"A casa da luz" será levada ao cine

20 Abril 2008

Infantil,Noticias,Sopa de Libros

A casa da luz, a novela de Xabier P. Docampo, publicada na nosa colección Sopa de Libros, será levada ao cine este ano polo director Carlos Amil Serantes e producida por Vimbio Filmes. A película será “unha das primeiras longametraxes de imaxe real para nenos” que se realicen en Galicia e será rodada integramente en galego. A produtora iniciará a finais deste mes de abril por toda Galicia as probas de repartición para elixir os protagonistas, buscando “nenos de entre 8 e 13 anos de todas as nacionalidades e etnias”.

Alicia é unha rapaza trastísima e, ao parecer, todo lle vén do seu ingobernable desexo de saber, de coñecer e de experimentar. Cando Alicia e os seus amigos inseparables, Álvaro, Aida, Alba e Anxo se afanaban en construír unha cabana interminable onde planificar os seus xogos, apareceu Pumariño, un vello que andaba sempre a picar nas paredes da casa de Eiravella. Alicia e a súa panda descubrirán que trala mudez do reverencioso Pumariño, arrástrase unha tristísima ferida familiar que vén dos tempos da guerra. O desexo de coñecer que impulsa Alicia levará a panda a amigarse con aquel toliño que vivía nunha casoupa das aforas, onde gardaba tesouros extraordinarios: saquetiñas de tea que ocultaban xoais, aneis e brincos, moedas de ouro, reloxos de peto… Pero os maiores segredos que Pumariño desvelará a panda seran os seus debuxos, paisaxes marabillososas que ninguén en Eiravella sería quen de imitar e, sobre todo, a entrada á casa da luz, onde se aliñaban unha morea de cadros. Naquela casa da luz, Alicia e os seus amigos poderán entrar nos propios cadros e vivir as aventuras que algún día, Duarte o pintor que descoñecen, imaxinou e non foi quen sequera de pintar. Unha viaxe fantástica que permitirá aos rapaces percorrer o labirinto da torre e coñecer aos homes que perderon as ás. Viaxar dentro de cadros que falan do futuro que nos agarda, un futuro que só se pode albiscar do outro lado dos cadros.

A casa da luz, a última novela de Xabier. P. Docampo, recolle a aventura dunha panda de rapaces e rapazas que entran en contacto co mundo da arte e da memoria da guerra dun tempo pasado. Unha aventura que vai acabar por modificar a súa forma de estar no mundo e que constitúe unha reivindicación, tamén, da beleza e da arte. Os cadros que atravesán os protagonistas, obra de grandes pintores como Dalí, Escher ou Palo Ucello, son recreados no libro polo ilustrador Xosé Cobas, empurrando ao lector xove de forma irresistible cara ao mundo da arte.
Premio de Literatura Infantil e Xuvenil ”LECTURAS” (modalidade de 11 a 13 anos) GALIX 2004.

Chuzame! A Facebook A Twitter

"A idade da auga"

Narrativa,Opinións_lectores/as,Xerais_nos_medios

Cesare publica no seu blog As túas balas unha anotación sobre a súa lectura d’ A idade da auga, o libro de James R. Salter que apareceu o pasado mes de xaneiro. Recollemos un anaco:

“Sempre crin que o que máis me gustaba da escrita de Uxía Casal era que non parecía galega, senón alieníxena. Algo do mesmo sinto cando leo fugazmente as páxinas d’ A idade da auga, de James Salter, a primeira novela deste escocés de glaspop, editada directamente en galego e centrada, en boa parte, na Cidade. Relatos fermosos, alieníxenas, escritos de xeito que esa paisaxe que recoñecemos como propia sexa ao mesmo tempo calquera paisaxe e todas as paisaxes: unha cidade de ciencia-ficción, de algoritmos e casualidades; unha presada de contos que se esfiañan, que nin empezan nin acaban, como snapshots dun edificio reflectido nunha pinga de auga. Non son historias extraordinarias: só a discreta e húmida ficción do común.”

Chuzame! A Facebook A Twitter