Xelís de Toro presenta «Riofero»

31 Xaneiro 2009

Narrativa,Presentacións,Vídeos

[youtube=http://www.youtube.com/watch?v=Ot5uM9GXx5g]

Xelís de Toro presenta dende Inglaterra, onde vive, Riofero, a novela que chega esta semana ás librarías galegas. Como xa sinalamos, Riofero conta cun espazo web, onde se poden escoitar sete musicais creados polo propio Xelís.

«Conversas con Emilio Pérez Touriño», presentación en Compostela

30 Xaneiro 2009

Crónica,Noticias,Presentacións

O luns, 2 de febreiro, ás 18:00 horas no Auditorio do Museo do Pobo Galego, San Domingos de Bonaval s/nº de Santiago de Compostela, presentarase o libro Conversas con Emilio Pérez Touriño de Manuel Lombao. O acto contará coa participación de Manuel Bragado Rodríguez, Isaac Díaz Pardo, Emilio Pérez Touriño e o autor.

tourinowebEmilio Pérez Touriño debulla nesta longa conversa con Manuel Lombao as claves do seu proxecto político para Galicia en asuntos tan decisivos como as infraestruturas, a ordenación territorial, a reforma estatutaria, a educación ou a lingua. E xunto ao político que dirixe o rumbo do país desde a presidencia da Xunta de Galicia, comparece tamén neste libro un Pérez Touriño apenas coñecido polo público, que nos fala das súas orixes familiares, da súa adolescencia, das súas experiencias militantes e da súa vida académica, así como das circunstancias e motivos que o levaron a renovar o socialismo galego e a liderar o proceso que conduciría á formación do primeiro goberno de esquerdas da historia de Galicia.

Entrevista a Manuel Bragado

Entrevistas,Xerais_nos_medios

director_xerais_manuel_bragado

Foto de Lalo Villar

Teresa Cuíñas entrevista a Manuel Bragado, director da editorial, nas páxinas de «Luces» da edición de hoxe de El País Galicia.  A reflexión sobre os trinta anos de traballo da editorial e os problemas e os desafíos do libro galego centran a entrevista.

«A batalla do paraíso triste», crítica no «Cartafol»

29 Xaneiro 2009

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

xg001597011Manuel Rodríguez Alonso publicou no «Cartafol de libros» a súa crítica d’ A batalla do paraíso triste de Xosé Ramón Pena. O crítico remata a crítica da novela do seguinte xeito: «boa novela e que debemos ler para coñecer mellor a historia recente de Portugal. Por outra banda, resulta entretida abondo e ben escrita.»

«O Globo de Shakespeare», adianto da crítica de Eyré

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Eyré adianta hoxe no seu blog dous parágrafos da crítica que preparou para A Nosa Terra sobre O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Terra de Melide:

xg001530012Desde que Xosé Carlos Caneiro publicara Ébora (Xerais, 2000) poucas veces me divertín tanto lendo unha novela. Tentado estou de botar contas, polo menos dalgún título de Bieito Alonso, por iso da xustiza comparativa. Mais non o vou facer posto que a finalidade do aserto non é outra que comezar esta crónica letresca evidenciando a carcaterística máis notábel da última novela de Jaureguizar, e Premio Terras de Melide 2008, intitulada O globo de Shakespeare. O globo de Shakespeare posibelmente sexa, tamén, a novela máis completa deica o momento manifesta na imaxinativa e indómita escrita do autor nado en Bilbo. A única chata, esa redacción descoidada, descoidada e típica non só en Jaurgeuizar senón en máis, infortunadamente en máis autores. E que deixa como resultado segmentos como a seguir: “Alegara que a bolsa en Galicia que cobraba era breve”  (175) ou “Celia Mandiás entrou na sala do pazo levando unha bandexa para a cea de Leandro sen darlle fala para non desconcentralo” ( 179). Que, de cando en vez, aquí ou acolá segundo o azar depare, incomodan o seu, sobre todo ao lector que ame e estime a literatura como a arte da palabra. Algunha vez o temos comentado, para Jaureguizar a novela ven sendo máis “o cinema da mente”. E un, a verdade, cada día que pasa entende menos a ausencia de esmero nese aspecto, tanta preguiza, dado que, a fin de contas, a calquera lector ou escritor un chisco experiente lle mancan os ollos e tolle as aspiracións de medre na consideración como obra literaria

………………….

Tal é a virtude de historias como esta que nos relata Jaureguizar, manexando con habilidade o fíos da trama, dosificando esta deica precipitala nun remate apoteósico, tal como merece e demanda. O esquema é simple, e xa se sabe que o simple adoita ser efectivo. Gáñanos, no inicio, ao regalarnos esa galería de personaxes curiosas, estrañas e fortemente empáticas, inclusive as féminas- hai que estudar o papel da muller na narrativa de Jaureguizar, sobre todo comparando tramas para adultos e tramas para non adultos. Personaxes do mundo de Shakespeare e personaxes do mundo actual, confundidas. Introduce a trama, complícaa mentres incrementa as doses de paranoia, de delirio, e reserva parte das personaxes para que catalicen e precipiten o grande show final. Así de simple e efectivo, un esquema que ten moito de cinematográfico, concepción do retrato e concepción da escena. Porén, se indicamos onde radicaba a virtude, sáibase tamén que na mesma virtude está o seu teito de cristal, a fronteira. Cal é a utilidade da farsa literaria se a vida xa é en si unha farsa e, como na novela de Jaureguízar, tamén remata en traxedia? Non é pura evasión, pero esta pregunta debe facer reflexionar.

«Riofero», espazo web e blog para a novela

Adiantos_para_ler,Narrativa,Noticias

10000536013Xelís de Toro con motivo da aparición de Riofero acaba de abrir un espazo web para a novela, onde se pode baixar o primeiro capítulo, escoitar sete temas musicais (gravados polo autor en colaboración con outros artistas como Narf, Johny Rabbs, e The Vitamin B12) ou deixar comentarios no blog. Os nosos parabéns a Xelís.

«Historia de Ourense», crítica no «Faro da Cultura»

Críticas,Historia,Xerais_nos_medios

marcosfarowebXosé Antonio López Teixeira publica no «Faro da Cultura» unha crítica sobre a Historia de Ourense de Marcos Valcárcel.

«Fendas abertas», crítica no «Faro da Cultura»

Críticas,Ensaio,Xerais_nos_medios

fendasfarowebAlfredo Iglesias publica no «Faro da Cultura» unha crítica sobre Fendas abertas, o ensaio de Carlos Taibo.

«O Globo de Shakesperare», crítica no «Faro da Cultura»

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

jaurefarowebDolores Martínez Torres publica hoxe no «Faro da Cultura» unha crítica d’ O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do premio Terra de Melide 2008.

Faleceu John Updike

28 Xaneiro 2009

Autores,Narrativa,Noticias,Traducións

john_updikeVarios xornais do día fanse eco do falecemento de John Updike a causa dunha enfermidade pulmonar. Nado en Pensylvania en 1932, Updike é autor de máis dunha vintena de novelas e considérase un dos escritores máis relevantes da narrativa norteamericana contemporánea.

En Xerais editamos en 2007 a súa novela Terrorista, vertida ao galego por Lara Domínguez.

Entrevista a Alberto Canal en «Galicia Hoxe»

Autores,Entrevistas,Narrativa,Noticias,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

Hoxe aparece na sección «Maré» de Galicia Hoxe unha entrevista a Alberto Canal, autor da novela Conexión Tubinga, que foi finalista dos Premios Xerais de Novela 2008. Recollemos un fragmento:

xg00159601Conexión Tubinga está escrita cunha linguaxe sinxela e directa. “Dicía Kundera que escribía novelas fáciles de ler pero difíciles de entender. Quixen utilizar unha linguaxe accesible a todo o mundo, porque penso que coa linguaxe debemos seducir e comunicar”, opina o autor.

“Na literatura galega fan falta historias que cheguen ó lector, que emocionen. Gustaríame que algún día, un camión depositase un palé de libros nunha librería porque houbese moitos pedidos dos lectores que tiñan moita ansia por ler unha obra. Fan falta escritores que chamen polos lectores cara á literatura galega”, explica Canal.

Novas reedicións na colección «Fóra de Xogo»

27 Xaneiro 2009

Fóra de Xogo,Noticias,Reedicións,Xuvenil

xg00134502Debemos salientar a entrada de novas reedicións da colección «Fóra de Xogo», a exitosa colección xuvenil da editorial que nos seus trece anos de vida acadou os 116 títulos e unha s vendas superiores aos seiscentos mil exemplares.

Ademais das xa comentadas reedicións de Agustín Fernández Paz, xa están nas librarías a novena edición de Leonel de Antón Cortizas e a novena de Anxos en tempos de chuvia de Miguel Vázquez Freire. Parabéns para os autores.

Marina Mayoral, entrevista en «Galicia hoxe»

26 Xaneiro 2009

Autores,Entrevistas,Fóra de Xogo,Noticias

aghp36f03426541_215743Manuel Vidal Villaverde publica nas páxinas de Galicia hoxe a conversa que mantivo con Marina Mayoral. A escritora mindoniense publicará no vindeiro mes de febreiro, dentro da colección Fóra de Xogo, a novela Quen matou a Inmaculada de Silva?

