Acaba de aparecer nas librarías a Guía dos camiños do Eume, a primeira guía sobre o Parque Natural das fragas do Eume, preparada por Chano Eiroa. A guía está dispoñible tamén en castelán.

O río Eume percorre algúns dos ecosistemas máis valiosos e á vez máis ameazados de Galicia. As turbeiras da Serra do Xistral e as fragas do Eume. Parque Natural, son o nacemento e desembocadura deste curso de 80 km de axitada natureza, principio e fin dun percorrido polos antigos camiños das Terras do Eume.
A medio camiño entre guía e libro de viaxes, atravesando os ríos, bosques e aldeas do Eume, este primeiro libro de Chano Eiroa aprópiase dunha engaiolante paisaxe que se descobre a través de rutas (camiñadas dun día); travesías (de dous días) e aproximacións polos corredores naturais.
Guía dos camiños do Eume busca e enmalla 200 km de camiños, corredoiras, pistas, rozas e pasos de gando onde dorme a pureza do bosque atlántico. Só con esta cadencia do camiñante, se abre a natureza para que a súa esencia penetre e quede en nós, co seu clima, a súa vida salvaxe, a súa arquitectura tradicional e os seus habitantes.
A Asociación Galega de Editores renovou na asemblea ordinaria, celebrada o pasado martes, a súa xunta directiva para os dous vindeiros anos. Á fronte da entidade profesional dos editores galegos continuará como presidente Alfonso García Sanmartín, director de Rodeira-Edebé. O equipo directivo quedou tamén configurado polo vicepresidente, Francisco Alonso (Edicións Xerais de Galicia); a secretaria, Ana Guerra Cañizo (Edicións Obradoiro); a tesoureira, Pilar Sampil (Editorial Galaxia) e cinco vogais: Francisco Villegas (Edicións do Cumio), Irene Penas (Everest Galicia), Antonio Balboa (Edicións Lóstrego), Consuelo Carreira (Sotelo Blanco Edicións) e Tucho Calvo (La Voz de Galicia), en representación dos membros adheridos. Xerais expresa o seu apoio e compromiso cos proxectos deste novo equipo directivo da AGE que nos dous deberá enfrontar importantes retos para a consolidación do noso sector profesional.
Reproducimos o parágrafo que pecha a interesante crítica que, sobre Festina lente , publica no seu blog "Arume dos Piñeiros".

"
Festina lente devórase a modo e, ao tempo, deleita a ritmo trepidante. A áncora retén ao lector desexoso de non rematar a historia e o golfiño empúrrao ao final, interesado, intrigado coa vida de Ambrosio Cavaleiro e a dos seus libros. Cando ambos se entrelazan no final, o lector comprende o significado derradeiro da empresa. Está diante dun dos libros máis fermosos que leu nos últimos tempos. Ogallá o seu éxito (que eu aventuro e desexo) sexa o da literatura galega, necesitada sempre de libros desta estirpe, gozosos, divertidos e cheos de talento narrativo. Fortuna audaces iuvat."
Segundo informa hoxe no seu blog o xornalista Perfecto Conde o próximo luns, 28 de xullo, ás 13 horas, no pazo do Concello de Ferrol, terá lugar o acto de homenaxe do mundo das letras ao escritor Ramiro Fonte. No seu transcurso, seralle entregado o Premio Porto Magno polo conxunto da súa obra, que lle foi outorgado por un xurado composto por Julia Uceda (Premio Nacional de Poesía), Iolanda Díaz (concelleira de Cultura de Ferrol), Félix Villares Mouteira (chanceler da Curia da Diócese de Mondoñedo-Ferrol e un dos mellores coñecedores da poesía galega do século XX), Miguel García-Posadas (presidente da Asociación de Críticos Literarios de España), Ramón Pernas (director da Fundación Ámbito Cultural de El Corte Inglés), Segundo Leonardo Pérez López (catedrático da Universidade Pontificia de Salamanca e coengo da catedral de Mondoñedo) e Ramón Loureiro (xornalista e escritor). Está prevista a asistencia do ministro de Cultura, César Antonio Molina, e van ser moitos sen dúbida os representantes da cultura e das letras galegas, da política e da vida soial, que se sumen a esta homenaxe que tanto merece o escritor de Pontedeume, que agora está pasando polo tratamento dunha dificil doenza.

