. Fer.

Xelís de Toro entrevistado no «Diario Cultural»

24 Marzo 2009

Entrevistas,Narrativa,Radio,Xerais_nos_medios

xg00139401Aquí pode escoitarse a entrevista con Xelís de Toro emitida hoxe no «Diario Cultural» da Radio Galega con motivo da aparición de Riofero.

Entrevista a Fran Alonso en «Praza das Letras»

Crónica,Entrevistas,Xerais_nos_medios

0040026001236874820-foto-manuel-g-vicente«Praza das Letras» publica unha longa entrevista que lle fixo a Fran Alonso con motivo da publicación d’ Un país a medio facer. A entrevista está centrada na evolución da cultura galega nos últimas dúas décadas e a súa proxección no futuro. Alonso comenta, ademais, o estado dos seus proxectos literarios: «En poesía teño un libro rematado hai un ano. Non o publiquei porque en Xerais temos moitos orixinais de poesía e está agardando vez. Titúlase Transición. Logo seguín escribindo e teño a metade doutro poemario. En narrativa teño varias cousas en distintos estados, o máis avanzado é un libro de relatos sobre as relacións humanas e a súa configuración.»

Xelís de Toro en «El País»

23 Marzo 2009

Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

de-toro-xelis-1O diario El País entrevista a Xelís de Toro con motivo do seu último libro Riofero.

Catálogo Xerais 2009

Catálogos

Acaba de chegar do almacén a edición en papel do Catálogo Xerais 2009 (176 páxinas). Pódese coller nas librarías ou recibir gratuitamente solicitándoo por correo electrónico a: xerais@xerais.es

«A clase», crítica en «Nós»

22 Marzo 2009

Críticas,Narrativa,Traducións,Xerais_nos_medios

Extrait du film "Entre les murs" de Laurent CantetMartín Pawley publicou onte en «Nós», o suplemento de Xornal de Galicia unha crítica sobre A clase, a novela de François Bégaudeau, traducida por Xavier Senín e Isabel Soto. Recollemos os dous derradeiros parágrafos dun texto moi interesante:

Bégaudeau retrátase coma un profesor que gusta de enfrontarse dialecticamente aos seus alumnos, que os trata de igual a igual, que non se preocupa por ser politicamente correcto e que por esa razón pode botar man da ironía e a retranca para amosarlles as súas contradicións e os seus prexuízos sen caer no didactismo. A clase é unha obra dialogada case de principio a fin, que amosa con sinceridade e sen complexos tanto as demostracións de elocuencia como a incapacidade dos rapaces para expresar o que quizais quererían dicir, e por iso podemos ver a novela tamén como unha celebración da comunicación e da lingua, da necesidade de posuírmos as palabras necesarias que nos permiten relacionarnos co resto sen estar en inferioridade de condicións.

A escrita de Bégaudeau é sincera e profunda, nin pesimista nin bucólica, e fai do instituto un microcosmos pluricultural que reproduce a maneira de preciso altofalante os conflitos identitarios, os desequilibrios de poder, a desigualdade de oportunidades e as dificultades para integrar o diferente. Un lugar onde poden xurdir situacións xeniais pero que non é capaz de corrixir as inxustizas e en ocasións mesmo contribúe a amplificalas. Un espazo real, en suma, tan bo ou tan malo como a sociedade da que forma parte.

Xerais twitter

Facebook,Noticias,Twitter

Continuando coa aposta da editorial pola presenza nas redes sociais e por promover a participación dos lectores dos nosos libros e usuarios dos nosos servizos, dende hoxe tamén pode seguirse a actividade da editorial dende Xerais twitter. Nese espazo de microblogueo publicaranse puntualmente todas as actividades promocionais e novidades máis destacadas da editorial.

Deste xeito a editorial conta cos seguintes espazos en Internet:

Algúns destes espazos, como a web e o blog, están en proceso de profunda modificación do seu deseño e utilidades. Agradecemos todas as suxestións e críticas para a mellora do seu funcionamento.

«Ámote vermella», presentación en Lugo

Noticias,Poesía,Presentacións

amotevermella10Ámote vermella, o poemario de Claudio R. Fer, ilustrado pr Sara Lamas presentarase mañá, luns, 23 de marzo, ás 19:00 horas na sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria de Lugo. No acto participará o autor, que recitará parte dos poemas do libro, xunto co editor Manuel Bragado. Esta presentación recital de Ámote vermella encádrase dentro do proxecto exposición  Vermellas. Chamábanlles “rojas”. promovido por Lugo Cultural.

F.X. Fernández Naval no «Diario Cultural»

21 Marzo 2009

Entrevistas,Narrativa,Radio,Xerais_nos_medios

fernandez-naval-300x229F.X. Fernández Naval, autor de Para seguir bailando, foi entrevistado onte no Diario Cultural da Radio Galega. Aquí pódese escoitar a entrevista.

Premios Irmandade do Libro 2008

20 Marzo 2009

Autores,Narrativa,Natureza,Noticias,Premios

250808Hoxe coñecimos as candidaturas finalistas da XVIIIª edición dos premios Irmandade do Libro que outorgados pola Federación de Libreiros de Galicia serán entregados o sábado 28 de marzo, as 21:30 horas no Carballiño.