«Un país a medio facer», crítica de Lupe Gómez

Críticas,Crónica,Xerais_nos_medios

«Un país raro», así define Galicia a escritora Lupe Gómez no Galicia Hoxe de onte, domingo, cando fala de Un país a medio facer, o máis recente libro de Fran Alonso. Reproducimos parte do seu artigo, publicado baixo o título «Hipopótamo amoroso» no suplemento «Lecer»:

cid-cabido-e-fran-alonso-a-finais-dos-801O escritor galego Fran Alonso sempre nos sorprende coas súas achegas orixinais, coa súa escrita diferente. Agora agasállanos co seu libro de entrevistas Un país a medio facer, no que aparecen persoas como Manolo Rivas, Suso de Toro, Antón Reixa, Uxía Senlle, Ugía Pedreira… Un feixe de entrevistados que nos dan visións raras e interesantes de Galicia. Porque Galicia non é un país normal, senón que é un país raro, pequeniño e inmenso. Fran Alonso é un hipopótamo que sabe facer fotos cunha cámara dixital de alta definición. Cun punto de vista nidio, elegante.

Resultan interesantes e dinámicas as súas entrevistas. Facilitan e alegran a lectura porque non son conversas intelectuais e difíciles, senón que falan de todas as cousas con emoción e claridade. O país raro está cheo de fendas, interrogantes, claroscuros, dúbidas, enerxía, forza, medos.

A cultura galega está «aberta por reformas», como di o programa que Xurxo Souto ten na Radio Galega. É unha xanela aberta pola que poden entrar e saír moitas cousas, porque as potencialidades son amorosas.

[Na fotografía, Cid Cabido e Fran Alonso, a finais dos anos oitenta]

Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín

25 Xaneiro 2009

Autores,Noticias,Presentacións

cartel_ferrin_okO día 6 de febreiro celebrarase en Vigo o Acto de Homenaxe Nacional a X.L. Méndez Ferrín, con motivo do seu 70 aniversario e da presentación do libro A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín, coeditado por Sotelo Blanco e Xerais. O acto, que se realizará no Auditorio do Centro Social Caixanova de Vigo (rúa de Policarpo Sanz, 26), comezará as 20:00 horas. Entrada libre.

Unha vez finalizado o acto de homenaxe, a partir das 22:00 horas celebrarase unha cea no Pazo Os Escudos, en Alcabre, Vigo. As persoas interesadas en participar na cea deberán ingresar 35€ (trinta e cinco euros) por cuberto na conta de Caixanova número 2080 0065 36 0000388555, antes do 30 de xaneiro de 2009. Para poder acceder á cea é imprescindible a presentación na porta do restaurante do xustificante de ingreso.

«O libro das viaxes imaxinarias», crítica de Tati Mancebo

Críticas,Fóra_de_colección,Xerais_nos_medios

Tati Macebo publica no blog «O levantador de minas» unha crítica sobre O libro das viaxes imaxinarias, a aclamada obra de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas. Recollemos o texto na súa totalidade:

librodasv1Nun momento en que, polas circunstancias do mundo que ocupamos, debemos aspirar a soños moi altos, aparece O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. Docampo e Xosé Cobas.
Do mesmo modo que acertamos plenamente coas nosas previsións sobre O último que queda é o amor, augurámoslle a O libro das viaxes imaxinarias o destino que só pode ter un libro redondo, un libro que, como todos os grandes, crea un mundo e convida a habitalo.
Un dos seus maiores logros, e non será trasladábel a outras linguas mais ese é o noso privilexio, radica na mestría de DoCampo para levar o lector a unha regresión, a un estado de graza en que pode percibir como propio un mundo aparentemente tan alleo, inzado de mecanismos e seres marabillosos, a través da lingua: léxico, sintaxe, fraseoloxía, connotación… Todo soa tan absolutamente galego que podemos reconstruír ese mundo no noso pensamento coas nosas referencias máis profundas. As cidades imaxinarias está entre eses, entre eses grandes libros da nosa literatura, os que farán Historia, tendendo xentilmente a súa man ao acaso.
Longa vida ás Cidades imaxinarias.

Jaureguizar entrevistado por «Galicia hoxe»

24 Xaneiro 2009

Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Jaureguizar non para. Hoxe é entrevistado en Galicia hoxe con motivo da publicación d´O Globo de Shakespeare, a súa premiada novela que cada vez está recollendo maior interese por parte  da crítica, dos medios e do lectorado. Recollemos algúns fragmentos da entrevista:

jaurealvezA obra foi recoñecida o xuño pasado co VIII Premio Terra de Melide. «As vendas van ben, as críticas son boas… din que é o meu mellor libro», comenta o autor, que xa está traballando noutras dúas novelas. De feito, onte atendeu este xornal por teléfono desde a cafetería na que estaba escribindo no seu ordenador. «O ano ten catro trimestres, que dan para escribir unhas tres novelas. O que fago é levantarme ás seis da mañá, ir correr e mentres ir pensando o que vou escribir, e despois escribo ata as oito. Soa un pouco espartano, pero é que máis tarde é moito máis difícil: tendo dous pícaros e co traballo…», di.

O Globo de Shakespeare é, segundo explica o seu autor, un «libro sobre os soños que temos todos: de poder, de amor, de éxito… Fala do espectáculo, e do fracaso, a través dun personaxe, Ricardo, un titiriteiro que ten un teatro nun paseo, e que lle ten envexa a un escritor de éxito. Chega un punto no que o seu fracaso é tal que só actúa para unha prostituta á que lle paga por velo actuar». A novela tamén aborda as relacións de poder en grupos pequenos, a partir dunha trama sobre a busca do manuscrito do Hamlet nun pazo de Ribadeo.

Jaureguizar en Vigo

Entrevistas,Narrativa,Presentacións,Xerais_nos_medios

jaureguizar-manoloJaureguizar presentou onte a novela gañadora do Premio Terra de Melide O Globo de Shakespeare na libraría Librouro de Vigo. Faro de Vigo aproveitou para facerlle unha entrevista ao novelista de Ribadeo.

«Guía das plantas de Galicia»

23 Xaneiro 2009

Narrativa,Presentacións

Onte foi presentada en Gondomar, no marco do ciclo «Queremos tanto aos libros» do IEM, a Guía das plantas de Galicia de Xosé Ramón García. A obra foi presentada por Xilberte Manso, membro da xunta de goberno do IEM, do que recollemos as palabras finais da súa intervención:

xg001314011Eu confeso, pecador, que teño sentido e vivido coa vista uns inmensos campos de trigo abagañados de mapoulas bermellas baixando da Serra de Ronda cara a Málaga, que me petaron nos ollos como o mellor cadro de Van Gogh, Matisse ou calquera outro impresionista. Dende aquil día, as mapoulas que eu tiña como plantas que nacen illadas, en pequenos grupos familiares, xa non son o mesmo e sempre están aí, nas miñas lembranzas cando vexo unha en calquera lugar.
O ouvido tamén ten os seus ecos vexetais. Lembro o son dos froitos das xestas estralando, cando o sol fende as testas na miña terra nai, aló en agosto, no Montealegre ourensán ao pé da Cruz onde nacín, un monte cargado de historia e de lembranzas da nenez. Tamén as piñas ao soltar os piñóns dos piñeiros mansos. Estea onde estea,  as leguminosas no verán, ao estalar e ceibar as sementes, lévanme ao meu Montelaegre da infancia.
O tacto. Quen non se deixou acariñar pola herba das cóxegas, ou non pasou por riba do gramón descalzo, ou andou a rebolos cos ollos pechos por un lameiro abaixo, ou na beira dun río o corpo nu e a pel enriba das margaridas (tempos aquiles de reivindicación do nudismo).
O gusto. Cantas e cantas son as plantas que comemos. Todos temos algunha preferida. Pero eu lembraría as máis montesías, como as apóutegas que de nenos buscabamos ao pé das raíces das carrascas, ou o néctar da flor da borraxa, as acedeiras que percurabamos nos muros vellos e nas paredes e deixabamos que se fosen desfacendo entre a lingua e o padal sen mastigar.
E para rematar o olfato. As evocacións poden ser infinitas pois é un dos sentidos cos que máis xogan as nosas protagonistas. Dende os perfumes que dicimos teñen fragancia a… a que sexa. Ata os milleiros de arrecendos que cando paseamos por un lugar nos levan a ises recunchos íntimos que temos gardados na memoria dos afectos e os sentimentos. A herba despois da seitura é para min un dos máis evocadores; outro é o arrecendo do xazmín pola noite, que me leva a terras da xudería cordobesa nunha noite de san Xoán; ou o arrecendo a azahar do patio dos laranxos da Mezquita escoitando a Siniestro Total cantar Miña terra galega.
Todos temos aí algún olor, aroma ou fragancia que abre a billa da nosa emoción, para ben e para mal. Seguramente máis veces para ben, pois se algo ten o noso cerebro é a capacidade de seleccionar as lembranzas deixando que as boas ocupen máis espazo que as malas no noso disco duro.

