«O libro das viaxes imaxinarias», primeira crítica

10 Novembro 2008

Críticas,Presentacións,Xerais_nos_medios

Martín Pawley acaba de publicar no recente número de Protexta (distribuído nos xornais desta fin de semana) unha gabanciosa crítica d’ O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas. Libro que será presentado esta semana, o vindeiro xoves, ás 20:00 horas na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña. Reproducimos o texto na súa integridade:

3009459485_287dddf86e_oSon tantos e tan bos os froitos da colaboración entre o escritor Xabier P. DoCampo e o ilustrador Xosé Cobas que custa crer que a súa maneira de facer libros non sexa a máis común. Desde hai unha morea de anos, vai xa para vinte, DoCampo e Cobas traballan man con man fabricando textos e imaxes que se alimentan mutuamente nun proceso activo e continuo, unha sorte de interferencia construtiva que produce como resultado unha obra cuxo brillo é aínda maior do que cabería agardar pola simple suma da súa incuestionábel arte individual. O seu labor conxunto, capital para a historia recente da nosa literatura, acadou un fito notábel coa publicación en 2004 de Bolboretas, un libro medido e fermoso que falaba do nacemento do amor. Aquel prodixio case semella agora unha obriña menor trala aparición d’O libro das viaxes imaxinarias, un asombroso volume que marca un antes e un despois na traxectoria dos autores.

A magnífica edición de Xerais (en galego) e Anaya (en español) salienta o seu carácter de libro singular e outórgalle unha merecida condición de obxecto de desexo onde todo está milimetricamente estudado, da capa ás sobrecubertas, da tipografía á caixa do texto. A esa evidente beleza contribúen as ilustracións de Xosé Cobas, que desta volta multiplica o seu talento ao longo de sesenta páxinas esplendorosas. A súa evolución como artista é digna de análise e de recoñecemento. Dono dun oficio insuperábel, Xosé Cobas consegue imaxes cheas de forza cun número mínimo de elementos. Os seus lenzos amosan amplas superficies de cores pardos e ocres sobre as cales unhas veces se albiscan formas apenas bosquexadas, e noutras aparecen detalles de incríbel precisión hiperrealista. Ben lonxe do debuxo redundante de intencións simplemente figurativas, Xosé Cobas avanza por un vieiro de depuración que exixe un lector non pasivo, atento á multitude de ecos e sensacións que agachan os seus deseños.

Sería inxusto, porén, que o lexítimo entusiasmo diante dun libro visualmente abraiante acabase ocultando a altísima calidade da prosa de Xabier P. DoCampo. Explicitamente inspirado pola obra As cidades invisíbeis de Italo Calvino, O libro das viaxes imaxinarias transcribe o contido duns cadernos de viaxe nos cales o seu autor, que se chama a si mesmo “o Viaxeiro”, describe as cidades e reinos que visita. Entre eses textos aparecen outros moi distintos, apuntamentos feitos durante o camiño que falan das persoas encontradas, mais tamén listaxes de aforismos e refráns, apócemas para curar enfermidades ou os costumes das terras nas que deixou a súa pegada, nun xogo literario que admite ademais a presenza dun conto e unha carta, un bando e unha canción, unha receita de cociña e mesmo unha partitura.

“Todas as viaxes son un regreso”. Guiado por ese precepto, pola idea de que é preciso volver para contar, “para facer da viaxe relato”, Xabier P. DoCampo escribiu un libro de inmensa potencia narrativa, que evoca por igual a Homero e a Cunqueiro na procura dunha prosa que é poética sen caer xamais na inutilidade de certos artificios pirotécnicos. Antes polo contrario, a escrita de DoCampo é inequivocamente social e política, posúe fondura épica e ten visión clara de país, e por iso entre as terras polas que pasa o Viaxeiro hai unha, Aiznire, que se converteu en illa pola vontade das súas xentes, e outra, Adnilo, invadida pola tristura por teren esquecido os seus habitantes o pasado. O camiño fai diferente ao Viaxeiro, que coñecerá ao chegar a Aruasi o verdadeiro significado da xustiza e aprenderá logo en Amri que a cobiza pode destruír o máis harmonioso dos paraísos.

Por máis que se delongue con desvíos non previstos, o sentido da viaxe é sempre o de retorno. Na derradeira etapa a viaxe faise libro, faise literatura que nos explica o mundo. E nós, coma o Viaxeiro, sairemos dela transformados.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Os libros arden mal», extraordinaria crítica en «Le Monde»

Críticas,Narrativa,Traducións,Xerais_nos_medios

A edición francesa da novela de Manuel Rivas Os libros arden mal continúa recibindo unha extraordinaria acollida, velaía recente crítica nas páxinas literarias de Le Monde. Recollemos un dos parágrafos do fermoso texto de Raphaëlle Rérolle:

41sz1bmpdyl_sl500_aa240_Il faut pourtant consentir quelque effort pour entrer dans cet énorme livre qui navigue sans cesse au bord du “trop” : trop touffu, trop lyrique, trop puissant, trop sensible, trop virevoltant. Accepter de se plonger dans un maelström de tableaux, de personnages réels ou fictifs, de situations historiques et de scènes purement inventées. De perdre le fil, puis de le retrouver. De se laisser embarquer, presque en apnée, par un océan de mots et d’images, de dialogues fondus dans le corps du texte, d’exclamations, de noms propres. De s’agripper à la coque de ce gigantesque navire et de se laisser tirer, toutes voiles dehors, par des paragraphes pleins à craquer – qui pourraient être, aussi bien, des chansons, des poèmes en prose ou des partitions d’opéra. De suivre, avec délices, une écriture prodigieusement remuante, traversée de houle et de vagues, secouée par de brusques paquets de mer. En un mot, d’avoir le tournis, quand ce n’est pas le mal de mer.


Chuzame! A Facebook A Twitter

«O club da calceta», blog

Narrativa,Noticias

María Reimóndez, a autora d’ O club da calceta acaba de abrir un blog sobre este libro, os libros e a vida. Velaí as intencións da autora na primeira anotación:

calceta-blogAquí comeza a aventura á que durante tanto tempo me resistín. Mais os fíos do club da calceta chegan xa a tantos lugares que non quero deixar que escapen e que fiquen na escuridade. Así que aquí estamos para falar da vida dos libros en xeral e dun, O club da calceta, en particular; de literatura, puntos e, como non, calcetas. Son tantas as cousas que se foron tecendo dende que saíu o libro en 2006 que tentarei ir dando conta das pasadas e das presentes, das boas e das irritantes, para ver a calceta dende o lado de quen a tece. E así non deixar nunca de tecer.

Outras anotacións do blog fan referencia o calendario das funcións teatrais, incluídas na campaña de animación lingüística «Voces á orella» e a unha entrevista en Radio Sevilla con motivo da aparición da novela en castelán.

Chuzame! A Facebook A Twitter