Acollemos con gran satisfacción a noticia de que Xabier P. DoCampo foi declarado gañagdor na modalidade de «Autor» valorando «tanto a súa extraordinaria faceta creadora como a súa contrastada vocación de traballo a prol do libro e da lectura» en Galicia.

Ademais, na modalidade de «Mellor libro do ano 2008» foron escollidos dous títulos nosos, Festina lente de Marcos Calveiro e O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González, que competirán con Fin de século en Palestina de Miguel Anxo Murado.

Na modalidade de «Obra editorial do ano 2008», a nosa Guía das plantas de Galicia de Xosé Ramón García competirá coa tradución d’ As flores do mal de Baudelaire, preparada por Gaonzalo Navaza para a editorial Galaxia, e coa colección «Rescate» de Alvarellos Editora.

Biblioteca Agustín Fernández Paz en Gondomar

Autores,Narrativa,Noticias,Presentacións

agustinO IES Auga da Laxe (Gondomar) acordou poñerlle á súa biblioteca o nome do escritor Agustín Fernández Paz. Os responsables do centro nunha nota salientan que «É para nós unha satisfacción levar adiante esta iniciativa que queremos que sirva como unha pequena homenaxe a un dos autores máis importantes da literatura infantil e xuvenil galega.» Para dar a coñecer a súa obra, ademais das actividades que desenvolven co noso alumnado, o IES Auga da Laxe convida a todas as persoas que o desexen a achegarse centro para compartir dúas das iniciativas programadas.

* Mércores, 25 de marzo de 2009, ás 18:00 h, na biblioteca do instituto. Club de lectura arredor do libro O único que queda é o amor, galardoado co premio nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008.
* Martes, 31 de marzo de 2009, ás 18:00 h, na biblioteca do instituto. Acto de colocación dunha placa co nome do escritor e inauguración dun panel sobre a súa obra. Neste acto contaremos coa súa presenza.

IIº Certame de Micronovela «Concello de Soutomaior»

19 Marzo 2009

Narrativa,Noticias,Premios

Onte foron presentadas as bases do IIº Certame de Micronovela «Concello de Soutomaior» no que Xerais colabora coa edición da obra gañadora. Na primeira edición a obra premiada foi Proxecto bolboreta de Andrea Maceiras e a finalista Virxinia de Pilar Ortega.

micronovelaNeste certame poden presentarse obras narrativas cunha extensión mínima de 35 folios e máxima de 60, escritos a dobre espazo, en fonte Arial e corpo 12. Outorgarase un único premio dotado con 3.000 euros.  A obra gañadora será publicada por Xerais no segundo semestre de 2009.

O prazo de admisión de orixinais péchase o 17 de maio de 2009. Deberán dirixirse catro copias con pseudónimo e baixo plica a: Casa do Concello de Soutomaior. Rúa Alexandre Bóveda nº 8, 36691 Soutomaior.

As bases poden baixarse en pdf aquí.

María Reimóndez, discurso do premio San Clemente

18 Marzo 2009

Autores,Narrativa,Premios

mariaraimondez_hermeDo magnífico blog Trafegando Ronseis recollemos o texto íntegro da intervención de María Reimóndez na recollida do Premio Arcebispo Juan de San Clemente que obtivo por O Club da calceta.