10000525413Así que non quero aburrirvos con máis lerias, só pretendía explicar o moito que as plantas poden significar na vida dunha persoa e os grandes valores e importancia que teñen. De aí que o coñecelas axuda moito a protexelas e respectalas, e a obra de Xosé Ramón para min é unha compañeira moi apreciada pois, como dicía antes, axúdame a manter vivos tódolos sentidos e tódalas ansias para vivir en plenitude a grande riqueza que atesoura a nosa terra, e que nos vén dada moi xenerosamente.
Grazas pola labor de anos e o saber que compartes con todos nós. Grazas a Xerais por axudar a que chegue a tódolos recantos do país unha obra coma esta, que debería estar en tódolos fogares para ler e compartir camiñando polos campos en calquera época do ano, ou sentados á sombra dunha árbore pondo a proba os cinco sentidos. Co trebo de catro follas do x de Xerais que leva na portada o libro, toda a sorte para o libro e para o seu autor.

«Conversas con Emilio Pérez Touriño»

Crónica,Noticias

A vindeira semana chegará ao almacén Conversas con Emilio Pérez Touriño, libro da colección «Crónica» no que se recollen dúas longas entrevistas co actual Presidente da Xunta de Galicia realizadas polo xornalista  lucense Manuel Lombao.

tourinowebEmilio Pérez Touriño debulla nesta longa conversa con Manuel Lombao as claves do seu proxecto político para Galicia en asuntos tan decisivos como as infraestruturas, a ordenación territorial, a reforma estatutaria, a educación ou a lingua. E xunto ao político que dirixe o rumbo do país desde a presidencia da Xunta de Galicia, comparece tamén neste libro un Pérez Touriño apenas coñecido polo público, que nos fala das súas orixes familiares, da súa adolescencia, das súas experiencias militantes e da súa vida académica, así como das circunstancias e motivos que o levaron a renovar o socialismo galego e a liderar o proceso que conduciría á formación do primeiro goberno de esquerdas da historia de Galicia.

Manuel Lombao (Lugo 1943) é licenciado en Ciencias da Información e en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid. Traballou na SER e na COPE, en Lugo e en Madrid, e en RTVE, durante 30 anos. Foi director de RNE e de TVE en Galicia, subdirector de Informe Semanal, director do programa Parlamento e director dos centros territoriais de TVE, así como vicepresidente de CIRCOM, organización de 300 televisións públicas rexionais europeas. Ten varios premios de radio e televisión. Profesor e escritor, é actualmente o director do Instituto Cervantes en Brasilia.

Conversas con Emilio Pérez Touriño será presentado en Santiago o luns 2 de febreiro.

Carlos G. Reigosa, novas reedicións

Autores,Crónica,Narrativa,Noticias,Reedicións

carlos-reigosaNesta semana entraron no almacén dúas reedicións de senllas novelas de Carlos G. Reigosa: a décimo quinta de Crime en Compostela, gañadora do primeiro Premio Xerais, hai agora vinte e cinco anos, e a quinta de Pepa A Loba. Tras a recente publicación de Laxeiro por si mesmo, Reigosa agarda a publicación na primavera da novela pola que obtivo o Premio Torrente Ballester de narrativa 2008, A vida do outro. Os nosos parabéns ao autor da Corda por esta magnífica xeira.

«A clase», candidata aos Óscar

Cine,Narrativa,Noticias,Traducións

cabeceraA película de Laurente Cantet Entre les murs (A clase), baseada na novela homónima de François Bégaudeau, foi declarada onte como unha das cinco candidatas ao Óscar á mellor película en fala non inglesa. A película, que xa obtivera a Palma de Ouro de Cannes 2008, foi estreada  o pasado venres e pode verse en dúas salas galegas. A edición galega da novela, traducida por Xavier Senín e Isabel Soto, xa está tamén dispoñible nas librarías.

Entrevista a Xosé Ramón Pena

Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

«Fervenzas literarias» publica unha longa entrevista con Xosé Ramón Pena con motivo da publicación da súa máis recente novela, A batalla do paraíso triste. Recollemos algúns parágrafos do texto:

a_batalla_do_paraiso_tristeIntroduce no libro dúas voces narrativas que conxugan ficción e investigación. Por unha banda está Fernando Pena Freitas, unha voz que conta a historia desde a vivencia persoal e por outra a do historiador, que o fai desde o perspectivismo que ofrece a Historia.

Para min o fundamental á hora de comezar a escribir un novo libro é establecer o punto de vista. Isto é, como podo ou vou contar a historia, desde que perspectiva.

Daquela eu quixen escribir unha historia verosímil, e para poder contar determinados episodios tiña que botar man dun segundo narrador, xa que Freitas non podía asistir el mesmo a todo o que conta. A partires de aí é cando xurde a figura do narrador. Un narrador que, nunha primeira versión da novela, participaba minimamente. Nas seguintes foi adquirindo maior dimensión, foi pedíndome máis importancia na historia.

Eu necesitaba desa conxunción de voces para obter o resultado final do libro. Se nun comezo Freitas ocupaba o noventa por cento, na versión definitiva hai un certo equilibrio entre Freitas e o historiador. Esas dúas voces permitíronme introducir matices que creo que fornecen un segundo punto de vista e axuda a crear esa verosimilitude ao relato.

[...]

Situaba a xénese de A batalla do paraíso triste a comezos dos 80. Cómo foi o proceso e a culminación da novela?

Cómo comentaba anteriormente, tiña por unha banda a historia de Freitas con Catarina e por outra o meu interese por este período histórico e a intención de facer algunha cousa con ese material. Partindo desa base, esta foi a novela que máis rápido escribín, tardei só catro ou cinco meses cando con outras estiven traballando moito máis tempo. Para min foi unha sorpresa empregar tan pouco tempo cando normalmente dedico entre un ano e ano e medio. E iso que moitos dos diálogos tiven que refacelos xa que me saíron de primeiras en portugués.


«O Globo de Shakespeare», Jaureguizar en Vigo

22 Xaneiro 2009

Narrativa,Noticias,Presentacións

xg001530011Mañá, 23 de xaneiro, ás 20:00 horas presentarase na Libraría Librouro de Vigo O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Terra de Melide 2008. No acto o autor conversará arredor da obra con Manuel Bragado, director da editorial.

«Amancio Amigo e o demo da botella», crítica en «Faro da Cultura»

Críticas,Infantil,Xerais_nos_medios

amanciofaroMaría Navarro publica hoxe en «Faro da Cultura» unha crítica sobre Amancio Amigo e o demo da botella, a segunda das entregas da serie protagonizada polo mago creado por Xosé Miranda e ilustrada por Patricia Castelao.

«Conexión Tubinga», primeira crítica

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

tubingafaroMontse Pena Presas publica hoxe nas páxinas do «Faro da Cultura» o que é a primeira crítica de Conexión Tubinga, a novela de Alberto Canal, finalista do Premio Xerais 2008.

«O señor Lugrís e a negra sombra», 2ª edición

21 Xaneiro 2009

Narrativa,Noticias,Premios,Reedicións

Está chegando as librarías a segunda edición d’ O señor Lugrís e a negra sombra, a novela máis recente de Luís Rei Núñez. A novela non só conseguiu o apoio dos lectores e lectoras, que supón esta segunda edición, se non que tamén recibiu dous dos máis importantes premios á obra xa editadas: o Premio da Crítica española 2008 e o Premio Irmandado do Libro ao mellor libro do ano 2007. Así mesmo, os críticos expresaron a súa admiración. Ramón Nicolás escribiu en La Voz de Galicia: «Luís Rei ofrece unha das novelas máis compactas e solventes entre as publicadas entre nós nos últimos tempos.» Pola súa banda, Armando Requeixo escribiu en Faro da Cultura: «… o libro é asemade un mergullo e pleno pulmón nas físgoas submarinas do complexo océano Lugrís.»

xg00116001Novela ou realidade? A pregunta que moitos lectores deste libro se formularán é a mesma que sen dúbida se lle presentou milleiros de veces ó gran pintor e escritor Urbano Lugrís (A Coruña, 1908-Vigo, l973) mentres era arrastrado polo río dunha existencia sometida a toda clase de vaivéns. Outro caudal, de tinta e testemuños, é o que lle serviu de base a Luís Rei Núñez nesta viaxe arredor dunha figura desmesurada coa que, ademais, consegue trazar o fresco de toda unha época de penitencia e un moi veraz retrato de grupo; con mestres en gramática parda, señoritos taram-bainas, artistas dipsómanos, mulleres que fuman, bares de alterne, un ruso “branco” ou os cando-rosos aprendices de literato… en definitiva, a fauna que opta polo exilio da bohemia cando o única vía de escape, na inacabable invernía dun réxime inxusto, consiste en contar co talento innato de Pucho Boedo, fenómeno da canción, ou de Luís Suárez, grande astro do balompé muncial. En tempos de descrédito para as apostas de calado, Rei Núñez sorpréndenos construíndo unha obra que, sen deixar de ser rigorosamente contemporánea, é de clara estirpe cervantina. Novela, si; mais tamén realidade. Como a vida.

