"O club da calceta"

12 Abril 2008

Narrativa,Noticias,Teatro,Traducións

María Reimóndez presentou a pasada semana en Boloña, Roma, Milán e Padova a edición italiana d’ O club da calceta, novela editada por Xerais no 2006 e cuxa tradución se converteu en pouco tempo no título máis vendido da editorial Gran Vía Edizioni.

Coincidindo coa Feira do Libro Infantil e Xuvenil, María Reimóndez comezou a xeira de presentacións en Boloña, o día 1 de abril, nun acto que contou coa participación da xornalista italiana Giulia Gadaleta. O día seguinte, o café Papyrus de Roma acolleu unha dramatización de textos de tres das protagonistas da novela: Elvira, Rebeca e Nanda. Na capital italiana interviñeron tamén o tradutor e profesor de lingua e literatura galega da universidade La Sapienzza de Roma, Attilio Castellucci, e a lectora de galego da mesma universidade, Inma Otero Varela. Ademais, tanto en Roma como en Milán, a autora luguesa contou coa presenza de clubes de calceta locais. A súa viaxe rematou en Pádova o venres 4 de abril, nun acto no que, ademáis da autora e do traductor, participaron o profesor de filoloxía da universidade da Perugia Carlo Pulsoni e a lectora de galego da universidade de Pádova, Maria Cendau. Aproveitando a súa presenza en Italia, o grupo de estudo sobre literatura contemporánea da Universidade de Pádova ofreceulle ademais a María Reimóndez participar nunha compilación de relatos sobre as cidades europeas que se publicarán primeiro na rede e máis tarde en en formato libro.

A piques de sair a edición en castelán a cargo da Editorial Algaida, O club da calceta, novela editada por Xerais en 2006 vai pola tercera edición en galego. Ademais, a compañía Teatro do Morcego está de xira coa versión teatral polas salas das distintas cidades galegas e Antón Dobao prepara unha adaptación para televisión.

Chuzame! A Facebook A Twitter

2 Comentarios

  1. Reportaxe radiofónico sobre Xose Maria Álvarez Blázquez:

    http://www.radiofusion.eu/rfusion/contidos/as_letras_galegas_de_alvarez_blazquez_segundo_dario_xohan_cabana

    Comment by Henrique Sanfiz — 12 Abril 2008 @ 5:42 p.m.

  2. A anti-reseña “O club da calceta” (María Reimóndez) Xerais, 2006

    Tras a lectura do libro supervendas desta tempada, péchoo coa impresión de que o mellor do libro dende logo é o título, falsamente suxestivo do que encerra. Dende logo a idea era boa pero que xeito dederramala!
    Tamén me gustaron as cincuenta primeiras páxinas, por ese toque de realismo máxico que posúe a presentación dunha das protagonistas , Matilde. Tamén é dos poucos personaxes que se manteñen minimamente ao longo da obra porque o resto non hai por onde collelos, falsos , ridiculamente incoherentes, mal traballados, de progresión inverosímil, desenvolvidos a punta de pistola, ejem,. Nunca vin como o criterio de verosimilitude tan acoitelado e que aínda por riba dese para tres edicións.

    Até a páxina 57 a narración é boa, a historia de Matilde tamén, e a lectura faise interesante, entretida, mais a partir da historia de Anxos a narración frouxea, e o personaxe aínda que se vai mantendo, a historia non, hoxe xa non se atura a historia da progre universitaria que na madurez ve como todas aquelas arelas que a moveron a ela e os seus colegas véñense abaixo convertidas en adosados, docencia cómoda, viaxes de pijos, e roupa s de Adolfo Domínguez. . Mesmo así, vaise salvando se a comparas co que vén : pesadez narrativa, lugares comúns, frase curta abusiva e arbitraria que provoca nalgún momento auténtica hilaridade ( “ Unha. Dixo o Xan. Tan preto dela.” páx. 236) pero sobre todo, falta de oficio.
    As historias de Rebeca (moza guapa onde as haxa pero tan lista ela, tan consciente da súa beleza pero aínda máis da súa capacidade intelectual, non só non é crible é que a forma de narrar non hai por onde collela, e por non falar da historia de Elvira, cáese das mans. Que pesadez….

    Decepcionante é pouco. Máis ben panfletario e pretencioso. Mesmo tostón, custoume deus e axuda rematar algunhas historias, lin en diagonal porque eran previsíbeis, soporíferas, etc.

    Logo os finais! Só se me ocorre dicir que son de traca. Todas elas rematan felices e cunha vidorra economico-profesional a proba de crises. Por exemplo o de Fernanda, unha muller coxa que acaba conducindo un autobús por resarcirse da trauma que un condutor (totalmente inverosímil) lle causa ao longo da súa vida ao deixala tirada varias veces ou facela correr cruelmente para apañar o bus só para rirse dela (quen pode crese isto!) e dicirlle auténticas animaladas á vista de todos (“Chouta xa , lamprea!) sen que ninguén por suposto lle diga nada. Xa non falemos da fin de Matilde, a muller xigante, que se fai rica montando unha tenda de las ( si señores, de las!!)porque a todo o mundo lle entra a febre da calceta, e que por se isto non fose pouco Raimúndez convértea da noite par a mañá (exactanmente nun mes) nunha escultora de éxito seguindo o ronsel creativo da avoa). Co cal vémola: atendendo unha tenda, ao seu marido, que contrasta con ela polo seu diminuto tamaño, limpando a casa, e facendo unha morea de pezas ao cabo dunha semana que alguén compra admirado da súa arte.Quen dá máis!
    O final de Rebeca botada de súpeto a lesbiana ou de Luz, a prostituta que de pronto fala como unha audaz economista despois dun cursiño de comunicación, son outras das perlas atopadas. E que dicir desa vella cas de Elvira na que como ilusionadas estudantes acaban todas (ou case) compartindo? Casa que a profe universitaria remoldela, pinta, e dá esplendor.En que máster aprendería todo iso?
    En fin, se só fose panfletaria, pretenciosa e pueril, eu até llo perdoaría, pero é que é aburrida, un tostón. Cheo de topicazos, hiperbólico, artellando historias que non cre nin un neno. E que un libro así acade tres edicións indica como está o patio, iso den ter en conta o fraco favor que libros que dan riso coma estes, fan á defensa da causa da muller, por iso me cabreo.
    Seica están facendo a película desta historia, pero non pasa nada, é moi fácil mellorala.

    Elisa Borrazás

    Comment by Elisa Borrazás — 17 Setembro 2008 @ 7:04 p.m.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.