Din que o bater das ás dunha bolboreta pode afectar o clima. Hai movementos máis imperceptibles aínda que poden afectar un mundo enteiro. Eu vou falar de dous. O primeiro é un movemento moi pequeno que acontece tamén no ceo, no da boca. É un movemento que nos une, que nos fai persoas, que nos comunica e nos comparte, que lle dá sentido ao mundo e a quen somos, que nos dá raíces e ponlas coas que entrar no futuro. É un pequeno movemento que pode provocar treboadas marabillosas. Ese pequeno movemento é a lingua. A nosa. Sen ese pequeno movemento, sen esa pronuncia de os abertos e pechados, de xis, de tona, de gargallada, non habería catedral de Santiago, nin Obradoiro, nin Instituto Rosalía de Castro, nin Club da Calceta.
Semella unha obviedade, mais hai que recordala: sen lingua non hai literatura, nin ciencia, nin economía. E sen literatura non hai pensamento, nin mundos novos, nin liberdade nin rebeldía, nin posibilidades de resistencia. Unha literatura escríbese porque hai un pobo que a le, que a vive, que a reescribe. Vós sodes ese pobo lector, o sentido das nosas palabras. O feito de que sexa xente da vosa idade a que premia unha obra en galego cada ano é un motivo de esperanza.
E ese esperanza non fala só dun feixe de palabras, fala dunha maneira de entendernos como un pobo que resiste ao poder e á opresión. A nosa lingua non opreme, tanto ten as falacias que inventen e que retransmita a prensa imperialista, a nosa lingua sabe estar no mundo, ser en harmonía coa outra, en conexión con millóns de falantes de portugués, resistindo tamén a unha maneira de entender o mundo que pasa por enriba das cousas como unha apisoadora. Fronte a esa cultura imperialista, de erradicación do diferente, sexa por lingua, cor, orientación sexual, relixión, nós temos outras palabras que falan de acollida, de diversidade, de querer estar no mundo dándonos a man. Se hai algo no que crea firmemente na vida é que a relación con outras culturas, con outros pobos a través da cooperación e non da explotación pasa pola nosa lingua e pola nosa cultura propia. Só deste xeito pode unha comprender os problemas de opresión das demais, empatizar e establecer loitas conxuntas. Porque as ameazas son moitas, e precisamente nós témolas agora moi preto novamente. Agora que se achegan tempos moi escuros para Galicia, cómpre non esquecer ese pequeno movemento dentro das nosas bocas. Pensar a que sociedade queremos contribuír, se queremos derrubar, se queredes derrubar o edicifio, como dicía Castelao, máis importante do noso pobo ou, contra vento e marea, mantelo vivo, con agradecemento a quen falou antes de nós, co orgullo de termos unha identidade aberta, plural pero propia. Ese pequeno aletear da lingua na nosa boca é un exercicio de resistencia ao poder, á opresión, á mentira e á explotación que nos agarda.
E logo está ese outro movemento imperceptible, o do tocar dunha agulla con outra. O da calceta. O da sororidade das mulleres que nos imos enganchando como puntos dun xersei as unhas ás outras, invisibles tamén ao poder, construíndo vidas diferentes e cambiando con eses pequenos xestos a sociedade. Estes puntos vanse tecendo tamén no literario, abrindo portas a novas e non tan novas mozas que poidan ter a palabra que aínda nos custa tanto manter. Eses puntos levan aí toda a vida, agochados, como a calceta, no espazo do fogar, no espazo do privado, ese que parece non interesarlle a ninguén excepto ás mulleres. As mulleres que, para dicir agora outra obviedade, somos a metade da humanidade. Adoita parecer outra cousa, realmente, os nosos problemas, as nosas visións, a nosa palabra, fica sempre secundaria e menos importante. Por iso teño que agradecervos que unísedes a miña calceta á vosa con este premio, que non observásedes esta historia de seis, sete realmente, mulleres como unha historia marxinal senón, como acontece co que escriben os homes, unha historia sobre a vida, sobre o mundo, sen necesidade de máis apelativos. Ou se cadra só un, feminista. Porque o feminismo é o que me axuda a tecer, a entender, a buscar solucións con outras mulleres e algún home ao feito de que a metade da humanidade siga vivindo en condicións deplorables, ás veces cunha discriminación visible e outras con outra totalmente invisible. Desa, precisamente, quería falar o Club da Calceta, desa violencia que está na base das outras violencias, desas cousas pequenas. E tamén da forza que temos as persoas cando nos unimos. O feminismo é precisamente o mellor exemplo diso, porque se non fose por el, por ese movemento de cambio social sen parangón na historia da humanidade, que trascende razas, nacionalidades, idiomas, continentes, cores e clases sociais, hoxe vosoutras, mozas, non estariades no instituto. E eu tampouco podería falar dende este estrado sen perigo para a miña vida. Mais estes avances conseguidos a conta de moito esforzo non nos poden facer negar o evidente, que a igualdade entre homes e mulleres está moi lonxe de conseguirse. Abonda con ver como se reciben os nosos textos, como nos trata o sistema literario e como seguimos agardando comportamentos establecidos, sobre todo nas relacións persoais, por parte dos homes ou das mulleres. Das mulleres agárdase aínda a submisión, na palabra e no resto. Aprendemos a asumir todas estas cousas, o feminismo ensínanos a pensar, a desaprender. Porque o feminismo é non asumir a explotación, ningunha, como forma de relación humana, e utilizar a intelixencia, a análise e a acción para transformala. A literatura é unha desas accións, constrúe sociedade e polo tanto ten tamén esa responsabilidade, a de manter o mundo existente ou a de crear un mundo novo cunha ollada crítica, desentrañando os mecanismos que nos amordazan e pretenden limitarnos. Necesitamos unhas agullas, unhas chocando con outras, para facer un festivo tintinar que nos axude a calcetar outro mundo mellor do que temos, un mundo que nos ensine a ver a nosa responsabilidade nas cousas e a posibilidade que temos de cambiar cada día.
O mundo cámbiase precisamente nas cousas pequenas, en como nos tratamos, en que consumimos, en que idioma falamos, pero tamén nas cousas grandes, como estar hoxe aquí con todas e todos vós, agradecéndovos a vosa xenerosidade. Grazas e gardade ben quente a rebeldía das nosas palabras e das nosas romas agullas no ceo da boca e entre os dedos das mans.
Moitas grazas.

Finalistas premios AELG2008

Ensaio,Narrativa,Noticias,Poesía,Premios

Déronse a coñecer hoxe as obras finalistas dos premios AELG as mellores obras literarias do pasado ano 2008. En case todas as categorías son numerosas as obras editadas pola editorial.  Os membros da AELG poderán emitir o seu voto ata o 5 de maio.