Entrevista a Xesús Alonso Montero

Ensaio,Entrevistas,Monografías,Xerais_nos_medios

g19p30f1Jorge Lamas entrevista en La Voz de Galicia ao profesor Xesús Alonso Montero con motivo da chegada ás librarías de Letras Galegas, o máis recente dos seus títulos de ensaio publicados por Xerais.

«Limpeza de sangue», lectura dramatizada

20 Xaneiro 2009

Noticias,Premios,Teatro

xg00116901O día 26 de xaneiro, luns, ás oito da tarde na sede da SGAE en Santiago, na rúa das Salvadas, realizarase unha lectura dramatizada de Limpeza de sangue, a obra de Rubén Ruibal gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática 2007. Dirixe Santi Prego e conta cos actores Sergio Zearreta, Josito Porto, Xavier G. Pan, Fernando Morán, Monica García, Mónica Camaño, Xavier Deive e Víctor Mosquera. Do ambiente sonoro encárgase Anxo Graña. E conta co apoio da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

«Riofero», novela de Xelís de Toro

Narrativa,Noticias

Na última semana do mes de xaneiro chegará ás librarías Riofero, a máis recente novela de Xelís de Toro.

xg00139401O río marca unha dirección e abre unha viaxe. As personaxes de Riofero, a última novela de Xelís de Toro, suben río arriba: fuxidas e búsquedas. Vidas fracasadas ou aventureiras, todo serve de alimento ao espírito voraz do río. Un Riofero de lendas e pantasmas. Un Riofero de humanos que tornan feras e vidas que esvaen ata converterse en sombras. Con Riofero, Xelís de Toro, lánzase na compaña dunha curiosa tropa de personaxes na búsqueda do crisol da literatura, a maxia, o secreto talismán, en palabras do autor «eu apuntar apuntei ao corazón da literatura, mais era de noite e a besta movíase, pero eu apuntar apuntei e disparar disparei, iso é o único que importa».

Pode consultarse o espazo na rede de Xelís de Toro.

«Guía das plantas de Galicia», presentación en Gondomar

Natureza,Noticias,Presentacións

O vindeiro xoves, 22 de xaneiro, presentarase en Gondomar a Guia das plantas de Galicia de Xosé Ramón García. O acto organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos, encadrado no seu ciclo «Queremos tanto os libros», terá lugar ás 20:30 horas na sede do IEM (Avenida da Feira 10, baixo). A presentación do autor correrá a cargo de Xilberte Mando de la Torre.

xg00131401A Guía das Plantas de Galicia, do prestixioso botánico Xosé Ramón García, é un instrumento imprescindible para o coñecemento básico da actual flora do noso país. A partir dunha terminoloxía sinxela, permítenos a determinación polo miúdo das especies que os estudosos e afeccionados poden atopar nas saídas ao campo ou nos paseos polo seu contorno.

O libro comeza cunha introdución xeral na que se trata da recolección, preparación e conservación das plantas, nomenclatura botánica, posibilidades de internet e xeoloxía de Galicia. Inclúese normativa legal sobre protección dos hábitats naturais, o Catálogo galego de especies ameazadas e o Rexistro de especies de interese galego. Logo, aborda a obra as claves dicotómicas que permiten a determinación ata o nivel de especie, para entrar nas fichas descritivas das familias e nas 1.386 especies (a maior parte das que aparecen en Galicia), indicándose o nome considerado correcto, sinónimos, nomes populares en galego e castelán, descrición –con especial atención ás características que teñen valor diferencial–, hábitats máis habituais e época de floración.

A Guía das Plantas de Galicia contén, ademais, máis de 1.000 fotografías que ilustran o aspecto xeral da planta ou aspectos relevantes para a súa identificación, así como debuxos nos casos en que se considera oportuno. Esta obra monumental remata cun vocabulario en que se glosan os termos empregados.

«Fervenzas Literarias», O mellor de 2008

Noticias,Premios,Xerais_nos_medios

o_mellor_do_2008«Fervenzas Literarias» acaba de dar a coñecer o resultado da enquisa entre os seus lectores para escoller  O mellor de 2008.

Temos que agradecer que Xerais fose considerada como «Mellor editorial do ano», así como celebrar que Marcos Calveiro fose o «Mellor autor», Xosé Cobas «o mellor ilustrador» e a obtención dos premios nacionais de ensaio e literatura infantil por Justo Beramendi e Agustín Fernández Paz considerados como o «Mellor acontecido de 2008». Ademais, envarias modalidades resultaron gañadores títulos publicados pola editorial:

Mellor libro de narrativa adultos do ano: Festina lente de Marcos Calveiro.

Mellor libro de ensaio adultos do ano: Os Grouchos de Manuel O’Rivas.

Mellor libro xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo.

Mellor portada infantil/xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias.


«A lúa dos Everglades», crítica de Alfredo Ferreiro

19 Xaneiro 2009

Críticas,Narrativa,Premios,Xerais_nos_medios

Alfredo Ferreiro publica no blog «O levantador de minas» unha crítica sobre A lúa dos Everglades, a novela de Xosé Manuel Marcos, Premio de Narrativa Terra de Melide 2007. recollemos o derradeiro parágrafo do texto:

xg00138401[...] Mais non foi así. N’ A lúa dos Everglades (Premio Terra de Melide 2007) é precisamente ese mundo da aldea mítica o que é transportado ás grandes urbes transatlánticas mercé a un recurso de cristalina verosimillanza: a inclusión no argumento do tema da emigración. Así, ademais da aldea que impera como lugar en que os caracteres desta novela tiñan agromado, desenvólvense as vidas ficcionadas tamén nos ambientes urbanos de Bos Aires, Miami e Madrid. Con esta cartografía, a referencia aos pasados aldeáns, inevitábeis até o punto de seren tratados como un estándar eficiente, adúbase con intrigas que tinxen o relato coas cores do asasinato e ilumínase ambiguamente coas penumbras do romance policial. O resultado foi  unha narración áxil, imaxinativa, emotiva e amena, é dicir, unha novela recomendábel para un amplo abano de lectores.

«Reconquista. Vigo en armas»

Crónica,Historia,Noticias

Está a piques de entrar no almacén Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland. Este importante libro, editado con motivo do bicentenario da fundación da cidade de Vigo, que introduce ademais novidades historiográficas sobre a cuestión da Reconquista e da Guerra da Independencia en Galicia, estará nas librarías a finais deste mes.

xg00159501A vila de Vigo vive unha época de prosperidade no amencer do século XIX. A pesca, a salgadura e o comercio incipiente foron a base do crecemento do vello burgo pechado nas súas murallas, que agora conta xa con dez mil habitantes e se vai transformando na verdadeira cabeceira da bisbarra, en clara competencia con Tui, a capital provincial. Pero está a piques de vivir as máis terribles penalidades da guerra que, a comezos de 1809, vai entrar en Galicia a sangue e lume. A plácida e próspera vila vai converterse en cidade. Mais haberá de facelo con indicibles sufrimentos. Reconquista: Vigo en armas de Eduardo Rolland relata, baseándose en sólidas fontes documentais auténticas, en boa parte inéditas, os acontecementos vividos en Vigo e Galicia durante 1809, deixando que falen os feitos e os seus protagonistas. Sen a intención de escribir nin odas nin haxiografías daqueles inimitables galegos, o autor retrata a vida de todos os heroes da Reconquista, algúns deles pouco recoñecidos, como Cachamuíña, o frade Villageliú, o abade do Couto, Juan Bautista Almeida ou o misterioso Villuendas, auténtico axente secreto que operaba intramuros durante a ocupación francesa. Un feito histórico riquísimo en acontecementos que agora, coincidindo co bicentenario da fundación da cidade, se presenta de forma desmitificadora neste libro de investigación fundamental sobre a Reconquista de Vigo.

Poe, 200 aniversario

Autores,Traducións,Xabaril

90286813Hoxe, 19 de xaneiro, celébrase o 200 aniversario do nacemento ne Boston de Edgar Allan Poe. Mestre do relato curto, sobre todo de terror e misterio, tamén foi iniciador da novela policíaca e de misterio. Traballou como xornalista en varias publicacións de Filadelfia e Nova York. A súa querenza foi ser poeta, mais as necesidades económicas obrigárono a abordar o xénero da prosa. En 1847 morreu a súa dona e el mesmo caeu enfermo; a súa adicción ao alcohol e a súa suposta adicción ás drogas, testemuñada polos seus contemporáneos, puido contribuír a súa morte aínda novo en Baltimore, o 7 de outubro de 1849. Poe, loubado por escritores como Baudelaire, foi un amante da beleza e da perfección, e fixo da súa vida un reflexo da súa obra. Xerais ten no seu catálogo dúas das súas obras máis coñecidas, traducidas ambas as dúas para o galego por Alberto AvendañoO escaravello de ouro e outros contos, quizais os seus sete relatos de terror e misterio máis coñecidos e a novela As aventuras de Arthur Gordon Pym (tradución premiada polo Ministerio de Cultura e merecedora de entrar na Lista de Honra do IBBY en 200).

