Ramiro Fonte, Premio Porto Magno

21 Xullo 2008

Autores,Entrevistas,Premios

Segundo informa hoxe no seu blog o xornalista Perfecto Conde o próximo luns, 28 de xullo, ás 13 horas, no pazo do Concello de Ferrol, terá lugar o acto de homenaxe do mundo das letras ao escritor Ramiro Fonte. No seu transcurso, seralle entregado o Premio Porto Magno polo conxunto da súa obra, que lle foi outorgado por un xurado composto por Julia Uceda (Premio Nacional de Poesía), Iolanda Díaz (concelleira de Cultura de Ferrol), Félix Villares Mouteira (chanceler da Curia da Diócese de Mondoñedo-Ferrol e un dos mellores coñecedores da poesía galega do século XX), Miguel García-Posadas (presidente da Asociación de Críticos Literarios de España), Ramón Pernas (director da Fundación Ámbito Cultural de El Corte Inglés), Segundo Leonardo Pérez López (catedrático da Universidade Pontificia de Salamanca e coengo da catedral de Mondoñedo) e Ramón Loureiro (xornalista e escritor). Está prevista a asistencia do ministro de Cultura, César Antonio Molina, e van ser moitos sen dúbida os representantes da cultura e das letras galegas, da política e da vida soial, que se sumen a esta homenaxe que tanto merece o escritor de Pontedeume, que agora está pasando polo tratamento dunha dificil doenza.

Recomendamos moi vivamente a lectura destoutra anotación de Perfecto Conde e da longa entrevista co autor eumés publicada por Ramón Loureiro no suplemento Culturas de La Voz de Galicia (pode lerse premendo sobre as imaxes). Expresamos o noso agarimo e parabéns a Ramiro Fonte por tan merecido e xusto recoñecemento.

1 comentario

  1. [...] Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957, Barcelona 2008), licenciado en Filosofía e Letras, profesor de Lingua e Literatura Galegas, era director do Instituto Cervantes de Lisboa. Membro correspondente da Real Academia Galega. Poeta, narrador, ensaísta, crítico e estudoso da literatura galega, formou parte dos poetas do Colectivo Cravo Fondo. Como poeta publicou: As cidades da nada (1983); Designium (Xerais 1984), Premio da Crítica e Premio Losada Diéguez de creación; Pensar na tempestade (1986); Pasa un segredo (Xerais 1989), Premio da Crítica Española; As lúas suburbanas (1991); Adeus norte (1991), Premio Esquío; Luz de mediodía (1995); Persoas de amor (1995); O cazador de libros (1997); Mínima moralidade (1999), Premio González Garcés; Capitán inverno (Xerais 1999); A rocha dos proscritos (2001, e Xerais, 2005, edición na que inclúe o libro O pasaxeiro inmóbil), O xardín do Pasatempo (Tambre, 2008) e Reversos (Xerais 2008). A súa obra poética foi antologada nas obras Ámbito dos pasos (1997) e nunha recente edición publicada polo Premio Esquío (2008). Como ensaísta publicou As bandeiras do corsario (1996). Como narrador deuse a coñececer en 1986 co relato «O retornado», Premio Pedrón de Ouro, ao que seguiron, Catro novelas sentimentais (Xerais 1988); As regras do xogo (1990); Aves de paso (Xerais 1990); «Iluminacións danubianas», relato incluído no volume Caderno de viaxe (Xerais 1989); «Razóns para matar a Martíns», incluído no volume O relato breve. Escolma dunha década (1990); Os leopardos da lúa (1993), novela; Soños eternos (1994), relato e a triloxía das novelas «Vidas de infancia» formada por Os meus ollos (Xerais 2003), Premio Losada Diéguez de creación 2004, Os ollos da ponte (Xerais 2004) e A ponte nos ollos (Xerais 2007). No pasado mes de xullo recibiu o Premio Porto Magno, outorgado polo Real Coro Toxes e Fores de Ferrol, en recoñecemento a súa traxectoria. [...]

    Pingback by Faleceu Ramiro Fonte « Xerais blog — 11 Outubro 2008 @ 9:42 a.m.

Feed RSS dos comentarios deste artigo.

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.