Literatura infanto-xuvenil (Aelg-Gálix):
1. A Cabeza de Medusa, Marilar Aleixandre
2. Caderno de animalista, Antón Fortes Torres
3. Fume, Antón Fortes Torres
4. O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo
5. PAlAbrAs brAncAs, Elvira Riveiro

Poesía:
1. A melancolía dos corpos, Xulio López Valcárcel
2. Acendede as almenaras: cántigas de amor, de amigo e de escarnio, Bernardino Graña
3. Amor Amén, Iolanda Zúñiga
4. Construcións, Eduardo Estévez
5. Cultivos transxénicos, Carlos Negro
6. Hordas de escritura, Chus Pato
7. Látego de algas, Antón Reixa
8. Libro de Alicia, Olalla Cociña
9. Migracións. Rafa Villar
10. Non son de aquí, María do Cebreiro
11. O xeito de Freud, Carlos Lema
12. Reversos: días adiados, Ramiro Fonte

Teatro:
1. Fume / Insomnio, Rubén Ruibal Armesto e Carlos Losada Galiñáns
2. Historia da chuvia que cae todos os días, Roberto Salgueiro
3. Nachtmahr, Raúl Dans
4. Unha primavera para Aldara, Teresa Moure

Ensaio:
1. Anti Natura, María Xosé Queizán
2. Caderno de notas, Jenaro Marinhas del Valle
3. Fendas abertas: seis ensaios sobre a cuestión nacional, Carlos Taibo
4. Fin de século en Palestina, Miguel Anxo Murado
5. Historia de Ourense, Marcos Valcárcel
6. Miro Casabella e a nova canción galega, Xan Fraga
7. O espírito da letra. Nove achegas filosóficas a textos literarios, Luís G. Soto
8. O natural é político, Teresa Moure
9. Por unha Galiza liberada e novos ensaios, Xosé Manuel Beiras

Tradución:
1. A conxura dos necios (John Kennedy Toole), Eva María Almazán García
2. As flores do mal (Charles Baudelaire), Gonzalo Navaza
3. Cantos e fragmentos (Safo), Raúl Gómez Pato
4. O xiro postal (Sembène Ousmane), María Isabel García Fernández
5. Un home na escuridade (Paul Auster), Eva María Almazán García

Narrativa:
1. A choiva do mundo, Xosé Manuel Pacho Blanco
2. A verdade como mal menor, X. Luís Martínez Pereiro
3. Costa Norte/ZFK, Xurxo Borrazás
4. Festina lente, Marcos S. Calveiro
5. Memoria de cidades sen luz, Inma López Silva
6. O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo
7. O profesor de vegliota, Manuel Veiga
8. O xardín das pedras flotantes, Manuel Lourenzo
9. Os nomes do traidor, Xurxo Sierra Veloso
10. Shakespeare destilado, Xesús Constela

Finalistas do Premio San Clemente

Narrativa,Premios

Conexión Tubinga de Alberto Canal e O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González, novelas ambas as dúas editadaspola editorial (finalistas e gañadora, respectivamente, do premio Xerais 2008), xunto con Memoria das cidades sen luz de Inma López Silva son as tres obras declaradas finalistas da XVª edición do premio Arcebispo Juan de San Clemente na categoría de mellor novela galega. As tres novelas serán valoradas por un xurado de lectores e lectoras que cursan 2º de bacharelato en diversos centros de Galicia.

«Conversas con Celso Emilio Ferreiro»

Crónica,Entrevistas,Noticias

Hoxe chegaron da imprenta os primeiros exemplares de Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás. Este orixinalísimo título chegará ás librarías na primeira semana do mes de abril.

Capa_CronicaA través de Conversas con Celso Emilio Ferreiro mergullámonos na significativa persona-lidade dun dos grandes escritores da literatura galega. Da man de Ramón Nicolás, biógrafo e editor da súa obra literaria, rescátase a voz e a palabra do autor celanovés, cando se cumpren trinta anos do seu pasamento, para dar conta da súa opinión política e literaria e para introducirnos no «universo Celso Emilio», que en boa medida goza de plena actualidade e validez. Ramón Nicolás compilou e ordenou, temática e fragmentariamente, as máis das entrevistas que se lle realizaron a Celso Emilio en medios escritos durante a súa vida e, como nun xogo de espellos, recupera o seu criterio e a súa presenza. A súa propia obra literaria, a política, a militancia, as polémicas que protagonizou, a súa perspectiva sobre o ámbito da cultura, a súa opinión sobre cuestións como a lingua galega ou a nación latexan ao longo destas páxinas apaixonantes.

«A Cabeza de Medusa» seleccionada para a exposición The White Ravens 2009

Fóra de Xogo,Premios,Xuvenil

a-cabeza-de-medusa-111Dende 1996 a Internationale Jugend Bibliothek de München selecciona, de entre os milleiros de libros publicados cada ano, 250 libros infantiles e xuveniles en 32 idiomas e de 47 países para organizar a exposición The White Ravens que cada ano se inaugura na Fiera del Libro per Ragazzi de Bologna. Esta exposición acompáñase coa edición dun catálogo, en lingua inglesa, que contén as información bibliográficas e reseñas dos libros seleccionados.

A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre, Premio Fundación Caixa Galicia 2008, foi unha das obras galegas seleccionadas este ano para participar no The White Ravens 2009. Os nosos parabéns a Marilar por tan importante recoñecemento internacional.

Actualización (19-03-2009): a noticia nos medios impresos, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Galicia hoxe, La Opinión da Coruña.

Suso de Toro en «Galicia Hoxe»

16 Marzo 2009

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

suso_toroGalicia Hoxe entrevista a Suso de Toro con motivo da aparición da súa próxima novela, Por arte de maxia, no vindeiro mes de maio en Edicións Xerais. Extraemos un fragmento da noticia:

Considerado un dos mellores narradores da Literatura galega contemporánea e un dos nomes que acadou, desde Galicia, un carácter internacional, Suso de Toro explica Por arte de maxia como “unha investigación que empeza por constatar unha especie de enigma, unha ausencia, un baleiro na miña historia persoal”.