As novidades de literatura dramática de 2008 por Rubén Ruibal

18 Xaneiro 2009

Críticas,Teatro,Xerais_nos_medios

Na recollida de textos publicados polos medios, que vimos realizando no blog, quedounos atrás o magnífico traballo que Rubén Ruibal publicou o pasado 3 de xaneiro no suplemento «Nós» de Xornal de Galicia (non está publicado na rede). No longo artigo, que ocupa dúas páxinas, o autor fai un percorrido polas novidades de literatura dramática publicadas en 2008. Recollemos algúns dos parágrafos que fan referencia aos títulos editados por Xerais:

xg00140301Tentando citar todo, emprezo pola literatura infantil. A publicación máis destacada do 2008 foi o Game over de Carlos Losada, gañador do premio Manuel María 2007. [...] Levado á escena por Cachuzo, é posible que no 2009, se a lotería das programacións o contempla, teñamos de novo a oportunidade de velo nos escenarios galegos. Ó meu modo de ver, o espectáculo ten un gran problema: lonxe do habitual, non trata ós nenos coma parvos.

[...]

xg00136401Falando de autores galegos que chegan ós escenarios, se cadra con menos fortuna do que merecen, Roberto Salgueiro publicou no 2008 dentro da Biblioteca Dramática Galega de Xerais o texto gañador do premio Álvaro Cunqueiro 2007, Historia da chuvia que cae tódolos días, no que un pai, un fillo e a moza deste viven, sofren e reflexionan en torno ás miserias da emigración e da permanencia na terra propia nun espazo fechado arredor do cal todo se afunde na auga da chuvia; un texto ben recomendable. Nesa colección publica Raúl Dans, Nachtmarhr, un exercicio de liberdade literaria que non deixa escapar ó lector dende a primeira á ultima liña e sorprende pola riqueza de imaxes escénicas que provoca. Unha das miñas pezas preferidas deste autor e, probablemente, do 2008. Xerais tamén sacou á rúa o libro-CD do IIº certame de Teatro radiofónico do «Diario Cultural» da Radio Galega, a oportunidade de ler teatro sen esforzo de pasar páxinas xg00133001sequera; non teñen excusa. Xerais agasallounos, tamén, xa para rematar, coa Obra Dramática de Francisco Taxes, un gran libro que merece, en calquera país teatralmente civilizado, algo mási que esta simple nota nunha sorte de resume anual. Un volume imprescindible. Rubén Ruibal

Amor e literatura

17 Xaneiro 2009

Críticas,Fóra_de_colección,Traducións,Xerais_nos_medios

amoreliteraturanomesensPep Molist publicou o 8 de xaneiro no suplemento «Quadern» de El País de Cataluña unha crítica da edición catalana d’ O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz, publicada polos amigos de edicións Bromera.

Agustín Fernández Paz, novas reedicións

16 Xaneiro 2009

Infantil,Narrativa,Noticias,Reedicións,Xuvenil

agustin_fernandez_paz2Ao longo deste mes de xaneiro entran no almacén novas reedicións de diversos títulos de Agustín Fernández Paz: a terceira d’ O único que queda é o amor, o libro de relatos gañador do Premio Nacional de Literatura Infantil e  Xuvenil 2008; a vixésimo terceira de Cartas de inverno, un dos longseller da edición galega (acabou o pasado ano con 68.864 exemplares vendidos, dende a súa primeira edición na primavera de 1995); a décimo terceira de Aire Negro, que aparece revisada e con nova cuberta; a sétima de Corredores de sombra, novela editada hai apenas dous anos; e a sexta d’ A cidade dos desexos, o seu primeiro libro de creación, publicado hai agora vinte anos.

Agustín Fernández Paz agarda a aparición de tres novos libros que publicará Xerais ao longo deste ano 2009. A comezos da primavera,  Lúa de Senegal, novela para lectores de 10 anos en diante na colección «Sopa de libros», e A dama da luz, álbum que preparou co ilustrador Jorge Magutis. Xa despois do verán aparecerá na colección «Merlín», Valados. Os nosos parabéns a Agustín por esta magnífica xeira.

«A clase», chega ás librarías

15 Xaneiro 2009

Cine,Narrativa,Noticias,Traducións

10O venres 16 comeza a chegar as librarías galegas A clase,  coincidindo coa estrea da película homónima de Laurent Cantet, protagonizada polo autor da novela, François Begaudeau. Tamén se coñeceu hoxe que A clase (Entre les murs) será unha das nove candidatas preseleccionadas que optarán ao quinteto do que sairá o Oscar a mellor película de fala non inglesa.

«Eu falaba para unha clase silenciosa e distraída, Gibran e Arthur dedicábanse a unha análise comparativa das súas calculadoras e rebentaban co riso por non sei que, Michael asentía movendo a cabeza aínda que pensaba noutra cousa e, mentres, os muros daban en inclinarse perigosamente e terminarían por caernos a todos enriba.»

xg00156301Cunha escrita descontinua que vai captando diferentes escenas e conflitos co alumnado e cos seus colegas, case coma se fose unha cámara, François Bégaudeau constrúe en A clase unha crónica do seu labor como profesor, engadindo mesmo as súas propias dúbidas e poñendo de manifesto as dificultades que xorden nas aulas, nos claustros, entre os adolescentes e tamén entre os adultos. Este é o impactante relato da vida nunha clase multicultural da bisbarra parisina, con todas as tensións entre profesores e alumnos, que en certa maneira traducen o conflito entre ricos e pobres, entre aqueles que posúen o saber e aqueles que non o teñen. Unha adaptación desta novela foi levada ao cine por Laurent Cantet, e a película homónima obtivo a Palma de Ouro do Festival de Cannes 2008. A tradución galega foi preparada por Xavier Senín e Isabel Soto López.

Faleceu Manuel Riveiro Loureiro

Autores,Narrativa,Teatro,Traducións,Vídeos

A dirección e o cadro de persoal de Xerais expresa o seu pesar polo falecemento do escritor Manuel Riveiro Loureiro. Fecundo narrador, autor dramático e tradutor, publicou en Xerais a novela As cereixas (1988); as pezas teatrais O coronel ten a quen lle escribir (1989) e O prazo (1993), Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais; ocupándose da tradución dende o ruso de Sete narradores soviéticos (1991) e de dous libros da colección «Xabarín», Un heroe do noso tempo de M.I. Liérmontof e O primeiro amor de Iván Turgiéñef.

[youtube=http://www.youtube.com/watch?v=yglpv1gPgAg]

Novidades literarias, recomendacións da «Revista das Letras»

Narrativa,Poesía,Xerais_nos_medios

xg00161501Entre as recomendacións de novidades literarias do número de hoxe do suplemento «Revista das letras» de Galicia de hoxe hai tres da editorial: Conexión Tubinga, a novela finalista do Premio Xerais 2008 de Alberto Canal; O Globo de Shakespeare, a novela gañadora do Premio Terra de Melide 2008 de Jaureguizar; e  Amor amén, o primeiro poemario de Iolanda Zúñiga.

Marcos Valcárcel entrevistado por «Xornal de Galicia»

Autores,Entrevistas,Premios,Xerais_nos_medios

foto_00111Marcos Valcárcel é entrevistado hoxe por Xornal de Galicia con motivo de recibir o Premio PEN 2009 outorgado pola sección galega do International PEN Club de escritores, pola súa labor a prol da liberdade de expresión e da difusión cultural dende o seu blog; o mesmo galardón que con anterioridade obriveran Isaac Díaz Pardo e Francisco Fernández del Riego. Os nosos maiores parabéns para o noso amigo Marcos.

Rosa Aneiros, reedición das súas novelas

Narrativa,Noticias,Reedicións

wvio004m_not1074618399Nestes días entran no almacén a oitava edición de Resistencia e a terceira de Veu visitarme o mar, as dúas novelas de Rosa Aneiros. Os nosos parabéns para a autora.

«Se comes un limón sen facer xestos», crítica en «Faro da Cultura»

Críticas,Narrativa,Traducións,Xerais_nos_medios

xestosfaroDolores Martínez Torres publica hoxe no «Faro da Cultura» unha crítica de Se comes un limón sen facer xestos, o libro de relatos de Sergi Pamies, traducido por Antón Dobao.

Xurxo Sierra, conversas en «Fervenzas literarias»

14 Xaneiro 2009

Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Recomendamos a lectura da longa entrevista que «Fervenzas literarias» realiza a Xurxo Sierra con motivo da publicación d’ Os nomes do traidor. Recollemos algúns fragmentos:

10002540713Os nomes do traidor supón un cambio radical en canto á estrutura respecto as súas novelas anteriores. Aquí pasas a crear unha historia, aínda que tamén narrada en primeira persoa como en Os mércores de Fra pero por seis personaxes, con todo o traballo que supón á hora de definilos, como pode ser concibir as súas personalidades, todas elas diferentes entre si, xerar os diferentes puntos de vista dos feitos que se desenvolven…

Para min iso é un xogo moi divertido. Eu pásoo moi ben construíndo personaxes, é o que máis me gusta de escribir. Máis que crear un determinado estilo ou imaxinar unha ambientación prefiro meterme na pel dos personaxes, imaxinar como evolucionaría esta persoa, cales serían as súas frustracións, os seus pesadelos ou soños… Nese sentido repito que o pasei moi ben escribindo Os nomes do traidor porque me permitiu xogar moito, como co personaxe de Sampaio que, aínda que estea na cadea, é o autenticamente libre de todo o libro. Posibelmente Sampaio sexa o personaxe do que estou máis satisfeito de toda a miña obra literaria.

xg00147801Outra vez, como nas anteriores novelas, o protagonista é o prototipo do antiheroe. Qué lle supón de interese contar historias, por dicilo dalgún xeito, de perdedores?