Recomendamos moi vivamente a lectura destoutra anotación de Perfecto Conde e da longa entrevista co autor eumés publicada por Ramón Loureiro no suplemento Culturas de La Voz de Galicia (pode lerse premendo sobre as imaxes). Expresamos o noso agarimo e parabéns a Ramiro Fonte por tan merecido e xusto recoñecemento.
Galicia hoxe publica unha entrevista a Xabier Paz, con motivo da presentación de Renacer. Recollemos un parágrafo dun texto moi interesante:
"O que ten en común o personaxe de Adria co seu pai, Aretino, é a determinación de renacer. O pai, un pornógrafo de vida disoluta e escandalosa, busca a liberdade de vivir ben. Quere triunfar, e por iso renuncia á súa vida anterior: ata ao seu nome. Rompe os moldes sociais e consegue o éxito a través da palabra: adula, satiriza, ameaza, chantaxea os poderosos. A súa filla busca unha vida nova creando un alter ego, unha Adria máis viva e auténtica, pero clandestina, ao levar, en segredo, unha vida paralela de cortesá. O libro está moi vencellado ao tema da condición da muller naquel tempo."

Coñecimos hoxe as primeiras críticas publicadas en Portugal sobre So resta o amor, a tradución d' O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz. Reproducimos algúns dos parágrafos significativos:
- "Embora sobejamente premiado e traduzido, [Agustín Fernández Paz] ten un número irrisório de obras publicadas en Portugal dirigida a adolescentes e adultos: Cartas de Inverno (Contemporánea), no registo infano-juvenil, O Centro do Labirinto e O Laboratório do Doutor Nogueira, ambos editados pela Ambar, e no juvenil As Raparigas, na Dom Quixote. Agora Nelson de Matos acaba de publicar, na súa coleccão "Mil Horas de Leitura", o seu romance mais recente, Só resta o amor, uma ficcão adulta de grande mestria, memorável, que se tece em torno da descoberta do amor (e do desamor) que as suas personagens –Diana, Sara, pablo, Laura, Adrián, Daniel– vivem como um poderoso factor de transformação e verdade essencial como o ar que se respira. Depois disso, a cidade, a casa de todos, nunca será a mesma. Aínda uma parábola sobre o poder das palavras e dos livros." (Vítor Quelhas, Expresso, 12-07-2008).
- "Relatos simples, muito concretos, que partem do denominador comun do amor sem fazer disso uma coisa pegajosa e arrastada. São apenas pequenos nadas que se fazem grandes, com um incontornábel sabor a Verão." (Catarina H. Marques, semanario Sal, 05-07-2008).
- "Só resta o amor é o livro mais recente deste galego (nascido em Lugo en 1947) que não é desconhecido em Portugal, onde já tinha quatro outros livros publicdos. Trata-se de uma colectânea de dez contos que falam todos da importância do amor, esse sentimento capaz de nos transformar mais profundamente que qualquer outro, e também da sua ausència." (Público, 04-07-2008).
- "Há livros que só poderiam ser vendidos nas farmácias e com necessidade de receita médica: é o caso de Só Resta o Amor, de Agustín Fernández Paz (Ed. Nelson de Matos) – uma história infiel, como acontece com as que valem a pena." (Francisco José Viegas, Correio da manhã).
O escritor Xavier Queipo, autor de Dragona, novela recentemente traducida ao portugués, é entrevistado en Fervenzas literarias. Recollemos un dos parágramos desta longa e interesante entrevista referidos a Dragona:
"Si, [Dragona]é unha novela de personaxes e está chea de contradicións (xa dicía Cortázar que as contradicións son o motor das nosas vidas). A xente cada vez ten máis incertezas e menos seguridade, e eu reflexo as miñas propias inseguridades nesa media ducia de personaxes que aparecen na novela, cada un deles ten unha parte miña.