O “baleiro” refírese á peripecia vital do seu avó paterno, que el decide reconstruír a partir dunha serie de viaxes tras as súas pegadas, incluída Cuba e Zamora, de onde era orixinaria esa rama da familia. “Trátase dunha viaxe”, di De Toro, “na que hai algo de viaxe homérica, de busca do coñecemento”.

“Realmente”, engade, “o tema da miña nova novela é a identidade, pero ese tema non é ningunha novidade: probablemente é o eixe dos meus libros. Baséase na eterna pregunta: quen somos cada un de nós e cal é o papel que xoga o pasado na construción do eu”.

Narrada en segunda persoa, Suso de Toro subliña que até agora nas súas obras sempre mandaba os seus personaxes investigar o seu pasado e “nesta obra eu son o personaxe e o narrador, que aínda non sei quen é, o que me manda a min explorar a historia”.

A obra naceu, apunta, a partir de dúas situación distintas. Por un lado, está unha noite de insomnio en Toro, cando se preguntou de onde lle vén o apelido; e polo outro , un artigo de prensa no que pediron unha foto familiar e unha anécdota. El elixiu unha foto na que aparecen el e os seus pais diante da casa da familia. Nesa foto, un detalle que a el lle chamou poderosamente a atención: hai unha porta cegada con pedras. “No fondo”, subliña, “o sentido poético do libro está nesa imaxe: a dificultade de acceder ao que hai detrás do muro”.

Entrevista a Ana Iglesias

Entrevistas,Lingua,Universitaria,Xerais_nos_medios

5d541b610711c3d6e3c405920e4292c4c6f0b502A Nosa Terra publica esta semana unha entrevista a Ana Iglesias, a sociolingüista autora de Falar galego: “no veo por que” e coautora dos libros de Lingua e Literatura de 1º e 2º de Bacharelato de Xerais. Na conversa abórdanse algunhas cuestións de actualidade como a polémica arredor da iniciativa de derrogar o decreto de fomento do galego no sistema educativo.

«Mal de Escola», crítica en «Nós»

15 Marzo 2009

Críticas,Narrativa,Reedicións,Traducións,Xerais_nos_medios

Martin Pawley publicou onte no suplemento «Nós» de Xornal de Galicia unha crítica de Mal de escola de Daniel Pennac. reproducimos o texto polo seu grande interese:

xg00151501Unha muller case centenaria contempla na televisión un documental sobre un escritor francés, ao cal amosa na vida cotiá, rodeado de libros na súa biblioteca, falando do oficio literario e do seu pasado como mestre. O escritor chámase Danniel Pennac e a muller é a súa anciá nai. Ela sabe que Daniel é unha figura respectada e está ao tanto do seu éxito profesional, mais dentro dela ficou para sempre o recordo da tristeza e a preocupación polo fillo que de mozo respondía ao prototipo de mal estudante.
Un mozo que cada anoitecer regresaba á casa ‘ perseguido pola escola’, angustiado polas súas dificultades aparentemente insalvábeis para memorizar as leccións e manexarse con algo de fortuna coa lingua e as matemáticas. Un adolescente ‘sen porvir’, un “problema” para calquera familia que antes ou despois acabará por preguntarse “que vai se do noso rapaz?” Por is, nun altura na que a cabeza da nai se move mellor polo pasado que polo presente, a inquietude polo fillo, obviamente xa innnecesaria, rexorde unha e outra vez en forma de pregunta: “Ti cres que chegará a algo?”.
A calculada contención emocional das primeiras páxinas de Mal de Escola, publicado hai pouco pola editorial Xerais, marca con precisión o ton do libro, que mestura de maneira eficacísima o recordo autobiográfico e o rexistro ensaístico para abordar cuestións referidas á pedagoxía e ás institucións educativas. Pennac explora a súa experiencia nos dous lados da fronte, como (mal) alumno primeiro e logo como profesor de instituto durante vintecinco anos, para compoñer un discurso esperanzado sobre o papel revolucionario da educación, entendida non como transmisión robotizada de coñecementos senón como ferramenta formadora e transformadora que actúa un a un sobre cada individuo para facer del un ser máis libre e independente. O autor repara nos malos estudantes desde a certeza de que son eles os que verdadeiramente xustifican a necesidade do profesor; achégase ao seu illamento, ao seu desexo de saber combinado coa “dor de non comprender”, sentimentos que el tamén viviu, e sobre todo á súa vontade de salvación, de ser rescatados por alguén que veña buscalos e os leve da man guiado pola paixón por comunicar e por algo que está por riba de toda sorte de métodos, teorías e prácticas docentes: o amor. Un termo subversivo “que non podes nin tan sequera pronunciar nunha escola, nun instituto, nunha facultade ou en calquera lugar semellante” e que ten dentro de si o potencial para cambiar o mundo.
O peor que lle podería pasar a este texto excepcional, editado por Xerais nunha espléndida versión de Xavier Senín e Isabel Soto —autores tamén da tradución d’A clase de François Begaudeau, obra tan diferente como complementaria desta, e que merecerá comentario á parte— é ficar sepultado baixo a etiqueta de manual de autoaxuda para ensinantes. Porque Mal de Escola deben lelo todos os profesores, claro, mais tamén todas as nais e pais, e todos os fillos; debería lelo todo o mundo, como corresponde aos grandes libros, os que nos fan mellores. Martin Pawley.

