«Mal de escola», a volta de Daniel Pennac en galego

14 Setembro 2008

Educación,Narrativa,Noticias,Traducións,Vídeos

Nos primeiros días de outubro estará nas librarías galegas Mal de escola, a celebrada obra de Daniel Pennac, traducida para a nosa lingua por Xavier Senín Fernández. Mal de escol, Premio Renaudot 2007, constitúe unha magnífica mestura de memorias e de ensaio que aborda tanto os problemas actuais da educación, como as lembranzas do autor tras a súa experiencia como un mal alumno adolescente e como profesor de lingua nun instituto parisino durante vinte e cinco anos.

Daniel Pennac, nunha liña semellante á de Coma unha novela (Xerais 1993), aborda en Mal de escola a cuestión da escola e da educación dende o punto de vista dos malos alumnos. O autor, un dos máis celebrados das letras francesas contemporáneas,  un pésimo estudante adolescente, estuda esta figura do folclore popular outorgándolle a nobleza que se merece e restituíndolle a carga de angustia e dolor que a acompaña. Mal de escola mestura as testemuñas autobiográficas (como estudante e profesor que exerceu a docencia durante vinte e cinco anos nun instituto de París) con reflexións sobre a pedagoxía e as disfuncións da institución escolar, o papel dos pais e da familia co papel da televisión e dos medios de comunicación actuais, a sede de aprendizaxe coa dor de ser un mal estudante, o sentimento de exclusión do alumno e o amor á ensinanza do profesor. Mal de escola, Premio Renaudot 2007, é un fenómeno editorial en Francia capaz de reabrir un gran debate arredor das razóns do fracaso escolar e do estado e do futuro da educación pública.

[youtube=http://www.youtube.com/watch?v=mT0wTPZorBM]

Daniel Pennac lendo un anaco da obra orixinal na televisión francesa.

1 comentario

  1. […] xa anunciaramos hai dúas semanas a edición en galego de Mal de escola, o máis recente éxito de Daniel Pennac está a piques de […]

    Pingback by «Mal de escola», o novo Pennac en Xerais « Xerais blog — 5 Outubro 2008 @ 11:45 a.m.

Feed RSS para comentarios deste artigo.

O formulario do comentario está pechado neste momento.