Pola miña experiencia de emigrante podo entender as situacións doutro que chega a un lugar que non é o seu, que non coñece a lingua nin a ninguén. Tamén están as causas que levan á xente a emigrar: económicas, política, identidade sexual…. Todo iso se reflicte na estructura e na esencia de cada un dos personaxes de Dragona.
No futuro creo que as identidades estarán menos marcadas, aínda que un teña o sentimento de pertenza quizais maior ao seu lugar de orixe todos iremos comendo e bebendo das tradicións doutros lugares, é a evolución da sociedade."

Xerais participará nos seguintes actos do FESTIGAL, a celebrar en Compostela durante a tarde e o serán do 25 de xullo:
- 17:15: Presentación da edición en galego d' O segundo sexo de Simone de Beauvoir. Intervirán: Carmen Adán, Secretaria Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, Manuel Bragado, África López e Marga Marcuño.
- 18:30: "Herbas do cego", recital de poesía de Manuel Rivas. A continuación, presentación d' Os Grouchos.
- 19:15: Presentación do libro Renacer de Xabier Paz. Intervirán: Manuel Bragado e o autor.
- 20:15: Presentación do libro Os piratas da illa da Esperanza. Falarán: X. H. Rivadulla Corcón, Manuel Bragado, Isidro Novo e Susana Rois.
- Durante a tarde, Rosa Aneiros, Marcos Calveiro, Agustín Fernández Paz e Teresa Moure, asinarán exemplares das súas obras.
Etiquetas:
aneiros,
áfrica_lópez,
carmen_adán,
corcón,
fernández_paz,
festigal,
isidro_novo,
manuel_rivas,
marcos_calveiro,
marcuño,
o_segundo_sexo,
renacer,
simone_beauvoir,
susana_ríos,
teresa_moure,
xavier_paz Comentarios (0)
O blogueiro Martin Pawley publica unha anotación sobre a aparición da tradución portuguesa d' O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz. Reproducímolo polo seu indubidable interese:
A publicación na editora de Nelson de Matos dunha tradución ao portugués de O único que queda é o amor do amigo e mestre Agustín Fernández Paz é un fito que non debe pasar inadvertido. É a primeira vez que un dos grandes da LIX galega aparece nunha (coidadísima) colección "para adultos", compartindo catálogo con figuras indiscutíbeis da cultura lusófona coma José Cardoso Pires, Pepetela e Manuel Alegre. Nunha aposta valente do editor, o autor é presentado xa na capa como un "fascinante escritor galego". Galego, insisto. Da mesma maneira, na lapela dise do libro que "Com ele a literatura galega toma lugar na nossa colecção", para logo engadir que é "Uma literatura fascinante numa língua irmã".
Traballados con mestría e sutileza, os relatos reunidos no volume acaban por compoñer unha verdadeira enciclopedia sobre o amor, e reivindican con emoción e saudade a súa capacidade transformadora, coa certeza de que amar fainos diferentes. A súa chegada ás librarías dun país que tamén temos por noso coloca ao bo de Agustín nunha posición de privilexio. E ben merecida, abofé que si.
A vindeira semana chegará ás librarías O pequeno señor Paul, o fermoso libro de relatos de Martin Baltscheit, traducido do alemán por Patricia Buján, onde a lectura é o centro da vida dun entrañable personaxe.
O pequeno señor Paul vivía nun mundo cheo de libros, adoraba os libros. Medrou entre árbores cargadas de libros e dedícalle todos os días un tempo á lectura. Ás veces encóntrase con que un libro ten un final errado e, sen pensalo dúas veces, aló vai ver o escritor. Ou se ten que cambiar algo na súa vida, vai a un taller de remendos ou sobe a un tren invisible, rumbo ao país da risa perdida, en que coñece un home forzudo que lle explica como se pode saber que aspecto ten un día bo ou un día malo, se está agochado dentro dun bolso. No mundo do señor Paul, todo o que teña espazo entre as tapas duras dun libro e o que faga vibrar a alma dun lector é posible. E todo iso, son moitas, moitas cousas… En breves relatos ilustrados por Ulf K., orixinais e sorprendentes , Martin Baltscheit vainos presentando ao señor Paul, protagonista de todas as historias, amosándonos, ao tempo, unha mirada inxenua e aguda da realidade.