A segunda edición de Mal de escola poñerase á venda esta vindeira semana.

Aínda non leu nada de Agustín Fernández Paz?

13 Marzo 2009

Autores,Carteis,Narrativa

cartel_agus

«Por arte de maxia», nova novela de Suso de Toro

12 Marzo 2009

Narrativa,Noticias,Vídeos

[youtube=http://www.youtube.com/watch?v=X_4BUaEsenc]

Suso de Toro anuncia no blog que acaba de abrir o que será o comezo da súa nova novela, Por arte de maxia. Aparecerá no catálogo da editorial na vindeira primavera.

Novos títulos da serie Merliño

Carteis,Infantil,Merlín,Noticias

cartel_merlino

«O libro das viaxes imaxinarias», fantástico agasallo

Críticas,Infantil,Narrativa,Xerais_nos_medios,Xuvenil

Paula Fernández publica no «Faro da Cultura» de hoxe unha crítica d’ O libro das viaxes imaxinarias escrito por Xabier P. DoCampo e ilustrado por Xosé Cobas. Reproducimos o texto:

librodasv1Fantástico agasallo

Como goza un lector cando atopa un agasallo tan delicioso como este traballado man a man entre Xabier P. DoCampo (Rábade, Lugo, 1946) e o ilustrador Xosé Cobas (Logrosa, Negreira, A Coruña, 1953), un tándem de autores xa coñecido por xenialidades como Bolboretas ou A casa da luz, pero que n’ O Libro das viaxes imaxinarias acada un nivel case que insuperable, que de feito lle valeu o recoñecemento inmediato ao ser considerado o mellor libro ilustrado do ano en 2008.

Son os cadernos dun Viaxeiro que chegan ás mans de quen o edita, quen respecta a literalidade do manuscrito atopado, e que reflicten unha viaxe vista como un regreso a Ítaca, entendida como regreso xa dende o comenzo mais tamén como un xeito de trasladarnos ao noso interior mentres percorremos cidades, camiños, montañas e ríos. Porque o libro recolle os dous cadernos de viaxe da autoría de X.B.R., o Viaxeiro, que se intercalan ordenadamente nas súas páxinas. Un deles describe os lugares visitados, empregando a lingua dunha maneira tan rigorosa que consegue recrear con todo detalle espazos fantásticos e marabillosos, e o outro contén os apuntamentos e debuxos realizados dende Arimoi e Aisia, lendas e pensamentos á beira das súas reflexións máis íntimas.

As cidades, todas coa letra A, e os seus habitantes representan medos, inseguridades,xeitos de pensar ou valores trasladables á sociedade actual malia estaren tinguidos dunha aureola misteriosa, en forma de fortificacións, sequedade ou seres insomnes. E por isto estas cidades son ao tempo espazo, motivo e protagonistas, cada unha coas súas características e acompañadas sempre dun ton melancólico, dun ritmo decadente que guía a quen le polas xornadas do personaxe.

Un agasallo fantástico, respectuoso coa lingua que mostra o amplo e verdadeiro coñecemento que desta ten quen escribe, do seu léxico, dos seus xiros, pero tamén unha obra cunha compoñente pictórica máis que notable, que enche con elementos mínimos máis de sesenta páxinas da obra, que homenaxea a Munch, pero que, sobre todo, visualiza todo o visto polo Viaxeiro sen perder a melancolía e o romanticismo que evocba o texto. Un texto que sen dúbida xa se converteu nun clásico e nun referente da literatura galega. Paula Fernández.

María Reimóndez, premio Juan de San Clemente

11 Marzo 2009

Narrativa,Premios

10000571113Mañá, 12 de marzo, a partir das sete da tarde, María Reimóndez recibirá o XIII premio literario Juan de San Clemente na categoría de novela en lingua galega por O club da calceta. Este premio é outorgado por un xurado de lectores e lectoras, alumnos de 2º de Bacharelato de diversos institutos de Galicia. Os nosos parabéns para María Reimóndez que estes días corrixe probas de Pirata, a súa nova novela que aparecerá no vindeiro mes de marzo.

Mau e Pin no Colexio de Pazos

Infantil,Noticias,Polo correo do vento,Presentacións,Reportaxes fotográficas

mau-e-pin-xerais_009mau-e-pin-xerais_0041

Mau e Pin, os autores dos títulos da colección «Polo correo do vento», levan varias semanas presentando as tres primeiras entregas da serie (Mariquiña a carteira anduriña, Xelo carteiro xurelo e Hugo o carteiro teixugo) por diversos colexios de infantil e primaria. Eis a crónica e as fotografías da súa visita á Biblioteca do CEIP de Pazos, onde foron moi ben recibidos.

«Monbars o exterminador», crítica en «Culturas»

10 Marzo 2009

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

recension-monbars-o-exterminador-rn-culturasRamón Nicolás publicou o pasado sábado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha crítica de Monbars o exterminador, a novela de Hixinio Puentes que obtivo o último Premio Eixo Atlántico de novela galega e portuguesa.