Literariamente os perdedores son os personaxes máis interesantes que hai, os máis rendibles. Contar a historia dun tipo que acaba a carreira de económicas, que logo monta unha empresa e gaña moitos millóns non ten interese. O interesante é a xente que fracasa, que leva golpes, ver como se enfrontan aos seus problemas… Ben, por outra banda, todo o mundo na vida ten a sensación de ser un perdedor. Eu supoño que tipos como Bill Gates ou Amancio Ortega, debaixo desa fachada de éxito, teñen amarguras, teñen sensacións de fracasos. Todo o mundo tivo a unha Mabel que non lle fixo caso, ou un problema de identidade como Delanuit… Como dixo Sabina na canción que lle dedicou a Cristina Onassis:” Era tan pobre que no tenía más que dinero” ou, dito doutro xeito, detrás de cada gañador tamén hai un perdedor.


«A batalla do paraíso triste» no «Diario Cultural»

13 Xaneiro 2009

Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

xose_ramon_penaAquí pode escoitarse a entrevista  a Xosé Ramón Pena emitida hoxe no Diario Cultural da Radio Galega con motivo da publicación d’ A batalla do paraíso triste.

«Festina Lente», crítica de Xulio Valcárcel

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Xulio Valcárcel publica esta crítica da novela Festina Lente, de Marcos Calveiro, en El Ideal Gallego.

ideal281208

Pàmies e Monzó, crítica en Vieiros

Críticas,Narrativa,Traducións,Xerais_nos_medios

Mario Regueira publica en Vieiros unha interesante crítica sobre as traducións ao galego de Se comes un limón sen facer xestos, de Sergi Pàmies e Mil cretinos, de Quim Monzó. Recollemos un par de fragmentos significativos:

xg00152401Pàmies, o automatismo da vida moderna
A obra de Sergi Pàmies preséntanos unha aposta decidida polo relato curto, organizado nunha estrutura moi sólida. A coherencia cun proxecto de libro determinado déixase notar en aspectos como a extensión, o manexo do tempo do relato ou a unidade temática, conseguindo unha obra redonda, sen fisuras. Partindo dun título aparentemente cómico, como pode ser Se comes un limón sen facer xestos, o autor mergúllanos nunha obra que trata sobre as pequenas traxedias da cotidianeidade, ou a perspectiva macabra que a mesma oculta frecuentemente. Os personaxes de Pàmies son soprendidos polas pequenas variacións dun curso estabelecido, sen saber ao tempo darlle unha solución aos seus problemas ou enfrontar con afouteza unha nova situación. Resulta inevitábel relacionar isto co automatismo da vida nas grandes urbes, a paisaxe máis frecuente nestes contos. A deshumanización das persoas, así como os seus problemas para comunicárense, apesar dos lazos de afecto, tamén aparecen como unha constante neste libro, que só cede ocasionalmente o seu espazo ficcional a algunha pequena fabulación simbólica ou algún xogo metaliterario, excepcións nun conxunto de relatos marcados polo realismo. (…)

xg00152301Monzó, o realismo vacilante
O libro de Quim Monzó, pola contra, artella o seu proxecto dende unha perspectiva máis aberta, disposto a xogar co lector. A omisión nos paratextos do feito de estarmos ante un libro de relatos, así como a peculiar estrutura do mesmo, colócanos na primeira folla cunha sensación de incerteza, dubidando xa sobre a propia natureza da obra. Do mesmo xeito o desenvolvemento das narracións é acompañado frecuentemente dun desenlace anticlimático, contribuíndo a aumentar un tanto a sensación de desorientación. Os temas, porén, seguen incidindo na mesma crueza da vida deshumanizada e falta de comunicación das persoas no mundo contemporáneo. Concretamente, a relación cos parentes internados en centros de maiores, a soidade das persoas que viven nas cidades, ou o xogo de favores dentro do mundo editorial (tema que comparte curiosamente con Pàmies). (…)

«Nin che conto», presentación de Eyré

Monografías,Narrativa,Presentacións,Xerais_nos_medios

Xosé Manuel Eyré presentou onte á noite no seu blog Nin che conto. Para coñecer e gozar da micronarrativa. Reproducimos o texto da anotación moi interesante para coñecer as intencións do autor:

Como se anuncia no blog de Xerais, teremos Nin che conto no remate deste mes. Nin che conto sairá na colección Materiais, mais elles un libro dificilmente clasificábel. Dou un repaso ao máis substancial que sobre a teoría da Literatura Mínima ( ou hiperbreve, ou…) saíu á luz. Detéñome no canon que, a nivel internacional, se vén repetindo como tal, procuro fundamentalmente microcontos, pero non renuncio a calquera outra manifestación. E logo fago o mesmo co galego, o que é, case, dicir que percorro a historia do microconto galego, sen renunciar a outras manifestacións hiperbreves. Na parte relativa ao canon internacional, na marxe inferior, logo da zona de silencio ou transición, para desmecanizar o acto lector, dispuxen unha serie de textos que animan, aconsellan, provocan, guían a lectura. E, na parte galega, son provocacións á escrita. Algunhas delas son das mellores microficcións que escribín nunca, curiosas, curiosa tipoloxía de textos, verán, nas que trata de que o lector se familiarice coas prácticas escriturais mínimas, con algunhas, porque son moitísimas.

Que o gocen. Que o gocedes. Para min, escribilo foi unha auténtica gozada. Paixón tan intensa que me levou a sentir ben preto o alento do lector. Se cadra, de aí tamén que non renunciara a creación propia.

Vou dicir que con el celebro vinte anos de exercicio crítico, aínda que non o fixen con esa intención.

E vou tendo algunhas ideas para presentalo. Por suposto, se son realizábeis esta sideas, non serán nada convencionais.

Jaureguizar entrevistado por «A Nosa Terra»

12 Xaneiro 2009

Entrevistas,Narrativa,Premios,Xerais_nos_medios

A Nosa Terra publica esta semana a entrevista que Lara Rozados realizou a Jaureguizar con motivo da publicación d’ O Globo de Shakespeare, a novela gañadora do Premio Terra de Melide 2008. Recollemos algúns fragmentos:

Esta novela, como outras súas, afonda no mundo do espectáculo. Que conexións hai entre literatura, vida e teatro?

É algo que me interesa moito: concibo a literatura como espectáculo, e máis nestes tempos en que temos a competencia da televisión, de internet, da Wii… Se unha persoa paga 16.50 por un libro, que, cando menos, se entreteña e o pase ben. Xa en Cabaret Voltaire achegábame ao mundo do espectáculo dende esa perspectiva, máis de sala. Tamén estiveron presentes o cinema, que reaparece nesta novela, o circo, n’As horas sucias...

1452f3d8c7a940a580556784bf4707b008a68b9a

Foto Pepe Álvez /AGN

A obra afonda tamén nas relacións humanas, sobre todo as de poder, de dominación.

Son relacións moi marcadas pola envexa, pola fascinación, aínda que existen relacións máis sentimentais. É unha ficción, e creo cousas que seguramente non existan, como xente que se prostitúe para non se sentir soa (aínda que si hai xente que recorre á prostitución por este motivo, e por iso lle dei a volta). Hai relacións de dependencia, como a de Sebe coa súa muller: por moi triunfador que pareza, non sería nada sen ela; tamén ela, pouco atractiva, ten envexa do seu éxito e outro tipo de dependencia con respecto a seu home; logo está Rosalía, que, na súa relación con Ricardo, é a parte da parella que si está no mundo. Ela rexéitao, pero non pode deixar de sentir certa fascinación por ese home tan divertido, e que ao tempo fai cousas tan absurdas. Ao cabo, toda a novela circula arredor das arelas que non se cumpriron, dos soños dos personaxes.

En que traballa agora?

Teño dous libros para a serie de Tintimán, un reporteiro de 15 anos que resolve misterios en varias cidades galegas. Os libros, que sairán en marzo, teñen que ver cunha investigación arredor dunha seita en Compostela e co roubo da coroa de Napoleón, esta última ambientada na Coruña. Tamén preparo dúas novelas, unha xuvenil e outra para público adulto.

