"Historia da chuvia que cae todos os días", crítica no Cartafol

10 Setembro 2008

Críticas,Teatro,Xerais_nos_medios

Mario Regueira publica no Cartafol de Vieiros unha crítica de Historia da chuvia que cae todos os días, a peza de Roberto Salgueiro merecedora do Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais 2006. Reproducimos unha anaco do primeiro parágrafo do texto:

Falar a estas alturas da solvencia técnica de Salgueiro como autor dramático é posíbelmente correr o risco de caer na obviedade. A presente obra non representa, nese sentido, unha excepción no seu habitual bo facer, sobradamente demostrado noutras pezas, e non sempre necesariamente aquelas que tamén foron premiadas. Sinxelamente resta destacar desta historia o manexo minucioso do tempo dramático, e a capacidade de converter unha historia que pasaría por unha pequena anécdota familiar nun cadro detallista que abre longas perspectivas cara a problemas comúns da nosa sociedade e consegue explotar a maior parte dos seus matices. Nas escasas corenta páxinas de Historia da chuvia que cae todos os días atínxese non só ao problema endémico da emigración galega, senón que mesmo se dá cabida á nova realidade da nosa terra como receptora de inmigrantes, que á súa vez están a ser explotados.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Presentación na Coruña da obra dramática de Francisco Taxes

BLG,Noticias,Presentacións,Teatro

O vindeiro martes, 16 de setembro, ás 20:00 horas será presentada na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, a edición da Obra dramática de Francisco Taxes, publicada por Xerais na colección Biblioteca Dramática Galega. O acto contará coa participación de Ánxela Bugallo (conselleira de Cultura e Deporte), Xurxo Taxes (editor da obra), Ramón Nicolás (director da colección), Manuel Rivas (escritor) e Manuel Bragado (director da editorial).

”Escritor maldito nunha cultura tanto tempo maldita”, como o describiu Manuel Rivas en 1978, o escritor e guionista de cine Francisco Taxes Prego (A Coruña, 1940-2003) apostou nos seus textos por un teatro popular, comprometido e divertido, contribuíndo deste xeito a converter a arte de Talía nunha ferramenta fundamental na loita a prol da recuperación e a normalización da cultura e a lingua galegas. Este volume, que recolle a súa produción dramática ao completo, inclúe dúas obras inéditas, Caderno de bitácora –representada polo CDG en 1985– e a persoal e transgresora Elas (1997). Na introdución, preparada por Xurxo Taxes Díaz, dáse conta da andaina vital e artística dun dramaturgo que soubo, sen prescindir da defensa dun teatro de diálogos áxiles e aparencia sinxela e natural, afondar nos grandes temas da condición humana, como a morte, a violencia, o poder ou o sexo. Un libro clave para a recuperación dun dramaturgo clave no devir do teatro galego da segunda metade do século XX.

Chuzame! A Facebook A Twitter