«O Globo de Shakesperare», crítica en lg3

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Montse Pena Presas publica no espazo de crítica de lg3 unha crítica sobre O Globo de Shakespeare a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Terra de Melide 2008. Recollemos un dos parágrafos dun texto que consideramos moi interesante:

libros_1562Se ben a primeira parte da novela se pode entender como unha grande e descritiva didascalia (o texto non é dramático, mais podería perfectamente selo), coa habitual presentación de localizacións e personaxes, unha segunda parte, moito mais breve, pero tamén máis intensa, presenta o drama e faino desencadear axilmente. E é aí, precisamente, onde reside a homenaxe/parodia a Shakespeare que realiza Jaureguizar: as pezas do quebracabezas van casando para que este O globo de Shakespeare se convirta nun Hamlet actualizado, esta vez en forma de novela, trasladado de novo a Galiza. Primeiro, porque todos os personaxes gardan un segredo, non só para os demais, senón tamén para eles mesmos, e este só se descobre cando se desencadea a grande traxedia final. Segundo, porque Ricardo é o novo Hamlet (e cando interpreta ao Príncipe de Dinamarca estase interpretando así mesmo), xa non namorado da nai, senón do pai. Terceiro, porque os acontecementos (acompañados das conseguintes confusións), ao igual que nas traxedias shakespirianas, acaban por rebasar aos caracteres, e con eles o elemento tráxico fundamental está servido. E cuarto, porque detrás deste escrito hai unha compoñente de realismo máxico, de personaxes intanxibles tocados por un alento de loucura, ou de maxia, se se quere, que non pode deixar de lembrar a un Cunqueiro que á vez que trasladaba os mitos á terra, enchía aos paisanos dese “aquel” que os singularizaba.

«Nos camiños do entusiasmo», crítica de Fernán Vello

9 Marzo 2009

Críticas,Ensaio,Lingua,Xerais_nos_medios

O noso colega o editor e escritor Miguel Anxo Fernán Vello publica hoxe na súa columna «Caderno aberto» de Galicia hoxe unha crítica do ensaio de Goretti Sanmartín Nos camiños do entusiasmo. Reproducimos un texto moi interesante:

xg00079501Proposta de lectura

Estando como están as cousas –a res publica, entendámonos–, aquí, en Euskadi e en Madrid –mais sobretodo aquí, na grisalla Galiza de hoxe mesmo–, nunca está de máis obtermos certa paz creativa e intelixente, certo acougo construtivo e liberador, através da lectura. Si, mediante a lectura dun libro, dun bo libro. E non por ánimo de fuxida do mundanal ruído, nin por desexo ningún de afastamento da realidade punxente que nos ocupa. Máis ben porque a lectura –unha lectura particular e conscientemente decidida– non só é antídoto contra a mediocridade que reinou, que reina e que reinará –iso é indubidábel, a non ser que aconteza un milagre–, senón porque a lectura mesma, con todo o seu poder de iluminación, abre espazos por onde transitarmos coas únicas armas das que sempre gustamos e que nos permiten avanzar superándomos todo atranco: a razón e o coñecemento. E todo isto vén a conto porque chegou ás miñas mans un libro que permite expresar todo o anterior; unha obra que invadiu e invade, con gran pracer, as miñas horas actuais. Goretti Sanmartín Rei é a autora de Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación, un ensaio publicado por Xerais que debe obter –e máis nos tempos que corren– a maior atención por parte dos lectores e que, na miña opinión, é unha obra moi oportuna e necesaria, un conxunto de reflexións que deben ser compartidas. A profesora Sanmartín, con gran rigor e metodoloxía dialéctica, leva a cabo na súa obra unha crítica sobre o tempo perdido no que atinxe á normalización do galego nos últimos anos, tanto dende a perspectiva política como dende a académica, e fai unha chamada a entendermos tamén a defensa do idioma galego como un proceso de mellora da calidade da lingua que empregamos, xa que así –di a autora, e nós partillamos a idea– «estamos a facer país». Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación é unha obra que non deberan deixar de ler, en ningún caso, todos os políticos, todos, deste país, en materia lingüística case sempre ao pairo. Miguel Anxo Fernán Vello.

«O sombreiro Chichiriteiro», ilustracións de Patricia Castelao

6 Marzo 2009

Ilustracións,Infantil,Merlín,Noticias

Velaí unha mostra do extraordinario traballo de ilustración que Patricia Castelao realizou para O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro conto infantil de Manuel Rivas.

chi07-xblogchi12xblogchi15xblogchi24xblog

«O sombreiro Chichiriteiro», Manuel Rivas e Patricia Castelao

Infantil,Merlín,Noticias

Acaban de chegar da imprenta os primeiros exemplares d’ O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro conto infantil de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao. O sombreiro Chichiriteiro comezará a chegar ás librarías galegas a vindeira semana e será presentado na Coruña, con motivo do 2 de abril, día internacional do libro infantil e xuvenil.

Capa o sombreiro chichiriteiro .inddNa casa do avó do pequeno Simón, un día de festa apareceu dacabalo dunha avestruz o Chancho Colorao, un home robusto, moi fachendoso, vestido de traxe e botas de montar. Mais, cando Simón deulle por sorpresa unha puñada ao sombreiro do xigantón, o sombreiro non foi caer no chan, deu unha reviravolta no ar con moito xeito, saíu voando e botouse a cantar: “liroliro, liroliro”. «É o sombreiro Chichiriteiro», berrou con alegría o avó de Simón. Mentres todos ficaban apampados, Simón foise correndo detrás de sombreiro tan especial, a correr, a correr por leiras, prados, soutos e camiños.

