Entrevista a Rexina Vega

7 Abril 2008

Entrevistas,Narrativa,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

Pura Salceda entrevista en Vieiros a Rexina Vega, autora de Cardume, a novela gañadora do Premio Xerais de Novela 2007. Reproducimos dous dos parágrafos desta longa entrevista:

Pura Salceda: Como lle cambia a un a vida cando é Premio Xerais de Novela?
Rexina Vega: Aínda, a tantos meses xa do Premio, non sei ben que contestar. O que me cambiou a vida, no máis fondo, foi o feito de ser quen de publicar unha novela. Ese era o meu soño, o que non daba feito por mil escusas. O feito de conseguir converterme en escritora foi para min o verdadeiramente importante. Sentín paz. Equilibrio. Logo viñeron todos eses rebumbios mediáticos do Xerais, pero iso é, en realidade, secundario, teñen que ver con algo que non é necesariamente a literatura, a escritura, é a proxección dunha sociedade, un tipo de espéctaculo…

P.S.: Cardume é, sen dúbida, a recuperación da memoria histórica dun período que xa queda moi afastado para os nosos fillos. Que cres que a túa novela achega a esta memoria?
R.V.: Cardume é a historia duns seres mediocres, conscientes da súa cativeza, pero que non se resignan. Cardume é a historia de seres anónimos acosados por unha situación límite e que deciden actuar, ou non. Fala da guerra como unha experiencia moral. Por iso, coido que debería prestarse a unha lectura actual: unha reflexión sobre o horror, sobre o horror da nosa historia contemporánea, pero que tamén podería aplicarse ao noso presente.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.