Xosé Manuel Eyré, libro sobre micronarrativa

Monografías,Narrativa,Noticias

Xosé Manuel Eyré é autor de Nin che conto. Para coñecer e gozar da micronarrativa, un libro para achegarse a unhas das manifestacións literarias que máis interese están concitando nos últimos anos. O libro chegará ás librarías galegas na derradeira semana deste mes de xaneiro.

xg00163401Nin che conto do crítico e profesor Xosé Manuel Eyré é unha obra que busca a caracterización e definición da micronarrativa, unha das manifestacións literarias que máis expectativa está creando no comezo deste século e que está a provocar a remodelación do sistema narrativo e mesmo de todo o sistema literario. Este tipo de discursos son un exercicio de exquisita pureza, porque na brevidade o xenuinamente literario brilla con luz propia ao non haber ao seu redor un mar de palabras que o difuminen. Pero para conseguir descifrar o seu código, os microtextos precisan dun lector específico, capaz de representar na súa mente todo o que non figura por escrito, de aí a importancia que se lle concede neste estudo á actitude dinámica, activa, creativa e lúdica dos lectores e lectoras. Ademais de realizar un percorrido polos textos breves canónicos da literatura universal, en Nin che conto ofréceselle un extenso espazo aos autores e textos máis representativos da micronarrativa galega.

x_m_eyre_baixaXosé Manuel Eyré (Laxe, Chantada, 1960) é licenciado en Filoloxía Galego-portuguesa e desde o ano 1988 traballa como crítico literario no semanario A Nosa Terra, con especial atención á narrativa. Dura-te a década de 1990 dedicoulle moito tempo á divulgación e dinamización cultural das terras de Chantada. Froito diso foron as colaboracións nas revistas Achantada e Alem-parte (2ª época) e a coautoría (con Xosé M. Vélez e María Olga Varela) dun libro sobre a figura e a obra do cura poeta Avelino Gómez Ledo. Particip-u na creación e coordinación da 1ª edición do Certame Mundanal de Contos Ultralixeiros, primeiro premio literario de micronarrativa xurdido en Galicia. Tamén nesta década colaborou como autor na Historia da Literatura Galega promovida por ANT e ASPG, co fascículo relativo á historia da narrativa actual e dúas antoloxías. O labor que desenvolve como crítico literario mereceu, no ano 2004, o Premio á  Colaboración Editorial que concede Edicións Xerais de Galicia. En 2005, saíu á luz Constelación de Ío, a súa primeira achega narrativa á literatura de ficción e en 2009 Nin che conto. Para coñecer e gozar da micronarrativa (Xerais). Mantén aberto o blog Ferradura en tránsito.

Xerais 2009: trinta aniversario, 3.000 títulos

10 Xaneiro 2009

Noticias,Xerais_nos_medios

O plan editorial 2009 de Xerais estará marcado polo trinta aniversario de creación do noso proxecto e por superar, a inicios da vindeira primavera, os tres mil títulos editados. Prevemos publicar unhas cento vinte de novidades, cifra moi semellante a dos últimos anos, no abano diversificado das nosas coleccións que abranguen, entre outras, a literatura, a lexicografía, a edición infantil e xuvenil, a edición de libro de texto e materiais curriculares, as guías de viaxe e os libros de agasallo.
Dentro das novidades literarias atenderemos con especial dedicación as tres efemérides de 2009: o «Ano Cabanillas», con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do poeta da raza (9 de novembro); o centenario do nacemento de Aquilino Iglesia Alvariño (10 de xuño), coa edición d’ O po dos días, un estudo de Luciano Rodríguez sobre a peripecia biográfica e a obra do poeta de Seivane; e o día das letras galegas dedicado a Ramón Piñeiro.
Na colección Narrativa, continuaremos coa nosa aposta por autores propios e por traducións da maior actualidade. Así, ademais da novela de François Bégaudeau,  A clase, ao longo deste mes de xaneiro aparecerán outras dúas: Riofero de Xelís de Toro e Monbars o Exterminador de Hixinio Puentes, último Premio de Narrativa galego portuguesa Eixo Atlántico. No mes de marzo publicaremos o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco Fernández Naval, O ‘Salto do can, primeira novela do ferrolán Jorge Llorca e A vida do outro de Carlos G. Reigosa, a novela gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2009. A seguinte entrega, xa avanzada a primavera, será o libro de relatos de Agustín Agra, O arrecendos das mimosas e as novelas de Santiago Lopo Peaxes e de Xosé Fernández Ferreiro Tempo de centeo.  Publicaremos, ademais, as novas novelas de Rosa Aneiros, María Reimóndez e Suso de Toro. Durante o segundo semestre, ademais da publicación do Premio Xerais de Novela 2009, que será fallado  o 6 de xuño, editaremos outras dúas traducións. Na colección de Poesía, as primeiras novidades serán TSC. Diario da noite de Alfonso Armada e o máis recente poemario de Estíbaliz Espinosa. Na Biblioteca Dramática Galega, que coeditamos con AGADIC, publicaremos Sempre quixen bailar un tango, Premio Álvaro Cunqueiro 2008 e Pingueiras e carteiras, Premio Manuel María de literatura dramática infantil 2008, as dúas pezas da autoría de Teresa González Costa. Na colección de Ensaio, comezaremos en xaneiro con Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín Rei, para continuar en marzo coa edición do segundo tomo d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir e do Tractatus Logico-Philosophicus de L. Wittgenstein. Xa no segundo semestre e tamén dentro desta colección publicarase a primeira das obras de Georges Steiner comprometidas, Georges Steiner no The New Yorker. Os dous primeiros títulos da colección Crónica serán Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland e Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás.
A edición no mes de outubro do Gran Dicionario Xerais da Lingua, obra de cen mil entradas, será a novidade máis importante do ano, á que se engadirán dúas primicias na nosa lingua: un Dicionario de Arte e un Dicionario galego-francés / français-galicienne.
Na edición  infantil, no primeiro trimestre destacarán O sombreiro chichiriteiro, o primeiro libro para nenos de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao; así como dous libros de Agustín Fernández Paz, recente premio Nacional de Literatura Infantil, a novela  Lúa de Senegal e o álbum A dama da luz, ilustrado por Pablo Magutis.
Na primeira metade do ano tamén aparecerán, fóra de colección,  tres importantes obras: Cabalos de vento, curros de pedra do fotógrafo Xavier Teniente e do pintor Xosé Guillermo, Pedras de Compostela de Aldonza das Pratarías e A semente da nación soñada, o libro de homenaxe a Xosé L. Méndez Ferrín, coeditado con Sotelo Blanco.

(*) Artigo de Manuel Bragado publicado no suplemento «Nós» do Xornal de Galicia do 10 de xaneiro de 2009, dedicado ás novidades do sector editorial galego para o ano 2009.

«Monbars O Exterminador»

9 Xaneiro 2009

Narrativa,Noticias,Premios

Está no prelo Monbars o Exterminador, a novela de Hixinio Puentes gañadora do Premio Eixo Atlántico de Narrativa Galega e Portuguesa 2006. Chegará as librarías durante a última semana deste mes de xaneiro.

xg001521011Monbars o Exterminador de Hixinio Puentes é unha novela de aventuras, con alento de Stevenson ou John Steinbeck, escrita con certa tinta aceda. O protagonista rebélase e opina sobre conceptos como a lei, autoridade, monarquía, liberdade, moralidade… e realiza un canto ao mar e as súas extraordinarias peripecias vitais. Monbars, alcumado «o anxo exterminador» pola súa xenreira aos españois é un xentilhome languedociano da segunda metade do século XVII, que pasa a súa xuventude como filibusteiro da illa Tartaruga, no tempo dos grandes piratas do Mar Caribe, o Olonés, Morgan, etc. Desde o seu retiro nas illas anglonormandas, zona tradicional do matute entre as dúas ribeiras do Canal da Mancha, vai referindo ao seu criado as lembranzas dunha vida preñada de violencias, un mundo marcado pola pertenza ao credo hugonote, as guerras de relixión, as monarquías absolutas, o ambiente corsario bretón, a xenreira contra os españois e o seu vivir diario na illa Jersey e na xeografía do golfo de Saint-Malo, burlándose das leis e mostrando o seu gusto pola poesía goliardesca de François Villon. Unha novela para gozar da lectura que mereceu o Premio Eixo Atlántico de Narrativa galega e portuguesa na súa última edición.

«O Globo de Shakespeare», Jaureguizar en Ribadeo

8 Xaneiro 2009

Narrativa,Presentacións,Xerais_nos_medios

Reproducimos a anotación que Jaureguizar publica no seu blog sobre a presentación d’ O Globo de Shakespeare na Casa das Letras de Ribadeo.

A presentación d’O globo de Shakespeare o pasado sábado en Ribadeo foi emocionante. A Casa das Letras encheuse de xente malia a friaxe e o Barça. Farruco Graña presentoume no nome da Asociación Cultural Francisco Lanza, que promoveu o acto, algo que eu agradezo porque non é habitual que te chamen do teu pobo senón é por unha factura impagada do gas. Farruco emocionoume pedindo que algún día un globo sobrevoase a ría de Ribadeo, como acontece na novela. Logo veu un diálogo con Gonzalo Moure, sobre o que sempre lamento que deixase o periodismo para vivir de cuestións máis importantes. Optamos pola fórmula do diálogo porque me irrita escoitar a un tipo falando estupendamente dun libro meu dado que non podo evitar pensar en que todos os defectos que está calando, e porque é unha fórmula máis áxil e divertida para o público. Gonzalo foi ao cerne da novela con todo o acerto do bo xornalista que non deixou de ser: o espectáculo, o pop, o traballo de personaxes, a dobre lectura (entre a tona de intriga e a mar tendida da condición humana). Jaureguizar

«Amor amén» por Rosa Aneiros

Críticas,Poesía,Xerais_nos_medios

A escritora Rosa Aneiros comenta Amor amén, o poemario de Iolanda Zúñiga, no Xornal de Galicia.