Así arrinca O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro conto de Manuel Rivas para lectores miúdos, ilustrado pola xenial Patricia Castelao. Unha historia de amizade dun sombreiro moi especial, o Chichiriteiro, e dun neno valente chamado Simón, que viaxarán xuntos ao corazón do mundo.

«Para seguir bailando», F.X.Fernández Naval

Narrativa,Noticias

Fernández Naval regresa ao catálogo de Xerais con Para seguir bailando, un magnífico libro de dez contos. Para seguir bailando chegará ás librarías a vindeira semana.

Capa NarrativaDez magníficos relatos constitúen este novo libro de Francisco X. Fernández Naval, que abre con “Noite de pallabarro”, a descuberta adolescente dunha realidade calada, silenciada, que alentaba e confundía un tempo sen memoria histórica; e que pecha con “Para seguir bailando”, un relato que amosa a condición fantástica do cotián nun xogo de múltiples caras, coma o espello de Rafael Dieste, como o reflectir dos cristais do espello. Entre medias, hai oito relatos que fixan os temas das obsesións persoais do autor: o abandono do medio rural, a inxustiza e a corrupción, o abuso exercido sobre a muller e o seu dereito a decidir sobre a súa vida e o seu corpo, o asombroso territorio da sombra ou a reflexión sobre a violencia. Algúns conectan directamente con obras anteriores de Naval pero, en definitiva, o que amosa este libro é a dimensión do ser humano que protagoniza unha existencia normal na que, ás veces, interfire o fantástico ou o azaroso, e sempre, por riba de calquera outra consideración, a certeza de que debemos seguir bailando neste xogo da vida que é, en definitiva, o máis firme valor que posuímos.

Foto cuberta: Maribel Longueira.

«Peaxes», Santiago Lopo

Narrativa,Noticias

Santiago Lopo debuta no catálogo de Xerais Narrativa con Peaxes, unha novela breve protagonizada por un caixeiro de peaxe da autoestrada. Peaxes chegará ás librarías a vindeira semana.

Capa_PeaxesDesde a súa ventá ao mundo, un caixeiro de peaxe da autoestrada bota unha ollada ás fraccións de vidas que se cruzan con el acotío. Esas instantáneas compoñen unha colaxe que lle axuda a fuxir da soidade. A partir destes encontros fugaces, ceiba a súa imaxinación e crea un universo ao ritmo da música que sae dos nosos vehículos cando baixamos a xanela para pagar, un planeta movido por anacos de conversas que desaparecen a cen quilómetros por hora. Desde a cabina, o narrador obsérvanos, temeroso de mergullarse na nosa rutina, mais contento de que rompamos a súa. Os usuarios da autoestrada erixímonos en protagonistas dun relato áxil que acelera nas curvas perigosas.

En Peaxes conflúen todas as Galicias existentes e as imaxinadas, demostrando que realidade e ficción comparten a miúdo o noso destino. Unha novela breve, coa que Santiago Lopo debuta no catálogo de Xerais, que fará gozar a lectores e lectoras.

Foto cuberta: Manuel G. Vicente.

Xerais: taboleiros de discusión, suxestións e queixas

5 Marzo 2009

Facebook,Noticias

l54547753303_6544Tras apenas unha semana dende a posta en marcha da páxina XERAIS de Facebook abríronse dous taboleiros de discusión:

Así mesmo, dentro deste Xerais Blog hai outro taboleiro aberto para acoller todas as suxestións, críticas ou queixas dos lectores e lectoras da editorial.

Por medio destes espazos electrónicos a editorial pretende abrirse á participación  e a opinión dos lectores e usuarios sobre o catálogo e os servizos ofrecidos por Xerais. Moito agradecemos todas estas opinións.

Experiencia de animación á lectura en Radio Tui

Animación á lectura,Infantil,Merlín,Narrativa,Noticias,Opinións_lectores/as,Radio

fourseasons_logoDende o pasado mes de xaneiro alumnado do 3º ciclo de Educación Primaria do Colexio Público Pazos de Reis de Tui desenvolven durante as mañás dos martes un programa de animación á lectura na Radio Municipal de Tui. Os alumnos e alumnas analizan un libro, realizan unha pequena reseña do autor e recomendan a súa lectura.

Premendo en cada título podemos escoitar os programas dedicados a Cidades de Fran Alonso, A rebelión dos coellos máxicos de Ariel Dorfman, A lagoa das nenas mudas de Fina Casalderrey e Mal de escola de Daniel Pennac (programa no que participaron dous profesores do centro).

Os nosos parabéns ao alumnado participante e á comunidade educativa de Pazos de Reis por tan fermosa iniciativa.

«Vermellas», inauguración da exposición

Noticias,Poesía,Presentacións

exposicion-vermellas1Mañá, 6 de marzo, ás 20:00 horas, na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria de Lugo, inaugúrase a exposición itinerante «Vermellas», proxecto multidisciplinar do que forma parte o libro Ámote vermella de Claudio R.Fer, ilustrado pola pintora Sara Lamas.

Older Posts »