A presentación d' Os nomes do traidor, a novela de Xurxo Sierra Veloso, na Feira do libro de Vigo resultou moi concorrida. O libro foi glosado pola xornalista Belén López que comezou a súa intervención recordando que a novela de Xurxo Sierra fora a súa primeira opción cando foi membro do xurado do premio Xerais no ano 2007. "Sóubome a gloria cando a lin, porque reivindico o sentido do humor para a literatura galega. Os nomes do traidor ten unha estrutura fantástica e un final apoteósico. É unha novela refrescante, reconfortante porque reivindica o pracer da lectura. Recómendoa!", comentou a xornalista de Diario de Pontevedra na súa intervención.
Pola súa banda, Xurxo Sierra Veloso comezou a súa intervención salientando que a palabra clave da novela é identidade. "Dende nenos sempre xogamos a ser outras persoas. Todos aspiramos nun momento determinado a comezar as nosas vidas de cero, a poder agasallarnos unha nova vida, que comece dende o principio, conseguir unha nova identidade. O protagonista da miña novela é unha persoa corrente, é un home que leva unha vida gris que muda radicalmente un día cando se lle ofrece a posibilidade de adoptar unha nova identidade, mais que non lle vai solucionar o problema, a agrisalla que o acompaña." Con respecto á forma da novela, Sierra comentou que "pensei que lle viña ben o multiperspectivismo, unha fórmula que na novela galega tivo brillantes antecedentes como Scórpio de Ricardo Carvalho Calero".
Reproducimos, polo seu indubidable interese, a anotación de Cesare sobre a lectura de Festina lente (unha novela que está tendo unha acollida máis que entusiasta entre os lectores):
Dime un bo conselleiro: tes que lelo. E entre a viaxe no avión e estas últimas horas alí a vai, unha novela moito máis ca fabulosa: Festina lente, de Marcos S. Calveiro. Algo enredante no principio, faise máis lixeira e cativadora conforme a acción pasa ao primeiro plano e se desviste desas roupaxes de contextualización que a pexan un pouco. As aventuras do encadernador Ambrosio Cavaleiro, a fala dos arxinas e a Compostela do XVI encaixan perfectamente no marco desa ficción sobre o pasado europeo que levamos anos lendo e ulindo. É esta unha novela pra traducir, pra exportar, que se pode vender nas librarías de Copenhague como se fora un código da vinci (en bo), coma un pequeno nome da rosa. Incluso ten un fermosísimo final, que releo sen fartura, e que dá pra unha segunda parte ou unha terceira do manuscrito de tres serpes unidas polo baixo, na historia de todas as épocas, adiante e atrás. Algunhas pegas hai, claro, en nomes de lugares, na falta dun mapa da compostela da época, nunha páxina demasiado chea de franciscos ou nun lavanco que cae do niño cando os lavancos fan os niños ao ras. Ou que nunha novela de encadernadores, o último caderniño se me despegase. Pero se eses son os males, moita é a bondade.
O escritor Gonzalo Navaza presentou A idade da auga, o libro de relatos do escocés James R. Salter, escritos en inglés, publicados orixinalmente en galego e ambientados na cidade de Vigo. Navaza comezou a súa intervención salientando o feito de que estes oito relatos ambientados nun Vigo inundado de mar e de subxectividade, tiñan o valor engadido especial para os lectores galegos de tratarse dunha visión foránea que foxe do costumismo. Mais sendo isto importante, continuou Navaza, "o atractivo do libro de Salter está na cuestión técnica, na prodixiosa forma de contar, nunha subxectividade que se vai deformando sobre a paisaxe dunha cidade que ten algo de proteico, mais tamén de hostil. Esa caracterización da cidade viguesa, a grande protagonista do libro, aparece no texto de Salter ata os límites do pesadelo". "A idade da auga é un libro fantástico na medida que deforma outra realidade que non é nada realista (nin tampouco nada costumista), pero que está chea de detalles, que conforman a propia realidade. Cidade deformada pola hipérbole, pola subxectividade dos personaxes, de xeito que o lector acaba mergullado nunha cidade monstruosa. A paixón do individuo acaba deformando unha realidade que se vai transformando en fantástica".