10001967013O aninovo tráenos un resaibo amargo polas cifras contundentes de 2008. Por un lado un descenso notorio no número de vítimas de tráfico que anima pero non consola ante tantas gabias cheas de cruces e flores. Polo outro, o número de mulleres vítimas da violencia machista. Rematábamos o ano con máis de 70 mortas, unha cifra moi similar á de anos anteriores, o que evidencia que a Lei Integral da Violencia de Xénero non brinda aínda protección suficiente para quen sofre os envites do desamor. E aínda hai que repetir que non, que o amor non é iso, non é posesión, non é o que ti queiras. Non é guindar ao outro pola fiestra, nin segarlle o pescozo cun coitelo, nin esganala mentres os fillos dormen do outro lado do pladur. O amor é un contrato con moitas cláusulas pero ningunha ruptura, sexa cal for, leva como condena a palabra morte. De submisións, de suicidas, de feridas lacerantes, de fracturas, de vítimas e verdugos por mor do regueiro de odio que deixa tras si o desamor fala o poemario Amor amén de Iolanda Zúñiga. Cóntanos sen pudor o que doen as falsas promesas: “prometeras hipotecarte comigo, vacacións en benidorm en parella, carros carrefour ateigados de futuro, citröen familiar, comunidade con piscina, colexio concertado con certo cheiro a clase media-alta e discreto pudor cara ás orixes”.

Pero, logo dos soños, vén a vida e cómpre abrir chaves e portas antes de que o tempo borre o sorriso e faga do despeito, xustificación. Antes de que, namentres todos ollan cara a outro lado, outra muller morta engrose a apertura dos telexornais.Rosa Aneiros

«A porta de Mayo», primeira crítica

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

portademayoHoxe, María Dolores Martínez Torres publica hoxe en «Faro da Cultura» a primeira crítica sobre A porta de Mayo, a novela de Gonzalo Moure e Tina Blanco.

«Letras Galegas», novo libro do profesor Xesús Alonso Montero

Ensaio,Noticias,Universitaria

Chega ás librarías un novo libro do profesor Xesús Alonso Montero. Letras Galegas. Explicadas (de 1962 a 1980)  en Triunfo e noutras revistas de fóra de Galicia recolle 38 traballos que publicou en revistas extragalegas, algunha tan importante e tan eficaz, para a concienciación democrática e progresista de España, como Triunfo (Madrid). Son quince os textos seus aparecidos no semanario que capitaneaba a mente lúcida de Eduardo Haro Tecglen, catro deles moi extensos. Boa parte dos traballos, nesta e noutras revistas, son anteriores á morte de Franco (novembro de 1975), o que quere dicir que foron escritos para seren publicados dentro das coordenadas censorias do franquismo, se ben do tardofranquismo. Outra parte son posteriores á morte de Franco. Deles, os publicados entre novembro de 1975 e abril de 1977 (legalización do Partido Comunista), aínda esixían do autor un autocontrol expresivo non pequeno. En palabras de Xesús Alonso Montero:

xg00159201Téñase en conta que eu non escribía como un liberal de dereitas ou de centro; eu escribía desde postulados esquerdistas, ás veces decididamente marxistas, falase do problema da lingua, da socioloxía da literatura ou dos escritores rebeldes que nunca oíron a chamada da revolución. Os escritores galegos que eu explicaba ós ‘lletraferits’ de fóra de Galicia eran escritores que estaban coa causa da esquerda, entre eles, Viqueira, Celso Emilio Ferreiro, Luis Seoane, Lorenzo Varela e Neira Vilas. Explicándoos, promocionábaos fóra das nosas fronteiras, consciente sempre de que unha boa parte dos lectores extr-agalegos tiñan unha idea máis ou menos ‘idílica’ e ‘folclórica’ da nosa literatura. A esta causa, a de facer ver que existían nas Letras en galego importantes páxinas cuestionadoras, dediquei unha boa parte do meu traballo intelectual, sobre todo como conferenciante en Madrid, Barcelona, Salamanca, Paris (1967) e mais Buenos Aires e Montevideo (1969). Todo antes da morte de Franco.

«Nos camiños do entusiasmo», ensaio de Goretti Sanmartín

Ensaio,Lingua,Noticias

Está a punto de chegar ás librarías o ensaio de Goretti Sanmartín Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación.

xg00079501Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación pretende, fundamentalmente, ligar a defensa do idioma galego co emprego dun modelo de lingua culto que incida na recuperación do prestixio e da dignidade que aínda está a precisar para ocupar o espazo que merece como lingua propia deste país. Para iso aborda os problemas máis urxentes da lingua galega na actualidade e realiza un percorrido crítico por dúas ferramentas que puideron ser fundamentais no proceso de normalización: o Plan xeral de normalización da lingua galega e o acordo normativo de xullo de 2003. Desde esta perspectiva xeral, este ensaio de Goretti Sanmartín Rei combina a análise das políticas lingüísticas desenvolvidas nos últimos anos, a revisión de conceptos fundamentais neste ámbito de fonda tradición entre o movemento nacionalista, mais cada vez máis cuestionados socialmente, coa reivindicación de textos e personalidades relevantes da nosa particular tradición sociolingüística, para contribuír coa súa (re)lectura a nos sentirmos elos dunha cadea que debemos transmitir con entusiasmo. Nesta dramática mais esperanzada viaxe a autora contextualiza textos e interpretacións sobre a obra de Manuel García Blanco ou de Ramón Piñeiro e afonda de maneira especial no pensa-mento de Ramón Vilar Ponte e da súa xeración, nun intento de recuperar algunhas das voces que deseñaron unha necesaria política para a lingua que precisa anovar os discursos e constituír un referente recoñecido tanto social como academicamente.

«A batalla do paraíso triste», segunda crítica

7 Xaneiro 2009

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Acaba de aparecer a segunda crítica d’ A batalla do paraíso triste, a novela de Xosé Ramón Pena. O texto é de Francisco Martínez Bouzas e foi publicado nas páxinas de  El Correo Gallego o pasado 30 de decembro. Recollemos algúns dos parágrafos dun texto moi gabancioso coa novela:

xg00159701Lisboa, a cinsenta, ambigua e á vez brillante e fermosa capital dun país niño de espías e intrigas internacionais durante a II Guerra Mundial, sérvelle ao escritor para ambientar e situar a acción d­unha excelente novela que tira do lector desde a primeira liña. Porque, cando o fragmentarismo ou os trebellos metaficcionais comezan a nos empachar, Pena volve ás canles da novela de sempre e cóntalle ao lector unha verdadeira historia, que racha cos lindes xenéricos e sutura en doses equilibradas, elementos da novela de acción, da novela negra, de espionaxe e o thriller sentimental, actuando a intriga como fío que turra constantemente da atención lectora.

[...]

Pena conxuga con habilidade elementos históricos, como tal a presenza dos seguidores do movemento ultrafascista portugués Rolão Preto, que pretendera anexionar Galicia durante a Guerra Civil, cunha rede argumental enteiramente ficcional. Mais a ficción é o grande marcador semántico que somete ás súas leis acontecementos e personaxes historicamente verificables. Endalí que A batalla do paraíso triste é unicamente ficción, unha novela que ilustra fermosamente un retallo da historia portuguesa. Cun estilo limpo, áxil e natural e un ritmo fluído, o narrador conta unha verdadeira historia que racha cos xéneros.

A novela consolida definitivamente, se aínda non o estaba, un soberbio narrador, que sabe resistir as urxencias de publicar cada ano, pero que, na miña estima, non está sendo valorado como cumpriría. Estamos nun intre no que o sistema literario galego e o aparello promocional dalgúns dos seus axentes máis importantes decidiron apostar, quer pola cota da discriminación positiva, quer por puro marketing, por caras máis novas e máis bonitas. Pero a fermosura e a novidade, nestes eidos literarios, non son sinónimo de calidade e as modas son sempre efémeras e pasaxeiras.

«O xardín das pedras flotantes», crítica en «lg3»

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Lorena Domínguez Mallo comenta en «lg3» as virtudes d’ O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González, gañadora do premio Xerais 2008. Recollemos un framento da crítica:

xg00139301[...] a forza da novela é incuestionable e a cantidade de historias só bosquexadas nela é tal que o propio autor decidiu crear un blog para darlles continuidade, (http://batume.blogspot.com); un diario en rede no que el mesmo e os lectores seguen tecendo esas historias. Esa concesión á autoría múltiple non deixa de ser unha boa mostra de como as grandes historias son aquelas que a xente toma para si, para transformalas, continualas ou interpretalas de xeito que xoguen un papel nas súas vidas.

Older Posts »